Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Venres, 7 de xuño de 2013 Páx. 21409

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

ANUNCIO do 24 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Comercio, polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental do proxecto de implantación dun establecemento comercial no polígono A Grela-Bens, no concello da Coruña, promovido por Euro Depot España, S.A.U.

De conformidade co disposto no artigo 9.2 do texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, e modificado pola Lei 6/2010, do 24 de marzo, iníciase o trámite de información pública e de participación pública, como parte integrante do procedemento de avaliación de impacto ambiental, do expediente do proxecto de implantación dun establecemento comercial, nave para uso comercial de venda polo miúdo de material para bricolaxe e construción, na rúa Severo Ochoa, nº 21, no polígono A Grela-Bens, concello da Coruña, promovido por Euro Depot España, S.A.U.

Para estes efectos, en cumprimento da información que debe outorgarse ao público sobre os aspectos relevantes relacionados co procedemento de autorización do proxecto de referencia, infórmase do seguinte:

a) Euro Depot España, S.A.U. solicitou a concesión da autorización autonómica para a implantación dunha nave para uso comercial, venda polo miúdo de material para bricolaxe e construción de 5.130,65 m2 de superficie útil de exposición e venda ao público no polígono A Grela-Bens, no concello da Coruña.

A actividade comercial desenvolverase nun centro comercial de planta rectangular onde se efectuará a venda principalmente de material para a bricolaxe e a construción. O edificio tamén terá unha pequena zona de oficinas e vestiarios para os traballadores do centro.

Acondiciónase unha zona exterior para a venda do material de construción máis pesado e que non require estar dentro da nave, á cal se pode acceder co vehículo privado. A actividade disporá dun aparcadoiro exterior ao aire libre para uso principalmente dos clientes cun total de 269 prazas de aparcadoiro.

A parcela ten unha forma irregular cunha superficie total duns 16.427 m2, cunha superficie ocupada pola edificación duns 6.666,82 m2 na rúa Severo Ochoa, número 21 no polígono da Grela-Bens, no termo municipal da Coruña.

b) Euro Depot España, S.A.U. presentou un estudo de impacto ambiental que foi elaborado coa amplitude e co nivel de detalle aconsellado pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en escrito do 21 de febreiro de 2013.

c) O proxecto está suxeito ao procedemento de avaliación de impacto ambiental en virtude do disposto no artigo 32.3 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

Este precepto establece que, logo de completar a documentación, o órgano instrutor recadará, entre outros informes, a declaración de impacto ambiental, que constituirá a acreditación do cumprimento do criterio f) do artigo 32.2 (a viabilidade e a legalidade ambiental do proxecto co cumprimento da normativa vixente en materia ambiental, que preverá a adopción de medidas positivas de protección ambiental que reduzan a contaminación acústica, a emisión de gases de efecto invernadoiro e a produción de residuos, e a súa xestión mediante procedementos de valorización, preferentemente mediante reciclaxe e reutilización, e a utilización da auga, da enerxía, das materias primas e doutros recursos de maneira eficiente). Para estes efectos, os proxectos de instalación de establecementos comerciais precisados de autorización comercial autonómica someteranse, en todo caso, aos trámites de avaliación de impacto ambiental. O procedemento correspondente quedará integrado no de outorgamento da autorización comercial e o órgano substantivo será a consellería competente en materia de comercio. Durante a tramitación da avaliación de impacto enténdese suspendido o procedemento para resolver a autorización autonómica.

d) A competencia para resolver o procedemento de avaliación de impacto ambiental en relación co referido proxecto corresponde á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Así mesmo, o órgano competente para resolver a solicitude de concesión da autorización comercial autonómica é a persoa titular da Consellería de Economía e Industria en virtude do establecido no artigo 32.1 da Lei do comercio interior de Galicia, e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

e) O órgano do que pode obterse información ao respecto é o Servizo de Ordenación da Dirección Xeral de Comercio.

f) A declaración de impacto ambiental está configurada como un acto de trámite, de carácter vinculante, cuxo contido deberá integrarse no procedemento substantivo.

g) A solicitude, o estudo de impacto ambiental e o proxecto están dispoñibles ao público, para a súa consulta, nas dependencias da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, situadas no Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, terceiro andar, de Santiago de Compostela, das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres.

h) A participación do público poderá realizarse, durante o prazo de trinta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia. As persoas que o desexen poderán tomar vista do expediente durante o referido período e formular as alegacións, observacións e suxestións que consideren oportunas, que deberán dirixirse á Dirección Xeral de Comercio e presentarse por calquera dos medios que recolle o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2013

Sol María Vázquez Abeal
Directora xeral de Comercio