Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Mércores, 26 de xuño de 2013 Páx. 24814

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 96/2013, do 13 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada provincial EP-8704 Catoira-Estación a prol do Concello de Catoira.

A teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma e das entidades locais deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo de acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón, no artigo 54, que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas nos que a circulación adquira características urbanas, se lles entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da Administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

O Concello de Catoira solicita á Deputación Provincial de Pontevedra o cambio de titularidade da estrada provincial EP-8704 Catoira-Estación de 675 metros, xa que adquiriu características netamente urbanas.

O Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra acordou, na sesión ordinaria do día 24.2.2012, o cambio de titularidade da estrada provincial EP-8704 Catoira-Estación a prol do Concello de Catoira.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de xuño de dous mil trece,

DISPÓN:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Catoira da estrada provincial EP-8704 Catoira-Estación de 675 metros de lonxitude.

Artigo 2

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais no marco das súas competencias e de acordo cos correspondentes plans de estradas, o Concello de Catoira deberá incorporar ao seu plan de estradas a vía ao que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega da vía formalizarase, no prazo de dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Catoira, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xuño de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas