Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Venres, 14 de xuño de 2013 Páx. 22827

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 31 de maio de 2013 pola que se convocan as probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

De conformidade co establecido no artigo 6.1 do Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas (DOG núm. 24, do 5 de febreiro), para desenvolver a función de control de acceso deberase contar coa habilitación da dirección xeral con competencia na materia, despois da obtención do certificado acreditativo de ter superado as probas previstas no artigo 5 da norma mencionada, expedido pola Academia Galega de Seguridade Pública.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta orde é a convocatoria das probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

As probas rexeranse polo establecido nesta orde e nas bases xerais recollidas na Orde do 21 de abril de 2010 (DOG núm. 78, do 27 de abril).

Segundo. Documentación

Todos/as os/as aspirantes que desexen realizar as probas deberán presentar solicitude debidamente cuberta e axustada ao modelo oficial que se publica no anexo desta orde.

Coa solicitude remitirase a seguinte documentación:

– Fotocopia compulsada do DNI do solicitante, no caso de que o/a interesado/a non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia. Os/as aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar fotocopia compulsada do documento que acredite a súa nacionalidade e, no suposto de non pertencer á Unión Europea, tarxeta de residencia e permiso de traballo en vigor.

– Certificado de antecedentes penais, expedido polo Ministerio de Xustiza.

– Fotocopia compulsada do curso de iniciación, perfeccionamento ou equivalentes de coñecemento básico da lingua galega. Os aspirantes que acrediten documentalmente este coñecemento quedarán exentos da realización da proba consistente na tradución dun texto do galego ao castelán, que se realizará conxuntamente coa proba de coñecementos.

– Xustificante do ingreso da taxa, co selo da entidade bancaria con indicación da data.

– Dúas fotografías tamaño carné de identidade.

Terceiro. Taxa

Conforme dispón a Lei 6/2003, do 9 de setembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo a modificación introducida pola Lei de orzamentos para o ano 2011, a taxa pola participación nas probas para obter a certificación acreditativa da habilitación será de 49,90 euros, que serán ingresados mediante o modelo xeral de autoliquidación de taxas.

As/os aspirantes deberán cubrir, nos recadros habilitados para o efecto no referido modelo de autoliquidación de taxas, os seguintes códigos:

Consellería de: Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Código: 04

Delegación de Pontevedra

Código: 40

Servizo de Academia Galega de Seguridade Pública

Código: 19

Taxa: denominación: participación nas probas para obter a certificación acreditativa da habilitación

Código: 30.48.01

Total: 49,90 euros

Ademais, as/os aspirantes cubrirán os seus datos persoais nos recadros reservados para tal fin no dito modelo.

Están exentos do pagamento desta taxa:

1. As/os aspirantes que figuren inscritas/os como desempregadas/os no Instituto Nacional de Emprego.

2. As/os aspirantes que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 %.

En ambos os dous casos deberán presentar coa solicitude os certificados acreditativos de tales situacións.

A falta de xustificación do pagamento íntegro da taxa por dereitos de exame, dentro do prazo de presentación de solicitudes, determinará a exclusión do/da aspirante do proceso, sen que sexa posible solucionar esta deficiencia nun momento posterior.

Cuarto. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse:

– No Rexistro da Academia Galega de Seguridade Pública.

– A través das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

– Ou a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es/

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Admisión

A admisión dos/das aspirantes realizarase nos prazos e na forma prevista no artigo 5 das bases xerais.

Sexto. Data, tribunal cualificador e lugar de realización

A data e composición do tribunal cualificador das probas correspondentes a esta convocatoria coñeceranse na resolución que faga pública a relación definitiva de aspirantes admitidas/os á realización destas.

As probas realizaranse na sede da Agasp (avda. da Cultura s/n, 36680 A Estrada. Pontevedra).

Sétimo. Información aos/ás interesados/as

Sobre esta convocatoria poderase obter información adicional na Academia Galega de Seguridade Pública, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (http://agasp.xunta.es/es)

b) No enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es

c) No teléfono da Agasp 886 20 61 10.

d) No Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp (avda. da Cultura s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o punto primeiro do artigo segundo e o parágrafo segundo do punto primeiro do artigo 7 da Orde do 21 de abril de 2010, pola que se aproban as bases xerais das probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o persoal titular da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file