Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Martes, 11 de xuño de 2013 Páx. 21813

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 86/2013, do 6 de xuño, polo que se modifica o Decreto 39/2013, do 21 de febreiro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

Por Decreto 39/2013, do 21 de febreiro, aprobouse a oferta de emprego público correspondente ao exercicio de 2013 para persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia.

No artigo 2 do citado decreto cuantifícase a oferta de emprego: 200 prazas do corpo de mestres e 22 prazas do corpo de inspectores de Educación.

Coa finalidade de clarificar a procedencia das citadas prazas, resulta conveniente modificar ese decreto.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e a súa Presidencia, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro, 2/2007, do 28 de marzo, e 12/2007, do 27 de xullo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de xuño de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación dos artigos 1 e 2 do Decreto 39/2013, do 21 de febreiro

O artigo 1 do Decreto 39/2013, do 21 de febreiro, queda redactado como segue:

«Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público dos corpos docentes.

Apróbase a oferta de emprego público correspondente aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, correspondente ao presente exercicio, nos termos que se establecen neste decreto e de conformidade co disposto no artigo 31.6 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia. A determinación de prazas e a súa correlación coas ofertas de emprego público dos anos 2012 e 2013, é a expresada no artigo 2».

O artigo 2 do Decreto 39/2013, do 21 de febreiro, queda redactado como segue:

1. Cuantificación da oferta de emprego público.

Corpo de mestres: 200

Corpo de inspectores de Educación: 22

2. Do total das prazas, 117 corresponden á taxa de reposición do 10 % das baixas definitivas do persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e do corpo docente de inspectores de Educación prevista, en relación coa oferta de emprego público de 2012, no artigo 23 da Lei 2/2012, do 29 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para 2012.

3. Así mesmo, 105 prazas corresponden á taxa de reposición do 10% das baixas definitivas do persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, e corpo docente de inspectores de Educación prevista, en relación coa oferta de emprego público de 2013, no artigo 23 da Lei 17/2012, do 27 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 2013.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de xuño de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria