Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Venres, 28 de xuño de 2013 Páx. 25518

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANUNCIO do 28 de maio de 2013, da Dirección Xeral de Administración Local, polo que se dá publicidade aos acordos de disolución da Mancomunidade do Condado.

O artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, sinala que nos supostos de disolución dunha mancomunidade a iniciativa corresponderá ao Pleno do Mancomunidade, de oficio ou a instancia dos concellos que a constitúen. Este acordo someterase a información pública polo prazo dun mes e ao informe da deputación ou deputacións provinciais respectivas e da consellería competente en materia de réxime local. Rematado o prazo de exposición pública e recibidos os informes, someterase o acordo de disolución aos plenos dos entes mancomunados, resolvéndose ademais as alegacións presentadas ao respecto. O dito acordo requirirá o voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros de cada unha das corporacións das entidades que integran a Mancomunidade.

Aprobado o acordo de disolución pola maioría das entidades mancomunadas, o presidente da Mancomunidade remitirá copia certificada dos acordos á consellería competente en materia de réxime local, para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e comunicarallos á Administración central do Estado para os efectos establecidos pola lexislación básica de réxime local.

Con data do 3 de maio de 2012 recibiuse escrito do presidente da Mancomunidade do Condado en que se xunta a certificación dos acordos plenarios dos concellos de Ponteareas, Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas polos cales se aproba a disolución da citada entidade local, así como a liquidación do patrimonio e o destino do persoal propio.

O Concello de Ponteareas, en sesión plenaria do 16 de outubro de 2012, aprobou o acordo de «Proposta da Alcaldía do 30 de agosto de 2012 ao Pleno da Corporación Municipal. Asunto: disolución da Mancomunidade do Condado. Por unanimidade dos membros presentes acordou:

1º. Prestar aprobación á disolución da Mancomunidade do Condado, en aplicación e para os efectos de cumprimento do previsto no artigo 143.1.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e dado que a Mancomunidade do Condado non realiza na actualidade a prestación de servizos nin os fins para a que foi creada como se recolle na motivación e acordo da Xunta da Mancomunidade do 25 de abril de 2012.

2º. a) Aceptar a transferencia/reasignación dos traballadores da Mancomunidade que corresponderían ao Concello de Ponteareas de acordo cos acordos da Xunta de Mancomunidade de datas 25 de abril de 2012 e 25 de xuño de 2012, comprometéndose o Concello de Ponteareas a realizar a tramitación oportuna para integrar os ditos traballadores co seguinte detalle:

– Ángel Presas Carrera, como funcionario propio do Concello, respectando a súa escala, subescala, clase, grupo e subgrupo, con adscrición a un posto de traballo equivalente de similares características e funcións e respectando as súas retribucións de orixe. En concreto, a súa transferencia/reasignación realizaríase na praza por crear que sinala no punto 3.

– Ricardo Fortes Souto: como persoal laboral indefinido, nun posto de traballo equivalente de similares características e funcións, respectando as súas retribucións de orixe e tendo en conta que a súa categoría na Mancomunidade é a de condutor, grupo IV. En concreto, a súa integración realizaríase na praza nº 1.05.09 do cadro de persoal (categoría: condutor operador de pa; grupo convenio 4; xornada: 100; observacións: carné de conducir C) que se sinala no punto 3, levándose as diferenzas de retribucións que resulten ao concepto diferenzas de convenio.

b) Aceptar que a integración dos traballadores que corresponde ao Concello se produza no momento en que queden amortizados os seus postos de traballo na Mancomunidade como consecuencia da disolución desta, o que se verificará mediante oficio do presidente da Mancomunidade en que se comunique aos concellos que o acordo de disolución foi aprobado pola maioría dos concellos mancomunados».

O Concello de Salvaterra de Miño, en sesión plenaria do 26 de novembro de 2012, aprobou o acordo de «Disolución da Mancomunidade do Condado e a aprobación inicial da modificación do cadro de persoal». Por 8 votos a favor e 4 en contra acordou:

Primeiro. Prestar aprobación á disolución da Mancomunidade do Condado, en aplicación e para os efectos de cumprimento do previsto no artigo 143.1.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, debido a que, como se recolle na motivación e acordo da Xunta da Mancomunidade do 25 de abril de 2012, a Mancomunidade do Condado non realiza na actualidade a prestación de servizos nin os fins para a que foi creada.

Segundo. 1) Aceptar a transferencia/reasignación do funcionario da Mancomunidade que correspondería ao Concello de Salvaterra do Miño de acordo cos acordos da Xunta de Mancomunidade do 25 de abril de 2012, comprometéndose o Concello de Salvaterra do Miño a realizar a tramitación oportuna para esta integración co seguinte detalle:

– Hermindo Castelo Castro, como funcionario propio do Concello, respectando a súa escala, subescala, clase, grupo e subgrupo, con adscrición a un posto de traballo equivalente de similares características e funcións, respectando as súas retribucións de orixe, así como a quilometraxe, por ser o acordado na Mancomunidade cos representantes dos empregados públicos.

2) Aceptar que a integración do funcionario ao Concello se produza no momento en que queden amortizados os seus postos de traballo na Mancomunidade como consecuencia da disolución desta, o que se verificará mediante oficio do presidente da Mancomunidade en que comunique aos concellos que o acordo de disolución foi aprobado pola maioría dos concellos mancomunados, sempre que nesa data estea en vigor a aprobación definitiva da modificación do cadro de persoal que dea cobertura a esa praza.

Terceiro. Co fin de dar cumprimento ao sinalado no anterior punto segundo:

1) Aprobar inicialmente a seguinte modificación do cadro de persoal do Concello:

– Creación dunha praza de funcionario de oficial barrenista «a amortizar», integrada na escala de Administración especial, subescala de servizos especiais, pertencente ao grupo C, subgrupo C2, nivel de complemento de destino 12 e cun complemente específico de 623,76 euros en 12 pagas.

2) Someter o expediente de modificación do cadro de persoal a información pública polo prazo de 15 días hábiles, mediante anuncio no Boletín Oficial da provincia e no taboleiro de anuncios do Concello, durante os cales os interesados poderán examinar o expediente e presentar as alegacións e reclamacións que consideren pertinentes.

A modificación do cadro de persoal considerarase definitivamente aprobada se durante o citado prazo non se tivesen presentado reclamacións; en caso contrario, o Pleno disporá do prazo dun mes para resolvelas.

Cuarto. Dar conta á comisión informativa dos asuntos comprendidos na orde do día do Pleno, cumprindo o establecido no artigo 126.2 do ROF».

O Concello de Salceda de Caselas, en sesión plenaria do 21 de decembro de 2012, aprobou o acordo de «Disolución da Mancomunidade do Condado e reasignación dos funcionarios Benjamín Pazos González e Antonio Freijanes Martínez, como funcionarios propios do Concello, respectando a súa escala, subescala, clase, grupo e subgrupo, con adscrición a un posto de traballo equivalente de similares características e funcións respectando as súas retribucións de orixe, debendo iniciarse os trámites oportunos para levar a cabo dita reasignación».

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2013

José Norberto Uzal Tresandí
Director xeral de Administración Local