Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Luns, 8 de xullo de 2013 Páx. 27070

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 28 de xuño de 2013 pola que se acorda a cesión en propiedade da embarcación Santa María, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, á Asociación Cultural e Deportiva Penalba de Celeiro.

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, dispón que esta é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponde desenvolver as competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores e demais organizacións e asociacións de profesionais do sector, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, permite a cesión de bens mobles da Comunidade Autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, e o cesionario queda obrigado a destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo.

O día 3 de decembro de 2012, a Asociación Cultural e Deportiva Penalba de Celeiro, presentou un escrito na Xefatura de Coordinación da Área do Mar con sede en Celeiro, en que solicitaba a cesión en propiedade dunha embarcación. Unha vez atopada unha embarcación que reunía as características solicitadas pola Asociación, comunicóuselle a posibilidade da súa cesión o 20 de marzo de 2013, ao cal respondeu afirmativamente o día 5 de abril de 2013, prestando a súa conformidade á cesión.

A referida asociación destinará a embarcación a fins de utilidade pública ou interese social e, de xeito especial, á realización de actividades de apoio nos adestramentos e competicións que organiza o Club de Remo de Celeiro, polo que cómpre cederlle en propiedade o ben moble antes indicado.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 27, números 15 e 29, do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión en propiedade á Asociación Cultural e Deportiva Penalba de Celeiro da embarcación seguinte:

Nome da embarcación: Santa María.

Ano de construción: 2006.

Modelo: Atlántico 4.0 Bote.

Casco: P.F.R.V.

Dimensións: eslora 3,98 metros, manga 1,70 metros e puntal 0,73 metros.

Total (R.B.): 1,28 TRB.

Matrícula: 3ª-CO-7-3086.

Ano de inscrición: 2006.

Artigo 2

O presente acordo de cesión leva implícita a desafectación do dominio público da embarcación que se cede en propiedade, citada no artigo 1.

Artigo 3

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, o ben cedido destinarao a asociación cesionaria a fins de utilidade pública ou interese social, de xeito especial á realización de actividades de apoio nos adestramentos e competicións que organiza o Club de Remo de Celeiro.

b) Coa cesión outórgaselle á Asociación Cultural e Deportiva Penalba de Celeiro a propiedade do ben moble cedido.

c) Serán por conta da entidade cesionaria a realización de todos os trámites de legalización da embarcación, incluído o seu cambio de titularidade e todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido.

d) Tanto se o ben cedido non se aplica aos fins sinalados, como se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento, ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que sufrise.

e) A asociación cesionaria realizará todos os trámites necesarios para o cambio de titularidade do ben cedido no rexistro marítimo da capitanía marítima correspondente, e serán pola súa conta todos os gastos que estes trámites orixinen.

Artigo 4

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral técnico desta consellería ou funcionario en quen delegue, e nela deberá constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 5

Corresponde á consellería competente en materia de patrimonio verificar a aplicación da embarcación citada no artigo 1, co fin para o cal é cedida, e poderá adoptar para isto cantas medidas sexan necesarias.

Disposición derradeira primera

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar