Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 19 de xullo de 2013 Páx. 28773

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2013 pola que se convoca o programa de autoformación para o persoal ao servizo da Administración autonómica galega.

As tecnoloxías da información e da comunicación ofrecen numerosas posibilidades de satisfacer a alta demanda de docencia non presencial existente. Unha delas é a autoformación, que favorece a aprendizaxe autónoma, a flexibilidade e mais a actualización permanente dos coñecementos. O que se procura, neste caso, é a maior independencia do alumnado para elaborar o seu propio plan de aprendizaxe, sen o condicionamento dos prazos. Ademais, no actual escenario orzamentario é particularmente interesante organizar actividades formativas que, comparadas coas tradicionais, resultan economicamente vantaxosas e de amplo alcance.

Por todo isto, e en execución do Plan de formación 2013 da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), convócase por vez primeira o programa de autoformación, cuxas bases se detallan nos anexos desta resolución.

O persoal da Administración autonómica galega que desexe participar no programa de autoformación dispón de dúas opcións, compatibles entre elas pero independentes unha da outra. Por unha banda pode acceder aos contidos das actividades sen máis trámite que o de inscribirse na zona de matrícula da EGAP, tal e como se prevé no anexo I. Por outra banda, pode solicitar presentarse ás probas de avaliación reguladas no anexo II. Por tanto, o acceso aos contidos non implica a obriga de presentarse ás probas de avaliación, nin é tampouco un requisito para matricularse nelas. Porén, só as persoas que se matriculen nestas probas e as superen teñen dereito ao certificado de equivalencia, que ten o mesmo valor que un de aproveitamento.

ANEXO I
Bases

Primeira. As actividades do programa de autoformación: contidos e cuestionarios

1. As actividades do programa de autoformación son as seguintes:

Código

Actividade do programa de autoformación

FC13186

A calidade na Administración pública. Procesos e procedementos

FC13192

O réxime disciplinario da función pública en Galicia

FC13187

As subvencións. Fundamentos e aspectos básicos da súa ordenación

FC13190

Introdución ao uso da web 2.0 nas administracións públicas

FC13194

O xénero e a igualdade nas administracións públicas. A súa evolución normativa

FC13195

A xestión das indemnizacións por razón do servizo

FC13191

Os contratos administrativos. Preparación e adxudicación

FC13193

Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos

FC13189

Introdución á informática. O procesador de textos Word 2010

FC13188

Iniciación á Administración electrónica. A seguridade da información e a protección dos datos

2. Cada unha das actividades está composta de contidos multimedia actualizados, material complementario e, dado que non existe a figura do titor, cuestionarios de corrección automática, que facilitan unha aprendizaxe autónoma máis efectiva.

Segunda. As actividades: acceso aos contidos

1. Todos os empregados públicos e as empregadas públicas da Administración autonómica galega que desexen acceder aos contidos das actividades do programa de autoformación poden facelo, sen pasar por un proceso de selección, inscribíndose na zona de matrícula da EGAP, no enderezo http://egap.xunta.es/matricula

2. A inscrición para o acceso aos contidos pode facerse en calquera momento a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 31 de decembro de 2013.

3. Cada persoa determinará libremente o número de actividades en que queira inscribirse e mais o período durante o cal vai traballar na actividade ou actividades do programa de autoformación elixidas. Os contidos van estar dispoñibles ata o 31 de decembro de 2013.

4. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a inscrición. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 62 53, do número de fax 981 54 63 39 e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es

5. Unha vez inscrita, a persoa recibirá unha mensaxe de correo electrónico de confirmación e despois poderá acceder aos contidos da actividade ou actividades na aula virtual, no enderezo http://egap.xunta.es/aulavirtual

6. O acceso aos contidos das actividades do programa de autoformación non implica a obriga de presentarse ás probas de avaliación reguladas no anexo II, nin é tampouco un requisito para matricularse nelas.

7. O acceso aos contidos das actividades do programa de autoformación non dá dereito á expedición do certificado regulado na base oitava do anexo II.

ANEXO II
Bases

Primeira. As probas de avaliación das actividades do programa de autoformación: participación

1. Poden participar nas probas de avaliación das actividades do programa de autoformación os empregados públicos e as empregadas públicas destinados na Administración autonómica galega que se encontran en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar, con excepción do persoal docente e do persoal sanitario, sempre que non desempeñe postos de Administración xeral.

2. Toda persoa solicitante que ao inicio do prazo de inscrición se atope en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da lista do persoal seleccionado.

Segunda. As probas de avaliación: prazas convocadas, horas certificadas, datas, lugar e horario

1. As probas de avaliación das actividades do programa de autoformación que se convocan atéñense ao previsto na seguinte táboa:

Código

Actividade do programa de autoformación

Prazas

Horas certificadas

Datas

FC13197

A calidade na Administración pública. Procesos e procedementos

100

25

21.10.2013

FC13203

O réxime disciplinario da función pública en Galicia

100

15

4.11.2013

FC13198

As subvencións. Fundamentos e aspectos básicos da súa ordenación

100

20

23 e 24.10.2013

FC13201

Introdución ao uso da web 2.0 nas administracións públicas

100

30

6.11.2013

FC13205

O xénero e a igualdade nas administracións públicas. A súa evolución normativa

100

25

21 e 22.10.2013

FC13206

A xestión das indemnizacións por razón do servizo

100

25

22.10.2013

FC13202

Os contratos administrativos. Preparación e adxudicación

100

20

23.10.2013

FC13204

Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos

100

15

5.11.2013

FC13200

Introdución á informática. O procesador de textos Word 2010

100

25

7.11.2013

FC13199

Iniciación á Administración electrónica. A seguridade da información e a protección dos datos

100

20

24.10.2013

2. As probas de avaliación terán lugar nas dependencias da EGAP, en Santiago de Compostela (rúa de Madrid, 2-4, As Fontiñas).

3. Na páxina web http://egap.xunta.es actualizarase e ampliarase a información sobre as actividades do programa de autoformación, incluído o horario de realización das probas de avaliación.

Terceira. As probas de avaliación: solicitudes de participación

1. O prazo de presentación de solicitudes de participación nas probas de avaliación das actividades do programa de autoformación comeza ás 8.00 horas do 2 de setembro de 2013 e remata ás 14.00 horas do 16 de setembro de 2013.

2. As solicitudes só poden realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo http://egap.xunta.es/matricula. Entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Pode solicitarse a inscrición nun máximo de tres probas de avaliación das actividades do programa de autoformación. Serán excluídos automaticamente aqueles solicitantes que presenten solicitudes para máis de tres probas. Todas as súas solicitudes serán tramitadas como renuncia.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das probas de avaliación das actividades do programa de autoformación solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude ou non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección.

6. As persoas solicitantes deben dispor dunha conta de correo electrónico, cuxo enderezo teñen que indicar na solicitude.

7. A maiores, toda persoa interesada en recibir no seu teléfono móbil mensaxes de texto con información sobre o proceso de selección ten que facilitar o correspondente número.

8. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección deben remitir á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ao número de fax 981 54 63 39 ou ao enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es, sen prexuízo do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro). A devandita documentación debe enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación debe presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

9. Cando nalgunha das probas de avaliación das actividades do programa de autoformación non haxa un número suficiente de solicitantes que cumpran os requisitos, a EGAP poderá abrir un novo prazo de presentación de solicitudes na súa páxina web.

10. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 62 53, do número de fax 981 54 63 39 e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es

Cuarta. As probas de avaliación: criterios de selección

1. Con carácter xeral, a selección realizarase de acordo co previsto na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG do 10 de xaneiro).

2. Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que 60 están vinculados ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e os 40 restantes á antigüidade na Administración.

3. Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). En aplicación do previsto na Resolución do 15 de xaneiro de 2013 pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o devandito regulamento (DOG do 22 de xaneiro), comezarase por aqueles solicitantes cuxo primeiro apelido comece pola letra X.

Quinta. As probas de avaliación: publicación da relación do persoal seleccionado

1. Para cada proba de avaliación das actividades do programa de autoformación, a EGAP publicará no enderezo http://egap.xunta.es unha relación en que figurará o alumnado seleccionado para participar e mais o situado nos primeiros postos da lista de espera. A información tamén se enviará por correo electrónico e, no caso das persoas que facilitasen o correspondente número, por telefonía móbil. Aquelas persoas que non figuren na relación estarán ou ben situadas nun posto máis afastado na lista de espera ou ben excluídas en aplicación destas bases.

2. O prazo de presentación de alegacións é de tres días hábiles contados desde o da devandita publicación.

3. Transcorrido o prazo de presentación de alegacións, a EGAP publicará no enderezo http://egap.xunta.es a lista definitiva das persoas admitidas para participaren nas probas de avaliación.

Sexta. As probas de avaliación: cambios ou substitucións na selección e renuncia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poden renunciar á proba de avaliación da actividade do programa de autoformación:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe serlle comunicada por escrito á EGAP nun prazo de cinco días hábiles contados desde o da publicación da lista definitiva das persoas seleccionadas. Na páxina web da EGAP está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto pódese utilizar, alén do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es

– O número de fax 981 54 63 39.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. As probas de avaliación: desenvolvemento

1. As probas de avaliación das actividades do programa de autoformación teñen o seguinte formato:

Actividade do programa de autoformación: horas

Proba de avaliación

Preguntas tipo test: número

Tempo dispoñible: minutos

Tentativas

Respostas incorrectas: desconto

Superación: porcentaxe de respostas correctas

30

40

60

Unha

Non

70 %

25

20

30

45

15

2. É obrigatoria a asistencia con puntualidade ás probas de avaliación. Levarase a cabo un único chamamento por orde alfabética.

3. As persoas participantes deben presentarse provistas do DNI ou doutro documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

4. Para poder facer a proba de avaliación, cada participante debe lembrar o contrasinal que lle permite entrar na aula virtual, que coincide co que lle dá acceso á zona de matrícula.

5. Non se autoriza o uso de dispositivos electrónicos durante o desenvolvemento das probas de avaliación.

6. As persoas que se inscriban e non se presenten ás probas de avaliación pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. O certificado de equivalencia

1. As persoas que superen a proba de avaliación obterán o correspondente certificado de equivalencia.

2. Este certificado equivale a un de aproveitamento polas horas previstas na correspondente actividade do programa de autoformación.

Novena. As facultades da EGAP

1. Corresponde á EGAP dispor canto sexa necesario para o cumprimento do previsto nesta convocatoria e para a resolución das incidencias que se produzan. Tendo en conta as circunstancias relativas á organización das probas de avaliación das actividades do programa de autoformación, a EGAP pode modificar o desenvolvemento, os contidos e as datas das probas e mesmo suprimilas.

2. A EGAP pode suspender ou cancelar as probas de avaliación das actividades do programa de autoformación en que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas. As persoas afectadas disporán de todos os datos no enderezo http://egap.xunta.es. A información tamén se enviará por correo electrónico e, no caso das persoas que facilitasen o correspondente número, por telefonía móbil.

3. A execución material de todo o previsto nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito orzamentario axeitado e dispoñible e mais á correspondente autorización do gasto.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2013

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública