Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Xoves, 18 de xullo de 2013 Páx. 28603

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 8 de xullo de 2013 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública.

O artigo 2 do Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, inclúe a Dirección Xeral da Función Pública dentro dos órganos de dirección da Consellería de Facenda.

A actividade administrativa da Consellería de Facenda leva consigo unha concentración de funcións no seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública, sen esquecer o debido respecto dos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración coma dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1

Deléganse na Dirección Xeral da Función Pública as competencias atribuídas á conselleira de Facenda polo artigo 14 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, que a seguir se relacionan:

a) Convocar e resolver os concursos de traslados.

b) Nos procesos de selección de persoal, os trámites correspondentes despois da convocatoria, exceptuando o nomeamento dos tribunais de selección; a ampliación de prazos; a convocatoria ao acto de elección de destino; o nomeamento, de ser o caso, como funcionarios en prácticas, e como funcionarios de carreira dos aspirantes que superen o proceso.

c) A selección do persoal funcionario interino.

d) A resolución das situacións administrativas e demais incidencias do persoal funcionario e asimilado da Administración da Comunidade Autónoma previstas no capítulo II do título V do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

e) A autorización de comisións de servizo de carácter voluntario e de carácter forzoso, permutas, así como a adscrición con carácter provisional do persoal funcionario sen destino definitivo e os traslados por razóns de saúde do persoal funcionario.

f) O recoñecemento do grao persoal, trienios, así como o recoñecemento de servizos previos.

g) A resolución de xubilación, excepto a resolución da prolongación da permanencia no servizo activo, segundo os artigos 49 e 50 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, e demais normas concordantes.

Artigo 2

Deléganse na Dirección Xeral da Función Pública as competencias atribuídas á conselleira de Facenda polo artigo 14 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, así como polo vixente convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, en materia de xestión de persoal laboral que a seguir se relacionan:

a) A selección do persoal laboral temporal.

b) Recibir comunicación obrigatoria dos contratos de traballo de carácter temporal ou de duración determinada que formalicen as distintas consellerías.

c) A resolución das situacións e incidencias na xestión de persoal laboral suxeito ao convenio colectivo único da Xunta de Galicia, tales como xubilacións ou a continuidade no servizo, recoñecemento de trienios e de servizos previos, excedencias, permutas, adscrición temporal, mobilidade que implique cambios de consellería e desempeño de funcións de categoría superior ou inferior.

d) A emisión de informes sobre mobilidade, acción social e calquera outro que sexa solicitado polas consellerías respectivas.

e) Designar os representantes da Administración autonómica para a negociación do convenio colectivo e para formar parte nas comisións que se creen no seu seo.

f) Coordinar as relacións e as informacións que se teñan que cursar coa comisión paritaria do convenio colectivo, comités de empresa e seccións sindicais.

g) Actuar como centro de coordinación e información das relacións laborais do persoal ao servizo da Xunta de Galicia.

h) A sinatura dos contratos do persoal laboral fixo.

i) O rexistro e notificación oficial das horas extraordinarias realizadas polo persoal laboral da Xunta de Galicia.

Artigo 3

Deléganse na Dirección Xeral da Función Pública as competencias relativas ás seguintes materias:

a) A inscrición no rexistro de persoal da Xunta de Galicia de todos os actos que afecten a vida administrativa do persoal.

b) A clasificación dos tribunais e demais órganos de selección de persoal, a fixación do límite máximo de asistencias que percibirán os membros de tales órganos, de conformidade co Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre a percepción de indemnizacións por razón de servizo, sen prexuízo das competencias atribuídas ao órgano directivo competente en materia de orzamentos.

c) O recoñecemento dos dereitos referidos na disposición adicional décima da Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005 e a disposición adicional décimo sétima do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

d) A publicación dos acordos do Consello da Xunta sobre aprobación e/ou modificación das relacións de postos de traballo.

e) A resolución dos expedientes de compatibilidade do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) As resolucións de autorización e cancelación de permisos institucionais ou dispensas sindicais concedidas aos representantes das organizacións sindicais ao abeiro do Acordo de dereitos sindicais na Administración da Xunta de Galicia do 8 de febreiro de 2013.

Artigo 4

Deléganse na Dirección Xeral da Función Pública, dentro do seu ámbito competencial:

– A resolución dos recursos potestativos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

– A resolución das reclamacións administrativas previas á vía xudicial cando a delegación non estea prohibida expresamente.

– A admisión a trámite e a resolución das solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables, segundo o previsto no capítulo I do título VII da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as conferiu.

Artigo 6

En calquera momento a conselleira poderá avocar o exercicio das competencias delegadas por esta orde, das cales quedan excluídas, en todo caso, as recollidas no artigo 13.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde da Consellería de Facenda do 4 de maio de 2009, sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2013

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda