Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Martes, 2 de xullo de 2013 Páx. 25887

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 19 de xuño de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2013.

De acordo co disposto no artigo 148.1.11 da Constitución, en virtude do establecido no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de caza.

O Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en relación co Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, compete á citada consellería a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos.

O lobo mantén unha poboación abundante na xeografía galega. A súa presenza nos nosos montes non só é un expoñente da nosa rica biodiversidade senón, ademais, un elemento destacado no equilibrio biolóxico do medio en que se desenvolve.

As súas necesidades alimenticias entran ás veces en conflito cos intereses dos/as nosos/as gandeiros/as, que sofren a depredación que ocasionalmente realiza sobre o gando. É por iso polo que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, para conciliar o interese pola pervivencia da especie co dos gandeiros, pon en marcha unha liña de axudas, de carácter compensatorio, para reparar os danos ocasionados sobre o gando vacún, ovino, cabrún, equino e porcino de Galicia, sempre que os danos procedan de ataques que non poidan evitarse polo tipo de gando ou polo sistema de explotación e, pola contra, non se atenderán cando poida demostrarse neglixencia ou intencionalidade de non protexer o gando.

Dada a maior densidade e os ataques reiterados constatados nos últimos anos dos lobos, o importe das axudas incrementarase nun 30 % cando afecte explotacións dos concellos incluídos na zona 1 do Plan de xestión do lobo en Galicia e recollidos no anexo IV desta orde.

O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a norma principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da precitada normativa.

Nos vindeiros exercicios, estas axudas financiaranse con cargo ás consignacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, de acordo co contido da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para cada exercicio. Para 2013 o referido importe recóllese no artigo 11 desta orde.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e principios

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor dos/as gandeiros/as afectados/as polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensalos/as polos danos ocasionados ao seu gando, e proceder á súa convocatoria para o ano 2013.

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios/as

1. Poderanse acoller a estas axudas os/as propietarios/as de gando, especificado no anexo I, afectado por ataques de lobos dentro da comunidade autónoma.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que se produza algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou os/as propietarios/as de gando vacún leiteiro que teñan tres ou máis animais mortos por ataques de lobo nun mesmo ano ou máis de cinco nos tres últimos e nos casos en que se poida demostrar unha clara neglixencia na protección deste contra os ataques do lobo.

Artigo 3. Requisitos

O gando deberá pertencer a unha explotación incluída no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia.

Deberá tamén estar identificado e saneado de acordo coa normativa aplicable para o efecto, agás no caso do gando cabalar, asnal ou mular que soamente deberá estar identificado individualmente.

No caso do gando porcino, a máis de pertencer á raza celta, terá que cumprir os requisitos sanitarios establecidos no Real decreto 1186/2006, do 13 de outubro, e no 360/2009, do 23 de marzo, e, no caso de reprodutores estar identificados individualmente e estar inscritos no Libro xenealóxico da raza.

Artigo 4. Ámbito temporal

As axudas a que se refire a presente orde comprenden os danos producidos polo lobo desde o 1 de outubro de 2012 ata o 30 de setembro de 2013.

Artigo 5. Comunicación do dano

1. Nas vinte e catro horas seguintes ao ataque os/as propietarios/as das reses deberán poñelo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas mediante unha chamada desde as 8.00 ás 20.00 horas, de luns a venres, e das 8.00 ás 17.30 horas, os sábados, ao teléfono 012, a través do que se lles facilitará unha clave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente.

Os animais mortos non poderán ser manipulados para non obstaculizar o labor investigador dos/as axentes que se despracen ao lugar para valorar os feitos e elaborar a correspondente acta.

Os feridos poderán ser atendidos polos veterinarios/as coa menor manipulación posible co obxecto de non entorpecer o labor investigador.

2. As comunicacións de danos a partir do 1 de outubro de 2013 deberán realizarse de conformidade co disposto no parágrafo anterior. As ditas comunicacións só poderán dar lugar á concesión de axudas no caso de que se convoquen para o ano 2014.

Artigo 6. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes deberán formalizarse por un dos procedementos que seguen:

A) Vía electrónica: o formulario normalizado de solicitude estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para a súa presentación electrónica completa.

Para a presentación na sede electrónica do formulario admitirase DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede, da persoa solicitante ou representante legal.

No suposto de que a persoa solicitante non dispoña de sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude en formato papel unha vez cuberto o formulario en formato PDF dispoñible na sede, e presentarase asinado seguindo as instrucións do punto seguinte.

B) En soporte papel segundo o modelo normalizado que se recolle no anexo II desta orde.

Presentaranse, preferentemente, nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Así mesmo, tamén se poderán presentar en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes de axuda correspondentes aos danos producidos entre o 1 de outubro de 2012 e a entrada en vigor da presente orde cursaranse no prazo dun mes contado a partir da entrada en vigor desta orde sempre que se teñan previamente comunicado os ataques no modo e prazo previsto na orde da convocatoria para o ano 2012.

Para os danos ocasionados a partir da entrada en vigor desta orde, a presentación das solicitudes de axuda deberase de facer dentro do mes seguinte ao de produción do dano.

3. Dado o carácter compensatorio das axudas, consonte o disposto no artigo 55.d) da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, os/as beneficiarios/as das axudas reguladas na presente orde deberán presentar declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Xunto coa solicitude, presentarase a seguinte documentación:

a) Copia das follas do libro da explotación gandeira en que aparezan os animais afectados, así como as datas de alta e baixa destes na explotación.

b) Fotocopia do NIF do/a propietario/a das reses, no caso de persoas xurídicas.

c) Se o titular fose unha persoa xurídica, acordo do órgano competente deste polo que se aprobou a solicitude desta axuda.

d) Cando se actúe en nome doutra persoa, física ou xurídica, así como dunha comunidade de bens, deberase acreditar a representación con que se actúa.

e) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas, así como declaración responsable para a transferencia bancaria no modelo que se xunta como anexo III a esta orde.

f) No caso de animais feridos, a factura do/a veterinario/a segundo vén especificado no artigo 7.2.

g) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

A presentación do DNI só será obrigada no caso de que o/a solicitante non autorice a consulta dos datos de identidade a través do Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Facenda e Administracións Públicas de conformidade co disposto no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro.

Artigo 7. Importe das axudas

1. O importe destas axudas, que figura no anexo I desta orde, corresponderá ao suposto de morte e estará condicionado á existencia de crédito orzamentario.

O importe das axudas incrementarase nun 30 % cando afecte explotacións dos concellos incluídos na zona 1 do Plan de xestión do lobo en Galicia e recollidos no anexo IV desta orde.

2. No caso de animais feridos, a axuda estimarase en función dos gastos veterinarios producidos e acreditados, nunha contía que, en ningún caso, poderá exceder o límite das axudas previstas no anexo I para os animais mortos. Cando os feridos sexan varios exemplares, admitiranse facturas conxuntas do servizo veterinario en que se faga relación individual dos animais feridos coa súa idade. O sacrificio eutanásico poderase equiparar á morte e non se indemnizará, polo tanto, a atención veterinaria.

Artigo 8. Procedemento de concesión

1. A concesión das axudas para paliar os danos producidos polo lobo tramitarase en réxime de concorrencia.

2. O procedemento de concesión das axudas para paliar os danos producidos polo lobo iniciarase coa presentación da solicitude para ser beneficiario/a destas axudas.

3. De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e tendo en conta o carácter compensatorio que presentan as axudas para paliar os danos producidos polo lobo, exceptúase expresamente o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes que reúnan os requisitos establecidos nesta orde.

4. Na tramitación das axudas para paliar os danos producidos polo lobo seguirase o procedemento abreviado sinalado no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Tramitación

1. Recibidas as solicitudes nas xefaturas territoriais, os servizos de conservación da natureza examinaranas xunto coa documentación anexa.

No caso de que fosen detectados erros ou omisións, requirirase o/a interesado/a para que, no prazo de dez días contados desde o seguinte ao de recepción do requirimento, emende ou complete, coa indicación de que, se non o fixese así, se terá por desistido da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os referidos servizos avaliarán, dentro dos seus ámbitos territoriais, a natureza dos ataques dos lobo obxecto da solicitude de subvención e realizarán a súa valoración. Para tal fin, levarán a cabo as funcións de organización, control e coordinación das unidades encargadas da comprobación dos danos.

3. Examinadas as solicitudes e a documentación presentada, e efectuada a correspondente valoración, os servizos de conservación da natureza remitirán a documentación á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para que esta elabore a oportuna proposta e continúe coa súa tramitación.

4. Para o anterior, quincenalmente, cada servizo de conservación da natureza remitirá a documentación relativa ás solicitudes avaliadas.

5. Na semana seguinte á recepción das propostas dos servizos, a Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas tramitará os expedientes coas propostas da Dirección Xeral de Conservación da Natureza ata esgotar o crédito consignado para o efecto.

6. Unha vez esgotado o crédito, poderase realizar a oportuna modificación orzamentaria para dotar a aplicación orzamentaria do crédito necesario para atender as solicitudes que se produzan nun período anual dado.

Malia o anterior, as solicitudes e mais os recursos estimados de anos anteriores que non se poidan conceder por insuficiencia orzamentaria ou por atrasos na tramitación achacables á Administración, atenderanse con cargo á convocatoria do ano seguinte de se producir.

7. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.

Artigo 10. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeición ao establecido nas bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo recollidas nesta orde.

2. O prazo máximo para resolver será de tres meses desde a presentación da solicitude de axuda. Transcorrido este sen que se ditase resolución expresa, os/as solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos nos artigos 44.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no número 1 deste artigo, poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, e no 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11. Crédito

As axudas reguladas na presente orde financiaranse no exercicio 2013 con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.541-B.470.1, cuxo importe é de cento once mil seiscentos dezaseis euros (111.616 euros) sen prexuízo do incremento orzamentario que se poida realizar, de acordo co establecido no punto primeiro do artigo 9.6.

Artigo 12. Rexistro público de subvencións

1. A concesión das axudas para paliar os danos producidos polo lobo reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencional en Galicia.

2. Os/as interesados/as terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos seus datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

3. A solicitude para ser beneficiario/a de axudas para paliar os danos producidos polo lobo levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, os/as solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorran algunha das circunstancias previstas na alínea d) do punto 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Compatibilidade

1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos, conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estas axudas serán incompatibles coas cantidades percibidas en concepto de indemnización polos mesmos danos derivados dun expediente de responsabilidade patrimonial.

Artigo 14. Disposicións xerais

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os/as beneficiarios/as están obrigados/as a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Así mesmo, o/a beneficiario/a deberá incluír necesariamente no momento do pagamento unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, así como de non ser debedor/ra por resolución de procedencia de reintegro consonte o establecido na Orde da Consellería de Facenda do 4 de xaneiro de 2010.

5. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas, e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007 citada, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

6. Deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia a relación das axudas concedidas cando o seu importe, individualmente considerado, sexa igual ou superior aos 3.000 €. Para as de contía inferior, a relación das concedidas e denegadas farase pública a través da páxina web da consellería, nos termos establecidos no artigo 13, puntos 3 e 4, da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e tamén as sancións que se puidesen impoñer, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional única. Delegación de funcións

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 10.1, consonte o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO I
Baremo utilizado para o pago de axudas polos ataques do lobo

Especie

Clase e idade

Custo calidade normal

Custo calidade selecta

Ovino

Cordeiro < 12 meses

58 €

88 €

Ovino

Adulto

102 €

124 €

Ovino

Adulto > 6 anos

26 €

31 €

Cabrún

Cabrito < 12 meses

73 €

109 €

Cabrún

Adulto

102 €

131 €

Cabrún

Adulto > 6 anos

26 €

31 €

Especie

Clase e idade

Raza celta

Porcino

Leitón < 3 meses

90 €

Porcino

Porco entre 3 e 6 meses

150 €

Porcino

Porco entre 6 e 9 meses

200 €

Porcino

Porco da ceba entre 9 e 12 meses

300 €

Porcino

Porco da ceba > 12 meses

380 €

Porcino

Reprodutoras

360 €

Porcino

Reprodutora preñada

400 €

Porcino

Reprodutor

450 €

Especie

Clase e idade

Custo rubia galega

Custo outras razas autóctonas*

Custo vacún leiteiro

Resto de reses de gando vacún

Vacún

Becerro < 2 meses

277 €

327 €

218 €

218 €

Vacún

Becerro entre 2 e 4 meses

348 €

416 €

277 €

277 €

Vacún

Becerro entre 4 e 6 meses

581 €

763 €

509 €

509 €

Vacún

Becerro entre 6 meses e 1 ano

598 €

788 €

526 €

526 €

Vacún

Ata 2 anos

799 €

1.045 €

871 €

697 €

Vacún

Vacas menores de 6 anos

1.090 €

1.635 €

1.452 €

1.090 €

Vacún

Vacas de 6 a 9 anos

871 €

1.198 €

799 €

799 €

Vacún

Vacas > 9 anos

523 €

653 €

436 €

436 €

* Cachena, Caldelá, Vianesa, Limiá e Frieiresa

Especie

Clase e idade

Custo pura raza galega

Custo outros cabalos

Equino

Poldro < 2 meses

198 €

158 €

Equino

Poldro entre 2 e 4 meses

258 €

198 €

Equino

Poldro entre 4 e 6 meses

396 €

330 €

Equino

Poldro entre 6 meses e 1 ano

594 €

496 €

Equino

Ata 2 anos

634 €

541 €

Equino

Cabalos entre 2-10 anos

792 €

594 €

Equino

Cabalos >10 anos

594 €

449 €

Asnal

<1 ano

60 €

Asnal

Entre 1 e 10 anos

200 €

Asnal

>10 anos

150 €

Mular

<1 ano

100 €

Mular

Entre 1 e 10 anos

300 €

Mular

>10 anos

225 €

ANEXO IV

Concellos zona 1

– Provincia da Coruña

Aranga

As Pontes de García Rodríguez

Dumbría

Mazaricos

Monfero

Muxía

Sobrado dos Monxes

Toques

Vimianzo

– Provincia de Lugo

Abadín

Alfoz

Baralla

Friol

Guitiriz

Muras

O Corgo

O Incio

O Páramo

O Valadouro

Ourol

Samos

Triacastela

– Provincia de Ourense

A Bola

Avión

Baltar

Bande

Beariz

Calvos de Randín

Cualedro

Entrimo

Lobeira

Lobios

Melón

Muíños

Os Blancos

Rairiz de Veiga

Vilar de Santos

– Provincia de Pontevedra

A Cañiza

A Estrada

A Lama

Cerdedo

Covelo

Cuntis

Forcarei

Fornelos dos Montes

Valga

missing image file
missing image file