Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Luns, 3 de xuño de 2013 Páx. 20030

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2013, da Xerencia de Xestión Integrada de Vigo, pola que se establece e se fai pública a composición e funcións da mesa de contratación permanente da estrutura organizativa de Xestión Integrada de Vigo.

O texto refundido da Lei de contratos do sector público (en diante TRLCSP), aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, establece no seu artigo 320 que, salvo no caso en que a competencia para contratar corresponda a unha xunta de contratación, os órganos de contratación estarán asistidos por unha mesa de contratación, que será o órgano competente para a valoración das ofertas nos procedementos abertos e restrinxidos e nos procedementos negociados con publicidade a que se refire o artigo 177.1 do mesmo texto legal. Igualmente determina a estrutura e composición da mesa, así como os requisitos que deben cumprir cada un dos seus membros. No artigo 321 do mesmo texto configúranse os membros que integran este órgano nos supostos en que deba constituírse a mesa especial de diálogo competitivo.

O vixente Real decreto 817/2009, do 8 de maio, determina nos seus artigos 21, 22 e 23, respectivamente, a composición e funcións das mesas de contratación e da mesa de diálogo competitivo e a obrigatoriedade de publicar a súa composición no diario oficial da Administración autonómica, se se trata dunha mesa permanente ou se lle atribúen funcións para unha pluralidade de contratos.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 320.3 do TRLCSP, esta xerencia, actuando como órgano de contratación en virtude das competencias delegadas no artigo 5 da Orde da Consellería de Sanidade, do 5 de xullo de 2012, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde e en aplicación do previsto nos artigos 320 do TRLCSP e 21.4 do Real decreto 817/2009, de 8 de maio,

ACORDA:

A constitución, con carácter permanente, da mesa de contratación da estrutura organizativa de Xestión Integrada de Vigo, coas funcións que se lle asignan no artigo 22 de devandito real decreto, e cuxa composición se adecuará á designación de membros que nos puntos seguintes se reflicte.

Primeiro. Composición da mesa de contratación

A mesa de contratación estará constituída polos seguintes membros:

1. Presidente: titular da Dirección de Recursos Económicos, o cal será substituído, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade, por un subdirector de Recursos Económicos e, na súa falta, polo vogal da mesa de maior xerarquía, antigüidade e idade, por esta orde, sen que en ningún caso poida recaer a presidencia nin no letrado do Servizo Xurídico nin no interventor, quen en todo caso actuarán como vogais.

2. Vogais:

Un letrado da Asesoría Xurídica do Sergas.

Un interventor da Intervención Territorial da Consellería de Facenda.

Un subdirector de Recursos Económicos.

Un empregado público, adscrito ao Servizo de Contratación Administrativa.

3. Secretario: un empregado público adscrito ao Servizo de Contratación Administrativa.

4. Todos os membros da mesa terán voz e voto, a excepción do secretario, que terá voz e non voto.

5. Cando a natureza dos asuntos o requira, a Presidencia poderá solicitar a incorporación á mesa, de cantos asesores especializados e persoal técnico xulgue conveniente e poderá tamén solicitar cantos informes considere necesarios. Os asesores e persoal técnico actuarán con voz pero sen voto, sen que teñan a consideración de membros da mesa nin os seus informes a vinculen, excepto os emitidos polo comité de expertos.

Segundo. Normas de funcionamento

As funcións da mesa de contratación e da mesa especial do diálogo competitivo correspóndense, respectivamente, coas relacionadas nos artigos 22 e 23 do Real decreto 817/2009, do 8 de maio, segundo se trate dun procedemento aberto, restrinxido, negociado ou de diálogo competitivo.

A mesa de contratación reunirase, logo de convocatoria do secretario, efectuada en nome de quen exerza a presidencia. Para a súa válida constitución, requirirase a presenza do presidente e secretario, ou de quen os substitúan, e da metade polo menos dos seus membros. En todo caso, será precisa a asistencia dos dous vogais que teñan atribuídas as funcións correspondentes ao asesoramento xurídico e o control económico-orzamentario do órgano de contratación ou quen os substitúa.

En ningún caso os membros da mesa con dereito a voto poderán absterse nas votacións que, para a correspondente toma de decisións, poidan celebrarse no seu seo.

Cando deban valorarse criterios sometidos a xuízos de valor cuxa ponderación sexa superior aos criterios de avaliación automática, deberá constituírse un comité de expertos ao cal corresponderá realizar a valoración das ofertas conforme os criterios subxectivos que correspondan, ou ben encomendar esta avaliación a un organismo técnico especializado.

Os membros do comité de expertos, cuxo número non será inferior a tres, serán designados polo órgano de contratación, sen que formen parte nin se integren como compoñentes da mesa. No entanto, o informe de valoración que emita será vinculante para a mesa.

A mesa de contratación, como órgano colexiado asesor do órgano de contratación, elevará a este a proposta de adxudicación que considere máis vantaxosa e adecuada.

Nos supostos en que se aplique o procedemento de diálogo competitivo, a mesa de contratación constituirase de forma especial e estará composta polos mesmos membros da mesa permanente de contratación, máis as persoas que designe o órgano de contratación que, nun número igual ou superior a tres e non representando menos da terceira parte dos membros da mesa, se considere oportuno que se incorporen ao órgano colexiado como persoas con competencia técnica na materia a que se refire a licitación.

Os mencionados membros que se incorporen á mesa de contratación formarán parte da mesa de diálogo competitivo como membros con voz e voto.

Terceiro. Réxime xurídico

A mesa de contratación como órgano colexiado, rexerase nos seus procedementos, ademais de pola normativa específica de contratación administrativa, polo establecido no capítulo II, título II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarto. Derrogación

Quedan sen efecto as resolucións de data anterior a presente, en que se estableza a composición e designación, con carácter permanente, dos membros da mesa de contratación do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

Quinto. Publicación e data de efectos

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 8 de maio de 2013

P.D. (Artigo 5 da Orde do 5 de xullo de 2012; DOG nº 139, do 20 de xullo)
Mario González González
Xerente de Xestión Integrada de Vigo