Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Luns, 3 de xuño de 2013 Páx. 19902

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2013, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

A eliminación das desigualdades entre homes e mulleres é un obxectivo prioritario da Unión Europea desde a entrada en vigor do Tratado de Ámsterdam en que se recolle o compromiso formal de considerar a igualdade entre homes e mulleres como un obxectivo horizontal chamado a integrar a totalidade das políticas da Comunidade. Este compromiso veuse articulando a través do desenvolvemento de normas específicas como a Directiva 76/207/CEE, sobre a aplicación do principio de igualdade de trato entre homes e mulleres no emprego e condicións laborais, as resolucións do Consello do 12 de xullo de 1982, sobre a promoción da igualdade de oportunidades para as mulleres, e do 18 de novembro de 1984, relativa á promoción de accións positivas a favor das mulleres ou os programas de acción comunitaria para a igualdade de oportunidades, entre outras.

A Constitución española, no seu artigo 14, prohibe expresamente calquera discriminación por razón de sexo e, no artigo 9.2, formula o mandamento expreso aos poderes públicos para que promovan as condicións para que a igualdade do individuo e das agrupacións en que se integra sexan reais e efectivas.

Polo que respecta á Comunidade Autónoma de Galicia, o artigo 4 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, establece que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación dos galegos na vida política, económica, cultural e social.

En desenvolvemento destas competencias asumidas polo Estatuto promulgáronse a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e mais a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Estas tres leis recoñecen o ámbito municipal, pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación, como o idóneo para o desenvolvemento de accións tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, de prevención e erradicación da violencia de xénero, e para o establecemento das condicións que posibiliten a participación das mulleres na vida política, económica, cultural e social, e establecen que a Administración autonómica colaborará coas entidades locais para estes efectos.

Pola súa banda, a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, prevé no seu artigo 57 a cooperación económica, técnica e administrativa entre a Administración local e a Administración das comunidades autónomas, tanto en servizos locais como en asuntos de interese común.

O impulso desas actuacións é necesario para conseguir que a sociedade tome conciencia da necesidade de avanzar na eliminación das desigualdades entre mulleres e homes que aínda persisten, así como da gravidade do problema da violencia de xénero. Deben transmitirse os valores da igualdade e da corresponsabilidade, do respecto e da eliminación da violencia nas relacións persoais. Tamén é necesario promocionar as actuacións destinadas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, de modo que se atope o necesario equilibrio entre os tempos dedicados ao traballo produtivo e ao traballo reprodutivo e, para iso, a coordinación interadministrativa revélase como un gran mecanismo para afianzar e amplificar os resultados das diferentes actuacións. Todos estes retos están presentes nos diferentes eixes de intervención que conforman o VI Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes, estratexia 2013/2015, en que se recollen as metas e compromisos asumidos pola Administración galega na promoción da igualdade entre mulleres e homes e que pretende ser un referente que impulse o traballo en materia de promoción da igualdade orientando a acción dos poderes públicos e fomentando a colaboración e coordinación interinstitucional.

Así, de acordo co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

A Secretaría Xeral da Igualdade pretende con esta convocatoria apoiar e consolidar as actuacións que se están levando a cabo desde as administracións locais en materia de igualdade, de prevención e eliminación da violencia de xénero, de conciliación, así como tamén apoiar a rede de centros de información ás mulleres existentes en Galicia.

Así mesmo, esta convocatoria, tendo presente o acordo do Consello da Xunta de vinte e oito de febreiro de dous mil trece e coa finalidade de lograr unha xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles, pretende impulsar e apoiar proxectos de xestión compartida. Así, prímanse as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local fronte ás presentadas individualmente.

A convocatoria destas axudas axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG número 121, do 25 de xuño), no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia (DOG número 20, do 29 de xaneiro), no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG número 214, do 5 de novembro), no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, no que sexa de aplicación, na Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, e no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións (BOE número 276, do 18 de novembro), e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo (BOE número 176, do 25 de xullo).

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, e autorizada por acordo do Consello da Xunta a concesión de anticipos de ata o 60 % da subvención concedida, sen constitución de garantías, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades locais de Galicia, destinadas a facer efectivo o principio de igualdade entre mulleres e homes, mediante a realización de actuacións dirixidas a favorecer a igualdade de oportunidades e de trato, a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, a participación das mulleres na vida política, económica, social e cultural, e á erradicación da violencia de xénero, e proceder á súa convocatoria para o ano 2013.

2. As actuacións sinaladas no número anterior poderanse desenvolver a través dos seguintes programas:

a) Programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

b) Programa de fomento da conciliación.

c) Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM).

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 3.286.335,00 euros, que se imputarán ás aplicacións orzamentarias que se indican, podendo estar cofinanciadas ao 80 % con fondos FSE no Programa operativo de Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 69 e, no caso da partida orzamentaria 05.11.313B.460.2, destinada especificamente ao financiamento das accións de fomento e dinamización da cooperación entre os CIM, eixe 4, tema prioritario 80.

Aplicación

Código proxecto

Importe

05.11.312G.460.1

2013 00181

269.998,00 euros

05.11.313B.460.0

2013 00171

278.445,00 euros

05.11.313B.460.0

2013 00180

2.636.751,00 euros

05.11.313B.460.2

2013 00172

101.141,00 euros

Total

3.286.335,00 euros

2. De acordo co disposto no artigo 30.2 do Regulamento de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións correspondentes aos programas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento integral da violencia de xénero e mais de fomento da conciliación, os concellos, individualmente ou a través dos órganos dunha área metropolitana, dunha mancomunidade de municipios ou dun consorcio local constituídos exclusivamente polos concellos implicados.

2. Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade, área metropolitana ou consorcio local e acorden agruparse ou asociarse para desenvolver programas conxuntos de actuación, poderán ser beneficiarios das axudas correspondentes aos programas mencionados no punto anterior deste artigo. Neste suposto, e de acordo co disposto no parágrafo 2 do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de agrupacións deberá facerse constar expresamente mediante documento acreditativo do acordo de agrupamento, segundo se indica no artigo 7 da presente resolución, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de entidade beneficiaria. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderado/a único/a da agrupación con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 desta lei, ou o que proceda en aplicación da normativa comunitaria ao estar cofinanciadas estas axudas polo Programa operativo FSE-Galicia 2007/2013, e todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.

3. Poderán ser beneficiarias das axudas correspondentes ao Programa de apoio aos centros de información ás mulleres, as entidades locais titulares de centros de información ás mulleres (CIM) acreditados segundo o establecido no Decreto 182/2004, do 22 de xullo, polo que se regulan os centros de información ás mulleres e se establecen os requisitos para o seu recoñecemento e funcionamento que presenten a súa solicitude de xeito individual ou a través de calquera fórmula de agrupación ou asociación de acordo co establecido nos puntos 1 e 2 do presente artigo. Estes requisitos deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. Ningún concello poderá figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual para un mesmo programa. O incumprimento destas normas dará lugar á inadmisión de todas as solicitudes individuais de subvención subscritas polo concello de que se trate, e dará validez á solicitude realizada de forma conxunta. Así mesmo, dará lugar á inadmisión daquelas solicitudes conxuntas en que non se acredite a realización conxunta dunha actuación e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo ou actuación se presta ou realiza de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón actuación illada ou independente en cada entidade local.

5. As entidades locais solicitantes deberán cumprir, en todo caso, ademais dos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 respectivamente da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os seguintes:

a) Manter un sistema de contabilidade con codificación adecuada que permita identificar todas as transaccións realizadas relativas ao proxecto subvencionado e conservar os documentos xustificativos por un período de tres anos a partir do peche do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013.

b) Facilitarlle ao persoal designado pola Secretaría Xeral da Igualdade, para a verificación do cumprimento do disposto nestas bases, o acceso ás instalacións onde se leven a cabo as accións subvencionadas e a toda a documentación de carácter técnico, administrativo ou contable que teña relación coa subvención concedida. No caso de estar permitida a subcontratación de acordo co establecido no artigo 15, as/os subcontratistas están obrigadas/os a facilitar ao persoal de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

c) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión.

Artigo 4. Accións e gastos subvencionables

1. Programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

1.1. Accións subvencionables.

a) Accións de promoción da igualdade entre mulleres e homes:

a.1) Elaboración do plan para a igualdade entre mulleres e homes, que deberá conter unha área de actuación específica relativa a medidas de prevención e eliminación da violencia de xénero.

a.2) Avaliación dos resultados do último plan para a igualdade entre mulleres e homes.

a.3) Accións de capacitación do persoal político e técnico respecto dos fundamentos teóricos e as ferramentas prácticas para a integración da perspectiva de xénero nas políticas locais e que deberán estar recollidas no plan de igualdade da entidade solicitante.

a.4) Actividades dirixidas á poboación infantil e xuvenil para favorecer a coeducación, tanto no ámbito educativo, en colaboración cos centros educativos do municipio ou coas anpas, como no ámbito da familia ou na sociedade e que deberán estar recollidas no plan de igualdade da entidade solicitante.

b) Accións de prevención e tratamento integral da violencia de xénero que deberán estar recollidas no plan de igualdade da entidade solicitante:

b.1) Consolidación e establecemento de estruturas de coordinación e cooperación entre os distintos ámbitos políticos e profesionais de cara á eficaz prevención, detección e intervención na loita contra a violencia de xénero e protección das mulleres vítimas, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes.

b.2) Prevención, sensibilización e concienciación sobre a violencia de xénero na sociedade.

b.3) Intervención de carácter integral coas mulleres vítimas de violencia de xénero, coas súas fillas e fillos, así como coas persoas delas dependentes, procurando a recuperación da súa identidade e autonomía e a restauración dos seus proxectos vitais.

b.4) Actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual, en xeral, e a prostitución, en particular; propostas de acción e coordinación entre todos os axentes sociais.

1.2. Cada entidade local, individual ou agrupada, só poderá presentar solicitude de subvención para unha actuación de promoción da igualdade entre mulleres e homes e para unha actuación de prevención e tratamento integral da violencia de xénero. De non contar cun plan para a igualdade entre mulleres e homes en vigor, a súa solicitude será necesariamente para elaborar o dito plan. Así mesmo, de ter rematado a vixencia dun plan previo, só serán subvencionables, salvo que se presente documentación acreditativa de ter realizado xa estas actuacións, a súa avaliación ou, de tela xa feita e xustificado documentalmente, a elaboración do seguinte.

1.3. No suposto de solicitar a subvención para a realización de accións de capacitación do persoal político e técnico respecto dos fundamentos teóricos e as ferramentas prácticas para a integración da perspectiva de xénero nas políticas locais, a entidade deberá designar un grupo integrado por persoal técnico e político das concellarías que non conten con competencias en igualdade nas que a incorporación da perspectiva de xénero se considere prioritaria, o cal será o destinatario das ditas accións.

1.4. Gastos subvencionables.

a) Gastos de persoal necesario para a execución das actividades: serán subvencionables as retribucións totais do persoal contratado especificamente para a execución das actividades, tendo en conta a contía establecida na normativa aplicable por xornada real de traballo para os correspondentes grupos profesionais nos respectivos convenios colectivos. Non serán subvencionables os gastos do persoal que non fose contratado especificamente para o desenvolvemento da actividade subvencionada nin os gastos do persoal pertencente aos centros de información ás mulleres de calquera das entidades locais de Galicia.

b) Gastos derivados da realización do programa ou actividade subvencionados: elaboración de materiais, gastos de publicidade e propaganda específicos do programa ou actividade, material de oficina (papel, impresos e outro material de oficina).

c) Outros gastos correntes directamente derivados da realización das actividades, que estean perfectamente xustificados e se consideren fundamentais para o seu desenvolvemento.

1.5. A contía destas subvencións determinarase sobre a base da puntuación asignada en función dos criterios de valoración establecidos no artigo 11.1, por proposta do órgano instrutor, sen que poida exceder os 10.000 euros, no caso de que sexa unha solicitude individual, e 15.000 euros, no caso de que sexa unha solicitude conxunta de varios concellos.

2. Programa de fomento da conciliación.

2.1. Accións subvencionables.

a) Bancos de tempo, coa finalidade de facilitarlles ás persoas empadroadas no correspondente concello a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral, a través dun sistema articulado de intercambio destinado a subministrar servizos e/ou coñecementos, entre mulleres e homes dun contorno dado, cuxa medida é a hora de tempo.

b) Plans de programación do tempo da cidade que, elaborados polos concellos, pretenden unha coordinación dos horarios da cidade coas exixencias persoais, familiares e laborais da cidadanía.

c) Calquera outra medida, sempre que os seus obxectivos respondan ao fin de fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares.

Cada entidade local, individual ou agrupada, só poderá presentar solicitude de subvención para unha actuación deste programa.

2.2. Gastos subvencionables.

a) Gastos de persoal necesario para a execución das actividades: serán subvencionables as retribucións totais do persoal contratado especificamente para a posta en marcha e/ou desenvolvemento da correspondente medida de conciliación, tendo en conta a contía establecida na normativa aplicable por xornada real de traballo para os correspondentes grupos profesionais nos respectivos convenios colectivos. Non serán subvencionables os gastos do persoal que non fose contratado especificamente para o desenvolvemento da actividade subvencionada nin os gastos do persoal pertencente aos centros de información ás mulleres de calquera das entidades locais de Galicia.

b) Gastos derivados da realización do programa ou actividade subvencionados: elaboración de materiais, gastos de publicidade e propaganda específicos do programa ou actividade, material de oficina (papel, impresos e outro material de oficina).

c) Outros gastos correntes directamente derivados da realización das actividades, que estean perfectamente xustificados e se consideren fundamentais para o seu desenvolvemento.

2.3. A contía destas subvencións determinarase sobre a base da puntuación asignada en función dos criterios de valoración establecidos no artigo 11.1, por proposta do órgano instrutor, co límite máximo de 12.000 euros, no caso de que sexa unha solicitude individual e, 18.000 euros, no caso de que sexa unha solicitude conxunta de varios concellos.

3. Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM).

3.1. Accións subvencionables.

a) Existencia no cadro de persoal, funcionario ou laboral, do CIM dos postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

b) Contratación eventual ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico e atención psicolóxica e/ou para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

3.2. O eixe 4, tema prioritario 80, financiará exclusivamente os postos de traballo con funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. Estas funcións serán desenvolvidas, preferentemente, por persoal contratado especificamente para iso. No caso de que as ditas funcións se asignen a algún posto xa existente no CIM, a entidade solicitante indicará na ficha técnica (anexo VIII) a porcentaxe de horas imputadas ás ditas funcións.

3.3. Tipos de axuda e gastos subvencionables.

3.3.1. Incentivos aos postos de traballo vinculados ao CIM e ocupados por persoal funcionario ou laboral para o desempeño dos postos de dirección do departamento, asesoramento xurídico e atención psicolóxica. Nos casos en que os postos non se atopen ocupados con carácter definitivo por estar en curso o proceso de oposición ou concurso correspondente, a Administración titular do CIM presentará coa certificación de persoal a xustificación razoada da dita situación. As contías máximas por posto serán de 30.000 euros por posto ocupado a tempo completo dos grupos A1, A2 ou equivalente. Cando se trate de ocupacións a tempo parcial, agás a dirección do CIM que sempre será a tempo completo, os incentivos serán como máximo de 18.000 euros.

3.3.2. Subvención de ata 14.000 euros por cada especialidade, para os custos directamente vinculados á contratación eventual ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico e atención psicolóxica establecidos no Decreto 182/2004 no suposto de que a entidade local non conte no cadro de persoal do CIM con postos aos cales lle/s corresponda realizar estas funcións.

3.3.3. Axudas de incentivo de ata 25.000 euros para postos de traballo de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, cando estes postos estean ocupados a tempo completo e o persoal pertenza aos grupos A1, A2, C1 ou equivalente. Cando os postos sexan ocupados a tempo parcial, os incentivos serán de ata 15.000 euros.

3.3.4. Subvención nos termos establecidos no número 3.3.2 deste artigo, cando as entidades recorran á contratación eventual ou mercantil para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

3.4. As contías sinaladas tanto para os incentivos como para a subvención sono para o período de referencia establecido no punto 4 deste artigo. Estas cantidades reduciranse proporcionalmente naqueles casos en que a ocupación do posto nas condicións anteditas se producise por un período inferior ao de referencia.

En todo caso, o importe máximo que perciba cada entidade local ao abeiro do Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM) queda fixado en 45.000 euros, por mor disto, cando o número de postos dese lugar a un incentivo global superior a esta contía, este reducirase para dar cumprimento ao establecido neste punto e o órgano concedente indicará os postos que quedan vinculados á axuda. No caso de que a solicitude corresponda a unha agrupación ou no caso de que a entidade solicitante achegue acordo ou convenio para prestar os servizos a outras entidades que non dispoñan de centro de información propio, a contía máxima da axuda queda fixada en 70.000 euros.

4. O período de referencia para a imputación dos gastos relativos a todas as axudas reguladas na presente resolución será o dos doce meses inmediatamente anteriores ao mes de decembro do presente exercicio 2013.

5. Para os efectos destas axudas non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.

6. Cando, de acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o/a beneficiario/a deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Artigo 5. Compatibilidade das axudas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado. Non obstante, os gastos financiados ao abeiro desta resolución non poderán acollerse a outras axudas procedentes do Fondo Social Europeo ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios.

2. O importe da subvención concedida non poderá ser, en ningún caso, de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade solicitante.

3. No caso de entidades solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas para o mesmo fin concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía.

Artigo 6. Iniciación

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. A solicitude poderá formalizala:

a) O/a alcalde/alcaldesa presidente/a ou persoa en quen delegue.

b) O/a presidente/a da mancomunidade ou da área metropolitana, a xerencia do consorcio ou persoa en quen delegue.

c) O/a representante que se estableza no acordo de asociación, logo de delegación de cada un dos concellos.

Artigo 7. Documentación

1. Con cada solicitude é obrigatoria a presentación da seguinte documentación, que será imprescindible para a súa valoración:

1.1. Programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

a) Certificación do/a secretario/a da entidade sobre o acordo de solicitar a subvención (anexo II).

b) Para os concellos que se agrupen para os efectos da presente convocatoria, documento acreditativo do acordo de agrupamento realizado polo pleno ou pola xunta de goberno de cada concello agrupado, así como do nomeamento dun/dunha representante único/a que actuará como coordinador/a e interlocutor/a coa Secretaría Xeral da Igualdade. O documento de acordo deberá recoller expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles.

c) Declaración responsable asinada pola/o titular ou pola/o representante legal da entidade en que se exprese a non concorrencia dalgunha das circunstancias a que se refire o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o acordo coas actuacións de control e supervisión da Secretaría Xeral da Igualdade e, de ser o caso, do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e de estar ao día nas obrigas tributarias e sociais (anexo III).

d) Declaración de utilización de linguaxe non sexista nas relacións coa Administración e no desenvolvemento das actuacións subvencionables e, de ser o caso, compromiso de utilización da lingua galega (anexo III).

e) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, ou, se é caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións (anexo IV).

f) Orzamento desagregado onde consten os custos estimados dos conceptos para os cales se solicita a subvención (anexo V).

g) Compromiso asinado pola persoa que formalice a solicitude de que as actuacións desenvoltas ao abeiro desta resolución serán elaboradas e/ou impartidas por profesionais con especialización acreditada nas áreas de igualdade entre mulleres e homes e/ou erradicación da violencia de xénero segundo a actuación para a que se solicita a subvención (anexo III).

h) Declaración das actuacións levadas a cabo pola entidade nos últimos 2 anos para a promoción da igualdade entre mulleres e homes, prevención da violencia de xénero e/ou fomento da conciliación, en que conste a denominación da actividade, a descrición do seu contido, o lugar e as datas de realización, o número de horas e número de participantes, as entidades implicadas no seu desenvolvemento, de ser o caso, e a valoración dos obxectivos conseguidos (anexo VI).

i) Acreditación de que a entidade conta, entre os departamentos de goberno, cunha concellaría de igualdade, de ser o caso (anexo III).

j) Memoria detallada das actuacións previstas. Esta memoria fará referencia necesariamente aos seguintes aspectos:

– Xustificación da necesidade que se pretende cubrir e da conveniencia da realización das actuacións propostas, apoiada en datos relativos á realidade do concello ou entidade local solicitante.

– Obxectivos perseguidos polas ditas actuacións.

– Descrición da acción: contidos, metodoloxía, medios materiais e persoais precisos, duración, resultados previstos e persoas responsables da súa execución.

– Cronograma.

– Lugar e data de realización.

– Número estimado de persoas destinatarias da acción.

– Sistema de avaliación, mediante o establecemento de indicadores ou medidores cuantificables do grao de cumprimento do obxectivo ou obxectivos perseguidos.

Os dous últimos aspectos non serán necesarios no suposto de solicitar axuda para a realización da avaliación do Plan de igualdade.

k) Plan de igualdade en vigor en soporte electrónico, salvo que xa estea en poder da Secretaría Xeral da Igualdade, circunstancia que haberá que facer constar expresamente identificando o procedemento en que consta. No suposto de que a actuación subvencionable fose a elaboración do II ou posteriores plans, deberase achegar, igualmente en soporte electrónico, o plan anterior e a súa avaliación.

l) No suposto de solicitar a subvención para a realización de actividades de capacitación do persoal político e técnico, relación asinada polo órgano competente do persoal da entidade designado para formar parte do grupo de traballo.

m) Memoria de aforro de custos respecto da realización do programa ou actividade de modo individual, se é o caso.

n) Acreditación de que a entidade local cumpriu co seu deber de remisión das contas xerais do último exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. No caso dos agrupamentos deberán probar a realización deste requisito todos os concellos que a formen.

1.2. Programa de fomento da conciliación.

a) Certificación do/a secretario/a da entidade sobre o acordo de solicitar a subvención (anexo II).

b) Para os concellos que se agrupen para os efectos da presente resolución, documento acreditativo do acordo de agrupamento realizado polo pleno ou pola xunta de goberno de cada concello agrupado, así como do nomeamento dun/dunha representante único/a que actuará como coordinador/a e interlocutor/a coa Secretaría Xeral da Igualdade. O documento de acordo deberá recoller expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles.

c) Declaración responsable asinada pola/o titular ou pola/o representante legal da entidade en que se exprese a non concorrencia dalgunha das circunstancias a que se refire o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o acordo coas actuacións de control e supervisión da Secretaría Xeral da Igualdade e, de ser o caso, do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e, de estar ao día nas obrigas tributarias e sociais (anexo III).

d) Declaración de utilización de linguaxe non sexista nas relacións coa Administración e no desenvolvemento das actuacións subvencionables e, de ser o caso, compromiso de utilización da lingua galega (anexo III).

e) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións (anexo IV).

f) Orzamento desagregado onde consten os custos estimados dos conceptos para os cales se solicita a subvención (anexo V).

g) Compromiso asinado pola persoa que formalice a solicitude de que as actuacións desenvoltas ao abeiro desta resolución serán elaboradas e/ou impartidas por profesionais con especialización acreditada na área de igualdade entre mulleres e homes (anexo III).

h) Declaración das actuacións levadas a cabo pola entidade nos últimos 2 anos para a promoción da igualdade entre mulleres e homes, prevención da violencia de xénero e/ou fomento da conciliación, en que conste a denominación da actividade, a descrición do seu contido, o lugar e as datas de realización, o número de horas e número de participantes, as entidades implicadas no seu desenvolvemento, de ser o caso, e a valoración dos obxectivos conseguidos (anexo VI).

i) Acreditación de que a entidade conta, entre os departamentos de goberno, cunha concellaría de igualdade, de ser o caso (anexo III).

j) Memoria detallada das actuacións previstas. Esta memoria fará referencia necesariamente aos seguintes aspectos:

– Xustificación da necesidade que se pretende cubrir e da conveniencia da realización das actuacións propostas, apoiada en datos relativos á realidade do concello ou entidade local solicitante.

– Ámbito de influencia.

– Obxectivos perseguidos polas ditas actuacións.

– Descrición da acción: contidos, metodoloxía, medios materiais e persoais precisos, duración, resultados previstos e persoas responsables da súa execución.

– Cronograma.

– Número estimado de persoas destinatarias da acción.

– Lugar e data de realización.

– Sistema de avaliación, mediante o establecemento de indicadores ou medidores cuantificables do grao de cumprimento do obxectivo ou obxectivos perseguidos.

k) No caso de non ter validada a medida obxecto de solicitude de subvención, xustificación de ter presentada ante a Secretaría Xeral da Igualdade a solicitude de validación da medida que se vai subvencionar, de acordo co disposto no artigo 11 do Decreto 182/2008, do 31 de xullo, polo que se establece a promoción autonómica das medidas municipais de conciliación e se determinan os requisitos para a súa validación e funcionamento. Só serán subvencionables as medidas para as cales se teña solicitado a validación antes do último día do prazo de presentación de solicitudes da correspondente convocatoria.

l) Memoria de aforro de custos respecto da realización do programa ou actividade de modo individual, se é o caso.

m) Acreditación de que a entidade local cumpriu co seu deber de remisión das contas xerais do último exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. No caso dos agrupamentos deberán probar a realización deste requisito todos os concellos que a formen.

1.3. Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM).

a) Certificación do/a secretario/a da entidade sobre o acordo de solicitar a subvención (anexo II).

b) Declaración responsable asinada pola/o titular ou pola/o representante legal da entidade en que se exprese a non concorrencia dalgunha das circunstancias a que se refire o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o acordo coas actuacións de control e supervisión da Secretaría Xeral da Igualdade e, de ser o caso, do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e, de estar ao día nas obrigas tributarias e sociais (anexo III).

c) Declaración de utilización de linguaxe non sexista nas relacións coa Administración e no desenvolvemento das actuacións subvencionables e, de ser o caso, compromiso de utilización da lingua galega (anexo III).

d) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións (anexo IV).

e) Orzamento desagregado onde consten os custos estimados dos conceptos para os cales se solicita a subvención (anexo V).

f) Compromiso asinado pola persoa que formalice a solicitude de que as actuacións desenvoltas ao abeiro desta resolución serán elaboradas e/ou impartidas por profesionais con especialización acreditada nas áreas de igualdade entre mulleres e homes e/ou erradicación da violencia de xénero segundo a actuación para a que se solicita a subvención (anexo III).

g) Ficha técnica definida para un período de doce meses anteriores ao mes de decembro do ano da convocatoria (anexo VII).

h) Certificación dos servizos de persoal, ou órgano equivalente, relativa ao custo salarial de cada posto de traballo do CIM, que reflectirá, como mínimo, o tipo de contrato, o grupo ou categoría profesional, os requisitos e titulacións exixidas e data de alta ou toma de posesión, retribucións básicas e complementarias e cotizacións sociais, de ser o caso (anexo VIII).

i) Para os concellos titulares de centros de información ás mulleres que se agrupen para os efectos da presente resolución, documento acreditativo do acordo de agrupamento realizado polo pleno ou pola xunta de goberno de cada concello agrupado, así como do nomeamento dun/dunha representante único/a que actuará como coordinador/a e interlocutor/a coa Secretaría Xeral da Igualdade. O documento de acordo deberá recoller expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles.

j) Acordo ou convenio de colaboración entre a entidade local titular do centro de información ás mulleres solicitante da axuda e os concellos a que prestará os servizos do centro de información ás mulleres. As entidades solicitantes disporán de modelos de documentación na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

k) Memoria de aforro de custos respecto da prestación do servizo de modo individual, se é o caso.

l) Acreditación de que a entidade local cumpriu co seu deber de remisión das contas xerais do último exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. No caso dos agrupamentos deberán probar a realización deste requisito todos os concellos que a formen.

2. As entidades ateranse ás especificacións destas bases para a elaboración e presentación da súa solicitude, empregando obrigatoriamente os anexos normalizados para os documentos sinalados neste artigo. Estes formularios non conterán ningunha epígrafe manuscrita, agás a/s sinatura/s, de ser o caso, e presentaranse no seu formato orixinal e sen emendas nin riscadas, dando lugar a inobservancia destes aspectos á inadmisión da solicitude. Así mesmo, deben ter en conta que toda a documentación se debe achegar en papel tamaño DIN A4, sen usar grampas, espirais, carpetas clasificadoras, arquivadores, encadernacións ou calquera outro engadido ao papel que dificulte ou impida os procesos de tratamento, arquivamento e dixitalización da documentación e supoña un gasto evitable e superfluo para as solicitantes; a presentación óptima realizarase coa documentación numerada e fixada mediante elementos metálicos tipo fastener ou clips de suxeición similares. Cómpre ter tamén en conta que o engadido de portadas á primeira folla dos modelos normalizados dificulta o proceso nos rexistros oficiais e a alta dos expedientes administrativos, polo que se deberá omitir esta práctica procurando que o selo do rexistro de entrada figure no anexo de solicitude.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. A Secretaría Xeral da Igualdade reservará para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e comporta a autorización da entidade solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificacións telemáticas. Cando da actuación de oficio resultase que a entidade solicitante ou beneficiaria non se atopa ao día das súas obrigas tributarias e sociais, será requirida para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado. Para o trámite de adxudicación, estes certificados poderán ser substituídos por declaración responsable do órgano competente da entidade solicitante que se presentará xunto coa solicitude.

De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, se a persoa solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación débese manter vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a entidade solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará na súa páxina web oficial a relación de entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. A Secretaría Xeral da Igualdade velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas. A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación dos expedientes correspondentes e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega. Os datos non serán obxecto de cesión a terceiras persoas; non obstante, a Secretaría Xeral da Igualdade revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e lle sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición, que poderán exercerse ben mediante escrito no cal se achegue identificación suficiente, dirixido ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Igualdade, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para estes efectos dispoñible na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos na presente convocatoria, o órgano instrutor requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os citados requirimentos de emenda poderanse facer ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 10.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria, ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite, e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.

Artigo 10. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha comisión de valoración que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 11, de determinar o orzamento elixible en cada caso, así como de emitir un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

• Presidencia: o subdirector xeral de Promoción da Igualdade ou persoa en que delegue.

• Secretaría: o xefe do Servizo de Planificación e Programación, con voz pero sen voto.

• Vogalías: a xefa do Servizo de Fomento, a xefa do Servizo de Promoción e Cooperación Institucional, e a xefa do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas.

• A persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local, ou persoa en quen delegue.

Se, por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a comisión de valoración non puidese asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para estes efectos pola súa presidencia.

2. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir das entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

3. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 11, a comisión de valoración emitirá un informe con base no cal o órgano instrutor elevará unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada. Nesta proposta figurarán as solicitudes propostas para obter a axuda e o importe para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible. O resto das solicitudes consideradas subvencionables quedará en reserva para seren atendidas no suposto de quedar crédito libre por producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente presentados ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 11. Criterios de valoración

1. Programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento integral da violencia de xénero e Programa de fomento da conciliación nas entidades locais: na valoración das solicitudes presentadas polas entidades peticionarias teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Interese e calidade do proxecto, actividade ou medida que se propón, valorada en función da xustificación da súa necesidade, a súa viabilidade e a claridade expositiva: ata 30 puntos, que se desagregarán como segue:

– Xustificación da necesidade, viabilidade e claridade expositiva: ata 15 puntos.

– Coherencia da actuación proposta con accións de promoción da igualdade e conciliación cofinanciadas ou promovidas polos departamentos competentes da Administración autonómica, nomeadamente cos eixos estratéxicos do VI Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes: ata 15 puntos.

b) No caso de solicitude realizada por agrupación de concellos: ata 30 puntos.

b.1) Pola mera presentación da solicitude conxunta: 10 puntos.

b.2) Polo número de concellos asociados, número de servizos que se van prestar de forma compartida, repercusión do proxecto medida a través da cifra de poboación total dos concellos participantes no proxecto: ata 10 puntos.

b.3) Pola presentación dunha memoria de aforro de custos respecto da prestación de modo individual: ata 10 puntos.

c) Compromiso da entidade coa igualdade entre homes e mulleres: ata 10 puntos.

Valorarase, en particular, a acreditación de ter constituída unha concellaría para a promoción da igualdade ou a realización de actividades de promoción da igualdade, conciliación e/ou prevención e tratamento da violencia de xénero nos últimos dous anos.

d) Presentación de toda a documentación relativa ao procedemento en galego e compromiso do seu uso no desenvolvemento das actuacións para as que se solicita a axuda: 5 puntos.

e) Adhesión á Rede de entidades locais en contra da violencia de xénero: 5 puntos.

f) Grao de cofinanciamento das actuacións: ata 20 puntos, de acordo co seguinte baremo:

– Máis do 10 % e ata o 20 %: 1 punto.

– Máis do 20 % e ata o 30 %: 5 puntos.

– Máis do 30 % e ata o 40 %: 10 puntos.

– Máis do 40 % e ata o 50 %: 15 puntos.

– Máis do 50 %: 20 puntos.

2. Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM).

Os criterios que servirán de base para a determinación da porcentaxe aplicable para o cálculo da contía dos incentivos e da subvención para os custos da contratación de servizos profesionais nos CIM serán os seguintes:

a) Amplitude horaria na prestación dos servizos básicos e calidade do servizo: ata 30 puntos, que se desagregarán como segue:

a.1) Atención xurídica prestada en horario superior a 6 horas/semana: ata 10 puntos.

a.2) Atención psicolóxica prestada en horario superior a 6 horas/semana: ata 10 puntos.

a.3) CIM con financiamento deste departamento no exercicio anterior e rendemento estimado segundo o cumprimento de obxectivos e a súa xustificación: ata 5 puntos.

a.4) Existencia de persoal que desenvolva as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero: 5 puntos.

b) Estabilidade no emprego dos cadros de persoal do CIM: máximo 30 puntos.

b.1) Desempeño das funcións de dirección por persoal funcionario de carreira ou laboral fixo: 10 puntos.

b.2) Desempeño das funcións de asesoramento xurídico por persoal funcionario de carreira ou laboral fixo: 10 puntos.

b.3) Desempeño das funcións de asesoramento psicolóxico por persoal funcionario de carreira ou laboral fixo: 10 puntos.

c) No caso de solicitude realizada por agrupación de concellos: ata 30 puntos.

c.1) Pola mera presentación da solicitude conxunta: 10 puntos.

c.2) Polo número de concellos asociados, número de servizos que se van prestar de forma compartida, repercusión do proxecto medida a través da cifra de poboación total dos concellos participantes no proxecto: ata 10 puntos.

c.3) Pola presentación dunha memoria de aforro de custos respecto da prestación de modo individual: ata 10 puntos.

d) Presentación de toda a documentación relativa ao procedemento en galego e compromiso do seu uso no desenvolvemento das actuacións propias do centro: 5 puntos.

e) Adhesión á Rede de entidades locais en contra da violencia de xénero: 5 puntos.

3. Atendendo ao disposto no artigo 1 desta resolución e segundo cada tipo de axuda, á solicitude que obteña maior puntuación corresponderalle unha axuda do 100 % do orzamento elixible; en caso contrario, a contía da axuda reducirase proporcionalmente. En caso de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, o desempate establecerase en función das puntuacións máis altas segundo as epígrafes parciais dos criterios, empezando pola letra a).

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade, de acordo co establecido na disposición adicional segunda do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por proposta do órgano instrutor e despois da fiscalización pola intervención delegada, a resolución destas axudas.

2. O prazo para resolver será de catro meses. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase desestimada.

3. A publicidade das subvencións realizarase segundo dispón a normativa vixente. Nos cinco días seguintes á notificación da concesión publicarase na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Igualdade a relación de beneficiarias con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º.b) da indicada lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas con expresión dos motivos da desestimación.

5. Na resolución de concesión as entidades beneficiarias serán informadas de que a obtención de axuda comunitaria implica a aparición na lista pública de persoas beneficiarias que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2º.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007), e de que na devandita lista figuran os datos de identidade ou denominación social, das operacións e da contía de fondos públicos asignada a cada operación.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Subcontratación

1. As actuacións subvencionadas correspondentes aos programas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento integral da violencia de xénero e ao programa de fomento da conciliación poderán ser obxecto de subcontratación ata un 100 % tendo en conta o disposto neste artigo e de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As actuacións subvencionadas correspondentes ao Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM) quedan excluídas da posibilidade de subcontratación.

2. Todo procedemento de contratación deberá respectar os principios de transparencia, publicidade e libre concorrencia, estando as persoas subcontratistas obrigadas a facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás actuacións subcontratadas. Os/as subcontratistas quedarán obrigadas/os soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade fronte á Administración. As entidades beneficiarias das subvencións serán as responsables de que na execución da actividade subvencionada concertada con terceiras persoas se respecten os límites establecidos nestas bases reguladoras en canto á natureza e contía dos gastos subvencionables e exixiranlles aos/ás subcontratistas os documentos acreditativos dos pagamentos correspondentes. Os/as subcontratistas están obrigados/as a lles facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

3. En ningún caso poderá concertar a entidade beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios/as ou asesores/as cuxos pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a autorización previa do órgano concedente nos termos que se fixen nesta resolución.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

Artigo 16. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria. A actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 17. Xustificación da subvención

1. Conforme o establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para cobrar as axudas concedidas ao abeiro desta resolución as entidades beneficiarias deberán presentar, con data límite do 30 de novembro de 2013, nos lugares indicados no artigo 6 desta convocatoria, os orixinais da seguinte documentación:

1.1. Programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

a) Solicitude de pagamento asinada segundo o modelo do anexo IX.

b) Certificación de gastos realizados e da súa finalidade (anexo X).

c) Declaración de axudas actualizada na data de xustificación (anexo IV).

d) Facturas orixinais ou documentos de valor probatorio equivalente acreditativos dos gastos subvencionados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento. No caso de nóminas, acompañaranse dos seguros sociais e da retención á conta do imposto do IRPF xunto cos xustificantes bancarios que acrediten os seus pagamentos.

e) Memoria de execución da actividade, que para actuacións distintas da elaboración ou avaliación dun plan de igualdade deberá recoller, como mínimo, descrición das actuacións desenvolvidas (lugar e data de realización, duración, contidos e metodoloxía empregada no seu desenvolvemento), valoración do cumprimento dos obxectivos, valoración global da actividade e do seu impacto en relación cos resultados previstos, publicidade e divulgación que se realizou e, se é o caso, número de persoas participantes desagregadas por sexo. No caso de que a actuación subvencionada fose a avaliación dun Plan de igualdade a memoria deberá recoller a metodoloxía empregada, a valoración cuantitativa e cualitativa dos resultados en relación cos obxectivos e actuacións propostos no plan e a identificación das áreas de mellora. Para o suposto de que a acción subvencionada fose a realización dun plan de igualdade entenderase cuberto este punto coa achega do dito plan, en que debe constar expresamente a metodoloxía empregada para a súa realización.

f) Un exemplar de todos os materiais elaborados (carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías ou outra documentación elaborada ad hoc e que complemente a xustificación da actividade subvencionada).

1.2. Programa de fomento da conciliación.

a) Solicitude de pagamento asinada segundo o modelo do anexo IX.

b) Certificación de gastos realizados e da súa finalidade (anexo X).

c) Declaración de axudas actualizada na data de xustificación (anexo IV).

d) Facturas orixinais ou documentos de valor probatorio equivalente acreditativos dos gastos subvencionados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento. No caso de nóminas, acompañaranse dos seguros sociais e da retención á conta do imposto do IRPF xunto cos xustificantes bancarios que acrediten os seus pagamentos.

e) Memoria de execución da medida, que deberá recoller, como mínimo, descrición das actuacións desenvolvidas (lugar e data de realización, duración, contidos e metodoloxía empregada no seu desenvolvemento), valoración do cumprimento dos obxectivos, valoración global da actividade e do seu impacto en relación cos resultados previstos, publicidade e divulgación que se realizou e, se é o caso, número de persoas participantes desagregadas por sexo.

f) Un exemplar de todos os materiais elaborados (carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías ou outra documentación elaborada ad hoc e que complemente a xustificación da actividade subvencionada).

1.3. Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM).

a) Solicitude de pagamento asinada segundo o modelo do anexo IX.

b) Certificación de gastos realizados e da súa finalidade (anexo X), agás no caso de entidades beneficiarias exclusivamente de axudas por incentivo.

c) Declaración de axudas actualizada na data de xustificación (anexo IV).

d) Certificado de persoal (anexo VIII).

e) No suposto de que a subvención fose concedida para gastos de persoal derivados de contratacións eventuais ou mercantís: facturas orixinais ou documentos de valor probatorio equivalente acreditativas dos gastos subvencionados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento. No caso de nóminas, acompañaranse dos seguros sociais e da retención á conta do imposto do IRPF xunto cos xustificantes bancarios que acrediten os seus pagamentos.

2. Para os efectos do establecido nesta convocatoria, a condición de elixibilidade do gasto imputable a unha actuación deriva do cumprimento dos seguintes requisitos: que sexa un gasto directo da acción, que sexa axeitado aos obxectivos da medida á que pertence a actuación, que exista constancia documental sobre a súa realización de xeito verificable e que se realice dentro do período establecido, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa (ex.: nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social) e que sexa efectivamente pagado pola entidade beneficiaria dentro do prazo de xustificación, agás que se trate de gastos correspondentes a impostos ou cotas por seguros sociais relativos a gastos directos da acción liquidables con posterioridade a esta data; neste caso, o período de elixibilidade excede do prazo de xustificación e abrangue ata o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria. En todo caso, observarase o cumprimento das condicións establecidas na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica.

3. As facturas, ou documentos equivalentes ou substitutivos, presentaranse en orixinal e serán selados pola Secretaría Xeral da Igualdade cun selo que indicará o procedemento para o que se presentan e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada. A xustificación do pagamento das facturas, ou documentos equivalentes, farase mediante xustificantes bancarios (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria etc.) en que consten o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emite a factura. No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas das que é obxecto. As entidades beneficiarias deberán acreditar na xustificación, de maneira documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas ...) o cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

4. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 18. Pagamento

1. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

2. Realizarase un primeiro pagamento do 60 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo no momento de notificación da resolución. O 40 % restante, ou a parte que corresponda, librarase logo da completa xustificación polas entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución. Antes de proceder ao pagamento da liquidación final o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as entidades adxudicatarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

3. Procederá a minoración do importe da subvención concedida cando o orzamento executado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

4. Cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación, quedando as entidades beneficiarias obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, a dita presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

Artigo 19. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 20. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nestas bases.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Secretaría Xeral da Igualdade poderá realizar, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nestas bases. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Secretaría Xeral da Igualdade xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

3. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 21. Publicidade e información

1. As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En concreto, deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus activos con fondos da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Igualdade e do Fondo Social Europeo. Para isto, no lugar onde se realicen as actuacións deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo en que aparezan os anagramas da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo, en aplicación do disposto na normativa aplicable. Na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Igualdade informarase das características do dito cartel e dos logos e lendas de obrigada inclusión. Cando o proxecto teña publicidade nun sitio da internet deberán figurar na súa páxina de inicio e en lugar visible as citadas referencias; cando se materialice nunha aplicación informática deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares). Cando o proxecto dea lugar a documentación (manuais, cadernos, enquisas, folletos, notas informativas, CD-Rom) deberán constar na dita documentación as citadas referencias, que se colocarán na contraportada no caso das publicacións.

2. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria do programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da axuda, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e dos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión. Igualmente, farase na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto no Regulamento (CE) 1081/2006, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Social Europeo; no Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; na Orde do 21 de decembro de 2009, da Consellería de Facenda, pola que regulan as normas para a execución, seguimento e control dos programas operativos Feder de Galicia
2007-2013 e FSE de Galicia 2007-2013; na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013, e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Artigo 23. Información ás persoas interesadas

Sobre os procedementos administrativos asociados a esta resolución, que teñen os códigos SI435A para as axudas correspondentes ao programa 2.a) do artigo 1 desta resolución, SI435B para as axudas correspondentes ao programa 2.b) e SI427B para as axudas correspondentes ao programa 2.c) do devandito artigo, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades de igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, http://www.xunta.es/resultados-da-guia-do-cidadan, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.igualdade.xunta.es, do teléfono 881 99 92 33 no enderezo electrónico
promocion.igualdade@xunta.es, ou presencialmente, previa petición de cita.

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral de Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira terceira

Quedan sen efecto as bases reguladoras das axudas a entidades locais para a promoción da igualdade aprobadas pola Resolución do 5 de abril de 2011, da Secretaría Xeral da Igualdade (Diario Oficial de Galicia número 71, do 11 de abril).

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2013

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file