Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Martes, 16 de xullo de 2013 Páx. 28371

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 26 de xuño de 2013 pola que se clasifica de interese educativo a Fundación Escola Rosalía.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Escola Rosalía, con domicilio na estrada de Bembrive, número 91 en Vigo (Pontevedra).

Feitos.

1. José Vázquez Fernández, presidente do Padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Escola Rosalía foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 14 de maio de 2013, ante o notario José María Rueda Pérez, co número de protocolo 751, pola Asociación Escola Rosalía de Castro, que actúa representada polo seu presidente José Vázquez Fernández.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto promover o interese xeral por medio da educación en valores, fomentando os valores democráticos do respecto, a cooperación, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade e os demais valores cívicos, establecidos nas bases pedagóxicas da Escola Rosalía de Castro desde os seus alicerces pola súa fundadora, Antía Cal Vázquez.

Igualmente, a Fundación deberá servir como referente para todas aquelas persoas que teñen ou tiveron algunha relación cos valores da Escola Rosalía de Castro. En particular: o alumnado, o persoal, as familias, persoas e entidades colaboradoras e calquera outra persoa interesada nos valores indicados no parágrafo anterior, fomentando o espírito de confraternidade, as relacións, a axuda, colaboración entre todos eles e contribuíndo a espallar a toda a sociedade os valores da Escola Rosalía de Castro.

4. O Padroado inicial da fundación está formado por José Vázquez Fernández, como presidente; Rodrigo Martínez González, como vicepresidente; Baltasar Manzano González, como tesoureiro; Manuel Ángel Peteiro González, como secretario, e por Rafael Gutiérrez Araújo, Lara Menéndez Piñeiro e María José Heras Revelo, como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Escola Rosalía, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese educativo e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 25 de xuño de 2013,

DISPOÑO:

Clasificar de interese educativo a Fundación Escola Rosalía, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e pode interpoñerse con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza