Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Martes, 30 de xullo de 2013 Páx. 30060

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 114/2013, do 18 de xullo, polo que se modifica o Decreto 119/1994, do 28 de abril, polo que se fixan os prezos públicos dos servizos xestionados pola Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes referentes a actividades de caza e pesca.

O artigo 47 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón que os prezos públicos serán fixados por decreto, por proposta da consellería de que dependa o órgano ou a entidade oferente.

O Decreto 119/1994, do 28 de abril, fixaba os prezos públicos dos servizos xestionados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes referentes a actividades de caza e pesca.

O Decreto 222/1998, do 10 de xullo, modificou o anterior no referente aos permisos de pesca.

Transcorridos catorce anos desde a entrada en vigor do último decreto, sen que os ditos prezos sufrisen ningunha modificación, cómpre actualizar as tarifas exixibles polos prezos públicos relativos á expedición de permisos de pesca nos coutos dependentes da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza, incrementándose segundo a suba do índice xeral de prezos ao consumo (IPC) desde novembro de 1999 ata novembro de 2012.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, co informe favorable da Consellería de Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xullo de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. Modifícase o punto referente á «Expedición de permisos de pesca nos coutos dependentes da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural» do anexo do Decreto 119/1994, do 28 de abril, que queda redactado como segue:

«a) Permiso de primeira categoría, válido para a pesca do salmón e demais especies: 13,00 €.

b) Permiso de segunda categoría, válido para a pesca do reo e demais especies agás o salmón: 8,00 €.

c) Permiso de terceira categoría, válido para a pesca de troita e demais especies agás salmón e reo: 4,00 €.

d) Permiso de cuarta categoría, válido para a pesca de ciprínidos e demais especies agás salmónidos: 2,00 €.

e) Permiso de quinta categoría, aqueles que a Administración poña á disposición dos/as concesionarios/as de aproveitamentos piscícolas para a súa venda ou distribución: gratuíto.

f) Permiso de pesca sen morte; válido para a práctica da pesca nos coutos de pesca sen morte: 2,00 €.

g) Permiso de pesca intensiva: 6,00 €.

Os permisos de primeira, segunda, terceira e cuarta categoría poderán ser de carácter gratuíto en caso de que fosen para concursos deportivos oficiais; e poderán selo tamén para entidades colaboradoras non concesionarias dun aproveitamento piscícola ou coas cales exista convenio».

Disposición adicional única

Os prezos públicos regulados neste decreto actualizaranse o 1 de xaneiro de cada ano, na mesma proporción que a variación interanual experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para o conxunto nacional total (IPC, base 2011), no mes de novembro, calculado polo Instituto Nacional de Estatística. Os prezos así actualizados deberanse facer públicos mediante resolución da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para ditar as disposicións precisas para a aplicación deste decreto.

Disposición derradeira segunda

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xullo de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas