Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Venres, 10 de maio de 2013 Páx. 15461

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para garantir o acceso á internet de banda larga vía satélite, se regula a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2013.

Na Comunicación COM (2009) 103, do 3 de marzo de 2009, da Comisión, ao Consello e ao Parlamento «Mellorar o acceso das zonas rurais ás modernas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC)», a Comisión recoñece que a utilización eficaz das tecnoloxías da información e da comunicación, impulsada por un mellor acceso á internet de alta velocidade (banda larga), desempeña un papel fundamental para aumentar a produtividade e promover a innovación en Europa e, en particular, nas zonas rurais.

Neste contexto, a Comisión anima os estados membros a impulsar as sinerxías e a complementariedade entre os instrumentos da política rexional, a política de desenvolvemento rural e as políticas nacionais en materia de TIC, para superar os desequilibrios territoriais no relativo ao acceso á banda larga, máis acusados nas zonas rurais.

Especificamente no ámbito do fondo Feader, considérase prioritario desenvolver o acceso á internet de banda larga nas zonas rurais, que adoitan ter un acceso insuficiente debido ás dificultades orográficas e á dispersión poboacional. Por iso, o Regulamento (CE) nº 473/2009, do 25 de maio, polo que se modifica o Regulamento 1698/2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), prevé expresamente a subvencionabilidade no marco da medida 321, «Servizos básicos para a economía e poboación rurais», das operacións de apoio á creación de infraestruturas de banda larga, que inclúe as instalacións por satélite, así como ao seu acceso.

Pola súa banda, no contexto máis amplo da Estratexia de Lisboa, os Estados membros están a impulsar plans para acelerar o desenvolvemento das TIC e, especificamente, incrementar o grao de penetración da banda larga mediante o despregamento das correspondentes infraestruturas. No caso da Comunidade Autónoma de Galicia, o Consello da Xunta do día 18 de febreiro de 2010 aprobou o Plan Director de Banda Larga 2010-2013 (PDBL), en que se define a estratexia global para posibilitar o acceso ao servizo de banda larga a toda a sociedade galega, como un dos motores principais para o desenvolvemento de Galicia, situándoa entre as rexións de referencia no desenvolvemento das novas tecnoloxías e infraestruturas para a sociedade da información.

No marco do PDBL, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia –entidade instrumental pertencente ao sector público autonómico a que compete o impulso e promoción do PDBL, e que en virtude do Decreto 255/2011, do 15 de decembro, asumiu os medios persoais e materias e as competencias que lle correspondían á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica– e Agader subscribiron, o 17 de abril de 2012, un convenio de colaboración para coordinar as actuacións no ámbito do Plan de Banda Larga de Galicia, que se concreta, entre outras actuacións, na tramitación dunha convocatoria pública de subvencións, co obxectivo de completar a cobertura dos servizos de banda larga á práctica totalidade da poboación con tecnoloxía satélite de calidade segundo se dispón no propio PDBL.

Nas directrices comunitarias para a aplicación das normas sobre axudas estatais ao despregamento rápido de redes de banda larga, a Comisión Europea mantén que unha intervención estatal selectiva no ámbito da banda larga pode contribuír a reducir a «fenda dixital» que se abre entre zonas en que se dispón de servizos de banda larga accesibles e competitivos e as zonas que carecen dos ditos servizos. A licitación aberta garante a transparencia a todos os investidores que desexen presentar ofertas para a realización do proxecto subvencionado.

Por outra banda, a Xunta de Galicia ten dentro dos seus eixes de actuación o impulso á modernización e á innovación tecnolóxica co obxecto de potenciar a mellora da calidade do servizo ofrecido aos cidadáns. Por esta razón, cómpre artellar o dereito dos cidadáns a relacionarse coas administracións públicas por medios electrónicos e a utilizar as tecnoloxías da información na actividade administrativa, nos termos previstos na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Tendo en conta o anterior, e no marco das competencias delegadas polo acordo do Consello de Dirección de Agader do 21 de xuño de 2007,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

A presente resolución ten por obxecto:

a) Aprobar as bases reguladoras das subvencións para novas conexións á internet de banda larga a través de tecnoloxía satélite bidireccional no medio rural, que se xuntan a esta resolución como anexo I.

b) Aprobar as bases reguladoras para seleccionar as entidades colaboradoras na xestión das subvencións para novas conexións á internet de banda larga a través de tecnoloxía satélite bidireccional no medio rural, que se xuntan a esta resolución como anexo II.

c) Aprobar os formularios para xestionar esta convocatoria, que se xuntan a esta resolución como anexo III, para solicitantes de axuda, e como anexo IV para entidades colaboradoras.

d) Convocar para o ano 2013, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para novas conexións á internet de banda larga a través de tecnoloxía satélite bidireccional no medio rural, cofinanciadas co Feader.

Segundo. Financiamento

A dotación máxima para financiar esta convocatoria é de trescentos cincuenta e nove mil euros (359.000 €), con cargo ás aplicacións orzamentarias 2013-12-A1-712A-7800 e 2013-12-A1-712A-7700 (contas orzamentarias 02.01 02/31/21.656801 e 02.01 02/31/21.656701), coa seguinte distribución:

Nº de referencia

Aplicación

Proxecto de investimento

Importe

2013-12-00004

12.A1.712A.770.0

201300007

15.000,00

2013-12-00004

12.A1.712A.780.0

201300007

344.000,00

Este crédito está cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da medida 321 do eixe 3 «Mellora da calidade de vida nas zonas rurais e diversificación da economía rural», do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013.

As contías indicadas poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas e sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo recolle o artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei, publicándose no DOG o aludido incremento na súa contía.

Terceiro. Prazo para presentar as solicitudes e a documentación xustificativa

a) O prazo inicial para que as entidades colaboradoras presenten as solicitudes para a obtención da cualidade de entidades colaboradoras é dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, sen prexuízo do disposto no artigo 7.b) das bases reguladoras recollidas no anexo II.

b) O prazo para presentar as solicitudes de axuda comezará o día seguinte ao da publicación no DOG da relación de entidades colaboradoras adheridas e remata o 30 de setembro de 2013.

c) O prazo para que as entidades colaboradoras presenten a documentación xustificativa dos gastos subvencionados remata o 31 de outubro de 2013.

Cuarto. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Quinto. Información aos interesados.

Sobre estes procedementos administrativos, que teñen os códigos MR704A e MR704B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través das seguintes canles:

a) Páxina web oficial da Agader (http://agader.xunta.es), na súa epígrafe de «Liñas de axuda».

b) O teléfono 981 54 73 82 de Agader.

c) Presencialmente, nas dependencias de Agader, no lugar da Barcia, nº 56, estrada Santiago-Noia, km 1, 15896 Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde fóra de Galicia o 902 12 00 12).

Esta resolución aplicarase desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG e o director xeral de Agader poderá ditar os actos necesarios para asegurar a súa correcta aplicación e execución.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2013

P.D. (Resolución 21.6.2007; DOG nº 134, do 11 de xullo)
Antonio Crespo Iglesias
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Anexo I
Bases reguladoras das subvencións para novas conexións á internet de banda larga a través de tecnoloxía satélite bidireccional no medio rural
(procedemento administrativo MR704B)

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións para novas conexións á internet de banda larga a través de tecnoloxía satélite bidireccional no medio rural, en zonas que carezan doutra posibilidade de acceso a este servizo, no marco do Plan de Banda Larga de Galicia.

Artigo 2. Xestión das subvencións

a) As subvencións xestionaranse a través de entidades colaboradoras, que terán como labor a promoción e contratación do servizo da internet, actuando como canle entre os beneficiarios solicitantes e Agader, de acordo co previsto no anexo II da resolución.

b) Os beneficiarios terán completa liberdade para elixir o operador que prefiran de entre os que obtivesen o recoñecemento de entidade colaboradora, conforme o previsto no citado anexo II.

Artigo 3. Tramitación electrónica do procedemento

As subvencións reguladas nestas bases tramitaranse por medios electrónicos, a través das entidades colaboradoras seleccionadas, nos termos previstos no título III da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no capítulo V do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 4. Ámbito territorial

Para os efectos das presentes bases reguladoras, considérase medio rural todo o territorio de Galicia, excepto as zonas incluídas nos perímetros urbanos definidos como tales no planeamento urbanístico vixente das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

Artigo 5. Gastos subvencionables

a) Considéranse subvencionables os gastos derivados da conexión ao servizo de acceso á banda larga vía satélite en ambos os sentidos de comunicación, que teña asociada unha velocidade de transferencia de datos de, como mínimo, 2 Mbps en sentido da rede ao usuario (DL). Só se subvencionará unha conexión por enderezo.

b) Terán a consideración de gastos subvencionables:

b.1. Custo de instalación, incluíndo os materiais precisos para a súa correcta realización (soportes, mastros, canaletas, cable etc.).

b.2. Subministración do equipamento preciso para distribuír o sinal de banda larga no interior das vivendas ou instalacións das empresas (router wifi, PLC etc.).

Só será subvencionable o IVE non recuperable cando sexa custeado de forma efectiva e definitiva polo beneficiario. Polo tanto, non se considerará subvencionable o IVE soportado polas empresas que sexa susceptible de recuperación ou compensación.

En ningún caso serán subvencionables equipamentos diferentes dos antes indicados (antena parabólica, LNB, módem satélite, terminais telefónicos etc.) nin as cotas mensuais que deberá satisfacer o beneficiario ao provedor do servizo da internet.

Artigo 6. Beneficiarios

a) Poderán solicitar a axuda:

As persoas físicas que pretendan acceder ao servizo na súa condición de usuarios residenciais.

Pequenas e medianas empresas.

b) Deberán, en ambos os casos, reunir ademais as seguintes condicións:

b.1. Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.

b.2. Non dispoñer de cobertura de banda larga de calidade de, polo menos, 2 Mbps en sentido rede-usuario mediante outra tecnoloxía.

b.3. Solicitar a axuda para a instalación da nova conexión no enderezo de residencia ou, no caso dunha empresa, domicilio fiscal.

b.4. Manter o novo contrato de conexión á internet por un período mínimo de doce meses, contado desde a data de alta no servizo.

b.5. Non ter sido beneficiario doutra subvención para o mesmo obxecto.

b.6. Tramitar a solicitude exclusivamente a través de calquera das entidades colaboradoras que sexan seleccionadas por Agader en procedemento público e aberto.

c) Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, con independencia das comprobacións que efectúe o órgano xestor.

d) Igualmente, non poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que están excluídas da aplicación do réxime de minimis, de acordo co previsto no artigo 1.1 do Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión, do 15.12.2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28.12.2006) ou do Regulamento (CE) nº 1535/2007, da Comisión, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción dos produtos agrícolas.

Artigo 7 Normativa de axudas de Estado

As axudas a pequenas e medianas empresas que realicen actividade económica ampárase nos regulamentos (CE) nº 1998/2006 e nº 1535/2007, mencionados no artigo anterior.

Artigo 8. Contía máxima da axuda e incompatibilidade con outras axudas

a) A contía da axuda acadará o 100 % do investimento subvencionable, co límite de 150 euros, e está condicionada á permanencia no servizo durante doce meses.

b) As axudas non serán compatibles con ningún outro tipo de axuda que poida recibir o beneficiario para o mesmo obxecto.

Artigo 9. Forma de presentación e contido das solicitudes

a) Para ser beneficiario o interesado deberá presentar a súa solicitude exclusivamente a través de calquera das entidades colaboradoras que sexan seleccionadas para este réxime de axudas, mediante solicitude presencial. Para tal efecto, os interesados cubrirán o formulario de solicitude que lles facilitará a entidade colaboradora.

A presentación da solicitude implica a autorización para comprobar a veracidade do seu documento nacional de identidade, salvo denegación expresa do interesado, nos termos previstos na Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

O formulario de solicitude incorpora as declaracións responsables dos solicitantes de non ter solicitado e/ou percibido axuda para o mesmo obxecto e, de ser o caso, das axudas de minimis solicitadas e/ou percibidas nos tres últimos exercicios fiscais.

b) Unha vez que a entidade colaboradora dispón do formulario asinado polo interesado, tramitará a solicitude normalizada que figura como anexo III, empregando o certificado electrónico do representante legal da entidade colaboradora, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. Á dita sede tamén se pode acceder seleccionando o procedemento MR704B sito no enderezo da internet https://agader.xunta.es. Coa presentación da solicitude a través da sede electrónica obterase un xustificante de entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

Agader poderá requirir en calquera momento ás entidades colaboradoras a remisión do formulario asinado polos solicitantes para os efectos de realizar as comprobacións que procedan.

c) Ademais, as entidades colaboradoras efectuarán as declaracións responsables que figuran nos anexos IV e V, facendo constar:

– Que na data da presentación da solicitude de axuda non se ten iniciado a execución da actuación subvencionable.

– Datos e características do servizo de conexión á internet que se pretende contratar, en concreto: velocidade nominal de conexión, límite de descarga mensual a partir do cal se reduce a velocidade da conexión e, de ser o caso, servizos adicionais que se prevé contratar.

Artigo 10. Procedemento de concesión das axudas

O procedemento de concesión das devanditas subvencións tramitarase ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, polo que se avaliarán as solicitudes e resolverán conforme a orde de presentación, mentres se dispoña de crédito suficiente, de xeito que, unha vez esgotadas as dispoñibilidades orzamentarias, as solicitudes restantes non serán admitidas. O esgotamento dos fondos será obxecto de publicación no DOG e na páxina web de Agader, tal e como prevé o artigo 32 do Decreto 11/2009.

Para estes efectos, a orde de presentación das solicitudes será a que resulte da data de presentación da solicitude pola entidade colaboradora na aplicación informática mencionada no artigo anterior.

Artigo 11. Instrución do procedemento

A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización do Medio Rural.

Revisarase a documentación presentada coa solicitude de axuda e comprobarase a súa adecuación ás bases reguladoras e á normativa de aplicación, así como as dispoñibilidades orzamentarias para atender as solicitudes.

De conformidade co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderán efectuarse ás entidades colaboradoras os oportunos requirimentos de emenda de documentación, outorgando un prazo de dez días hábiles, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desisten da solicitude, logo da correspondente resolución, que será notificada ao solicitante da axuda.

Artigo 12. Resolución de concesión das axudas

Verificado o cumprimento das condicións de beneficiario e a reserva de fondos dispoñibles, notificarase a resolución de concesión da axuda e a entidade colaboradora disporá dun prazo máximo dun mes para dar de alta o servizo.

O órgano competente para a resolución das axudas é o director xeral de Agader.

O prazo para resolver e notificar a resolución de concesión das subvencións será de 9 meses; transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes.

Nas notificacións indicarase de modo expreso que a subvención é concedida en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, e o eixo do PDR de Galicia en que se enmarca o proxecto.

Cando proceda, a resolución recollerá expresamente que o importe da axuda concedida ten carácter de minimis, de acordo co artigo 3.1 do Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15.12.2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28.12.2006) ou do artigo 4 do Regulamento (CE) nº 1535/2007, da Comisión, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de los produtos agrícolas.

Artigo 13. Modificación da resolución

Unha vez recaída a resolución de concesión e, en todo caso, antes de que remate o prazo para a realización da actuación, o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido.

A modificación poderase autorizar sempre que non desvirtúe a finalidade da axuda e non supoña incremento orzamentario, non exista prexuízo a terceiros e os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á súa modificación.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

Ademais das obrigas sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, son obrigas dos beneficiarios:

a) Someterse ás actuacións de inspección e control de Agader, así como dos órganos de control autonómicos, estatais e comunitarios.

b) Manter o contrato do servizo subvencionado durante un período mínimo de doce meses contado desde a data de alta no servizo, agás o suposto previsto no artigo 17 de incumprimento dos niveis de servizo exixidos.

c) As pequenas e medianas empresas deberán levar un sistema de contabilidade separado, ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas ás presentes subvencións (artigo 75.1.c) i) do Regulamento (CE) nº 1698/2005).

Artigo 15. Xustificación e tramitación do pagamento das axudas a través das entidades colaboradoras

a) Habilitarase un mecanismo de presentación telemática da xustificación das axudas que facilite tamén a presentación agrupada dos proxectos, e que será de uso obrigatorio para as entidades colaboradoras.

b) A entidade colaboradora disporá do prazo de dous meses contado desde a aprobación da solicitude de axuda para presentar a primeira factura e demais documentación xustificativa correspondente á solicitude aprobada. En todo caso, o prazo límite de xustificación rematará o 31 de outubro de cada anualidade.

Defínese, para o ámbito desta convocatoria de axudas, o termo «primeira factura» como a factura que a entidade colaboradora emitirá ao beneficiario, na cal se incluirán todos os gastos que pretendan presentarse como subvencionables ante Agader, co fin de diferenciar esta factura de todas as facturas mensuais que a colaboradora emita ao beneficiario en concepto de cota mensual pola prestación do servizo. Sen prexuízo disto, esta primeira factura poderá conter tamén a cota de alta, de ser o caso, e a primeira cota mensual, que deben ser asumidas en todo caso pola entidade colaboradora, así como a facturación doutros conceptos que non sexan obxecto da presente subvención.

Na primeira factura, a entidade colaboradora aplicará ao beneficiario un desconto equivalente ao importe da subvención (ata un máximo de 150 euros), e deberá figurar na factura un concepto independente polo referido importe co texto «Subvención Agader-PDR de Galicia 2007-2013, cofinanciada con Feader: conexión internet satélite».

Co fin de que a entidade colaboradora poida recuperar o importe descontado na factura ao beneficiario, este deberá ceder os dereitos de cobramento da axuda á entidade colaboradora, tal e como prevé o artigo 42.3 do Regulamento de subvencións da Comunidade Autónoma, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, autorización que consta no formulario de solicitude de axuda.

c) Co fin de que Agader tramite o aboamento da axuda ás entidades colaboradoras, deberán presentar a seguinte documentación:

c.1. Certificación da entidade colaboradora das conexións dadas de alta, cunha relación detallada por beneficiario, en que se inclúan os seguintes datos:

– Código de expediente.

– Número, importe e data da primeira factura.

c.2. Certificado asinado polo instalador de ter realizado a instalación e comprobado o correcto funcionamento do servizo contratado por cada beneficiario.

c.3. Copia en soporte informático, en formato PDF ou calquera outro que se indique no convenio da primeira factura emitida a cada beneficiario e, cando proceda, do xustificante acreditativo do ingreso polos beneficiarios do importe que se aboará da primeira factura.

c.4. Solicitude de pagamento da subvención pola entidade colaboradora, segundo modelo que facilitará Agader.

c.5. Copia do contrato asinado entre a colaboradora e o beneficiario.

d) Agader poderá solicitar da entidade colaboradora ou do beneficiario calquera información complementaria que poida considerar para comprobar a adecuada xustificación material e formal da execución da actuación.

e) Comprobada a documentación e o proceso, se procede, Agader realizará periodicamente propostas de pagamento polo total da subvención concedida para reintegrar ás entidades colaboradoras os importes das axudas anticipadas por estas.

Estas contías, que ingresará Agader mediante transferencia bancaria ás entidades colaboradoras, non supoñen ningún tipo de subvención ás devanditas entidades, senón que é unha subvención aos beneficiarios finais.

f) Dado o importe máximo das subvencións para o pagamento das axudas aprobadas por parte de Agader ás entidades colaboradoras, en referencia á acreditación por parte dos beneficiarios de atoparse ao día das obrigas coa Facenda Pública do Estado e da Administración Autónoma así como coa Seguridade Social, aplicarase o disposto no artigo 55 da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013. Polo tanto, poderase substituír a certificación de acreditación pola declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas mencionadas.

Artigo 16. Actuacións de comprobación e control

Agader realizará os controis administrativos e sobre o terreo previstos no Regulamento (UE) nº 65/2011, da Comisión, do 27 de xaneiro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e da condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada e a axeitada realización das actuacións subvencionables.

Así mesmo, os beneficiarios someteranse ás actuacións de comprobación e control que poida realizar os órganos de control autonómicos, estatais e comunitarios.

Artigo 17. Incumprimentos e obrigas de reintegro

De acordo co artigo 5 do Regulamento (CE) nº 65/2011, do 27 de xaneiro, procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda máis os xuros de demora –calculados estes en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución (Regulamento (UE) nº 937/2012 da Comisión, do 12 de outubro)– no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En particular, será causa de perda da subvención a non permanencia en alta no servizo da internet polo beneficiario durante o prazo mínimo de doce meses. Neste caso, Agader exixirá a devolución do importe da subvención ao beneficiario. Non obstante, naqueles casos en que a baixa se deba a un incumprimento dos niveis de servizo exixidos nesta convocatoria por parte da empresa, Agader non lle exixirá o reintegro da subvención ao beneficiario. Neste suposto, o beneficiario deberá entregar o equipamento en bo estado á entidade colaboradora, e Agader deberá exixirlle a esta o reintegro da axuda correspondente á instalación subvencionada.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II «Do reintegro de subvencións» da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007.

Artigo 18. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro do presente réxime de axudas poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

– Recurso potestativo de reposición ante Agader, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

– Recurso contencioso-administrativo ante Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 19. Obrigas de publicidade

Dado que os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, son de contía inferior a 3.000 €, non será necesario a publicación no DOG, e poderá substituírse esta pola publicación das subvencións concedidas na páxina web de Agader, segundo o disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007.

Artigo 20. Protección de datos

Agader velará polos datos de carácter persoal incorporados a este procedemento administrativo e observará o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na súa normativa de desenvolvemento. Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros agás de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 21. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, aplicarase o disposto na normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Ao tratarse de axudas cofinanciadas con Feader, será de aplicación o Regulamento (CE) nº 1698/2005, do 25 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader e a súa normativa de desenvolvemento.

Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (BOE nº 1, do 1 de xaneiro de 2010).

Anexo II
Bases reguladoras para seleccionar as entidades colaboradoras na xestión
das subvencións para novas conexións á internet de banda larga a través
de tecnoloxía satélite bidireccional no medio rural
(procedemento administrativo MR704A)

Artigo 1. Obxecto

De acordo co disposto nas bases reguladoras das subvencións para novas conexións á internet de banda larga a través de tecnoloxía satélite bidireccional no medio rural, o obxecto destas bases é proceder á selección das entidades colaboradoras para a promoción da contratación e realización das conexións da internet vía satélite naquelas zonas rurais que non teñen outro tipo de cobertura. Estas entidades levarán a cabo os proxectos e actuacións de dinamización tecnolóxica que permitan a incorporación das solucións máis adecuadas e participarán na xestión das subvencións correspondentes.

Artigo 2. Alcance das actuacións que desenvolverán as entidades colaboradoras

a) As entidades colaboradoras terán como labor:

• A promoción da contratación.

• A subministración do servizo da internet indicado.

• Actuar coma canle entre os beneficiarios das accións subvencionables e Agader.

• Colaborar na xestión do procedemento por medios telemáticos.

b) Para os efectos da tramitación do procedemento, a colaboración que prestarán tales entidades comprenderá a de:

• Presentar, en representación dos interesados, as solicitudes de axuda por medios telemáticos.

• Cubrir e enviar os formularios normalizados de solicitude, xunto coa documentación complementaria que sexa requirida.

• Realizar os trámites necesarios para executar, xustificar e certificar a realización das actuacións subvencionables.

Artigo 3. Requisitos de solvencia e eficacia das entidades colaboradoras

a) Poderán obter a condición de entidades colaboradoras, nos termos previstos no artigo 9 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, as empresas privadas con personalidade xurídica propia, validamente constituídas e empresarios individuais. En ambos os casos, deben ter a condición de operadores de telecomunicacións, que oferten servizos da internet na Comunidade Autónoma de Galicia coas características técnicas especificadas no artigo 4, e acreditar os seguintes requisitos:

a.1. Identificación da situación censual de alta da entidade colaboradora nunha epígrafe do imposto de actividades económicas relacionada co desenvolvemento do tipo de actividades recollidas nesta resolución.

a.2. Ser operador de telecomunicacións e estar dado de alta no Rexistro Público de Operadores da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT).

a.3. Ofrecer servizos de conexión á internet de banda larga a través de satélite ao público en xeral.

a.4. Existencia de sede e/ou puntos de venda ao público na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se poidan desenvolver as actividades recollidas neste réxime de axudas.

a.5. Dispoñibilidade e emprego de certificado electrónico de usuario, así como de sinatura electrónica avanzada por parte do representante legal da entidade e por parte do interlocutor único que designe a entidade colaboradora.

b) Non poderán obter a condición de entidades colaboradoras aquelas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Esta circunstancia acreditarase mediante a oportuna declaración responsable contida no anexo IV.

Artigo 4. Características do servizo de acceso que prestarán as entidades colaboradoras

O servizo de acceso que ofertarán as entidades colaboradoras terá como mínimo as seguintes características:

a) O servizo de acceso á banda larga realizarase vía satélite en ambos os sentidos da comunicación.

b) O servizo de conexión terá asociada unha velocidade de transferencia de datos de, como mínimo, 2 Mbps en sentido da rede ao usuario (DL).

c) Modalidade de acceso: non existirá limitación horaria para o acceso ao servizo e, no caso de aplicarse unha limitación ao volume mensual dos datos descargados, este deberá ser de 2 GB ou superior. Non se cortará o servizo ao acadar este volume de descargas, unicamente se poderá producir unha redución do largo de banda.

d) Os servizos cumprirán cos seguintes niveis mínimos:

d.1. Dispoñibilidade de servizo maior do 90 % medida en intervalos mensuais.

d.2. Garantir que polo menos o 80 % do tempo estará dispoñible, como mínimo, un 20 % do largo de banda nominal exixido.

d.3. Compromiso de satisfacer as peticións de servizo nun prazo máximo de 30 días naturais.

d.4. O tempo máximo de atención a clientes, definido como o tempo transcorrido desde que o cliente chama ao número de atención telefónica ata que é atendido por un operador ou operadora será de dous minutos en horario laborable.

d.5. O tempo máximo de resposta a incidencias de clientes, definido como o tempo transcorrido desde que se inicia unha incidencia ata que se inician as tarefas para a súa resolución será de 24 horas en días laborables.

d.6. O tempo máximo de resolución de incidencias de clientes que afecten o servizo, entendido como o tempo transcorrido desde que se inician as tarefas para a resolución dunha incidencia ata a súa efectiva resolución será, como moito, de 24 horas no 95 % dos casos.

d.7. Compromiso de reparar ou repoñer os equipamentos de usuarios nun prazo nunca superior a 5 días hábiles.

d.8. A oferta comercial dos servizos será homoxénea territorialmente e as tarifas dos servizos prestados deberán estar en cada momento en consonancia coas existentes en mercados nacionais competitivos de servizos de similares características. Ademais, deberán facerse extensivas ao ámbito das presentes axudas as ofertas e promocións existentes fóra deste ámbito.

d.9. O período de permanencia no servizo de acceso á internet de banda larga para os beneficiarios deberá ser de doce meses.

Non son obxecto desta axuda outros servizos que a colaboradora poida prestar a través do mesmo acceso satelital (voz, televisión etc). No caso de que o beneficiario desexe contratar algún destes servizos, o contrato deberá reflectir claramente que estes servizos adicionais non son obxecto da presente axuda e, polo tanto, non están suxeitos as obrigas nela previstas.

Artigo 5. Obrigas das entidades colaboradoras

Sen prexuízo das obrigas establecidas no artigo 12 da Lei 9/2007, as entidades colaboradoras quedarán obrigadas a:

a) Verificar e certificar que os solicitantes reúnen os requisitos para solicitar a axuda que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

b) Realizar, en representación dos solicitantes da axuda, a presentación telemática das solicitudes de axuda e documentación complementaria que sexa requirida de acordo coas bases reguladoras da subvención.

c) Conservar o documento de solicitude de axuda, declaracións responsables e autorizacións asinado polos solicitantes á disposición de Agader, que poderá requirir o envío da dita documentación para os efectos de realizar as comprobacións que procedan.

d) Realizar todos os trámites administrativos ante Agader para que os solicitantes obteñan a condición de beneficiarios; en particular, achegar toda a documentación xustificativa da realización das actuacións subvencionables nos termos exixidos nas bases reguladoras da subvención.

e) Informar os solicitantes das obrigas que asumen no caso de resultaren beneficiarios.

f) Executar as actuacións necesarias para a conexión á internet dos beneficiarios coas características especificadas no artigo 4.

g) Empregar os medios técnicos e materiais que sexan precisos para minimizar o impacto da instalación sobre o exterior e o interior das vivendas ou empresas.

h) Remitir coa periodicidade mínima que se indica, unha vez que se obteña a cualidade de entidade colaboradora, os seguintes informes:

h.1. Cada dous meses, informe de seguimento da comercialización. Este informe deberá conter, como mínimo, unha listaxe de todas as altas, entendida a alta como o día de inicio de prestación do servizo, realizadas no último período entre informes no ámbito da presente axuda.

h.2. Cada dous meses, informe de seguimento de incidencias. Este informe deberá conter como mínimo unha listaxe de todas as incidencias de servizo que afectasen a beneficiarios durante o período entre informes.

h.3. Cada dous meses, informe de seguimento de baixas. Este informe deberá conter como mínimo unha listaxe de todas as baixas solicitadas por beneficiarios durante o período entre informes.

h.4. Semestralmente, informe de seguimento do plan de comunicación. Este informe deberá indicar, como mínimo, o detalle das actividades de comunicación e divulgación segundo o especificado no artigo 6, que se realizarán en cada unha das canles establecidas durante o período entre informes, así como o investimento asociado que se estima para cada unha destas accións de comunicación e divulgación.

i) Xustificar e certificar a realización das actuacións subvencionables ante Agader.

j) Comunicar calquera variación substancial relativa á información inicial presentada en relación coa solicitude de obtención da cualidade de entidade colaboradora.

k) Asumir o importe da cota de alta, de ser o caso, e da cota mensual relativa ao primeiro mes para que sexan gratuítas para o beneficiario das axudas. Cando, pola data de inicio dos servizos, este primeiro mes abarque parcialmente dous ciclos de facturación, a colaboradora deberá realizar o desconto que proceda en cada un dos ciclos de tal xeito que o resultado sexa un mes completo de servizo descontado.

l) Adiantar a contía da axuda aos beneficiarios mediante o correspondente desconto na primeira factura. Este importe será aboado por Agader á entidade colaboradora, logo de cesión do dereito ao cobramento da subvención autorizada polos solicitantes.

m) Reintegrar o importe da subvención no suposto previsto no artigo 17 das bases reguladoras das subvencións (baixa do beneficiario por incumprimento dos niveis de servizo exixidos no artigo 4).

n) Retirar gratuitamente nun prazo máximo de 30 días o equipamento instalado no caso de que o beneficiario rescinda o contrato coa entidade colaboradora.

o) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable en cada caso, así como un sistema de contabilidade separado, ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas ás presentes subvencións (artigo 75.1.c) i) do Regulamento (CE) nº 1698/2005), coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de control e comprobación da pista de auditoría.

p) Cumprir as obrigas en materia de protección de datos de carácter persoal derivadas da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e da normativa aplicable.

q) Atoparse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda Pública do Estado e da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

r) Elaborar un plan de comunicación e divulgación das actuacións subvencionadas, publicitar o carácter público do financiamento das actuacións subvencionadas e dispor dos medios de divulgación e comunicación nos termos establecidos no artigo seguinte.

s) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar Agader, de ser o caso coa asistencia da Amtega, así como calquera outra que poidan realizar os órganos de control competentes tanto autonómicos, como estatais e comunitarios.

O incumprimento das obrigas sinaladas neste artigo e, en particular, a falsidade ou inexactitude nas declaracións e certificados presentados polas entidades colaboradoras, determinará a perda da condición de entidade colaboradora, así como a aplicación do réxime sancionador previsto na normativa aplicable en materia de subvencións.

Artigo 6. Plan de divulgación e comunicación e obrigas de publicidade

a) As entidades colaboradoras elaborarán un plan de comunicación e divulgación, que deberán presentar xunto coa solicitude de obtención da cualidade de entidade colaboradora. Este plan indicará os medios técnicos e recursos dispoñibles, detallará as canles de comercialización que van utilizar e as accións que se van executar. Este plan levarase a acabo baixo a supervisión de Agader, que estará asistida pola Amtega.

As entidades colaboradoras disporán dunha web informativa con información dabondo respecto ao alcance desta subvención (cantidade subvencionada, requisitos e obrigas dos beneficiarios, condicións da subvención, vixencia etc.), dos requisitos para solicitar a axuda, as distintas modalidades de servizo e as tarifas asociadas.

Xunto con esta información, manterase un vínculo cun sitio da internet de Agader
(http://agader.xunta.es), ou outro que se poida definir no convenio, onde se facilitará información detallada.

As entidades colaboradoras disporán na súa web dunha listaxe de todos os puntos de venda coa súa correspondente localización e teléfono de contacto ou, de ser o caso, dunha aplicación onde o interesado poida consultar de forma directa o punto de venda máis próximo ao seu enderezo. Nos puntos de venda disporase de materiais específicos descritivos da oferta (folletos, carteis etc.).

Así mesmo, disporán cando menos dun enderezo electrónico e dun teléfono gratuíto, onde os interesados poidan contactar co operador tanto para informar sobre o procedemento de recepción de solicitudes como para atender e resolver as incidencias que poidan xurdir durante o desenvolvemento e vixencia da colaboración coa entidade colaboradora. Neste teléfono debe poder atenderse o solicitante na lingua oficial de Galicia escollida por este.

b) Con carácter xeral, nas actividades de difusión, páxinas web e publicacións e, en xeral, en toda a información ou publicidade da actuación subvencionada, farase constar que están subvencionados por Agader no marco do eixe 3 do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013, debendo figurar os logotipos das administracións financiadoras e o lema do fondo: «Feader, Europa inviste no rural». Así mesmo, en todas as actividades deberá facerse referencia ao Plan de Banda Larga de Galicia.

c) As entidades colaboradoras presentarán unha campaña publicitaria con insercións nos medios de comunicación da súa área de influencia de actuación, que deberá publicitar as actuacións subvencionadas e a orixe dos fondos financiadores nos termos previstos no parágrafo anterior, así como informar sobre a contía da axuda, as súas condicións e a vixencia.

Todos os formatos que se empreguen nesas actividades (carteis, trípticos, anuncios en prensa, cuñas de radio etc.) deberán ser entregados á Amtega, cun mes de antelación respecto ao inicio da actividade, como mínimo, para a súa aprobación.

Artigo 7. Presentación das solicitudes para a obtención da cualidade de entidade colaboradora

a) Abrirase un prazo inicial de presentación de solicitudes de obtención da cualidade de entidade colaboradora dun mes natural a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

b) Sen prexuízo do anterior, unha vez finalizado o referido prazo dun mes e co fin de ofrecer a posibilidade de adherirse ao convenio a todas as entidades que se constitúan ou estean en condicións de cumprir os requisitos exixidos con posterioridade ao dito prazo inicial, admitiranse solicitudes de obtención da cualidade de entidade colaboradora en calquera momento dentro do período de vixencia das presentes bases reguladoras (2013-2014), o que dará lugar a novas resolucións.

c) De acordo coas previsións do artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, establécese a obrigatoriedade da presentación da solicitude de obtención da cualidade de entidade colaboradora unicamente por medios electrónicos ao seren as entidades colaboradoras empresas que, por razón da súa capacidade económica, técnica e dedicación profesional, teñen garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios electrónicos precisos.

Tendo en conta o anterior, as solicitudes presentaranse mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante, na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, seleccionando o procedemento MR704A, sede á que tamén se pode acceder no enderezo da internet http://agader.xunta.es

Artigo 8. Contido e documentación das solicitudes de participación das entidades colaboradoras

As solicitudes deberán conter a seguinte documentación:

a) Formulario normalizado de solicitude, declaracións responsables e autorizacións que figuran no anexo IV, e de ser o caso, anexo V, obtido e cuberto a través da aplicación informática que se habilitará, debidamente asinados polo/s representante/s legal/is da entidade colaboradora.

b) Documentación técnica adicional:

b.1. Certificado ou documentación acreditativa de inscrición no Rexistro de Operadores da Comisión do Mercado das Telecomunicacións.

b.2. Memoria en que se indique:

– Descrición detallada das condicións económicas e as características dos servizos de acceso á internet vía satélite prestados polo solicitante á marxe das axudas reguladas nesta convocatoria, así como dos servizos que propón prestar ao abeiro da convocatoria e, de ser o caso, doutros servizos asociados á conexión vía satélite que poida prestar (servizos de telefonía, servizos de mantemento, servizos de valor engadido etc.).

– Relación de medios humanos e materiais de que dispón para a colaboración na xestión das axudas.

– Descrición do procedemento para a recepción de solicitudes por parte dos interesados.

– Número de teléfono gratuíto de atención aos solicitantes.

– Enderezo da web que se empregará para facilitar información sobre as axudas aos interesados.

– Enderezo completo e datos de contacto dos seus puntos de venda ao público na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de que a actividade da entidade non comprenda todo o territorio galego, deberá indicar o ámbito xeográfico en que prestará o servizo.

– Descrición detallada dos equipamentos de usuario que se propón empregar.

– Descrición detallada das características do satélite ou constelación de satélites que proporcionarán os servizos.

b.3. Plan de divulgación e comunicación, nos termos previstos no artigo 6.

c) Documentación xurídico-administrativa:

c.1. Documentación acreditativa da constitución da empresa (escritura de constitución e estatutos inscritos no rexistro público que corresponda).

c.2. De ser o caso, documento/s público/s acreditativo/s do poder co que actúa o representante legal.

c.3. NIF da entidade colaboradora.

c.4. DNI do representante legal e do interlocutor único da entidade colaboradora para os efectos de tramitación do procedemento.

c.5. Certificados de estar ao día das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda.

c.6. Modelo de contrato de prestación de servizos que se subscribirá cos clientes.

A presentación da solicitude de obtención da cualidade de entidade colaboradora implica a autorización da entidade colaboradora para que Agader obteña directamente a documentación relacionada nos puntos 3, 4 e 5 desta letra c), salvo denegación expresa da entidade, nos termos previstos na Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

Artigo 9. Instrución do procedemento de selección das entidades colaboradoras

A Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural realizará de oficio os actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude de obtención da cualidade de entidade colaboradora non reúne ningún dos requisitos exixidos nesta resolución, requirirase a entidade solicitante para que nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución.

Unha vez revisadas as solicitudes de participación e feitas as emendas procedentes, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular as alegacións e presentar os documentos e as xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que elevará ao órgano competente para resolver. Nesta fase do procedemento, o órgano instrutor estará asistido polo persoal técnico da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ao abeiro do convenio de colaboración subscrito o 17 de abril de 2012 para a coordinación de actuacións no ámbito do plan de banda larga de Galicia.

Artigo 10. Resolución e notificación

A persoa titular da Dirección Xeral de Agader é o órgano competente para resolver o procedemento de selección das solicitudes de obtención da cualidade de entidade colaboradora das entidades colaboradoras.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución as entidades interesadas será de 6 meses contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e, no caso previsto no artigo 7.b), ao da presentación da solicitude de obtención da cualidade de entidade colaboradora. Se transcorrese o prazo máximo sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

As resolucións serán notificadas electronicamente de acordo co establecido no artigo 26 do Decreto 198/2010, se consta a aceptación pola entidade colaboradora ou, no seu defecto, nos termos do artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro. Así mesmo, a relación de entidades colaboradoras seleccionadas será publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web de Agader.

Nas notificacións se indicará de modo expreso que a subvención é concedida en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, e o eixe do PDR de Galicia en que se enmarca o proxecto.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas polo órgano competente para resolver poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa. Se non o é, o prazo será de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produzan os efectos do acto administrativo.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa. Se non o é, o prazo será de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se entenda desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 12. Convenio de colaboración coas entidades colaboradoras

As entidades seleccionadas asinarán un convenio de colaboración con Agader no prazo máximo de dez días hábiles contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución que estima a solicitude de obtención da cualidade de entidade colaboradora. Transcorrido o dito prazo sen que a entidade seleccionada asine o convenio, entenderase que renuncia á condición de entidade colaboradora.

O convenio de colaboración, cuxa vixencia se estenderá ata o 31 de decembro de 2014, terá o contido que resulta do artigo 13 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Normativa de aplicación

Para todo o non previsto nesta resolución estarase ao previsto respecto das entidades colaboradoras na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento desa lei, no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, así como a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Así mesmo, será de aplicación o Regulamento (CE) nº 1698/2005, do 25 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader e a súa normativa de desenvolvemento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file