Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Luns, 17 de xuño de 2013 Páx. 23189

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2013 pola que se fai pública a aprobación definitiva e as disposicións normativas do Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal, aprobado mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de maio de 2013.

En cumprimento do disposto no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, faise pública a aprobación definitiva, mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de maio de 2013, do Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal, sometido a información pública mediante Anuncio do 24 de xullo de 2012 (DOG nº 146, do 1 de agosto, e xornal La Voz de Galicia da mesma data), cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1º. Aprobar definitivamente o Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal para os efectos previstos pola Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e polo Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

2º. Declarar como de utilidade pública e interese social para os efectos expropiatorios o Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal».

Contra este acordo cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Así mesmo, en virtude do artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de marzo, de ordenación do territorio de Galicia (modificado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia) publícanse como anexo as disposicións normativas do Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal para a súa entrada en vigor.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2013

María del Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

ANEXO
Disposicións normativas do Plan sectorial de implantación e desenvolvemento
das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico
de Galicia xestionadas por Retegal

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza e obxecto

1. O Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas de telecomunicacións da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal (Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A.) é un instrumento de ordenación territorial de incidencia supramunicipal elaborado ao abeiro do disposto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

2. O obxecto do Plan sectorial é o establecemento dun marco de ordenación xeral para as infraestruturas de telecomunicacións titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o que integrará non só a planificación sectorial previa para a implantación de futuras infraestruturas de telecomunicacións que se desenvolverán por medio de proxectos técnicos ou proxectos sectoriais concretos, senón a regularización das infraestruturas existentes dentro do marco xurídico resultante tras a aprobación do Plan sectorial, que pretendan manterse de acordo coa análise loxística e a estratexia de actuación do Plan.

Artigo 2. Obxectivos

Os obxectivos que se pretenden alcanzar a través do presente plan sectorial son:

a) Ofrecer unha análise da situación das infraestruturas de telecomunicacións titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que sirva como base para identificar as necesidades prioritarias na materia e para definir as iniciativas que ao respecto deben adoptarse pola Administración autonómica.

b) Que se dean as condicións axeitadas para posibilitar un acceso de calidade polos usuarios, empresas e administracións públicas aos cambiantes servizos de telecomunicacións e as novas tecnoloxías da información e da comunicación.

c) A uniforme implantación das infraestruturas de telecomunicacións titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en todo o territorio de Galicia.

d) A posibilidade de integración e interconexión das redes soportadas polas infraestruturas obxecto do Plan sectorial, a escala internacional, nacional, autonómica e local.

e) Que o despregamento das infraestruturas de telecomunicacións titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia se realice dunha forma eficiente e adecuada desde un punto de vista urbanístico e de ordenación do territorio, ambiental, paisaxístico e de protección do patrimonio cultural.

f) A cobertura das necesidades, actuais e futuras, de servizos e tecnoloxías da información e comunicación na Comunidade Autónoma de Galicia.

g) O establecemento do marco xurídico aplicable ao despregamento e instalación de infraestruturas de telecomunicacións titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Ámbito de aplicación

O presente plan sectorial é de aplicación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Vixencia, revisión e modificación

1. O Plan sectorial terá unha vixencia indefinida.

2. Non obstante, transcorridos cinco anos desde a súa aprobación, Redes de Telecomunicación Galegas, Retegal, S.A. elevará un informe á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia avaliando o grao de cumprimento do Plan e propoñendo, se é o caso, as modificacións que considere necesarias.

3. Aos dez anos de vixencia do Plan, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia valorará a conveniencia de proceder a unha revisión de conxunto deste. O procedemento de revisión iniciarase tamén se con anterioridade ao transcurso do citado prazo sobreviñesen circunstancias que obrigasen a reconsiderar o Plan na súa globalidade.

4. As revisións e modificacións do Plan sectorial levaranse a cabo de conformidade co establecido na lexislación en materia de ordenación do territorio.

Artigo 5. Eficacia

1. As determinacións establecidas no presente documento non implican clasificación urbanística do solo.

2. As previsións contidas neste plan sectorial establécense no marco da ordenación territorial e enténdense sen prexuízo doutras máis restritivas que poidan vir impostas pola lexislación sectorial.

3. As determinacións contidas no presente plan sectorial serán directamente aplicables unha vez producida a súa entrada en vigor. Sen prexuízo do anterior, os planeamentos urbanísticos dos municipios afectados pola ordenación incorporada a este plan deberán adaptarse ás súas determinacións nos termos e prazos dispostos nesta normativa.

4. A aprobación definitiva do presente plan sectorial levará implícita a declaración de utilidade pública ou interese social das infraestruturas de telecomunicacións enumeradas na súa parte II, así como a necesidade da ocupación dos bens e dereitos necesarios para a regularización, execución e implantación das infraestruturas de telecomunicacións previstas neles, para os efectos de expropiación forzosa ou de imposición de servidumes.

5. A aprobación definitiva dos instrumentos de ordenación do territorio que desenvolvan o presente plan sectorial levará implícita a declaración de utilidade pública ou interese social das infraestruturas de telecomunicacións, así como a necesidade da ocupación dos bens e dereitos necesarios para a execución das infraestruturas de telecomunicacións previstas neles, para os efectos de expropiación forzosa ou de imposición de servidumes.

TÍTULO II
Principios reitores da intervención pública en materia
de infraestruturas de telecomunicacións

Artigo 6. Principios de intervención

1. Partindo dos criterios de sustentabilidade ambiental, de uso eficiente dos recursos naturais e de adaptación paisaxística, a intervención no territorio mediante actuacións de telecomunicacións perseguirá:

a) O establecemento dos axeitados equipamentos e dotacións de telecomunicacións no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A axeitada execución e xestión das infraestruturas de telecomunicacións necesarias conforme o Plan sectorial e os seus instrumentos de desenvolvemento.

c) A implantación efectiva das redes e os servizos requiridos polo Plan.

2. En todas as actuacións relativas á execución e implantación de novas infraestruturas de telecomunicacións, resultarán de aplicación os seguintes criterios:

a) A harmonización do despregamento das redes de telecomunicacións coa finalidade de protección do ambiente.

b) A integración das infraestruturas de telecomunicacións requirida polas redes no ámbito urbanístico e territorial, minimizando o impacto visual.

c) A optimización das situacións e os trazados dos elementos, para que, na medida do posible, os distintos provedores de servizos de telecomunicacións concentren as súas instalacións nos mesmos soportes materiais, coa finalidade de diminuír ao mínimo o número e o impacto destas infraestruturas garantindo, ao mesmo tempo, unha axeitada cobertura á demanda, sempre que iso sexa tecnicamente viable, e supoña unha efectiva redución do impacto ambiental e paisaxístico.

d) A proxección das infraestruturas de telecomunicacións deberá xustificar a súa coherencia co modelo previsto pola ordenación territorial e urbanística, establecendo as súas características dimensionais en función desta e da satisfacción ponderada das necesidades de servizos actuais e futuros.

e) A ponderación de alternativas, de modo que se opte pola que xere un menor impacto ambiental e supoña un menor consumo dos recursos, incluído o solo e os materiais. En particular, toda creación dunha nova infraestrutura deberá sopesar a alternativa de mellora das existentes.

f) A análise da súa incidencia nos ecosistemas aos cales afecte e o establecemento, se é o caso, das medidas correctoras precisas para minimizar os seus efectos.

g) Potenciarase que as redes de telecomunicacións aproveiten as canalizacións ou galerías de servizo xa existentes doutras subministracións e servizos como auga, saneamento, redes de control de tráfico (entre outras, de semáforos, cámaras, paneis electrónicos), redes de iluminación, eléctricas, así como a existencia de canalizacións para o efecto no bordo ou subsolo das redes viarias, sempre que non existan inconvenientes significativos para o eficiente uso da rede de infraestruturas e subministración que se pretenda usar.

h) Fomentarase a ampliación da cobertura dos servizos de comunicacións electrónicas por redes terrestres e de radio, de modo que dea cobertura a todo o territorio de Galicia, con criterios de razonabilidade económica.

i) A protección da saúde dos cidadáns de conformidade co marco normativo xeral en materia de telecomunicacións, así como a protección do territorio e dos recursos naturais.

j) Evitarase a afección directa ou indirecta a especies de flora e fauna así como dos seus hábitats, catalogados legalmente.

3. Os operadores titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia terán dereito á ocupación do dominio público na medida en que isto sexa necesario para o despregamento dunha rede pública de comunicacións electrónicas, todo isto de conformidade co establecido no marco normativo xeral en materia de telecomunicacións.

4. Os anteriores operadores tamén terán dereito á ocupación da propiedade privada cando resulte estritamente necesario para a instalación da correspondente infraestrutura na medida recollida no correspondente proxecto técnico e sempre que non existan outras alternativas economicamente viables, xa sexa a través da expropiación forzosa ou mediante declaración de servidume forzosa, todo isto de conformidade co sinalado no marco normativo xeral en materia de telecomunicacións.

5. En ambos os casos, os operadores de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia poderán ter a condición de beneficiarios nos expedientes de expropiación forzosa que se tramiten, de conformidade co sinalado na lexislación sobre expropiación forzosa.

Artigo 7. Compartimento e uso compartido das infraestruturas de telecomunicacións titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia fomentará o compartimento e uso compartido das súas infraestruturas de telecomunicacións cos operadores, sen prexuízo daqueles supostos en que o compartimento sexa susceptible de ser imposto en aplicación da normativa estatal básica en materia de telecomunicacións ou da normativa autonómica en materia de urbanismo, ordenación do territorio, ambiente, seguridade, patrimonio cultural ou paisaxe.

2. As redes de infraestruturas de telecomunicacións de nova construción deberán ser proxectadas co obxectivo de permitir o compartimento de servizos ou, no seu defecto, o uso compartido de elementos e aparellos, baixo o principio de neutralidade tecnolóxica, e deberán garantir o dereito de acceso a elas de todos os operadores en condicións de igualdade, universalidade e non discriminación.

3. Igualmente, as instalacións, cuartos, casetas e armarios serán executados de tal forma que poidan permitir o uso compartido deles polos distintos operadores, así como o compartimento dos equipamentos auxiliares, tales como xeradores ou aire acondicionado.

TÍTULO III
Desenvolvemento do Plan sectorial

CAPÍTULO I
Instrumentos de ordenación de desenvolvemento do Plan sectorial.
Contido e metodoloxía de elaboración

Artigo 8. Instrumentos de ordenación de desenvolvemento do Plan sectorial

O desenvolvemento do presente plan sectorial para a implantación das novas infraestruturas previstas nas áreas de localización preferente realizarase a través de proxectos sectoriais, de conformidade co disposto na lexislación en materia de ordenación do territorio.

As implantación das infraestruturas previstas cuxa localización resulte definida no presente plan sectorial poderanse acometer a través dos correspondentes proxectos ordinarios de obra e actividade de acordo coa vixente lexislación urbanística desta comunidade autónoma.

Artigo 9. Áreas de localización preferente de novas infraestruturas de telecomunicacións

1. Para minimizar o impacto sobre o territorio das novas infraestruturas de telecomunicacións, o modelo de ordenación definido por este plan sectorial baséase na cualificación dun conxunto de áreas de localización preferente, entendidas estas como aqueles espazos en que se desenvolven usos de infraestrutura de telecomunicación, seleccionados de entre a totalidade do territorio e co carácter de especial aptitude para o uso indicado.

2. Os ámbitos de referencia serán deste modo os enclaves en que se poderán implantar as novas infraestruturas de telecomunicacións, e que permitirán cumprir coas necesidades de cobertura e servizo, sendo os proxectos sectoriais os que determinen a localización exacta das infraestruturas de telecomunicacións.

Non obstante, naqueles casos en que non resulte necesaria a expropiación forzosa ou a constitución de servidumes forzosas e a instalación da correspondente infraestrutura de telecomunicacións se realice sobre solo en que este uso estea admitido pola lexislación ou a ordenación urbanística, a súa implantación poderá acometerse a través dun proxecto ordinario de obra e actividade.

3. A delimitación dos ámbitos de referencia definidos polo Plan poderá ser reaxustada a través do correspondente proxecto sectorial, sempre e cando non implique unha variación da superficie superior ao 20 % do ámbito de referencia delimitado. Este reaxuste da delimitación dos ámbitos de referencia en ningún caso terá a consideración de modificación deste plan sectorial.

4. Os proxectos sectoriais que teñan por obxecto a implantación de novas infraestruturas de telecomunicacións nas áreas de localización preferente evitarán, na medida do posible, que a súa instalación teña lugar nos espazos protexidos regulados pola Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

Para o caso de que non sexa tecnicamente posible situar as novas infraestruturas de telecomunicación fóra de espazos protexidos, os proxectos sectoriais terán que ser previamente autorizados polo órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza

5. Excepcionalmente, e por razóns debidamente xustificadas, poderán implantarse ademais infraestruturas de telecomunicacións fóra dos devanditos ámbitos de referencia, a través dun proxecto sectorial.

6. Os proxectos sectoriais poderán comprender a localización e implantación dunha ou varias infraestruturas, xa sexa atendendo a criterios baseados na programación orzamentaria pública, na planificación cronolóxica das actuacións que se van desenvolver, nas distintas necesidades poboacionais, na distribución xeográfica das infraestruturas programadas ou nas prioridades tecnolóxicas ou de servizo detectadas.

Artigo 10. Carácter territorial das infraestruturas de telecomunicacións

Para os efectos previstos na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, as infraestruturas que resulten incluídas nos proxectos sectoriais formulados en desenvolvemento deste plan sectorial cualifícanse como obras de marcado carácter territorial.

Artigo 11. Obxectivos básicos dos instrumentos de desenvolvemento do Plan sectorial

O desenvolvemento do Plan sectorial e a implantación e execución de infraestruturas de telecomunicacións deberá dirixirse, preferentemente, cara á definición e implantación daquelas que:

a) Teñan por obxecto unha axeitada inserción de Galicia nas redes transnacionais de telecomunicacións, facilitando o movemento de persoas, bens e información.

b) Teñan por obxecto a previsión ou continxencia de riscos catastróficos.

c) Teñan efectos integradores do territorio, permitindo alcanzar economías de escala, e as que vaian dirixidas a garantir unha axeitada articulación territorial.

d) Garantan a suficiencia das infraestruturas de telecomunicacións para fins administrativos, sanitarios, educativos, sociais, culturais e de emerxencias.

e) Permitan o desenvolvemento dos sectores de actividades que se deben potenciar, e as que teñan por obxecto a rehabilitación das zonas rurais e a recuperación e conservación da súa paisaxe, así como as melloras no transporte e o uso ordenado do litoral.

f) Melloren o atractivo e competitividade das cidades e vilas galegas.

Artigo 12. Determinacións mínimas dos proxectos que desenvolvan o Plan sectorial

1. Os proxectos sectoriais que desenvolvan o Plan sectorial deberán recoller as seguintes especificacións, de conformidade co seu alcance e contido, ademais das especificacións establecidas na lexislación en materia de ordenación do territorio:

a) Os criterios que deben cumprir as instalacións de telecomunicacións en materia de ocupación do territorio.

b) As específicas condicións que deben cumprir as infraestruturas de telecomunicacións para adaptarse ao concreto territorio e minorar os impactos visuais, ambientais e paisaxísticos.

c) As áreas de trazado das infraestruturas troncais, que se situarán preferentemente no sistema xeral viario.

d) As condicións concretas dos proxectos de urbanización, que aseguren o menor impacto e a adecuación ao ámbito das obras que se van realizar.

2. Os proxectos sectoriais que desenvolvan este plan sectorial conterán, ademais da documentación a que se refiren os artigos 23 da Lei 10/1995, do 25 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e 7 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os planes e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, un estudo de impacto e integración paisaxística, estudos de afección dos espazos naturais incluídos na Rede Natura e os planos de riscos naturais naqueles casos en que resulte preceptiva a súa exixibilidade consonte a lexislación aplicable.

3. Os proxectos sectoriais, naqueles casos en que preveñan a implantación de novas infraestruturas de telecomunicación situadas fóra dos espazos protexidos regulados na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, deberán conter entre a súa documentación un estudo ambiental coa finalidade de determinar se as devanditas infraestruturas de telecomunicacións producen de forma significativa afeccións a hábitats naturais de interese comunitario e especies protexidas.

Artigo 13. Metodoloxía de avaliación de alternativas de ordenación de infraestruturas de telecomunicacións.

1. Os proxectos sectoriais deberán ir acompañados dun estudo detallado de alternativas, que formule diferentes opcións, e que, especialmente, deberá ter en conta as necesidades de despregamento, tratando de coordinar a homoxeneización destes despregamentos.

2. A metodoloxía de avaliación de alternativas de ordenación deberá seguir as seguintes fases estruturadas:

a) Análise e estudo das necesidades actuais e futuras.

b) Elaboración dun estudo multicriterio das posibles localizacións das infraestruturas que se van executar desde un punto de vista de impacto ambiental, paisaxístico, territorial, visual, socioeconómico, cultural, para a seguridade e as emerxencias.

c) Valoración ponderada, clara, uniforme e coherente, con criterios obxectivos e subxectivos, elaborada de forma independente para cada criterio de valoración, respecto de cada unha das alternativas propostas.

d) Determinación da alternativa de ordenación máis adecuada desde un punto de vista urbanístico, de ordenación do territorio, ambiental, paisaxístico e ambiental.

3. Cada alternativa formulada, para os efectos de valoración homoxénea entre elas, debe establecer un escenario en que se satisfagan os obxectivos sectoriais actuais e a súa evolución futura, entendendo por estas últimas as necesidades de creación de novas infraestruturas de telecomunicacións.

4. Os traballos técnicos necesarios para o estudo e a valoración do cumprimento de requisitos implicarán, para o caso dos servizos prestados por redes terrestres, a xustificación da elección de traxectorias destas redes, os proxectos deberán realizar estudos que determinen o grao de poboación con acceso potencial achegado polas devanditas redes, garantindo que se cumpren os requisitos mínimos de prestación de servizos definidos no presente plan sectorial.

Artigo 14. Criterios para valorar a protección territorial e ambiental

Para os efectos de discriminar na elaboración dos proxectos sectoriais entre distintas alternativas, dispóñense os seguintes criterios de ponderación e valoración da adecuación á debida protección ambiental das instalacións e infraestruturas de redes de comunicacións electrónicas ao público:

a) Que a infraestrutura que se vai executar analice pormenorizadamente a adecuación da situación elixida, mostrando as alternativas estudadas e xustificando axeitadamente a elección dunha delas de conformidade co disposto no Plan sectorial, no estudo de impacto ambiental, de ser o caso, e coas características técnicas da infraestrutura que se vai executar.

b) Que a infraestrutura que se vai situar responda ao uso do solo en que se sitúa, partindo da análise e estudo das características propias deste. Deberanse priorizar as situacións cuxo nivel de protección e impacto sobre o medio natural e paisaxístico sexa menor.

c) Que a infraestrutura aplique criterios de mínimo impacto, con medidas concretas para a súa inserción no contorno de acordo coas súas características morfolóxicas, analizando a súa repercusión nel.

d) Que as características técnicas, situación e demais elementos que se deben valorar sexa adecuada e proporcionada, xustificándose a necesidade da intervención conforme os criterios de minimización de infraestruturas, reutilización de canalizacións e compartición e localización conxunta.

Artigo 15. Criterios para valorar a integración paisaxística

Para determinar a correcta integración paisaxística da infraestrutura de telecomunicacións valorarase:

a) Que a infraestrutura que se vai executar estea deseñada, sen prexuízo de limitacións técnicas, de acordo coas características cromáticas, volumétricas, naturais, paisaxísticas e ambientais do lugar en que se insire.

b) As construcións anexas proxéctanse de modo que todos os seus paramentos exteriores e cubertas estarán totalmente rematados, con emprego neles das formas e materiais que menor impacto produzan así como das cores tradicionais na zona ou, en todo caso, os que favorezan en mellor medida a integración no ámbito inmediato e na paisaxe.

c) En solo rústico, os elementos que conforman os centros de telecomunicacións, a excepción da torres, débense atopar debidamente integradas no contorno.

d) Que as vías de servizo sexan realizadas co mínimo impacto, cromaticamente acorde co contorno e coas marxes axeitadamente integradas e mimetizadas de conformidade con este.

e) Que nos contornos urbanos se teña en conta a visión destas desde os espazos públicos para minimizar o impacto visual.

f) Que as infraestruturas que deban situarse nos centros históricos, en ámbitos afectados por algunha protección de patrimonio, en lugares dun relevante interese turístico ou en espazos naturais protexidos, así como nas proximidades de calquera destes, presten especial atención á súa incidencia visual no elemento ou ámbito protexido e adopten todas as medidas para minimizar o seu impacto visual, con especial coidado á visión que desta se teña xunto a/ou desde o elemento protexido, miradoiros, praias ou puntos singulares.

Artigo 16. Efectos derivados da tramitación do Plan sectorial

O sometemento do Plan sectorial ao trámite de avaliación ambiental estratéxica comportará a innecesariedade de sometemento dos proxectos sectoriais que se formulen en desenvolvemento deste plan ao devandito trámite.

Exceptúanse os casos en que o proxecto sectorial comporte a implantación dunha infraestrutura nun lugar de localización situado dentro das áreas de localización preferente delimitadas neste plan sectorial, así como nos supostos definidos nos números 3 e 4 do artigo 9. Nestes casos os proxectos sectoriais deberán ser remitidos ao órgano ambiental competente para valorar se procede sometelos ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

Do mesmo xeito, o sometemento do Plan sectorial aos informes e autorizacións sectoriais de competencia autonómica non requirirá a súa nova emisión con motivo da tramitación dos proxectos sectoriais de desenvolvemento para a implantación das infraestruturas cuxa localización estea perfectamente definida no presente plan, naquelas materias en que este xa recibise o informe favorable dos ditos organismos e departamentos autonómicos.

CAPÍTULO II
Licenzas municipais

Artigo 17. Licenzas

1. As infraestruturas de telecomunicacións cuxa futura implantación se leve a cabo mediante a formulación dun proxecto sectorial non estará suxeita a licenza urbanística municipal nos supostos que así resulten previstos na lexislación de ordenación territorial desta comunidade autónoma.

2. Porén o anterior, as infraestruturas de telecomunicacións, atendendo á natureza dos servizos prestados, estarán sometidas á obtención previa da preceptiva licenza municipal de actividade. Non obstante, respecto daquelas instalacións en que así o estableza a lexislación sectorial, a licenza previa será substituída por declaracións responsables, ou ben por comunicacións previas, de conformidade co disposto no artigo 71.bis da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, relativas ao cumprimento das previsións legais na normativa vixente, e co contido sinalado na referida lexislación sectorial aplicable.

3. O procedemento de concesión das licenzas de actividade e, se é o caso, urbanísticas, relativas ás infraestruturas de telecomunicacións cuxo concreto emprazamento resulte previsto no presente plan sectorial, así como das licenzas de actividade daquelas infraestruturas cuxa implantación se determine, a través dun proxecto sectorial, nas áreas de localización preferente previstas neste plan, non requirirá a emisión dos informes sectoriais ou autorizacións de competencia autonómica naquelas materias nas cales o presente plan sectorial xa recibise o informe favorable dos organismos e departamentos correspondentes.

TÍTULO IV
Criterios técnicos

Artigo 18. Definición de obxectivos de requisitos mínimos de servizo

1. Co fin de asegurar unha axeitada cobertura dos servizos de comunicacións electrónicas, os proxectos sectoriais deberán realizar a previsión dos ámbitos de referencia necesario para garantir unhas coberturas mínimas, que se definirán para determinados servizos en función das porcentaxes de poboación ou de superficie que deba ser cuberta, ou en relación á cobertura de determinadas zonas ou ámbitos especialmente relevantes.

2. As infraestruturas de radio deberán:

a) Conseguir dispoñer do número necesario de localizacións e situacións para a instalación de estacións base para os operadores de comunicacións electrónicas móbiles, xa que a proliferación futura de servizos móbiles que requiren de maiores velocidades de conexión só poderá ser satisfeita se se incrementa a densidade de estacións base, especialmente en ámbitos urbanos, pero tamén ao mesmo tempo, en ámbitos rústicos, ao ser este tipo de tecnoloxías as máis axeitadas candidatas para alcanzar os obxectivos de acceso de banda larga en zonas rurais, e conseguir a súa integración na banda larga, e polo tanto, na sociedade da información e do coñecemento. Todo iso, tendo especial coidado co respecto ao ambiente e á paisaxe.

b) Conseguir maximizar as infraestruturas nas localizacións existentes mediante o fomento do compartimento e a localización compartida destes.

3. En canto ás infraestruturas de redes terrestres, procurarase conseguir a utilización eficiente dos recursos e equipamentos existentes na actualidade como condutos e cámaras subterráneas, galerías de servizo, bocas de inspección, distribuidores, antenas, mastros, torres e outras estruturas de soporte, así como a súa planificación en novos desenvolvementos urbanísticos e a adecuación ás novas técnicas de despregamento.

Artigo 19. Características das instalacións e infraestruturas de telecomunicacións

1. Co fin de asegurar unha correcta previsión das necesidades de solo, e da correcta integración territorial e visual das redes de telecomunicacións, os proxectos que desenvolvan o Plan sectorial deberán prever os seguintes elementos en función do tipo de infraestrutura:

a) Infraestruturas para servizos por radio:

1) Parcela.

2) Torre de telecomunicacións.

3) Elementos incorporados á torre (antenas, paneis e outros elementos radiantes).

4) Construcións anexas á torre de telecomunicacións ou construcións auxiliares.

5) Elementos no interior da caseta ou edificación.

6) Peche perimetral.

7) Outros elementos.

8) Accesos e camiños de acceso.

9) Subministración de enerxía eléctrica.

10) Canalizacións menores internas.

11) Cableados de comunicacións.

12) Outras infraestruturas necesarias (soterradas e non soterradas).

13) Áreas de servizo.

b) Infraestruturas para servizos terrestres:

b.1) Canalizacións de infraestruturas terrestres:

1) Trazado de canalización.

2) Rexistros e arquetas intermedios.

3) Servizos de mantemento.

4) Normas de seguridade.

b.2) Puntos de interconexión de infraestruturas terrestres:

1) Edificación onde se realiza: inmoble, caseta, cuarto, armario ou similar.

2) Accesos técnicos.

3) Vías de accesos físicos e camiños de acceso ao punto de interconexión.

c) Infraestruturas para redes de seguridade e emerxencias: neste caso, serán tidas en conta as mesmas que foron definidas para as redes radio.

2. Para os efectos de dar cumprimento ao previsto nos ordinais anteriores, procurarase observar as normas e estándares do sector, e en xeral as definidas por organismos acreditados de normalización e estandarización.

Artigo 20. Liñas eléctricas de acometida situadas en zonas de protección para a avifauna

A construción das liñas eléctricas de acometida situadas en zonas de protección para a avifauna recollidas na Resolución do 28 de novembro de 2011, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, seranlle aplicables as medidas de prevención contra a electrocución e a colisión reguladas no Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, polo que se establecen medidas para a protección da avifauna contra a colisión e electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.

TÍTULO V
Infraestruturas preexistentes

Artigo 21. Instalacións e infraestruturas obsoletas, inseguras ou inactivas

1. Co obxecto de minimizar os efectos sobre o ambiente, a paisaxe e o patrimonio cultural, procederase ao desmantelamento das instalacións obsoletas, inseguras ou inactivas nun prazo de dous anos.

2. Son instalacións e infraestruturas inseguras as que presenten unha situación de ruína urbanística e as que supoñan un risco para a saúde e a seguridade do persoal encargado do seu mantemento ou de terceiros.

3. Entenderase que están inactivas aquelas instalacións ou infraestruturas en que se produza un cesamento definitivo na súa utilización.

4. O desmantelamento das instalacións ou infraestruturas comportará, salvo mellor opción, a obriga de restituír o lugar de localización ao estado inmediatamente anterior ao momento en que se procedeu á súa instalación.

5. O cambio de localización dos centros e infraestruturas previstos neste artigo realizarase, en todo caso, en coherencia coas necesidades da rede e de acordo coas previsións que resulten incorporadas ao Plan de telecomunicacións que elabore a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 22. Centros e instalacións existentes

1. Os centros e instalacións de telecomunicacións existentes no momento da entrada en vigor deste plan sectorial, recollidas no anexo I, terán a consideración de infraestruturas de interese público autonómico, e o seu eventual desmantelamento ou cambio de localización soamente poderá realizarse nos termos previstos no artigo anterior.

2. Calquera procedemento administrativo tendente á regularización das infraestruturas existentes dentro do marco xurídico resultante tras a aprobación do Plan sectorial, ou desmantelamento dos devanditos centros e instalacións non requirirá da emisión dos informes sectoriais ou autorizacións de competencia autonómica naquelas materias sobre as cales o presente plan sectorial xa recibiu informe.

3. De forma potestativa, poderá acudirse á elaboración dun proxecto sectorial de cara á regularización dun conxunto de centros e/ou infraestruturas de telecomunicacións existentes, sen prexuízo de que a súa regularización se poida realizar de forma individual a través dos correspondentes proxectos técnicos de acordo coa vixente lexislación urbanística desta comunidade autónoma. Os devanditos proxectos sectoriais poderán comprender a regularización dunha ou varias infraestruturas, xa sexa atendendo a criterios loxísticos, de homoxeneidade xeográfica, ou calquera outro que se entenda conveniente ás necesidades e programacións de Retegal.

TÍTULO VI
Efectos e incidencia do plan sectorial nos planeamentos
e normativas urbanísticas vixentes

Artigo 23. Relación co planeamento municipal vixente

As determinacións contidas no presente plan sectorial prevalecerán sobre os planeamentos municipais e normativas urbanísticas preexistentes á súa aprobación na medida en que uns e outras opoñan ou contradigan aquelas determinacións.

O Plan sectorial será executivo e vinculante para as administracións públicas e os administrados desde a mesma data da súa entrada en vigor, sen prexuízo do deber de adaptación daqueles planeamentos e normativas urbanísticas ás determinacións deste plan, nos termos contidos na presente normativa.

Artigo 24. Cualificación dos terreos onde se localizan as infraestruturas

Os terreos onde se sitúan as infraestruturas preexistentes así como os terreos onde se deberán localizar as infraestruturas de nova implantación, cuxo concreto lugar de localización resulte perfectamente identificado neste plan sectorial, terán a consideración de sistemas xerais de infraestruturas, sen prexuízo da concreta clasificación urbanística do solo onde se atopen.

Non obstante o anterior, as superficies delimitadas como áreas de localización preferente para a localización de infraestruturas previstas non definidas (RTGN) acadarán a condición de sistemas xerais de infraestruturas unha vez se aprobe o correspondente proxecto sectorial de desenvolvemento.

Artigo 25. Usos do solo

As infraestruturas de telecomunicacións obxecto do presente plan sectorial considéranse usos permitidos nas diferentes clases de solo e en calquera das ordenanzas correspondentes do planeamento urbanístico vixente.

Artigo 26. Condicións urbanísticas das parcelas e das edificacións

1. Ás actuacións de regularización, reforma-modernización ou ampliación das infraestruturas existentes, e de nova implantación das infraestruturas previstas obxecto do presente plan sectorial, non lles serán exixibles os parámetros urbanísticos definidos nos planeamentos e ordenanzas municipais verbo da superficie mínima de parcela, fronte mínimo, ocupación, recuamentos, edificabilidade máxima, accesos, dimensións da parcela e das edificacións, características estéticas das construcións, cubertas, ou, en xeral, calquera outra limitación que imposibilite ou dificulte a consecución das actuacións descritas, sen prexuízo do disposto no artigo seguinte.

2. Porén o anterior, as actuacións descritas no punto precedente executaranse sen prexuízo das maiores limitacións que veñan impostas pola lexislación urbanística desta comunidade autónoma así como pola normativa sectorial que resultase aplicable a cada infraestructura en función da súa concreta localización.

Artigo 27. Altura máxima

Con carácter xeral, as construcións complementarias e auxiliares ás infraestruturas de telecomunicacións de nova implantación non excederán o número de plantas máximo e altura que determinen as ordenanzas correspondentes do planeamento urbanístico.

Non obstante, e por razóns debidamente xustificadas nos proxectos de desenvolvemento do Plan sectorial, poderase superar a altura máxima en metros nas construcións auxiliares ás devanditas infraestruturas de telecomunicacións. En ningún caso se entenderá como construcións auxiliares ou complementarias das infraestruturas as propias torres de telecomunicacións.

TÍTULO VII
Normas especiais en materia de servidumes aeronáuticas
e de bens afectos á defensa nacional

Artigo 28. Liñas de nivel das superficies limitadoras das servidumes aeronáuticas

As liñas de nivel das superficies limitadoras das servidumes aeronáuticas dos aeroportos da Coruña, Santiago e Vigo, do aeródromo das Rozas (Lugo) e do radar das Pontes, así delimitadas na planimetría que figura incorporada ao presente plan sectorial, determinan as alturas, respecto do nivel do mar, que non debe superar ningunha construción ou estrutura (incluídos todos os seus elementos, como antenas, postes, pararraios, chemineas, equipos de aire acondicionado, caixas de ascensores, carteis, remates decorativos, aeroxeradores –incluídas as súas pas–, carteis, a delimitación exterior do viario ou vía férrea etc.), salvo que a xuízo da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) se demostre que non se compromete a seguridade nin queda afectada de modo significativo a regularidade das operacións de aeronaves, de acordo coas excepcións establecidas nos vixentes artigos 7 e 9 do Decreto 584/1972.

Artigo 29. Execución de infraestruturas nas zonas de servidume aeronáuticas

Nas zonas de servidumes aeronáuticas a execución de calquera construción ou estrutura e a instalación dos medios necesarios para a súa construción (incluídos os guindastres de construción e similares), requirirá en todo caso resolución previa favorable da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

Sen prexuízo do anterior, cando a construción ou estrutura proxectada vulnerase as limitacións propias das servidumes aeronáuticas dos aeroportos da Coruña, Santiago e Vigo, do aeródromo das Rozas (Lugo) e do radar das Pontes, e en particular aquelas instalacións que se encontren en ámbitos nos cales o terreo estea próximo ás devanditas superficies, a solicitude de autorización debe incorporar un estudo aeronáutico de seguridade que acredite que non se compromete a seguridade nin queda afectada de maneira significativa a regularidade das operacións das aeronaves, que deberá estar asinado por técnico competente e visado polo colexio profesional correspondente.

Artigo 30. Zonas de seguridade das instalacións radioeléctricas para a navegación aérea

Así mesmo, no interior as zonas de seguridade das instalacións radioeléctricas para a navegación aérea, non poderá efectuarse ningunha construción ou modificación temporal ou permanente da configuración do terreo, da súa superficie ou dos elementos que sobre ela se encontren sen previa autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), de conformidade co disposto no artigo 15, punto b), do Decreto 584/1972, de servidumes aeronáuticas.

Calquera emisor radioeléctrico ou outro tipo de dispositivo que poida dar orixe a radiacións electromagnéticas perturbadoras do normal funcionamento das instalacións radioeléctricas aeronáuticas, aínda non vulnerando as superficies limitadoras de obstáculos, requirirá da correspondente autorización conforme o previsto no artigo 16 do Decreto 584/1972, de servidumes aeronáuticas.

Artigo 31. Áreas de localización preferente

Nas áreas de localización preferente definidas polo Plan sectorial, o proxecto sectorial de desenvolvemento deberá contar, en todo caso, con informe favorable emitido pola Dirección Xeral de Aviación Civil.

Artigo 32. Infraestruturas definidas

Respecto das instalacións ou infraestruturas cuxa construción resulte perfectamente localizada no presente plan sectorial e non se requira da aprobación previa dun proxecto sectorial, será igualmente preceptiva unha autorización expresa da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), nos termos anteriormente definidos. Para tales efectos, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) deberá acreditar que se garante a seguridade e, de xeito significativo, a regularidade das operacións aéreas mediante un estudo aeronáutico ou de apantallamento, de acordo coas excepcións establecidas nos artigos 7 e 9 do Decreto 584/1972, sobre servidumes aeronáuticas.

Artigo 33. Infraestruturas terrestres de telecomunicacións existentes

A regularización das infraestruturas terrestres de telecomunicacións existentes nas zonas de servidume aeronáuticas que non se encontren debidamente implantadas requirirá a autorización expresa da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) sempre e cando concorran os presupostos legais previstos no presente título.

Artigo 34. Supostos especiais

Naquelas zonas do ámbito do Plan sectorial que non se encontran situadas baixo as servidumes aeronáuticas correspondentes aos aeroportos da Coruña, Santiago e Vigo, ao aeródromo das Rozas (Lugo) e ao radar das Pontes, a execución de calquera construción ou estrutura (postes, antenas, aeroxeradores –incluídas as pas– ... etc.) e a instalación dos medios necesarios para a súa construción (incluídos os guindastres de construción e similares), que se eleve a unha altura superior aos cen (100) metros sobre o nivel do terreo ou sobre o nivel do mar dentro das augas xurisdicionais, requirirá autorización previa da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

Artigo 35. Áreas de situación preferente

Naquelas zonas da área de situación preferente para a localización de infraestruturas previstas (RTGN); no termo municipal de Mos, referencia RTGN_36000829MOS, onde o propio terreo vulnere as servidumes aeronáuticas do aeroporto de Vigo, ou se estima que as ditas infraestruturas poidan vulnerar as ditas servidumes aeronáuticas, debe quedar acreditado por parte de AESA que se garantirá a seguridade e, de maneira significativa, a regularidade das operacións aéreas mediante un estudo aeronáutico ou de apantallamento que presente o promotor e sexa tecnicamente informado por AENA, de acordo coas excepcións contempladas nos artigos 7 e 9 do Decreto 584/1972, sobre servidumes aeronáuticas, na súa actual redacción, debendo o planeamento que se desenvolva recoller as condicións que do mencionado estudo aeronáutico se desprendan.

Artigo 36. Efectos legais

As limitacións derivadas das servidumes aeronáuticas non darán lugar a indemnización por parte do Ministerio de Fomento, nin do xestor aeroportuario nin do prestador dos servizos de navegación aérea.

Artigo 37. Execución de infraestruturas en ámbitos en que existan bens afectos á defensa nacional

A execución de calquera actuación nos ámbitos do Plan sectorial correspondentes ás infraestruturas RTGA 15004014_BAILADORA, RTGA 15057006_NOIA e RTGA25020011_COVADASERPE requirirá da previa autorización do Ministerio de Defensa de conformidade co sinalado na Lei 8/1975, do 12 de marzo, de zonas e instalacións de interese para a defensa nacional e o seu regulamento de desenvolvemento, ao encontrarse estas situadas en zonas e instalacións de interese para a defensa nacional.

TÍTULO VIII
Normas especiais en materia de protección do Patrimonio Cultural de Galicia

Artigo 38. Normas especiais en materia de patrimonio cultural de Galicia

A implantación das infraestruturas previstas definidas neste plan quedará suxeita ao cumprimento das medidas preventivas especificadas no anexo I do informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do 18 de xaneiro de 2013, incorporado como anexo XI á documentación integrante deste plan.

En relación coa integración das infraestruturas xa existentes seralles igualmente de aplicación as consideracións contidas no anexo II do devandito informe, estruturado en dúas listaxes segundo as instalacións estean na área de protección integral ou na zona de respecto ou contorno de protección do ben. En xeral, nos casos en que existen na actualidade instalacións incompatibles con elementos patrimoniais protexidos, estas instalacións deberanse eliminar paulatinamente, de modo que non serán autorizables neses lugares novas instalacións nin a renovación das existentes. Permitiranse, se é o caso, logo de autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tarefas de mantemento, conservación e seguridade.

En todo caso, sobre os restantes novos centros previstos que serán planificados ao abeiro de proxectos sectoriais deberán emitir informe a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural antes da súa aprobación, de conformidade co artigo 32 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

Disposición transitoria primeira. Planificación urbanística en tramitación

1. Os instrumentos de planeamento urbanístico en tramitación que non alcanzasen a súa aprobación provisional na data de entrada en vigor do presente plan sectorial terán que adaptarse integramente ao disposto neste.

A adaptación do contido do corresponde instrumento de planeamento urbanístico ás determinacións do Plan sectorial non implicará, por si soa, a necesidade de sometelo a nova información pública, salvo cando se pretendan introducir outras modificacións que alteren substancialmente a ordenación proxectada e non sexa consecuencia da adaptación ao Plan sectorial.

2. Os instrumentos de planeamento urbanístico aprobados provisionalmente na data de entrada en vigor do presente plan sectorial, continuarán a súa tramitación ata acadar a súa aprobación definitiva a teor do disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, sen necesidade de adaptarse ás determinacións deste plan sectorial. Unha vez aprobados, terán que proceder á súa adaptación no prazo establecido na disposición transitoria seguinte.

3. As regras anteriores serán aplicables ás modificacións e revisións dos instrumentos de planeamento urbanístico vixentes que se encontren en tramitación na data de entrada en vigor deste plan sectorial.

Disposición transitoria segunda. Adaptación das normativas municipais ás determinacións do Plan sectorial

1. Os planeamentos municipais deberán adaptarse preceptivamente ás previsións contidas no presente plan sectorial, co obxecto de harmonizar as súas determinacións urbanísticas coas previsións deste último.

2. Así mesmo, calquera regulamentacións ou normas de natureza urbanística aprobadas polos concellos desta comunidade autónoma que preexistan a este plan sectorial, figuren ou non formalmente incorporadas a un concreto instrumento de planeamento urbanístico, deberán adaptarse no seu contido ao presente plan sectorial na medida en que resulten contraditorias coas previsións deste instrumento de ordenación territorial.

3. Entenderase, en todo caso, que existe unha confrontación das ditas normativas locais coas previsións deste plan sectorial nos seguintes supostos:

a) Cando impoñan restricións limitativas ao réxime de usos legalmente permitidos pola lexislación urbanística e territorial desta comunidade autónoma, segundo as distintas clases de solos onde se implanten ou pretendan implantar as infraestruturas de telecomunicacións previstas neste plan sectorial.

b) Cando contraveñan as normas de aplicación directa previstas tanto na lexislación urbanística como na lexislación sectorial desta comunidade autónoma.

c) En xeral, cando impoñan para a implantación destas infraestruturas condicións ou requisitos especiais de localización que non estando previstos pola lexislación autonómica ou pola lexislación estatal aplicable limiten, dificulten ou impidan a consecución dos obxectivos deste plan sectorial, tales como as que estivesen baseadas nas distancias entre instalacións ou entre as instalacións e vivendas, na superficie mínima da parcela, na exixencia de determinadas características técnicas ou construtivas aos centros emisores, na imposición de medidas tendentes a minimizar o impacto ambiental, ou na obriga de incorporar novos equipos ou aparellos máis modernos ás instalacións.

4. A adaptación aludida nos puntos anteriores terá que producirse coa revisión do planeamento xeral.

5. Sen prexuízo deste deber de adaptación, as determinacións contidas no presente plan sectorial prevalecerán sobre calquera normativa municipal preexistente de contido e alcance urbanístico, estea ou non formalmente incorporada a un instrumento de ordenación urbanística, e terán carácter vinculante para as administracións públicas e os administrados desde a mesma data da súa entrada en vigor.