Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Venres, 31 de maio de 2013 Páx. 19478

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 76/2013, do 16 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras da segunda fase da rede de saneamento de Sorrizo (concello de Arteixo).

O Concello de Arteixo, en sesión do día vinte e seis de xaneiro de dous mil doce, aprobou o proxecto das obras da segunda fase de saneamento de Sorrizo (concello de Arteixo) e, na Xunta de Goberno Local do dezanove de decembro de dous mil doce, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos cales se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

O dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais logo da súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo 1 da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o Concello e o informe do técnico municipal, este é o único treito que queda por construír, salvo casos puntuais, da rede de saneamento municipal de Sorrizo, ten un indubidable valor agrícola e paisaxístico e conta, ademais, cun pequeno porto natural.

A urxencia da súa instalación vén motivada pola necesidade de completar o circuíto de saneamento en toda a parroquia, o que posibilitaría a súa defensa fronte ás verteduras contaminantes, tanto de augas residuais como doutra natureza, nunha ampla zona do litoral marítimo e de cursos fluviais que desembocan nel.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de maio de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras da segunda fase da rede de saneamento de Sorrizo (concello de Arteixo), debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que foren necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, dezaseis de maio de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza