Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 5 de xullo de 2013 Páx. 26809

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 19 de xuño de 2013 pola que se modifica a adscrición da Fundación Manuel Ventura Figueroa e da Fundación Galenus Auriensis ás consellerías competentes para o exercicio das funcións de protectorado.

Os órganos competentes para o exercicio das funcións de protectorado da Fundación Manuel Ventura Figueroa e da Fundación Galenus Auriensis formulan proposta de modificación da clasificación e atribución de funcións de protectorado aos departamentos competentes por razón dos fins fundacionais, das que resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. A Fundación Manuel Ventura Figueroa foi instituída no ano 1784 polos testamenteiros de Manuel Ventura Figueroa. As funcións e competencias en relación coa referida fundación foron transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia por Real decreto 2170/1994, do 4 de novembro, e asumidas polo Decreto 396/1994, do 29 de decembro, da Xunta de Galicia. Figura adscrita ao protectorado da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 1995/14.

A fundación, segundo consta nos seus estatutos, ten por obxecto perseguir fins de interese xeral, como son a asistencia social e a inclusión social, así como fins cívicos, educativos, culturais, científicos e de promoción da acción social, consonte a vontade do fundador expresada na escritura fundacional outorgada na vila de Madrid con data do 28 de novembro de 1784.

Entre as actividades que desenvolverá a fundación, os estatutos citan a convocatoria de axudas ao estudo para o inicio ou a continuación de ensinanzas conducentes á obtención de estudos de educación básica, educación secundaria, educación superior non universitaria ou de ensinanzas de réxime especial con validez oficial no sistema educativo español, e ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio español.

Segundo. A Fundación Galenus Auriensis, constituída en escritura pública outorgada en Ourense ante o notario Antonio Pol González, o 3 de xuño de 1998, co número 2194 do seu protocolo, foi clasificada como benéfico-asistencial por Orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública e declarada de interese galego por Orde da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais. Figura actualmente adscrita ao protectorado da Consellería de Traballo e Benestar e inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 1999/33.

A fundación, segundo consta nos seus estatutos, ten por obxecto promover, fomentar e soster a investigación da ciencia médica, estudos relacionados coas ciencias médicas, así como obras asistencias e docentes.

Pola súa parte, o artigo 11 dos estatutos atribúe a condición de beneficiarios ao colectivo de médicos, ás súas viúvas e orfos e persoas ou entidades relacionadas coa Medicina.

Terceiro. De conformidade co artigo 47.2 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, o protectorado será exercido polos departamentos da Xunta que teñan atribuídas as competencias correspondentes aos fins das fundacións. No mesmo sentido pronúnciase o artigo 51.2 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Cuarto. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos, na súa reunión do 18 de xuño de 2013, emite informe favorable de reclasificación e readscrición das fundacións relacionadas anteriormente aos departamentos da Xunta de Galicia competentes para o exercicio das funcións de protectorado, nos seguintes termos:

A) Clasificación da Fundación Manuel Ventura Figueroa como de interese educativo e adscrición ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

B) Clasificación da Fundación Galenus Auriensis como de interese sanitario e de fomento da investigación científica, e adscrición ao protectorado da Consellería de Sanidade.

Consideracións xurídicas:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle a esta comunidade autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. A Lei 12/2006 e o Decreto 14/2009 establecen que o protectorado será exercido polos departamentos da Xunta de Galicia que teñan atribuídas as competencias correspondentes aos fins das fundacións.

Terceiro. O artigo 7.1 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, atribúe competencias de clasificación das fundacións e adscrición ao protectorado correspondente á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril), a Lei 12/2006, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

DISPOÑO:

Artigo 1. Clasificación e adscrición da Fundación Manuel Ventura Figueroa

Clasificar a Fundación Manuel Ventura Figueroa como de interese educativo e adscrición ao Protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 2. Clasificación e adscrición da Fundación Galenus Auriensis

Clasificar a Fundación Galenus Auriensis como de interese sanitario e de fomento da investigación científica, e adscrición ao protectorado da Consellería de Sanidade.

Disposición adicional primeira. Instrumentalización

A instrumentalización do disposto nesta orde efectuarase mediante o traslado material da documentación e datos inscritos na sección do rexistro do protectorado de orixe, e recepción polo órgano competente da consellería a que se adscribe.

Disposición adicional segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza