Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 1 de xullo de 2013 Páx. 25732

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (156/2011).

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento ordinario 156/2011 deste xulgado do social, seguido por instancia de Aixa Romay Regueiro contra a empresa Rocal Modas, S.L., Fondo de Garantía Salarial Fogasa, sobre ordinario, se ditou a seguinte resolución, cuxa parte dispositiva se xunta:

Sentenza 328/2013.

A Coruña, 7 de xuño de 2013.

Miguel Herrero Liaño, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 2 da Coruña, vistos os presentes autos seguidos neste xulgado co nº 156/2011, en que foron parte, dun lado como demandante, Aixa Romay Regueiro, asistida polo letrado Sr. Pousa Meréns, e doutro, como demandada, a empresa Rocal Modas, S.L., que non comparece, e o Fogasa, que tampouco comparece, sobre reclamación de cantidade, pronunciou en nome do rei a seguinte sentenza:

Antecedentes de feito.

Primeiro. A demandante Aixa Romay formulou demanda, con entrada o día 15 de febreiro de 2011 fronte á empresa Rocal Modas, S.L., que foi repartida a este xulgado, na que despois de expor os feitos e fundamentos que considerou pertinentes, terminaba suplicando que se ditase sentenza pola que se condene a empresa demandada a aboar á demandante a cantidade de 2.788,98 euros, coas consecuencias legais inherentes.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, convocáronse as partes aos actos de conciliación e xuízo que tiveron lugar o 6 de xuño de 2013 coa asistencia da parte demandante, sen compareceren as empresas demandadas, nin o Fogasa. A parte demandante ratificou a demanda. Recibido o litixio a proba, propúxose proba documental e interrogatorio de parte. Practicouse a admitida e uníronse aos autos os documentos presentados. A parte comparecida formulou conclusións en apoio das súas pretensións, co que se deu por finalizado o acto.

Terceiro. Na tramitación destes autos seguíronse todos os trámites legais.

Feitos probados.

Primeiro. Aixa Romay Regueiro prestou servizos para a empresa demandada desde o 12.7.2010, coa categoría de dependenta e percibindo un salario mensual de 1.175,28 euros, con inclusión do rateo de pagas extraordinarias.

Segundo. O día 5.11.2010 foi obxecto de despedimento, que foi recoñecido como improcedente, con aboamento da indemnización correspondente.

Terceiro. A empresa non lle aboou á demandante a cantidade de 1.885,25 euros correspondentes aos salarios de outubro de 2010 –1.267,64 euros–, novembro de 2010 –211,27 euros– e vacacións –406,34 euros–.

Cuarto. O día 15.2.2011 tivo lugar acto de conciliación ante o SMAC co resultado de intentado sen efecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A demandante reclama a cantidade de 2.788,98 euros, correspondentes a salarios e vacacións (1.885,25 euros), e horas extras, entre elas as efectuadas de maneira continuada por exceso de 5 horas na xornada semanal, segundo detalle que se ofrece no feito terceiro da demanda.

Segundo. A anterior relación de feitos quedou acreditada por mor da proba documental e interrogatorio de parte, valorada conxuntamente para os efectos dos artigos 97.2 LRXS.

Como criterio xeral, débese tomar en consideración que, non comparecendo a empresa demandada citada en legal forma aos actos de conciliación e xuízo, a demandante acreditou a relación laboral coas súas circunstancias, a través da proba documental achegada, así como do interrogatorio de parte, de conformidade cos artigos 91.2 da LRXS e 304 LAC. Alegada a falta de aboamento das partidas salariais obxecto de demanda, procede a condena da demandada ao pagamento dos conceptos reclamados, xa que é abondo con que o demandante acredite a relación laboral para que xurda o dereito ao salario, e á empresa algún feito impeditivo, extintivo ou excluínte (artigo 217 LAC en relación cos artigos 4.2.f e 29 ET), o cal non se verificou.

Porén, en relación coas horas extraordinarias, non cabe considerar acreditada a súa execución, xa que non se achegaron elementos probatorios que apunten á efectiva realización de cada unha das reclamadas ou, de ser o caso, do habitual exceso de xornada. Nesta materia é criterio consolidado a exixencia de proba rigorosa e individualizada da efectiva execución das horas extraordinarias reclamadas ou, se é o caso, da habitualidade dunha xornada uniforme que exceda a ordinaria (SSTS do 4.3.1990, 22.12.92, 27.2.1993 e 22.7.1996), e non cabe reputar suficiente o recurso á ficta confessio da empresa.

Polo exposto, procede unha estimación parcial da demanda.

Resolución:

Estímase parcialmente a demanda interposta por Aixa Romay Regueiro fronte a Rocal Modas, S.L., con intervención procesual do Fogasa e, en consecuencia, condénase a parte demandada a aboar á demandante a cantidade de 1.885,25 euros.

Notifíquese a resolución ás partes.

Contra esta resolución non cabe recurso de suplicación.

Así o acorda, manda e asina, Miguel Herrero Liaño, maxistrado do Xulgado do Social número 2 da Coruña.

E para que sirva de notificación en legal forma a Rocal Modas, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese o destinatario de que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, agás no suposto da comunicación das resolucións que sexan auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 10 de xuño de 2013

Adelaida Egurbide Margañón
Secretaria xudicial