Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Martes, 9 de xullo de 2013 Páx. 27348

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 1 de xullo de 2013 pola que se suprime o Rexistro Auxiliar da Secretaría Xeral de Medios.

A Secretaría Xeral de Medios, é un organo superior e de dirección dependente funcionalmente da Presidencia da Xunta e organicamente da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo dispón o Decreto 234/2012, do 5 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

A Secretaría Xeral de Medios trasladouse da rúa do Hórreo, nº 62, Santiago de Compostela, ás dependencias do Edificio Administrativo de San Caetano, onde se atopa o Rexistro Xeral. En consecuencia, o Rexistro Auxiliar da Secretaría Xeral de Medios, necesario ata agora no enderezo anterior, pasa a ser innecesario posto que esta secretaría xeral pode servirse do Rexistro Xeral.

Todas estas modificacións fanse co obxecto de adaptarse á situación actual, tendo sempre en conta os principios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración Xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares se fará mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas por proposta da consellería ou entidade correspondente logo de informe da oficina de Rexistro Xeral.

Conforme o anterior, resulta preciso proceder a supresión do Rexistro Auxiliar do Rexistro Xeral da Xunta de Galicia da Secretaría Xeral de Medios (rúa do Horreo, nº 62, Santiago de Compostela).

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Suprimir o Rexistro Auxiliar do Rexistro Xeral da Xunta de Galicia da Secretaría Xeral de Medios (rúa do Horreo, nº 62, Santiago de Compostela).

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza