Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Xoves, 13 de xuño de 2013 Páx. 22584

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2013 pola que se crean e regulan os ficheiros de datos de carácter persoal denominados Sede electrónica e Actividades de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e se modifica o ficheiro Xestión de datos de usuarios e historias clínicas de exames optométricos realizados no Servizo de Optometría da Facultade de Óptica e Optometría.

A disposición adicional segunda.2 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (Boletín Oficial del Estado nº 298, do 14 de decembro), especifica que a creación ou modificación dos ficheiros das administracións públicas só se poderá facer mediante a disposición xeral correspondente.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) aprobou a regulación dos seus ficheiros para a súa adecuación á LOPD mediante Resolución do 24 de xuño de 2002 e resolucións posteriores.

A USC realiza actividades nas cales directa ou indirectamente poderían figurar datos de carácter persoal aínda que a xestión de datos persoais non sexa o obxecto principal da actividade investigadora. Deste xeito, entende que debe crearse un ficheiro para o almacenamento e para a protección destes datos con independencia do soporte en que figuren os datos.

Por outra banda, a posta en marcha da sede electrónica determina que aparezan novos servizos e nalgúns casos se recollan datos de carácter persoal que non están incluídos noutros ficheiros previamente declarados, polo que se considera necesario crear un novo.

E, por último, o aumento de prestación de servizos na Facultade de Óptica e Optometría aconsella modificar o ficheiro creado para que recolla todas as actividades que puidesen tratar datos de carácter persoal.

Na súa virtude, e co fin de darlle cumprimento ao mandato legal do artigo 20 da LOPD, sobre creación ou modificación de ficheiros que conteñan datos de carácter persoal xestionados pola Universidade de Santiago de Compostela, e de lles asegurar aos administrados o exercicio dos seus lexítimos dereitos,

DISPOÑO:

Primeiro. Créanse os ficheiros de datos de carácter persoal denominados Sede electrónica e Actividades de investigación da USC.

A súa descrición contense no anexo I desta resolución, indicando o nivel de medidas de seguridade, en aplicación do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os ficheiros que se indican no anexo rexeranse polas disposicións xerais e instrucións que se detallen e estarán sometidos, en todo caso, ás normas legais e aos regulamentos de superior rango que lles sexan aplicables.

Ademais, das cesións previstas para cada un dos ficheiros poderanse realizar outras sempre que así se recolla nunha norma ou para os efectos de lles remitir datos aos servizos estatísticos, tanto estatais como da Comunidade Autónoma, para o desenvolvemento das funcións propias destes servizos ou entidades e cos límites establecidos na lei.

Segundo. Modifícase o ficheiro número 25 Xestión de datos de usuarios e historias clínicas de exames optométricos realizados no Servizo de Optometría da Facultade de Óptica e Optometría, creado pola Resolución do 4 de outubro de 2010 (DOG do 4 de novembro).

A partir desta resolución denominarase Xestión de datos de usuarios e historias clínicas da Facultade de Óptica e Optometría e modifícanse as alíneas a), c) e g) nos termos establecidos no anexo II desta resolución.

Terceiro. A aprobación desta resolución non supón a supresión de ningún ficheiro de datos de carácter persoal, polo que non é necesaria a aplicación do disposto no artigo 20.3 da LOPD.

Cuarto. Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2013

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Ficheiro nº 32 [ficheiro de sede electrónica]

a) Identificación do ficheiro:

Ficheiro da sede electrónica da USC.

b) Órgano, ente ou autoridade administrativa responsable do ficheiro:

Secretaría Xeral. Universidade de Santiago de Compostela.

Praza do Obradoiro (Colexio de San Xerome) s/n.

15782 Santiago de Compostela.

A Coruña.

c) Órgano, servizo ou unidade en que se deberán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición:

Secretaría Xeral. Universidade de Santiago de Compostela.

Praza do Obradoiro (Colexio de San Xerome) s/n.

15782 Santiago de Compostela.

A Coruña.

d) Sistema de tratamento do ficheiro:

Automatizado.

e) Medidas de seguridade:

Medidas de nivel baixo.

f) Tipos de datos de carácter persoal que se incluirán no ficheiro:

Datos de carácter identificativos: NIF/DNI, enderezo, teléfono, sinatura electrónica, nome e apelidos, datos académicos e profesionais.

g) Descrición detallada da finalidade do ficheiro e dos seus usos previstos:

Xestión dos datos persoais asociados aos servizos de sede electrónica da USC que non figuren noutros ficheiros de datos de carácter persoal da USC.

h) Tipificación da finalidade e usos previstos:

Procedementos administrativos e prestacións de servizos.

i) Persoas ou colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resultan obrigados a subministralos:

Persoas ou representantes legais que se relacionen coa USC mediante a sede electrónica.

j) Orixe e procedencia dos datos:

O propio interesado ou representantes legais, administracións públicas.

k) Órganos e entidades destinatarios das cesións previstas, indicando as transferencias internacionais:

Non se prevén cesións.

Ficheiro nº 33 [ficheiro de actividades de investigación da USC]

a) Identificación do ficheiro:

Xestión dos datos da investigación.

b) Órgano, ente ou autoridade administrativa responsable do ficheiro:

Vicerreitoría de Investigación. Universidade de Santiago de Compostela.

Praza do Obradoiro (Colexio de San Xerome) s/n.

15782 Santiago de Compostela.

A Coruña.

c) Órgano, servizo ou unidade en que se deberán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición:

Vicerreitoría de Investigación. Universidade de Santiago de Compostela.

Praza do Obradoiro (Colexio de San Xerome) s/n.

15782 Santiago de Compostela.

A Coruña.

d) Sistema de tratamento do ficheiro:

Mixto.

e) Medidas de seguridade:

Medidas de nivel básico.

f) Tipos de datos de carácter persoal que se incluirán no ficheiro:

Datos de carácter identificativos: nome e apelidos, datos académicos e profesionais. NIF/DNI, enderezo, teléfono, sinatura electrónica, imaxe, voz.

g) Descrición detallada da finalidade do ficheiro e dos seus usos previstos:

Xestión dos datos das investigacións en actividades científicas, históricas, culturais e lingüísticas para crear resultados de investigación con fins científicos.

h) Tipificación da finalidade e usos previstos:

Fins históricos, estatísticos ou científicos, educación e cultura, publicacións.

k) Persoas ou colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resultan obrigados a subministralos:

Persoas incursas ou relacionadas con procesos de estudos científicos, culturais, lingüísticos e históricos, cidadáns.

j) Orixe e procedencia dos datos:

O propio interesado ou representantes legais.

k) Órganos e entidades destinatarios das cesións previstas, indicando as transferencias internacionais:

Difusión de resultados da investigación.

ANEXO II

Modificación do ficheiro nº 25 Xestión de datos de usuarios e historias clínicas de exames optométricos realizados no Servizo de Optometría da Facultade
de Óptica e Optometría

1. Nova denominación do ficheiro nº 25 Xestión de datos de usuarios e historias clínicas da Facultade de Óptica e Optometría.

2. Modifícanse as alíneas a), c) e g) nos seguintes termos:

«a) Identificación do ficheiro:

Ficheiro para a xestión de datos de usuarios e historias clínicas do Servizo de Optometría e das actividades de investigación da Facultade de Óptica e Optometría.

c) Órgano, servizo ou unidade en que se deberán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición:

Facultade de Óptica e Optometría. Edificio Monte da Condesa s/n (Campus Vida). 15782 Santiago de Compostela. A Coruña.

g) Descrición detallada da finalidade do ficheiro e dos seus usos previstos:

Xestión de datos da historia clínica para a xestión da actividade optométrica, docente e de investigación, así como o estudo e produción estatística e da xestión».