Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Mércores, 26 de xuño de 2013 Páx. 24816

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 97/2013, do 13 de xuño, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción: mellora de intersección no p.q. 3+530, na AC-151, no Concello de Vilarmaior (clave: AC/10/219.06).

Con data do 27 de agosto de 2012, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas resolveu aprobar o proxecto de construción: mellora de intersección no p.q. 3+530, na AC-151, no Concello de Vilarmaior (Clave: AC/10/219.06).

O mencionado proxecto ten por obxecto a mellora da intersección situada na contorna do p.q. 3+530 da estrada AC-151, co obxecto de garantir a seguridade para os usuarios desa vía, e así evitar riscos innecesarios para os veciños.

Formúlase un desprazamento do punto de conexión, xa que o actual está situado nunha zona de pouca visibilidade. Así, proponse construír unha variante do trazado actual, desprazando o punto de encontro coa AC-151, trasladándoo ata o p.q. 3+590. Ademais, co fin de mellorar a visibilidade na nova conexión, procederase ao acondicionamento do noiro situado na marxe esquerda, diminuíndo a súa inclinación de xeito que non supoña un obstáculo para a visibilidade.

A situación existente obriga unha inmediata actuación dos poderes públicos para facer fronte aos problemas de seguridade viaria na zona da AC-151. De aí a necesidade de proceder de xeito inmediato á execución do proxecto de referencia e, consecuentemente, a unha urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios, os cales aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

De conformidade co artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, a aprobación dos proxectos de estradas de titularidade autonómica implicará a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos correspondentes aos fins de expropiación, de ocupación temporal ou de imposición ou modificación de servidumes.

A competencia para declarar a urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia a teor do previsto no artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día trece de xuño de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción: mellora de intersección no p.q. 3+530, na AC-151, no Concello de Vilarmaior (Clave: AC/10/219.06).

Santiago de Compostela, trece de xuño de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas