Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Venres, 12 de xullo de 2013 Páx. 27897

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2013, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se convocan a concurso específico de méritos as prazas vacantes de xefes de sección no Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

O Decreto da Xunta de Galicia 119/2005, do 6 de maio, polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia (DOG do 18 de maio de 2005), establece no seu artigo 22.1 que teñen a consideración de persoal do Instituto de Medicina Legal de Galicia os médicos forenses dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Aprobada a relación de postos de traballo do Instituto de Medicina Legal de Galicia pola Resolución do 1 de marzo de 2005, da Dirección Xeral de Relacións coa Administración de Xustiza do Ministerio de Xustiza, procede a convocatoria de concurso específico para aqueles postos de traballo que haxa que cubrir por este sistema.

Con esta finalidade, e conforme o establecido no artigo 532 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, e mais no artigo 49 e seguintes do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, e no exercicio das competencias previstas no artigo 13 do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, este centro directivo anuncia a provisión, polo sistema de concurso específico de méritos, dos postos de traballo que se especifican no anexo I da presente convocatoria, consonte as seguintes bases:

Primeira. Obxecto da convocatoria

A presente convocatoria ten por obxecto a provisión, por concurso específico de méritos, de tres postos de traballo vacantes de xefes de sección no Instituto de Medicina Legal de Galicia.

En todo o non previsto concretamente na presente convocatoria, aplicarase o disposto no Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, e na súa falta, a lexislación xeral sobre función pública.

Segunda. Requisitos e condicións de participación

1. Para seren admitidos neste concurso, os aspirantes deberán ser funcionarios de carreira e pertencer ao corpo de médicos forenses.

2. Só poderán tomar parte neste concurso os médicos forenses que conten cun mínimo de cinco anos de experiencia como médicos forenses.

3. Poderán participar no presente concurso os médicos forenses que, ademais de reuniren os requisitos sinalados nos dous puntos anteriores, se atopen na situación administrativa de servizo activo, ou en calquera outra que comporte a reserva do posto de traballo, no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. Non poderán participar neste concurso os funcionarios que se atopen na situación de excedencia voluntaria por interese particular, mentres dure o período mínimo de permanencia na dita situación; os declarados suspensos en firme, mentres dure a suspensión; nin os sancionados con traslado forzoso, para destino na mesma localidade en que se lles impuxo a sanción, ata que transcorran un ou tres anos segundo se trate de falta grave ou moi grave, respectivamente.

5. Con respecto ao tempo mínimo para participar neste concurso específico, de conformidade co previsto no artigo 49.7 do Real decreto 1451/2005, non rexerá a limitación establecida no artigo 46.1 deste.

Terceira. Postos que se poden solicitar

1. Os participantes poderán solicitar os postos de traballo relacionados no anexo I (sempre que cumpran os requisitos establecidos na base segunda para poder participar no presente concurso no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes).

2. A solicitude dos postos farase nunha única instancia, axustada ao modelo que se publica como anexo III, na cal se indicará, ademais da orde de preferencia dos postos de traballo solicitados, a súa denominación e número e a localidade.

Cuarta. Presentación de solicitudes e documentación

1. Os interesados deberán presentar as súas solicitudes, segundo o anexo III mencionado, no prazo de dez días naturais contados desde ao seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Boletín Oficial del Estado, cando esta non sexa simultánea coa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes irán dirixidas ao director xeral de Xustiza da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e deberán ter entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Canda a solicitude deberase achegar a documentación orixinal ou fotocopias compulsadas da documentación acreditativa dos requisitos exixidos e dos méritos alegados para cada un dos postos solicitados.

4. Igualmente, canda a instancia presentarase unha memoria mecanografada e asinada na cal, nunha extensión non superior aos 10 folios, o candidato realice unha análise das tarefas do posto solicitado e das condicións e medios necesarios para o seu desempeño, suscite propostas de mellora no desenvolvemento das funcións e faga constar todas aqueloutras cuestións que considere de interese ou importancia, baseándose na descrición das funcións do posto.

5. Dentro dos vinte días seguintes ao da finalización do prazo de presentación de instancias, a Dirección Xeral de Xustiza aprobará as listas provisionais de admitidos e excluídos, que se publicarán na páxina web da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os interesados poderán formular reclamación contra as listas provisionais no prazo dos dez días hábiles seguintes ao da súa publicación.

Quinta. Peticións condicionadas

No suposto de estaren interesados nas vacantes que se anuncian dous funcionarios, poderán condicionar a súa petición ao feito de que ambos obteñan destino neste concurso, entendéndose no caso contrario anulada a petición efectuada por ambos os dous. Os funcionarios que se acollan a esta petición condicionada deberano concretar na súa instancia e presentar fotocopia da petición do outro funcionario.

Sexta. Comisión de valoración

1. A avaliación dos méritos corresponderalle a unha comisión de valoración que será nomeada pola Dirección Xeral de Xustiza da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e que estará integrada por:

a) Dous funcionarios do grupo A designados de entre os que presten servizos na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, dos cales un exercerá as funcións de presidente e outro as de secretario da comisión.

b) Dous médicos forenses designados pola Dirección Xeral de Xustiza.

c) Dous médicos forenses ou funcionarios dos corpos da Administración de xustiza para cuxo ingreso se exixa unha licenciatura universitaria, designados por proposta das organizacións sindicais máis representativas.

2. A comisión de valoración suplente terá a mesma composición ca a comisión de valoración titular, e os seus membros actuarán en ausencia dos seus correspondentes na comisión de valoración titular.

3. A comisión de valoración poderá solicitar á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a designación de expertos que, en calidade de asesores, actúen con voz pero sen voto.

4. A comisión de valoración terá a consideración de órgano colexiado da Administración e, como tal, estará sometida ás normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Igualmente os membros da comisión de valoración estarán sometidos ás causas de abstención e recusación previstas na citada lei.

Sétima. Baremación, fases e puntuación do concurso

1. O concurso específico rexerase polo baremo e puntuacións establecidas no anexo II desta resolución, e respecto del terán efecto exclusivamente os méritos alegados e acreditados con referencia á data de peche do prazo de presentación de instancias.

2. O concurso constará de dúas fases:

a) Na primeira procederase á comprobación e valoración dos méritos xerais, cunha puntuación máxima de 72 puntos.

b) Na segunda procederase á valoración dos méritos específicos, sen que se poidan valorar os méritos que fosen puntuados na primeira fase. A puntuación máxima desta fase será de 43 puntos.

3. A valoración dos méritos específicos deberase efectuar mediante a puntuación obtida coa media aritmética das outorgadas por cada un dos membros da comisión de valoración, debendo desbotarse para estes efectos a máxima e a mínima concedidas, ou se fose o caso, unha das que aparezan repetidas como tales.

4. As puntuacións outorgadas a cada candidato en cada punto do baremo, así como a valoración final de cada fase e a suma de ambas as fases, deberán reflectirse na acta que se levantará para o efecto.

5. A comisión de valoración poderá solicitarlles aos interesados as aclaracións, ou se fose o caso, a documentación adicional, que se coiden necesarias para a comprobación dos méritos alegados.

Oitava. Publicación da valoración e proposta de adxudicación de postos

1. A comisión de valoración proporá para cada posto de traballo ofertado no presente concurso o candidato que obtivese a maior puntuación unha vez sumados os resultados finais das dúas fases do concurso, e en caso de empate na puntuación acudirase, para o dirimir, á maior antigüidade no corpo.

2. A comisión de valoración redactará a proposta de candidatos, con expresión das puntuacións obtidas en cada fase, que lle trasladará á Dirección Xeral de Xustiza para os efectos da súa publicación na páxina web da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

3. Os interesados, dentro dos dez días hábiles seguintes ao da súa publicación, poderán alegar e xustificar o que consideren conveniente sobre os resultados da valoración.

4. A comisión de valoración resolverá as alegacións e xustificacións que se presenten en relación coa aplicación do baremo de méritos e redactará a proposta de resolución, que elevará á Dirección Xeral de Xustiza, quen pronunciará a resolución definitiva.

Novena. Resolución do concurso

1. O concurso será resolto pola Dirección Xeral de Xustiza no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. A resolución do concurso expresará o posto de orixe dos interesados a quen se lles adxudique destino.

Décima. Carácter dos destinos adxudicados

1. Os traslados que deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios para os efectos previstos no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo.

2. O titular do posto de traballo obtido por concurso poderá renunciar a este mediante solicitude razoada e sempre que desempeñara o citado posto polo menos durante un ano.

Décimo primeira. Cesamento e toma de posesión

1. O cesamento deberase efectuar dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución do concurso no Boletín Oficial del Estado, cando esta non sexa simultánea coa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. A toma de posesión do novo destino obtido polo concurso producirase nos tres días naturais seguintes ao cesamento se non hai cambio de localidade do funcionario, nos oito días naturais seguintes se implica cambio de localidade dentro da comunidade autónoma e nos vinte días naturais seguintes se implica cambio de comunidade autónoma, excepción feita da Comunidade Autónoma de Canarias, da Comunidade Autónoma das Illes Balears, da Cidade de Ceuta e da Cidade de Melilla, en que será dun mes.

3. Antes da toma de posesión, a persoa interesada deberá manifestar fidedignamente que non está incluída en ningún dos motivos de incompatibilidade previstos na normativa vixente.

Décimo segunda. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante os xulgados de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, sen prexuízo da interposición de recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Xustiza no prazo dun mes, ambos os dous prazos contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2013

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza

ANEXO I

Posto de traballo número 1.

Denominación: xefe de sección de Clínica Médico-Forense.

Centro de destino: Subdirección Territorial do Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Localidade: A Coruña.

Funcións: as previstas nos artigos 15 e 18 do Decreto 119/2005, do 6 de maio (DOG do 18 de maio), polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Requisitos: funcionario de carreira do corpo de médicos forenses en activo con cinco anos de experiencia.

Formación específica: coñecementos e experiencia en valoración do dano corporal e psiquiatría forense.

Forma de provisión: concurso específico de méritos.

Posto de traballo número 2.

Denominación: xefe de sección de Patoloxía Forense.

Centro de destino: Subdirección Territorial do Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Localidade: Lugo.

Funcións: as previstas nos artigos 15 e 16 do Decreto 119/2005, do 6 de maio (DOG do 18 de maio), polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Requisitos: funcionario de carreira do corpo de médicos forenses en activo con cinco anos de experiencia.

Formación específica: coñecementos e experiencia en patoloxía e antropoloxía forense, coñecementos de informática e técnicas audiovisuais.

Forma de provisión: concurso específico de méritos.

Posto de traballo número 3.

Denominación: xefe de sección de Patoloxía Forense.

Centro de destino: Subdirección Territorial do Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Localidade: Pontevedra.

Funcións: as previstas nos artigos 15 e 16 do Decreto 119/2005, do 6 de maio (DOG do 18 de maio), polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Requisitos: funcionario de carreira do corpo de médicos forenses en activo con cinco anos de experiencia.

Formación específica: coñecementos e experiencia en patoloxía e antropoloxía forense, coñecementos de informática e técnicas audiovisuais.

Forma de provisión: concurso específico de méritos.

ANEXO II

• Primeira fase: valoración de méritos xerais, cun máximo de 72 puntos.

1. Antigüidade. Cun máximo de 45 puntos, a razón de 2 puntos por cada ano completo de servizos. Os períodos inferiores ao ano computaranse proporcionalmente a razón de 0,0055 puntos por día, establecéndose os meses como de trinta días.

2. Coñecementos da lingua galega. Cun máximo de 12 puntos, a acreditación de coñecementos da lingua galega mediante os certificados de aptitude emitidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a Dirección Xeral de Xustiza, ou certificados ou diplomas equiparados segundo a normativa vixente, valorarase, segundo o nivel acadado, consonte un dos seguintes apartados:

a) Celga 4 ou equivalente: 4 puntos.

b) Curso medio de linguaxe xurídica galega: 8 puntos.

c) Curso superior de linguaxe xurídica galega: 12 puntos.

3. Actividades docentes, publicacións, comunicacións e asistencia a congresos. Cun máximo de 15 puntos, e segundo os criterios seguintes:

a) Por actividades docentes relacionadas coa medicina legal: ata 5 puntos, a razón de 0,2 puntos por cada dez horas de impartición en calquera organismo docente, público ou privado, oficialmente recoñecido ou homologado, así como en centros oficiais de formación de funcionarios.

b) Por publicacións e comunicacións relacionadas coa medicina legal: ata 8 puntos.

Por comunicacións a congresos nacionais: ata 0,2 puntos por cada unha.

Por comunicacións a congresos internacionais: ata 0,4 puntos cada unha.

Por relatorios a congresos nacionais: ata 0,6 puntos cada unha.

Por relatorios a congresos internacionais: ata 0,8 puntos cada unha.

Por publicacións a revistas nacionais: ata 1 punto cada unha.

Por publicacións a revistas internacionais: ata 1,2 puntos cada unha.

Por participación en libros e monografías: ata 1,4 puntos cada unha.

Para puntuar cada actividade, a comisión de valoración terá en conta o grao de participación do candidato na elaboración das comunicacións, estudos ou publicacións.

c) Por asistencia a congresos e xornadas sobre medicina legal: ata 2 puntos, a razón de 0,1 puntos por cada congreso nacional ou xornada. En todo caso, só se valorarán os cursos, congresos e xornadas que fosen organizados por colexios profesionais, asociacións profesionais de médicos forenses, universidades ou centros oficiais de formación ou homologados por estes.

d) Valoración da memoria presentada segundo o previsto no punto 4 da base cuarta desta resolución: ata 0,2 puntos.

• Segunda fase: valoración de méritos específicos, cun máximo de 43 puntos.

A. Experiencia profesional. Cun máximo de 25 puntos, en función dos seguintes criterios:

1. Por desempeñar nos institutos de medicina legal os postos de xefe de servizo ou xefe de sección, segundo o caso, na área de patoloxía forense ou na área de clínica médico-forense: ata 10 puntos, valorándose ata 2 puntos por ano.

2. Por desempeñar postos de médicos forenses en réxime de xornada a tempo completo: ata 15 puntos, a razón de 1 punto por ano.

3. Por desempeñar postos de médicos forenses en réxime de xornada normal: ata 10 puntos, a razón de 0,5 puntos por ano.

En ningún caso se poderá valorar por este apartado un período de tempo que reciba valoración polo apartado anterior.

B. Titulacións académicas. Cun máximo de 20 puntos, valorándose para o efecto:

1. Por estar en posesión do título de especialista en medicina legal e forense expedido ou homologado polo ministerio competente en materia de educación: ata 10 puntos.

2. Para os postos de xefe de sección de Patoloxía Forense, por estar en posesión do título de médico especialista en anatomía patolóxica ou do título de médico especialista en antropoloxía forense, expedidos ou homologados polo ministerio competente en materia de educación: ata 7 puntos.

Para o posto de xefe de sección de Clínica Médico-Forense, por estar en posesión do título de médico especialista en psiquiatría ou do título de médico especialista en traumatoloxía, expedidos ou homologados polo ministerio competente en materia de educación: ata 7 puntos.

3. Para os postos de xefe de sección de Patoloxía Forense, por estar en posesión do título de médico especialista en medicina interna, expedido ou homologado polo ministerio competente en materia de educación: ata 5 puntos.

Para o posto de xefe de sección de Clínica Médico-Forense, por estar en posesión do título de médico especialista en medicina interna, xinecoloxía ou reumatoloxía, expedidos ou homologados polo ministerio competente en materia de educación: ata 5 puntos.

4. Por estar en posesión do título de médico especialista en especialidade diferente ás comprendidas nos apartados anteriores, expedido ou homologado polo ministerio competente en materia de educación: ata 3 puntos.

5. Para os postos de xefe de sección de Patoloxía Forense, por estar en posesión dun título ou diploma universitario de Mestrado en Anatomía Patolóxica; e para o posto de xefe de sección de Clínica Médico-Forense, por estar en posesión dun título ou diploma universitario de Mestrado en Valoración de Dano Corporal ou curso universitario de especialista en medicina legal: ata 4 puntos. Para estes efectos só se valorarán os estudos de posgrao realizados en calquera universidade española, cunha duración mínima de 50 créditos, entre teóricos e prácticos, e unha duración lectiva de polo menos un curso académico.

6. Doutoramento con premio extraordinario: ata 10 puntos.

Doutoramento con sobresaliente: ata 7 puntos.

Doutoramento con outras puntuacións: ata 3 puntos.

C. Coñecementos, formación profesional e investigación. Cun máximo de 10 puntos, en función dos méritos seguintes:

1. Por formación, segundo o caso, na área de patoloxía forense ou na área de clínica médico-forense: ata 10 puntos, a razón de ata 0,4 puntos por cada dez horas. Só se valorarán os méritos deste apartado se foron convocados e organizados pola universidade, institutos ou escolas oficiais, Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza, Dirección Xeral de Xustiza ou Escola Galega de Administración Pública, e cando fosen homologados por unha Administración pública, excluíndose a formación recibida para obter as titulacións académicas comprendidas no apartado B anterior.

2. Por formación específica noutras áreas da medicina forense ou en materias ou disciplinas médicas que garden relación co posto solicitado: ata 5 puntos, a razón de ata 0,2 puntos por cada dez horas. Só se valorarán os méritos deste apartado se foron convocados e organizados pola universidade, institutos ou escolas oficiais, Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza, Dirección Xeral de Xustiza ou Escola Galega de Administración Pública, e cando fosen homologados por unha Administración pública, excluíndose a formación recibida para obter as titulacións académicas comprendidas no apartado B anterior.

3. Por bolsas e participación en proxectos de investigación oficiais en materias relacionadas co posto solicitado: ata 5 puntos, sempre que estas actividades non fosen valoradas na primeira fase (méritos xerais).

D. Coñecementos de informática e técnicas audiovisuais. Con valoración dos cursos de formación informática (sistemas operativos, tratamento de textos, tratamento de imaxes, folla de cálculo, bases de datos, internet e correo electrónico), así como cursos de fotografía e métodos de reprodución, convocados e organizados pola universidade, institutos ou escolas oficiais, Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza, Dirección Xeral de Xustiza ou Escola Galega de Administración Pública, así como os convocados polas organizacións sindicais cando foran homologados por unha Administración pública: ata 2 puntos, a razón de 0,1 puntos por cada dez horas de formación recibida.

missing image file