Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 24 de xullo de 2013 Páx. 29404

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

DECRETO 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

O Decreto 227/2012, do 2 de decembro (DOG nº 230, do 3 de decembro), polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e 235/2012, do día 5 do mesmo mes (DOG nº 233, do 7 de decembro) estableceron, respectivamente, a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e dos departamentos desta, estruturándoa nas secretarías xerais técnicas, direccións xerais ou órganos de igual categoría necesarios para o cumprimento dos fins que a nova estrutura comporta e adscribíndolles os organismos autónomos ou entes públicos pertinentes.

O artigo 4 do segundo decreto citado fixou a estrutura orgánica básica da Consellería de Economía e Industria. Para os efectos de establecer o marco xurídico-administrativo en que a dita consellería debe desenvolver os seus obxectivos, procede agora establecer a nova estrutura ata o nivel de xefatura de servizo distribuíndo as funcións asignadas dun modo racional para así conferirlle a máxima eficacia no seu exercicio.

A estrutura orgánica que aproba este decreto, asentada en criterios de austeridade e economía, está amparada pola competencia exclusiva que os artigos 148.1º.1 da Constitución española e 27.1º do Estatuto de autonomía de Galicia atribúen á Comunidade Autónoma galega para organizar as súas institucións de goberno e atende aos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación que, de conformidade co disposto no artigo 103.1º do texto fundamental, deben presidir a actuación administrativa.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Economía e Industria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, cos informes preceptivos da Consellería de Facenda e da Asesoría Xurídica Xeral e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de xullo de dous mil trece,

DISPOÑO:

TÍTULO I
Ámbito competencial e organización xeral da Consellería

Artigo 1. Ámbito competencial

A Consellería de Economía e Industria é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións nos ámbitos da promoción e dinamización da economía, investigación, desenvolvemento e innovación, industria, seguridade industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía, minas e recursos minerais, artesanía, comercio interior e exterior, consumo, así como a planificación, en colaboración coa consellería competente en materia de vivenda e solo, das infraestruturas dos servizos empresariais do solo industrial, de acordo co establecido na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia.

O exercicio das competencias realizarase sen prexuízo das que teñan atribuídas outras institucións, entidades ou departamentos da Xunta de Galicia nas mesmas materias, mediante o establecemento dos mecanismos de coordinación que, para estes efectos, resulten oportunos.

Artigo 2. Estrutura

1. Para o desempeño das súas funcións, a Consellería de Economía e Industria estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1) O/A conselleiro/conselleira.

2) A Secretaría Xeral Técnica.

3) A Dirección Xeral de Comercio.

4) A Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

5) As xefaturas territoriais.

2. Quedan adscritos a esta consellería:

1) A Axencia Galega de Innovación.

2) O organismo autónomo Instituto Galego de Consumo.

3) O ente público Instituto Galego de Promoción Económica.

4) O ente público Instituto Enerxético de Galicia.

TÍTULO II
Órganos centrais

CAPÍTULO I
O/A conselleiro/conselleira

Artigo 3. O/A conselleiro/conselleira

O/A conselleiro/conselleira é a superior autoridade da Consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

CAPÍTULO II
A Secretaría Xeral Técnica

Artigo 4. Atribucións

Baixo a superior dirección da persoa titular da Consellería, consonte o artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Secretaría Xeral Técnica exercerá as competencias e funcións nel establecidas, así como aqueloutras que lle sexan delegadas ou encomendadas polo conselleiro/conselleira e as restantes que lle atribúa o ordenamento xurídico, entre elas as seguintes:

a) O asesoramento e coordinación de todos os servizos da Consellería.

b) A emisión dos informes e a realización dos estudos técnicos e xurídicos que se lle soliciten en relación cos asuntos de que coñezan a consellería ou as entidades públicas instrumentais adscritas a ela.

c) A remisión dos asuntos que deban someterse ao Consello da Xunta de Galicia ou ás súas comisións delegadas.

d) O seguimento da tramitación e rexistro dos convenios, acordos, protocolos e declaracións de intencións subscritos no ámbito competencial da Consellería.

e) A representación da Consellería nos órganos colexiados que exerzan funcións relacionadas coas súas competencias.

f) A substitución temporal das persoas titulares das direccións xerais da Consellería nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 5. Estrutura

A Secretaría Xeral Técnica estrutúrase, para o exercicio das súas funcións e baixo a superior dirección do/da conselleiro/conselleira, nas seguintes unidades:

1) Vicesecretaría Xeral.

a) Servizo de Persoal e Asuntos Xerais.

b) Servizo de Contratación.

c) Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria.

2) Servizo Técnico-Xurídico.

3) Asesoría Xurídica da Consellería.

4) Intervención Delegada.

Artigo 6. A Vicesecretaría Xeral

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, sen prexuízo das funcións establecidas no artigo 32 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Vicesecretaría Xeral terá atribuídas as seguintes funcións específicas:

a) O estudo, preparación e informe dos asuntos que se eleven ao Consello da Xunta de Galicia.

b) A asistencia á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica para o estudo e preparación das reunións da Comisión de Secretarios/as Xerais Técnicos/as.

c) A coordinación e xestión dos servizos de carácter xeral, as publicacións e a estatística.

d) A coordinación, para a súa remisión e correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia, ou en calquera outro diario oficial, das disposicións e actos administrativos ditados polos distintos órganos da Consellería.

e) O desempeño das funcións que teña encomendadas a Consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as cales exerza o protectorado.

f) A xestión dos asuntos relacionados co persoal da Consellería, así como o seguimento e control do rexistro de persoal, sen prexuízo das atribucións que correspondan aos órganos da Consellería competente en materia de función pública.

g) A elaboración e tramitación do anteproxecto de orzamento da Consellería, o control, seguimento e coordinación da execución económica e mais a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos afectados.

h) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

i) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

j) A organización, dirección e control do arquivo da Consellería.

k) A xestión dos investimentos, compras, subministracións e servizos da Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

l) A atención e coidado do réxime interno das dependencias da Consellería, así como a administración e conservación dos bens mobles e inmobles que ten adscritos.

m) O control, coordinación e execución dos proxectos de obra da Consellería.

n) A conservación e mantemento das dependencias e edificios adscritos a Consellería.

o) A supervisión e coordinación de todos os convenios subscritos pola Consellería, así como a súa remisión ao órgano encargado de realizar os trámites necesarios para o seu rexistro.

p) A substitución temporal da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no suposto de vacante, ausencia ou enfermidade agás a asistencia ás reunións da Comisión de Secretarios Xerais.

q) Aqueloutras funcións que lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Da Vicesecretaría Xeral dependen as seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Persoal e Asuntos Xerais.

b) Servizo de Contratación.

c) Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria.

Artigo 7. Servizo de Persoal e Asuntos Xerais

O Servizo de Persoal e Asuntos Xerais exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión, control e coordinación de todo o persoal dos servizos centrais.

b) A coordinación das xefaturas territoriais da Consellería en materia de persoal.

c) A tramitación dos expedientes administrativos relativos a persoal funcionario, laboral e eventual.

d) A programación das necesidades de persoal.

e) O control de asistencia e puntualidade.

f) O estudo, tramitación e elaboración das propostas de resolución de reclamacións previas á vía laboral e recursos, así como a execución de sentenzas, en materia de persoal funcionario e laboral da Consellería.

g) A habilitación de gastos de persoal da Consellería.

h) A coordinación dos asuntos de réxime interior, obras e arquivo da Consellería.

i) O seguimento e preparación dos asuntos que se van a someter á Comisión de Secretarios/as Xerais Técnicos/as.

j) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á Consellería polo defensor/a do pobo, o valedor/a do pobo, a cidadanía e outros órganos e institucións.

k) Aqueloutras funcións que, dentro seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 8. Servizo de Contratación

O Servizo de Contratación exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da Consellería, cando se trate de obras, xestión de servizos públicos, subministracións e servizos ou calquera outra figura contractual, excepto aqueles cuxa xestión estea atribuída a outros servizos da Consellería.

b) O seguimento e control da execución dos contratos.

c) Aqueloutras funcións que, dentro seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 9. Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria

O Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria exercerá as seguintes funcións:

a) O asesoramento en materia orzamentaria aos órganos directivos da Consellería.

b) A coordinación do anteproxecto de orzamentos da Consellería, así como o control e seguimento da execución orzamentaria.

c) A execución da xestión orzamentaria efectuando os trámites económico-administrativos dos expedientes de gasto e as propostas de pagamentos dos servizos centrais da Secretaría Xeral Técnica.

d) A tramitación das propostas de modificación orzamentaria da Consellería.

e) A habilitación dos gastos correntes dos servizos centrais da Secretaría Xeral Técnica.

f) Aqueloutras funcións que, dentro seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 10. Servizo Técnico-Xurídico

O Servizo Técnico-Xurídico, baixo a dependencia orgánica e funcional da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, terá atribuídas as seguintes funcións:

a) O estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións que elaboren os centros directivos da Consellería, así como a preparación das recompilacións e refundicións das normas emanadas desta.

b) A elaboración das propostas de resolución dos recursos de alzada, de reposición e de revisión, das solicitudes de revisión de oficio, das reclamacións previas á vía civil e dos procedementos de responsabilidade patrimonial da Administración e a notificación, se é o caso, das súas resolucións.

c) A elaboración dos estudos xurídicos, resolucións, informes e demais asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral Técnica.

d) O rexistro, arquivo e custodia das disposicións legais emanadas da Consellería ou dos seus centros directivos.

e) O apoio á Asesoría Xurídica na tramitación dos recursos contencioso-administrativos e demais asuntos litixiosos en que a Consellería sexa parte interesada.

f) A coordinación dos departamentos territoriais e demais órganos periféricos da Consellería en materia técnico-xurídica.

g) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á Consellería polos xulgados e tribunais.

h) En xeral, cantas funcións lle sexan atribuídas, encomendadas, ou delegadas, por razón da súa competencia, pola Secretaría Xeral Técnica.

Artigo 11. Asesoría Xurídica da Consellería

A Asesoría Xurídica da Consellería adscríbese organicamente á Secretaría Xeral Técnica con nivel de subdirección xeral e depende funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral.

As súas funcións serán as previstas no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

A Asesoría Xurídica terá adscrito o persoal que se estableza na correspondente relación de postos de traballo.

Artigo 12. Intervención Delegada

A Intervención Delegada adscríbese organicamente á Secretaría Xeral Técnica con nivel de subdirección xeral e depende funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

As súas funcións e estrutura serán as especificamente previstas no decreto polo que se estableza a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

CAPÍTULO III
As direccións xerais

Sección 1ª. Os/as directores/as xerais

Artigo 13. Os/as directores/as xerais

Os/as directores/as xerais son os/as titulares dos órganos directivos encargados da xestión dunha ou varias áreas funcionalmente homoxéneas da Consellería.

Para tal efecto, terán atribuídas as seguintes funcións:

a) A proposta dos proxectos da súa dirección xeral para acadar os obxectivos establecidos pola persoa titular da Consellería, a dirección da súa execución e o control do seu cumprimento.

b) O exercicio das competencias atribuídas á dirección xeral e das que lle sexan desconcentradas ou delegadas.

c) A proposta á persoa titular da Consellería, nos restantes casos, da resolución que consideren procedente sobre os asuntos que afecten o órgano directivo.

d) O impulso e a supervisión das actividades que forman parte da xestión ordinaria do órgano directivo e o control do bo funcionamento dos órganos e unidades dependentes e do persoal integrado neles.

e) A coordinación das actuacións dos departamentos territoriais no ámbito da súa competencia para homoxeneizar o seu funcionamento e mais a interpretación e aplicación da normativa.

f) A xestión dos programas da Unión Europea, estatais e autonómicos asignados á dirección xeral.

g) As demais atribucións que lle confiran as leis e regulamentos.

Sección 2ª. A Dirección Xeral de Comercio

Artigo 14. Atribucións

Á Dirección Xeral de Comercio correspóndelle a planificación, coordinación e control das competencias da Consellería en materia de comercio interior e exterior, artesanía e consumo; a planificación e desenvolvemento das estruturas comerciais, feiras, mercados e lonxas, agás as pesqueiras en primeira venda; a tutela e coordinación das actividades das cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación e mais a intervención en materia de prezos sobre os cales se deba pronunciar a Comisión de Prezos de Galicia.

Artigo 15. Estrutura

A Dirección Xeral de Comercio estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1) Subdirección Xeral de Comercio.

a) Servizo de Ordenación.

b) Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía.

Artigo 16. Subdirección Xeral de Comercio

1. A Subdirección Xeral de Comercio terá atribuídas as seguintes funcións:

A. En materia de comercio:

a) A proposta da normativa relativa ao comercio interior e ás cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación.

b) A comprobación e vixilancia do cumprimento da normativa vixente en materia de comercio.

c) A promoción, fomento, modernización e desenvolvemento do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins.

d) A reforma, coordinación e mellora das estruturas e dos procesos de distribución comercial.

e) A formación e asistencia técnica aos suxeitos da actividade comercial.

f) A asistencia aos concellos en materia de establecementos e espazos comerciais.

g) A planificación, programación e execución de actuacións destinadas a un maior coñecemento dos produtos galegos no mercado interior. No mercado exterior exercerá esta función en coordinación co Instituto Galego de Promoción Económica.

h) A planificación, programación e dirección das actuacións orientadas á promoción comercial de determinados sectores da economía galega que se consideren especialmente importantes para a Comunidade Autónoma.

i) O fomento de proxectos de cooperación económica entre empresas do sector, o impulso do asociacionismo comercial e a asistencia técnica comercial en colaboración con outras institucións e entidades.

j) A tramitación, información e elaboración de propostas de resolución dos expedientes en materia de grandes establecementos comerciais.

k) A coordinación, tutela, promoción e impulso da actividade das cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación da Comunidade Autónoma de Galicia. As resolucións que a Dirección Xeral de Comercio adopte no exercicio da tutela sobre as devanditas corporacións esgotarán a vía administrativa.

l) O exercicio das facultades que corresponden á Xunta de Galicia como titular das marcas de garantía Galicia Calidade e Comercio rural galego, directamente ou a través da sociedade anónima Galicia Calidade, S.A.

B. En materia de prezos:

a) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control de programas de actuación encamiñados á execución da política autonómica en materia de intervención de prezos.

b) A tramitación, información e elaboración de propostas de resolución dos expedientes en materia de prezos que deban someterse á Comisión de Prezos de Galicia.

C. En materia de actividades feirais:

a) A proposta da normativa en materia de actividades feirais.

b) A dirección, coordinación, execución e control dos programas de actuación en materia de actividades feirais.

c) A execución da normativa relativa ás feiras internacionais.

d) A coordinación e apoio técnico da participación institucional da Comunidade Autónoma en feiras, exposicións e certames.

D. En materia de artesanía:

a) A proposta da normativa relativa á artesanía.

b) A elaboración, execución e seguimento de estudos e programas de actuación dirixidos á ordenación, promoción e desenvolvemento do sector artesán.

c) A elaboración, programación, execución, seguimento e difusión de estudos e estatísticas en materia de artesanía.

d) A xestión do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

e) O impulso para a mellora e modernización das estruturas e dos procesos de produción e distribución artesanal.

f) A actuación como órgano de relación, participación e colaboración cos organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas de calquera índole, en materia de artesanía e, en particular, da Comisión Galega de Artesanía.

2. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Ordenación.

b) Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía.

Artigo 17. Servizo de Ordenación

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Ordenación exercerá as previstas no punto A, alíneas a), b), d), e), i), j) e k); punto C; e punto D, alíneas a), c), d) e e) do artigo 16.

Artigo 18. Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía exercerá as previstas no punto A, alíneas c), f), g), h) e l); punto B; e punto D, alínea b) do artigo 16.

Sección 3ª. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas

Artigo 19. Atribucións

Á Dirección Xeral de Enerxía e Minas correspóndelle a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da Consellería en materia de enerxía, minas, administración e seguridade industrial, solo industrial, metroloxía e metais preciosos.

A dirección do Instituto Enerxético de Galicia será exercida, por razón do cargo, pola persoa titular da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Artigo 20. Estrutura

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1) Subdirección Xeral de Enerxía.

a) Servizo de Infraestruturas Enerxéticas.

b) Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética.

2) Subdirección Xeral de Recursos Minerais.

a) Servizo de Xestión Mineira.

3) Subdirección Xeral de Administración Industrial.

a) Servizo de Administración Industrial.

b) Servizo de Seguridade Industrial.

c) Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais.

Artigo 21. Subdirección Xeral de Enerxía

1. A Subdirección Xeral de Enerxía terá atribuídas as seguintes funcións:

A. En materia de planificación e ordenación:

a) A proposta da normativa relativa ao réxime enerxético, á produción, transporte, distribución e comercialización de electricidade e gas natural, ás enerxías renovables e ao aforro e eficiencia enerxética.

b) A proposta do réxime de dereitos de acometida eléctrica e das actuacións necesarias para atender os requirimentos de subministración dos usuarios.

c) A emisión de instrucións para a ampliación, mellora e adaptación das redes e instalacións eléctricas e gasistas de transporte e distribución, e a supervisión do seu cumprimento.

d) A determinación de en que casos a extensión das redes eléctricas e gasistas de transporte e distribución se considera unha extensión natural da rede de distribución ou se trata dunha liña directa ou dunha acometida, así como a aprobación dos plans de investimento das empresas distribuidoras.

e) A proposta da planificación dos sectores eléctrico e gasista, en coordinación co Instituto Enerxético de Galicia.

f) A tramitación e proposta de autorización das instalacións de transporte e distribución de electricidade e de gas da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e, se é o caso, o rexistro de instalacións.

g) A tramitación e proposta de autorización aos/ás comercializadores/as de enerxía eléctrica e de gas natural cando o seu ámbito de actuación se circunscriba á Comunidade Autónoma de Galicia.

h) A tramitación e proposta de autorización das instalacións de xeración eléctrica da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e, se é o caso, o rexistro de instalacións, nos cales se inclúe o Rexistro de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.

i) A cooperación e coordinación de actuacións co Instituto Enerxético de Galicia nos eidos das enerxías renovables, do aforro e da eficiencia enerxética.

j) A planificación e o desenvolvemento de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos, no seu ámbito de competencias.

k) A xestión do Rexistro de Certificación Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia, en coordinación co Instituto Enerxético de Galicia.

B. En materia de fomento:

a) A elaboración, proposta e execución de programas para a mellora das infraestruturas e da calidade da subministración de enerxía eléctrica e de gas natural.

b) A elaboración, proposta, desenvolvemento, execución e control de programas dirixidos a fomentar a investigación en materia de infraestruturas enerxéticas.

c) A elaboración, proposta e execución de plans e proxectos nas áreas de aforro e eficiencia enerxética, así como na das enerxías renovables.

d) A elaboración, proposta, desenvolvemento, execución e control de programas dirixidos a fomentar a investigación, desenvolvemento e innovación, así como da implantación destes resultados, en materia de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética.

e) A proposta de actuacións que contribúan a difundir o coñecemento das medidas de aforro e eficiencia enerxética.

Todas estas funcións exerceranse en coordinación co Instituto Enerxético de Galicia.

C. En materia de inspección:

a) A inspección no ámbito das instalacións de distribución de electricidade e de gas, das condicións técnicas e, se é o caso, económicas das empresas titulares das instalacións e do cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas.

b) A supervisión do cumprimento das funcións dos xestores das redes de distribución eléctrica no seu respectivo territorio.

c) A supervisión do cumprimento das funcións das empresas distribuidoras de gas no seu ámbito territorial.

d) A inspección, no ámbito das enerxías renovables, das condicións técnicas e, se é o caso, económicas das empresas titulares das instalacións e do cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas.

2. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Infraestruturas Enerxéticas.

b) Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética.

Artigo 22. Servizo de Infraestruturas Enerxéticas

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Infraestruturas Enerxéticas exercerá as funcións indicadas no punto A, alíneas a), b), c), d), e), f), g), i) e j); no punto B, alíneas a) e b); e no punto C, alíneas a), b) e c) do artigo 21.

Artigo 23. Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética exercerá as funcións indicadas no punto A, alíneas a), h), i), j) e K); no punto B, alíneas c), d) e e); e no punto C, alínea d) do artigo 21.

Artigo 24. Subdirección Xeral de Recursos Minerais

1. A Subdirección Xeral de Recursos Minerais exercerá as funcións de impulso, coordinación, seguimento e control das competencias da Dirección Xeral de Enerxía e Minas en materia de planificación, ordenación, fomento, desenvolvemento e control da minería de Galicia. Así mesmo, exercerá a coordinación dos servizos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional.

2. En concreto, terá atribuídas as seguintes funcións:

A. En materia de planificación e ordenación mineira:

a) A planificación sectorial das actividades extractivas de Galicia e a ordenación dos xacementos minerais e recursos xeolóxicos situados no seu territorio.

b) A xestión e o exercicio das competencias administrativas sobre o dominio público mineiro, sobre as augas minerais e termais e sobre a investigación dos hidrocarburos.

c) A estatística mineira da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) O exercicio da potestade regulamentaria para a ordenación da minaría de Galicia.

e) A xestión e o exercicio das competencias administrativas sobre o rexistro mineiro de Galicia e sobre os demais rexistros previstos na normativa mineira e de augas minerais e termais.

f) O exercicio das competencias administrativas que corresponde á Comunidade Autónoma respecto da Cámara Oficial Mineira de Galicia

B. En materia de fomento da minaría:

a) O impulso de plans, programas, medidas e incentivos económicos orientados ao desenvolvemento, á innovación, ao incremento da competitividade e á internacionalización do sector mineiro de Galicia.

b) A modernización da xestión administrativa e o impulso e implantación da administración telemática dos expedientes administrativos do seu ámbito competencial.

c) O impulso de planes e programas para mellorar o coñecemento dos recursos minerais, xacementos mineiros e recursos xeolóxicos de Galicia.

d) A difusión social da importancia da actividade mineira e a posta en valor do patrimonio xeolóxico-mineiro da Comunidade.

e) A instrución dos procedementos para a declaración dos concellos mineiros e o impulso e coordinación das medidas e plans de actuación específicos aplicables a estes e ás zonas en declive mineiro.

C. En materia de inspección e seguridade mineira:

a) O exercicio das competencias administrativas en materia de seguridade e saúde no ámbito de aplicación da lexislación mineira, así como a policía na minaría a ceo aberto, subterránea, establecementos de beneficio e traballos que requiran a técnica mineira.

b) O exercicio das competencias administrativas na materia de prevención de riscos laborais en minas, canteiras e túneles que exixan a aplicación da técnica mineira, nos traballos de manipulación e utilización de explosivos e nos establecementos de beneficio vinculados ás actividades extractivas.

c) O exercicio da potestade regulamentaria en materia de seguridade mineira.

d) A autorización e rexistro das entidades de inspección e control regulamentarias no ámbito da seguridade mineira, así como a coordinación e seguimento das súas actuacións no territorio de Galicia.

e) O impulso de plans, programas, medidas e incentivos económicos orientados á mellora da seguridade e salubridade do sector mineiro de Galicia.

f) O exercicio das competencias administrativas para a comprobación do cumprimento da normativa mineira aplicable ás actividades extractivas e o seguimento e vixilancia ambiental destas.

g) A resolución de expedientes sancionadores en materia de recursos minerais e seguridade mineira derivados de infraccións graves.

3. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a Subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Xestión Mineira.

Artigo 25. Servizo de Xestión Mineira

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Xestión Mineira exercerá as funcións indicadas no artigo 24.

Artigo 26. Subdirección Xeral de Administración Industrial

1. A Subdirección Xeral de Administración Industrial exercerá as competencias relacionadas coa planificación, ordenación, fomento e inspección da seguridade industrial, metroloxía e metais preciosos. Así mesmo, en xeral, correspóndenlle cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección Xeral.

2. En concreto, terá atribuídas as seguintes funcións:

A. En materia de ordenación e planificación:

a) A elaboración de iniciativas normativas referidas ao sector industrial.

b) A dirección e o seguimento de todas as actuacións relativas á inspección técnica de vehículos.

c) A dirección e o seguimento de todas as actuacións relativas aos rexistros específicos de empresas, entidades de formación, carnés e habilitacións profesionais, en materia de seguridade industrial.

d) O exercicio das competencias administrativas en relación co Rexistro Industrial.

e) A planificación e o desenvolvemento de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos, no seu ámbito de competencias.

f) O desenvolvemento da normativa para a ordenación da seguridade industrial.

g) A planificación, a coordinación e o control das actuacións relativas á instalación, a ampliación e o traslado das industrias, e as instalacións industriais.

h) A habilitación das entidades de inspección e control regulamentario e a coordinación e o seguimento das súas actuacións na aplicación das regulamentacións técnicas e as normas de seguridade industrial.

i) O exercicio das competencias administrativas en relación co rexistro de instalacións e actividades especiais afectadas por seguridade industrial.

j) A planificación, coordinación e control das actuacións relativas á metrololoxía, desenvolvemento de actividades de vixilancia e inspección e xestión do rexistro de control metrolóxico e o ensaio e contraste de metais preciosos.

k) A coordinación e o control das actuacións relativas á verificación de contadores de consumo de enerxía e de auga, dentro do seu ámbito de competencias.

l) O exercicio das competencias administrativas en relación co Rexistro de Control Metrolóxico.

m) A asignación dos códigos dos precintos que usarán os distintos axentes implicados no control metrolóxico.

B. En materia de fomento:

a) A promoción do desenvolvemento e a execución de actuacións de modernización e a dotación de servizos avanzados no solo empresarial.

b) A elaboración, programación, seguimento e difusión de estudos e estatísticas en materia de industria.

c) A promoción e difusión das campañas informativas dirixidas aos/as usuarios/as e titulares das instalacións industriais sobre os aspectos normativos e técnicos destas.

d) A proposta de programas de formación especializados dirixidos aos/ás técnicos/as da propia Administración que desenvolvan funcións de inspección en materia de seguridade industrial.

e) O desenvolvemento de programas de formación e difusión no eido da administración electrónica, dentro do seu ámbito de competencias.

f) A realización de estudos para a análise da competencia no sector da distribución de carburantes.

g) A elaboración, programación, seguimento e difusión de estudos e estatísticas en materia de metroloxía e metais preciosos.

h) A promoción e difusión das campañas informativas dirixidas aos usuarios e titulares dos instrumentos e sistemas de medida sobre os aspectos normativos e técnicos destes.

i) A proposta de programas de formación especializados dirixidos aos técnicos da propia Administración que desenvolvan funcións de inspección en materias relacionadas coa metroloxía legal.

C. En materia de inspección e seguridade:

a) O exercicio das competencias administrativas en relación coas instalacións radioactivas de segunda e terceira categorías e raios X con fins de diagnóstico médico, así como a xestión dos rexistros das devanditas instalacións.

b) As actuacións para a mellora da seguridade das instalacións industriais no ámbito empresarial e dos/as particulares.

c) Asignación de contrasinais a prototipos e emisión de certificados a vehículos importados destinados ao transporte de mercadorías perecedoiras e perigosas.

d) Vixilancia do mercado, no seu ámbito de competencias.

e) O control da xestión dos rexistros de instalacións e actividades afectadas pola seguridade industrial, dentro do seu ámbito de competencias.

f) A coordinación, a execución, se é o caso, e o control das actuacións relativas á subministración e distribución de produtos petrolíferos, dentro do seu ámbito de competencias.

g) A elaboración e e proposta dos plans de inspección en materia de seguridade industrial.

h) A inspección e control das actuacións dos organismos autorizados de verificación metrolóxica, organismos de control metrolóxico e organismos notificados designados no ámbito da Comunidade Autónoma.

i) A elaboración e proposta dos plans de vixilancia e inspección de instrumentos sometidos a control metrolóxico.

j) A elaboración e proposta, en coordinación cos órganos competentes en consumo e de seguridade cidadá, dos plans de vixilancia e inspección de obxectos fabricados con metais preciosos.

3. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Administración Industrial.

b) Servizo de Seguridade Industrial.

c) Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais.

Artigo 27. Servizo de Administración Industrial

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Administración Industrial exercerá as funcións indicadas nos puntos A, alíneas a), b), c), d) e e); B, alíneas a), b) e C, alíneas a), b) e c) do artigo 26.

Artigo 28. Servizo de Seguridade Industrial

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Administración Industrial exercerá as funcións indicadas nos puntos A, alíneas e), f), g), h) e i); B, alíneas c), d) e e) e C, alíneas d), e), f) e g) do artigo 26.

Artigo 29. Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais exercerá as funcións indicadas no punto A, alíneas e), j), k), l) e m); B, alíneas f), g) e h) e C, alíneas d), h), i) e j) do artigo 26.

O Laboratorio Oficial de Contrastación de Metais Preciosos, adscrito á Consellería de Economía e Industria a través da Subdirección Xeral de Administración Industrial, dependerá funcionalmente do Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais.

TÍTULO III
Órganos territoriais

Artigo 30. Atribucións

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Economía e Industria organízase nas xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que desenvolverán as súas funcións no ámbito territorial provincial respectivo, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación no seu correspondente ámbito territorial de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

2. Á fronte das xefaturas territoriais estarán os/as xefes/as territoriais que exercerán as seguintes funcións:

a) A dirección, despacho e resolución dos asuntos ordinarios.

b) A coordinación dos servizos e unidades que o integran.

c) A elaboración do anteproxecto de orzamentos do departamento territorial.

d) A xestión, administración e habilitación dos medios económicos e materiais do departamento territorial.

e) A tramitación e a xestión dos expedientes de gasto, o control contable e a xustificación dos créditos asignados.

f) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa e de subvencións que sexan competencia do departamento territorial.

g) A xefatura inmediata do persoal respecto de todos os órganos e servizos que integran o departamento, sen prexuízo das competencias que nesta materia correspondan aos/ás delegados/as territoriais e aos correspondentes órganos da Consellería.

h) A resolución dos recursos administrativos que correspondan.

i) A imposición das sancións que, de acordo coas disposicións vixentes en materia sancionadora, lles correspondan.

j) A tramitación e resolución das reclamacións administrativas que correspondan.

k) A tramitación dos expedientes expropiatorios.

l) Cantas outras funcións lles sexan expresamente atribuídas ou delegadas.

3. Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, os xefes/xefas territoriais serán substituídos polos xefes de servizo, seguindo a orde de prelación establecida neste decreto.

4. As restantes unidades orgánicas distintas dos departamentos territoriais en que se estrutura a organización periférica da Consellería exercerán as competencias que especificamente se lles asignen.

Artigo 31. Estrutura

1. Para o exercicio das súas funcións, as xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra contarán coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Administración Industrial.

b) Servizo de Enerxía e Minas.

2. Os servizos de Administración Industrial, de Enerxía e Minas e de Coordinación Industrial terán as funcións especificadas nos artigos sucesivos.

3. As xefaturas de servizo dependerán funcionalmente das direccións xerais da Consellería de Economía e Industria dentro do ámbito das atribucións que correspondan a cada centro directivo, sen prexuízo da coordinación xeral que exerza o/a xefe/xefa territorial, do cal, se é o caso, dependan organicamente.

A Secretaría Xeral Técnica poderá ditar instrucións sobre as materias de ámbito horizontal da Consellería, para a debida coordinación dos distintos servizos dos departamentos e un adecuado seguimento na execución orzamentaria, sen prexuízo das funcións que neste ámbito poidan corresponder aos delegados/delegadas territoriais.

Artigo 32. Servizo de Administración Industrial

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Administración Industrial exercerá as competencias relacionadas co rexistro, autorización e inspección de actividades e instalacións industriais e coa capacitación profesional dos/as instaladores/as e das empresas instaladoras.

Artigo 33. Servizo de Enerxía e Minas

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Enerxía e Minas exercerá as competencias relacionadas coas autorizacións de execución e posta en funcionamento das instalacións de produción e distribución de enerxía, así como a inspección e supervisión do cumprimento das condicións técnicas e legais destas instalacións e a coordinación do seu funcionamento no seu ámbito territorial.

Así mesmo, exercerá as competencias relacionadas coa inspección mineira e a xestión do dominio público mineiro no seu ámbito territorial.

Artigo 34. Servizo Territorial de Vigo

A Consellería de Economía e Industria contará cun Servizo de Coordinación Industrial na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, que exercerá competencias en todo o ámbito provincial.

Título IV
Órganos adscritos e protectorado das fundacións

Artigo 35. Organismos, entes e órganos colexiados adscritos

1. Quedan adscritos á Consellería de Economía e Industria, sen prexuízo da súa personalidade xurídica propia:

a) A Axencia Galega de Innovación, axencia pública autonómica, cuxa creación foi autorizada pola Lei 16/2010, do 17 de decembro.

b) O Instituto Galego de Consumo, como organismo autónomo de carácter administrativo, creado pola Lei 8/1994, do 30 de decembro.

c) O Instituto Galego de Promoción Económica, como ente de dereito público, creado pola Lei 5/1992, do 10 de xuño.

d) O Instituto Enerxético de Galicia, como ente de dereito público, creado pola Lei 3/1999, do 11 de marzo.

2. Así mesmo, quedan adscritos a esta consellería:

a) O Laboratorio Oficial de Contrastación de Metais Preciosos, a través da Subdirección Xeral de Administración Industrial da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

b) O Consello Galego de Industria e a Comisión de Seguimento da execución dos proxectos de natureza industrial asociados aos parques eólicos adxudicados dentro das ordes da convocatoria que regula a Lei 8/2009, do 22 de decembro, a través da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

c) A Comisión de Prezos de Galicia, o Consello Galego de Comercio e a Comisión Consultiva, a través da Subdirección Xeral de Comercio da Dirección Xeral de Comercio.

d) O Consello Galego de Consumidores e Usuarios e o Laboratorio de Consumo de Galicia, a través do Instituto Galego de Consumo.

e) A Comisión Galega de Artesanía, a través da Subdirección Xeral de Comercio da Dirección Xeral de Comercio.

f) A Real Academia Galega de Ciencias, a través da Axencia Galega de Innovación.

Artigo 36. Protectorado de fundacións

A Consellería de Economía e Industria exercerá o protectorado das fundacións cuxo obxecto principal estea relacionado coa economía, a investigación, a innovación, a industria, a enerxía, as minas, o consumo e o comercio, coa excepción daquelas cuxa actividade estea maiormente relacionada co ámbito competencial doutras consellerías.

Disposición adicional primeira. Competencias en materia de estatística

O exercicio das competencia que este decreto lles outorga aos distintos órganos da Consellería de Economía e Industria entenderanse sen prexuízo das atribuídas ao Instituto Galego de Estatística.

Disposición adicional segunda. Referencias normativas a outros órganos

As referencias que a normativa vixente realiza aos órganos correspondentes nas materias recollidas no artigo 1 deste decreto, entenderanse efectuadas aos correspondentes órganos da Consellería de Economía e Industria.

As alusións contidas en normas de igual ou inferior rango á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas entenderanse realizadas no sucesivo á Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Disposición adicional terceira. Mantemento de nomeamentos

Non será preciso un novo nomeamento e toma de posesión das persoas titulares dos órganos superiores e directivos cuxa denominación varíe como consecuencia do disposto no presente decreto.

Disposición transitoria única

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifiquen a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase a persoa titular da Consellería de Economía e Industria, por proposta da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto. No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 117, do 17 de xuño) e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do artigo 4 alínea a) do Decreto 235/2012, do 5 de decembro (DOG núm. 233, do 7 de decembro) que fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia

Modifícase o artigo 4 alínea a) do Decreto 235/2012, do 5 de decembro (DOG núm. 233, do 7 de decembro) que fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, no que se refire á denominación da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas que pasa a denominarse Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Disposición derradeira segunda. Habilitación para desenvolvemento regulamentario

Autorízase a persoa titular da Consellería de Economía e Industria para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de xullo de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria