Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 16 de maio de 2013 Páx. 16926

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2013 pola que se lle dá publicidade ao Acordo do 18 de febreiro de 2013, do Consello Reitor da Axencia Turismo de Galicia, de delegación de competencias na persoa titular da Dirección da Axencia.

Logo de examinar os acordos do Consello Reitor da Axencia Turismo de Galicia, na súa sesión constitutiva do 18 de febreiro de 2013, sobre delegación de competencias na persoa titular da Dirección da Axencia, e consonte o disposto no artigo 6.6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2013

Mª Nava Castro Domínguez
Directora de Turismo de Galicia

ANEXO

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, autoriza o Consello da Xunta de Galicia para a creación da Axencia Turismo de Galicia, que terá como obxectivo básico impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade e a conservación e promoción dos camiños de Santiago.

O Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, establece no artigo 17 as competencias do Consello Reitor, entre as que se atopa a resolución das reclamacións previas en asuntos civís e laborais, sen prexuízo da súa posible delegación noutro órgano da Axencia.

A delegación de competencias permite unha maior axilización administrativa na resolución dos expedientes, que redunda en beneficio tanto da Administración como dos cidadáns, dentro do respecto aos principios que informan a actividade administrativa, establecidos no artigo 103 da Constitución española, e ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

En virtude do previsto no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, e de conformidade co disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, o Pleno do Consello Reitor da Axencia Turismo de Galicia, na súa sesión constitutiva do 18.2.2013,

ACORDA:

Delegar na persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia o exercicio das seguintes competencias:

1. A competencia para resolver as reclamacións previas en asuntos civís e laborais.

2. A competencia para a aprobación da contracción de obrigas de carácter plurianual, ata que sexa aprobado o contrato de xestión da Axencia. Precisará autorización do Consello da Xunta cando, por razón da contía, lle corresponda a este autorizar o gasto.