Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 14 de maio de 2013 Páx. 16084

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 24 de abril de 2013 polo que se fai pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e, definitivamente, o proxecto de trazado e impacto ambiental da obra: proxecto de conexión da AG-4.1 coa PO-550. Clave PO/09/192.00.

Con data do 23 de abril de 2013, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Orde do 4 de febreiro de 2013; Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 19 de setembro de 2011, a entón directora xeral de Infraestruturas aprobou provisionalmente o proxecto de trazado e impacto ambiental da obra: proxecto de conexión da AG-4.1 coa PO-550, clave PO/09/192.00.

Segundo. Con data do 3 de outubro de 2011 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 189 a Resolución do 20 de setembro de 2011, da entón Dirección Xeral de Infraestruturas, pola que se sometía ao trámite de información pública o proxecto de trazado e impacto ambiental da obra: proxecto de conexión da AG-4.1 coa PO-550, clave PO/09/192.00, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Terceiro. Con data do 30 de setembro de 2011 remitiuse ao Concello de Sanxenxo e ao Servizo Provincial de Infraestruturas de Pontevedra, para a súa exposición ao público, durante 30 días hábiles, prazo durante o cal tamén estivo exposto ao público na entón Dirección Xeral de Infraestruturas.

Cuarto. Con data do 4 de febreiro de 2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou declaración de impacto ambiental, que se publicou no DOG do 18 de marzo de 2013.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 15.1 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, establece que cando se trate da construción dunha nova estrada ou variante de poboación non prevista no planeamento urbanístico vixente, a Administración titular da estrada aprobará tecnicamente o correspondente estudo informativo ou proxecto de trazado, que se someterá ao trámite de información pública durante un prazo de trinta días hábiles, na forma prevista na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No punto 2 dese artigo establécese que, simultaneamente coa información pública, o estudo ou proxecto deberá remitirse ás administracións afectadas para que, no prazo dun mes, examinen se o trazado proposto é o máis adecuado para o interese xeral e para os intereses das localidades e provincias afectadas. Transcorrido este prazo e un mes máis sen que as administracións afectadas emitan informe ao respecto, entenderase que están conformes co estudo ou proxecto.

Segundo. Na tramitación do expediente tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo con todo o exposto,

Resolvo:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado e impacto ambiental da obra proxecto de conexión da AG-4.1 coa PO-550, clave PO/09/192.00, coas seguintes prescricións e modificacións, que son consecuencia da análise efectuada das alegacións presentadas:

Primeira. Preverase a redución do largo do camiño 6 e o seu desprazamento o máis arrimado posible ao noiro da vía principal para minimizar as expropiacións neste treito.

Segunda. Deseñaranse con detalle todos os camiños de servizo de xeito que ningunha parcela quede sen accesos como consecuencia da construción da nova vía. Minimizarase o seu impacto nos predios veciños, evitando a súa execución onde non sexan estritamente necesarios ou melloren de xeito significativo a conectividade da rede de camiños existentes.

Terceira. Completarase a identificación dos servizos afectados, coa información subministrada, tentando de xeito preferente evitar a afección ao servizo existente e, de non ser isto posible, procedendo á súa reposición. Se tampouco fose posible a reposición do servizo, considerarase este como un dereito real afectado pola execución das obras e procederíase a avaliar a indemnización correspondente.

Cuarta. Nos casos en que o prevexa a Lei de expropiación forzosa, farase a expropiación total dos predios en que só sexa necesaria a ocupación dunha parte delas, de tal xeito que resulte antieconómica a conservación da parte do predio non expropiado, e así o solicite o seu propietario.

Quinta. Corrixiranse os erros detectados nos datos relativos á titularidade, límites e bens dos predios afectados pola construción da obra, tanto nos planos parcelarios, como nas listas de titulares e de bens e dereitos afectados.

Sexta. A través do que indique a declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, teranse en conta no proxecto construtivo que desenvolva este proxecto os seguintes informes:

a) As prescricións indicadas no informe de Augas de Galicia.

b) As indicacións recollidas no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

c) Consideraranse as precisións que se establecen no informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

d) O informe da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe.

Segundo. Nas fases posteriores do proxecto e durante a execución da obra, cumpriranse as prescricións da declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental na súa Resolución do 4 de febreiro de 2013.

Terceiro. Consonte establece o artigo 15.3 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, ordénase a modificación ou revisión do planeamento urbanístico do Concello de Sanxenxo, afectado polo proxecto de trazado e impacto ambiental da obra: proxecto de conexión da AG-4.1 coa PO-550, clave PO/09/192.00, o cal deberá acomodarse ás determinacións do proxecto de trazado no prazo dun ano desde a súa aprobación.

Cuarto. O proxecto de construción que desenvolva o proxecto de trazado deberá axustarse ás indicacións recollidas nesta resolución.

Quinto. Así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/tema/c/Infraestruturas_Estradas) porase á disposición dos interesados un documento coa planta do proxecto de trazado aprobado.

Sexto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou ben recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes contados desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2013

Ethel Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas