Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Venres, 31 de maio de 2013 Páx. 19480

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 77/2013, do 16 de maio, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito sobrante da LU-540 en forma de V, cunha lonxitude aproximada de 560 metros, a prol do Concello de Ourol.

A teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma e das entidades locais deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón, no artigo 54, que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquire características urbanas se lles entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da Administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os dous organismos.

Ao abeiro das mencionadas previsións legais, o Concello de Ourol acordou solicitar á Xunta de Galicia o cambio de titularidade do treito sobrante da LU-540, en forma de V, cunha lonxitude de 560 metros, o cal enlaza co treito xa transferido no Decreto 154/2011 e referenciado como treito sobrante da estrada C-640 (actualmente LU-540), desde o punto quilométrico 15+000 (actual LU-540) ata o cruzamento dos Colviños sito no punto quilométrico 15+760 (actual LU-540).

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos técnicos competentes, formula proposta favorable á transferencia da titularidade.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas considera adecuado o cambio de titularidade tendo en conta que, por tratarse dun resto sobrante, non é necesario para conformar ningún eixo de articulación territorial ou garantir a accesibilidade a un asentamento de poboación, e tampouco supón deixar un treito illado sen capacidade de xestión.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de maio de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Ourol do seguinte treito:

Treito sobrante da LU-540, en forma de V, cunha lonxitude de 560 metros, o cal enlaza co treito xa transferido no Decreto 154/2011 e referenciado como treito sobrante da estrada C-640 (actualmente LU-540), desde o punto quilométrico 15+000 (actual LU-540) ata o cruzamento dos Colviños sito no punto quilométrico 15+760 (actual LU-540).

Artigo 2

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais, no marco das súas competencias e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Ourol deberá incorporar ao seu plan de estradas as vías a que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega da vía formalizarase, no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Ourol, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de maio de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas