Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 1 de xullo de 2013 Páx. 25759

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2013, da Xefatura Territorial da Coruña, de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública dunha instalación eléctrica no concello de Boimorto (expediente IN407A 157/2011).

Visto o expediente para o outorgamento da autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións que a seguir se detallan:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: avenida de Arteixo, 171, A Coruña.

Denominación: LMT, CT, RBT Fornelos.

Situación: concello de Boimorto.

Características técnicas:

Liña de media tensión aérea a 15/20 kV, cunha lonxitude de 0,696 km, con condutor tipo LA-56/54,60 mm2, con orixe no apoio existente (coordenadas UTM X=574.303, Y=4.760.909) da LMT MEL-712 Sub. Melide-Boimil (expediente 7277), e final no CTI Fornelos proxectado.

Centro de transformación tipo intemperie (CTI) Fornelos, cunha potencia de 100 kVA e relación de transformación de 15.000/400-230 V.

Modificación da rede de baixa tensión aérea existente, cunha lonxitude total de 0,240 km, con condutores tipo RZ, con orixe no CTI proxectado e final na rede existente.

Resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Por Resolución do 22 de xuño de 2011 esta xefatura territorial someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa, e declaración de utilidade pública, en concreto, de acordo co establecido no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. A resolución foi publicada no DOG do 18 de xullo de 2011, no BOP do 11 de xullo de 2011, e no xornal El Correo Gallego do 13 de xullo de 2011; así mesmo, consta o certificado do 11 de agosto de 2011 de exposición ao público no taboleiro de anuncios do concello de Boimorto. Do mesmo xeito, notificouse aos propietarios dos bens e dereitos afectados.

Segundo. De acordo co establecido no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, deuse traslado ás distintas administracións, organismos ou, se for o caso, empresas de servizo público ou de servizo de interese xeral dunha separata do proxecto na parte que a instalación puider afectar bens e dereitos ao seu cargo, incluíndo as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente.

Remitíronse separatas aos seguintes organismos:

– Concello de Boimorto, que amosa a súa conformidade con condicionantes, entre os cales está a tramitación previa do estudo de impacto ambiental, a obtención da autorización de Augas de Galicia, a solicitude de licenza de obras e, antes da licenza, a aprobación do proxecto pola consellería. A empresa promotora está conforme ao respecto.

Cómpre salientar que en relación con este condicionado esta xefatura territorial remitiu consulta á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre o sometemento ou non do proxecto ao trámite de avaliación de impacto ambiental, e esta respondeu que non procedía.

– Telefónica, que manifesta a súa conformidade co condicionado. A empresa promotora acepta sen ningún reparo.

– Augas de Galicia, que tamén emite informe favorable, sen prexuízo da tramitación da preceptiva autorización de cruzamento sobre o dominio público, de acordo coa correspondente lexislación sectorial. A empresa promotora manifesta a súa conformidade.

Terceiro. Durante o período de información pública foron presentadas as seguintes alegacións:

1) Jesús V. Pazo Buján, quen alega que se lle notificou a solicitude de utilidade pública, en concreto, das parcelas nº 3, 4, 5, pero que non é propietario delas, e identifica os seus propietarios con nome e enderezo.

2) José Mejuto Varela, como propietario das parcelas nº 7 e 8, o cal alega que se modifique o trazado da liña situando un apoio nos lindes dunha estación depuradora; menciona que a declaración de utilidade pública solicitada debería ser posterior á autorización administrativa do correspondente proxecto sectorial; que na notificación recibida non se indica a superficie afectada das parcelas por ocupación temporal, e a superficie afectada vén da planimetría catastral, a cal difire sobre a real. Ademais, indica que se deberá levar a cabo unha implantación ou piquetaxe sobre o terreo, o cal sería conveniente antes da convocatoria para o levantamento das actas previas á ocupación.

3) José López Gómez, actuando no seu propio nome e dereito e en representación do seu irmán Jesús (parcela 6), o cal alega que se opón á utilidade pública, por canto entende que non se atopa debidamente acreditada; amosa a súa desconformidade co trazado proposto para a liña e indica que o poste nº 6, que se pretende instalar na súa propiedade, debería ser instalado no predio 372, situado ao sur da pista, e ademais que o poste nº 7 podería instalarse no predio nº 377, que é de titularidade pública.

Sinala que carece de sentido instalar os postes cinco metros dentro dos predios, e solicita que os postes se instalen na beira, nos lindes das leiras coa pista, co cal soamente se xeraría unha servidume de cinco metros de largo ao longo da leira. Solicita que o poste se instale no extremo leste ou oeste da leira e non no centro. Amosa a súa desconformidade coa oferta económica realizada pola empresa solicitante.

4) Mª José e Mª del Carmen Pazo Regueiro, como propietarias da parcela nº 5, piden que se identifique detalladamente a obriga de ceder espazo de ocupación e voo da liña, ademais de que se identifique o interese xeral ou utilidade pública que xustifica esta suposta intervención. Solicitan que se describan as consecuencias xurídicas que poidan derivar da ocupación e voo da liña e en que medida afecta os titulares da leira, así como as medidas e liñas de indemnización que existen neste tipo de casos.

Cuarto. As alegacións foron remitidas á empresa promotora, que contestou nos seguintes termos:

1) En relación coa alegación de Jesús V. Pazo Buján (predios nº 3, 4 e 5), a empresa promotora respostou corrixindo as ditas propiedades e solicitando a remisión da notificación individual aos novos propietarios.

2) En relación á alegación de José Mejuto Varela (predios nº 7 e 8), a empresa promotora respondeu que non é posible trasladar o apoio nº 5 aos lindes da estación depuradora de augas residuais, xa que implicaría trasladar as afeccións a outros predios non incluídos neste expediente e entraría en conflito coa zona de servidume de protección de bacías. Sinalou que non é precisa a tramitación do proxecto sectorial de incidencia municipal e, con respecto á ocupación temporal de terreos, indica o recollido no artigo 158 do Real decreto 1955/2000, polo cal neste caso non se ocupará máis superficie que a proposta na relación de bens e dereitos afectados, e será durante o levantamento das actas previas á ocupación onde se procederá a sinalar e comprobar sobre o terreo a servidume creada e os bens afectados por esta instalación eléctrica.

A empresa promotora presentou un «escrito complementario» á súa resposta anterior para aclarar o establecido no artigo 161 do Real decreto 1955/2000 respecto á variación de trazado solicitada na alegación e que considera que non está concretada nin precisada en modo ningún. Entende que a solicitude de modificación se propón co obxecto de deixar sen afección ou minimizala no predio número 7 do proxecto.

Se o alegante pretende situar o apoio nº 5 nos terreos da depuradora de augas residuais, na súa esquina nordeste, o promotor expón a súa negativa, xa que se modificaría a afección no predio nº 6, aumentaría no nº 8 e 9 e se afectaría un novo ao leste da depuradora.

Respecto a situar o apoio nº 5 na esquina noroeste da parcela da depuradora de augas residuais, a empresa entende que non é posible xa que se modificaría a afección do predio nº 6 e, aumentaría a do nº 8 e 9, existindo un problema técnico por canto conflúen o regato, o desnivel das súas beiras e as distancias regulamentarias que deben gardar os apoios aos cursos de auga. Por tanto, nas dúas opcións non se cumpriría o límite do 10 % de lonxitude recollido no citado artigo 161, sen que sexan admisibles as ditas variantes xa que o solicitante non acreditou o cumprimento de todos os requisitos sinalados no antedito artigo 161, considerando que o proxecto en tramitación cumpre a normativa, lexislación e regulamentación que se lle pode exixir.

3) Respecto á alegación de José López Gómez (predio nº 6), respondeu que a xustificación da utilidade pública se recolle nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do sector eléctrico. Entende que os apoios nº 6 e 7 a que se refire o reclamante son os apoios nº 4 e 5, e que trasladar á outra beira da pista os ditos apoios implicaría trasladar as afeccións a outros predios non incluídos neste expediente. No caso do apoio nº 4, localizado no predio do reclamante, sitúase nun punto intermedio, ao cal se engade a existencia de dous regatos preto dos lindes desta leira respecto aos cales cómpre non ocupar a zona de servidume de 5 m, por todo iso, considera que non é posible o traslado do apoio nº 4 cara aos lindeiros deste predio. Por último, sinalou que, segundo o Real decreto 223/2008 e punto 1.5.1. da ITC-LAT 07, as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose, en todo caso, ás prescricións que esta instrución establece. Considera que non existen limitacións á constitución da servidume de paso establecida no artigo 57 da Lei do sector eléctrico, e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

4) Polo que atinxe á alegación de Mª José e Mª del Carmen Pazo Regueiro (predio nº 5), a empresa promotora respondeu que a obriga de ceder a superficie afectada pola servidume de paso deriva das implicacións que terá a declaración de utilidade pública deste proxecto. A xustificación da utilidade pública recóllese no artigo 52 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, e os efectos e relacións civís da servidume de paso de enerxía eléctrica atópanse establecidos no título IX da Lei 54/1997, do sector eléctrico, e na sección II do Real decreto 1955/2000. A indemnización que lles corresponda ás propietarias dese predio será establecida no seu momento polo Xurado de Expropiación de Galicia.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE nº 246, do 24 de xullo); a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE nº 285, do 28 de novembro); no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, que establece os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 34, do 16 de febreiro).

Segundo. No presente expediente cumpríronse os trámites sinalados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Terceiro. A autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións obxecto deste expediente, cumpren coa normativa vixente, isto é: a Lei 54/1997, do 27 de novembro; o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación (BOE nº 288, do 1 de decembro); o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias (BOE nº 68, do 19 de marzo); e o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE nº 224, do 18 de setembro).

Cuarto. Á vista das alegacións formuladas e das contestacións achegadas pola empresa solicitante, cómpre facer unhas consideracións previas de carácter xeral en relación coa descrición dos bens afectados, coas peticións de modificación de trazado e coa valoración económica deses bens:

1) As manifestacións e datos que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, así como a medición e descrición exacta das superficies e bens afectados, faranse constar no levantamento da acta previa á ocupación, momento para o cal os interesados afectados serán oportunamente convocados mediante notificación. Este acto desenvolverase de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

2) De conformidade co disposto no apartado 1.5 da Instrución técnica complementaria ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose, en todo caso, ás prescricións que nesta instrución se establecen. É dicir, o trazado da liña será o elixido polo autor do proxecto, sempre que cumpra os requisitos xerais e de seguridade que establece o propio Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e non infrinxa as limitacións e prohibicións que para a constitución de servidumes de paso de liñas aéreas establecen o artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, e o artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro.

3) Polo que respecta á valoración dos terreos e bens afectados, para o caso de que as partes non acaden un acordo previo, a determinación do prezo xusto corresponde ao Xurado de Expropiación de Galicia, de conformidade coas normas establecidas no capítulo III da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e no tamén capítulo III do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957.

Polo que se refire, en concreto, ás alegacións formuladas polos interesados afectados, ademais do sinalado nos tres puntos anteriores deste cuarto fundamento de dereito, cómpre manifestar o seguinte:

1) Con respecto aos posibles erros na titularidade das parcelas (alegación de Jesús V. Pazo Buján) a empresa promotora solicitou a súa corrección. Cómpre salientar que é durante o levantamento da acta previa de ocupación, acto a cal deben ser convocados os interesados conforme establece o artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa, onde se describirá o ben ou dereito expropiable e se farán constar todas as manifestacións e datos que acheguen uns e outros e que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, os seus titulares, o valor daqueles e os prexuízos determinantes da rápida ocupación. O apartado 1 do artigo 4 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, establece: «A declaración de utilidade pública levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa».

2) En relación coas solicitudes de variación de trazado da liña aérea (alegacións de José Mejuto Varela e José López Gómez), hai que dicir que segundo establece o número 1.5 da ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose en todo caso ás prescricións que nesta instrución se establecen. Non queda acreditado que no dito tramo existan limitacións á constitución de servidume de paso recollidas no artigo 57 da Lei do sector eléctrico e 161 do Rel decreto 1955/2000.

3) En relación a que a declaración de utilidade pública solicitada debería ser posterior á autorización administrativa do correspondente proxecto sectorial (alegación de José Mejuto Varela), débese sinalar que a tramitación do expediente se realiza conforme o título VII do Real decreto 1955/2000. Os artigos 40 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e 120 do Real decreto 1955/2000, establecen que as autorizacións serán outorgadas, sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente. Hai que salientar que o concello na resposta á súa separata non manifestou nada ao respecto.

4) Polo que atinxe á falta de notificación da ocupación temporal (alegación de José Mejuto Varela), cómpre citar que o artigo 158 do Real decreto 1955/2000 establece que a servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica comprenderá a ocupación temporal de terreos ou outros bens, se é o caso, necesarios para os fins indicados na alínea c) deste artigo (establecemento, vixilancia, conservación, reparación da liña eléctrica e corte de árbores, se for preciso).

Así mesmo, a afección ás parcelas recóllese no anuncio sometido a información pública, coa relación concreta e individualizada dos bens e dereitos afectados polo procedemento de expropiación forzosa do pleno dominio ou para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica.

Non obstante, cabe dicir que será durante o levantamento da acta previa de ocupación, acto a cal deben ser convocados os interesados conforme establece o artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa, cando se describirá o ben ou dereito expropiable e se farán constar todas as manifestacións e datos que acheguen uns e outros e que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, os seus titulares, o valor daqueles e os prexuízos determinantes da rápida ocupación.

O número 1 do artigo 4 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, establece: «A declaración de utilidade pública levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa».

5) Respecto á medición e descrición exacta das superficies e bens afectados, así como a implantación e piquetaxe das parcelas (alegacións de Mª José e Mª del Carmen Pazo Regueiro e José Mejuto Varela), cabe dicir que será durante o levantamento da acta previa á ocupación, acto ao cal deben ser convocados os interesados segundo establece o artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa, cando se describirá o ben ou dereito expropiable e se farán constar todas as manifestacións e datos que acheguen uns e outros e que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, os seus titulares, o valor daqueles e os prexuízos determinantes da rápida ocupación.

6) Canto á falta de xustificación da utilidade pública (alegación de Mª José e Mª del Carmen Pazo Regueiro e José López Gómez) débese citar que, no artigo 52 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, se declaran de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso. Así mesmo, conforme o artigo 54 da citada lei, a declaración de utilidade pública levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

7) Respecto á indemnización polo valor dos bens e dereitos que se expropien (alegación de Mª José e Mª del Carmen Pazo Regueiro e José López Gómez) débese citar que para o caso de que as partes non acaden un acordo previo, o artigo 156 do Real decreto 1955/2000 establece que, efectuada a ocupación do terreo, se tramitará o expediente de expropiación e a imposición de servidume nas súas fases de prezo xusto e pagamento, segundo a regulación establecida na Lei de expropiación forzosa e nas súas normas de desenvolvemento.

Así mesmo, a indemnización polo valor dos bens e dereitos que se expropian determinarase de conformidade co previsto no capítulo III do título II da Lei de expropiación forzosa; correspondendo a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa, cando a administración expropiante sexa a Comunidade Autónoma, ao Xurado de Expropiación de Galicia, recollido no artigo 232 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia; de conformidade coas normas establecidas no capítulo III da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e no tamén capítulo III do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957.

8) Por último, en relación coas consecuencias xurídicas que poidan derivar da ocupación e voo da liña (alegación de Mª José e Mª del Carmen Pazo Regueiro), débese citar que veñen recollidas no título IX da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, en especial, no número 1 do artigo 58 e no capítulo V do título VII do Real decreto 1955/2000, en especial, no número 1 do artigo 162, os cales establecen: «A servidume de paso de enerxía eléctrica non impide ao dono do predio servente cercalo ou edificar sobre el deixando a salvo a devandita servidume, sempre que sexa autorizado pola Administración competente, que tomará en especial consideración a normativa vixente en materia de seguridade». Poderá o dono solicitar o cambio de trazado da liña se non existen dificultades técnicas, correndo á súa custa os gastos da variación, incluíndo nos devanditos gastos os prexuízos ocasionados».

De acordo co anterior, e no exercicio das competencias atribuídas,

RESOLVE:

Autorizar, aprobar o proxecto de execución, e declarar de utilidade pública, en concreto, as ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as partes ás que figuran no proxecto, e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 23 de maio de 2013

Susana Vázquez Romero
Xefa territorial da Coruña