Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 19 de xullo de 2013 Páx. 28806

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2013, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, pola que se somete a información pública o proxecto de orde pola que se modifica a Orde do 27 de decembro de 2012 pola que se desenvolve o medio de comprobación de valores de prezos medios no mercado aplicable a determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia, e se aproban os prezos medios no mercado aplicables no exercicio 2013.

O artigo 57 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, sinala os medios que a Administración tributaria pode utilizar para calcular o valor das rendas, produtos, bens e demais elementos determinantes da obriga tributaria, entre os cales cita, na súa alínea c), o de prezos medios no mercado. Pronúnciase en idéntico sentido o artigo 27.Un do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo. Esta mesma lei detalla no seu artigo 27.Tres cales deben ser a forma e o contido da norma que desenvolva este medio de valoración.

Pola Orde do 27 de decembro de 2012, da Consellería de Facenda, desenvolveuse para o exercicio 2013 o medio de comprobación de prezos medios no mercado para que poida ser utilizado na aplicación dos tributos xestionados por esta comunidade autónoma cuxa base impoñible sexa o valor real dos bens inmobles. Así, establécese un criterio de valoración obxectivo, común e homoxéneo en todo o territorio, e explícase con detalle o sistema de cálculo utilizado.

O obxectivo desta modificación é actualizar os ditos valores e establecer os citados prezos medios para o que resta do exercicio 2013, mediante unha modificación deles á baixa, actuando tanto sobre o coeficiente de mercado como sobre o valor do solo.

De conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, cando o contido e a repercusión da disposición o aconsellen será sometida a información pública.

Na súa virtude,

RESOLVO:

Someter a información pública, por un prazo de quince (15) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución, o proxecto de orde polo que se modifica a Orde do 27 de decembro de 2012 pola que se desenvolve o medio de comprobación de valores de prezos medios no mercado aplicable a determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia, e se aproban os prezos medios no mercado aplicables no exercicio 2013.

O proxecto de orde poderase consultar na páxina web da Consellería de Facenda:
http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/disposicions.

As posibles alegacións presentaranse durante o prazo sinalado, dirixidas á secretaria xeral técnica e do Patrimonio, en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2013

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio