Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Mércores, 8 de maio de 2013 Páx. 15148

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos de turismo rural, establecementos hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos de turismo, axencias de viaxes, cafetarías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios, nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE ao obxecto da obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

Constitúe o obxectivo fundamental desta resolución impulsar, promover e apoiar as iniciativas de calidade necesarias para cumprir os exixentes estándares fixados polo Instituto para a Calidade Turística Española que considera o prestixio, a fiabilidade, a rigurosidade e a profesionalidade dos establecementos avalados. Todo isto para asegurar aos clientes a mellor experiencia turística posible.

A Axencia Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

Entre os obxectivos básicos da Axencia están o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a través da mellora da competitividade das empresas turísticas e a valorización dos recursos turísticos; o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial; a mellora do posicionamento do turismo no panorama nacional e internacional e a diversificación da oferta turística de Galicia coa consolidación dos produtos turísticos clave para competir no ámbito turístico nacional e internacional e a creación de novos produtos que posibiliten unha vantaxe competitiva e permitan desestacionalizar a demanda turística.

A través do Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013, entre os seus obxectivos prioritarios están incrementar o peso do turismo no PIB, mellorar o salario medio do sector, aumentar a estadía media e o gasto medio diario dos turistas que nos visitan.

Este plan ten, coma unha das súas prioridades, a implantación e mellora da calidade no destino Galicia e así se reflicte na marioría das estratexias nas que se desenvolve.

O acceso xerenalizado ao consumo turístico implica un cambio no comportamento dos viaxeiros e un crecente nivel de exixencia. Os destinos que abordan unha estratexia de calidade obteñen maiores índices de satisfacción do turista. A calidade dos establecementos e produtos turísticos convértese así no feito diferencial que lles proporciona unha vantaxe competitiva fronte a outros destinos con oferta similar.

Para lograr o éxito nas políticas de calidade, é fundamental o compromiso e a implicación conxunta, tanto da Administración competente na materia como do propio sector, sendo este o principal axente e beneficiario das ditas políticas de calidade.

A finalidade última da presente resolución é complementar o marco xeral do programa de axudas para a dinamización turística co fin de contribuír a configurar Galicia como un destino turístico multiexperiencial, equilibrado territorialmente, de reducida estacionalidade e de calidade, reforzando a súa competitividade, xa que as profundas transformacións que continuamente experimenta o mercado turístico obriga os destinos a levar a cabo a necesaria adaptación estrutural que lles permita continuar desfrutando da súa cota de mercado.

Deste xeito, a Axencia Turismo de Galicia quere propiciar un marco favorable para a creación e desenvolvemento de iniciativas turísticas de calidade dado o peso do sector turístico no conxunto da economía da nosa comunidade autónoma que se reflicte no impulso das economías locais e na creación de emprego.

En consecuencia e con cargo aos créditos da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade, e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, convócanse axudas destinadas a favorecer a implementación e mellora da calidade dos establecementos turísticos; e por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e réxime xurídico

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que se inclúen como anexo I, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos de turismo rural, establecementos hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos de turismo, axencias de viaxes, cafetarías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L379, do 28 de decembro).

Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2013.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse no Rexistro Único da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán presentarse en sede electrónica no enderezo da internet https//sede.xunta.es, conforme o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Artigo 5. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://turismo.xunta.es

b) Os teléfonos 981 54 74 04 e 981 54 63 64 e o fax 981 54 63 71 da devandita axencia.

c) Enderezo electrónico axudas.turismo@xunta.es

d) Presencialmente.

Artigo 6. Réxime de recursos

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2013

Mª Nava Castro Domínguez
Directora de Turismo de Galicia

ANEXO I
Bases reguladoras específicas para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos de turismo rural, establecementos hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos
de turismo, axencias de viaxes, cafetarías, bares, restaurantes e empresas
de servizos turísticos complementarios para a certificación da Q de Calidade Turística segundo as normas do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión das subvencións da Axencia Turismo de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva para os procesos de certificación de normas UNE que conduzan á certificación, seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).

2. Consideraranse actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade turística: procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca de Calidade Turística Q do ICTE, correspondentes ao presente ano e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2013.

Os conceptos obxecto desta axuda son aqueles procedentes de colaboracións externas e servizos asociados aos procesos de certificación cuxos custos sexan soportados directamente polos establecementos:

• Custos de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema, facturados por entidade auditora acreditada polo ICTE para a realización da auditoría de certificación, seguimento ou renovación. Só se terán en conta as xustificacións de gasto con data da auditoría de certificación posterior, quedando excluídos os gastos xerados polo persoal dependente dos establecementos, así como aqueles gastos nos que incorra o solicitante durante o proceso de implantación da correspondente norma UNE. Os importes obxecto de subvención serán os derivados, exclusivamente, dos custos de auditoría do presente ano 2013.

• Custos derivados dos dereitos de uso da marca Q no ano 2013, unha vez acadada a certificación, seguimento e/ou renovación do establecemento, facturados polo ICTE ao establecemento.

Só procederá ao pagamento da axuda no caso do logro efectivo da certificación correspondente, que se deberá acreditar de xeito fidedigno ante a Axencia Turismo de Galicia, non considerándose en ningún caso a axuda sen esta condición.

Non serán beneficiarios desta axuda os establecementos certificados coa marca Q de Calidade Turística do ICTE, baixo a fórmula de auditoría «multi-site».

3. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

4. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000,00 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de auditoría acreditadas polo ICTE, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións relativas á mellora dos establecementos obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 04 A2 761A 770.0 cun crédito de 75.000 €.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 relativo ás axudas de minimis (DOUE do 28.12.2006), deberase garantir que, no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

3. Estas axudas son compatibles con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das subvencións, as persoas físicas ou xurídicas ou comunidades de bens, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e sexan titulares dos establecementos de turismo rural, establecementos hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos de turismo, axencias de viaxes, cafetarías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios que conten coa clasificación turística expedida pola Comunidade Autónoma galega e que estean comprendidos da definición de pequena ou mediana empresa (peme).

Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20 de maio), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, terán a consideración de mediana empresa, aquelas empresas que ocupen a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non exceda dos 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non exceda dos 43 millóns de euros e terán a consideración de pequena empresa, aquelas empresas que ocupen a menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

Será requisito imprescindible, para a concesión destas axudas, que a empresa solicitante teña autorizada, clasificada ou inscrita, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT) a actividade turística para a que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir coa documentación achegada polo solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que figura no REAT deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1, letra h) do Regulamento (CE) núm. 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado, ás axudas minimis.

Considerarase empresa en crise se cumpre as seguintes condicións:

a) Se se trata dunha sociedade de responsabilidade limitada, que teña desaparecido máis da metade do seu capital subscrito e perdese máis da cuarta parte nos últimos 12 meses, ou

b) Se se trata dunha sociedade na que polo menos algún dos seus socios ten unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da empresa, que teñan desaparecido máis da metade dos seus fondos propios, tal como se indica nos seus libros, e se perdesen máis da cuarta parte deles nos últimos 12 meses, ou

c) Para todas as formas de empresas, que reúnan as condicións establecidas no dereito nacional para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia.

Unha peme con menos de tres anos de antigüidade non se considerará empresa en crise durante ese período.

Artigo 4. Solicitudes

1. De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes, e unha vez aprobada por Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, os interesados poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico: https://sede.xunta.es. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante.

A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal par o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán de carácter de copia auténtica.

Así mesmo, os interesados poderán tamén presentar as solicitudes de forma presencial por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os interesados achegarán a seguinte documentación

a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.

b) Orzamento desagregado por conceptos do investimento que se vai realizar.

c) Anexo III: Modelo de declaración.

d) Todo isto sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria dos datos que figuren na solicitude.

Documentación específica referida á calidade:

a) No caso de solicitudes de axuda que conduzan á primeira certificación baixo a marca Q de Calidade Turística no presente ano, documento acreditativo da adhesión do establecemento ao Instituto para a Calidade Turística Española, emitido pola súa Delegación Territorial en Galicia.

b) No caso de solicitudes de axuda que conduzan a procesos de renovación/seguimento de establecementos certificados con anterioridade coa marca Q de Calidade Turística, documento acreditativo de certificación en vigor, emitido polo Instituto para a Calidade Turística Española.

c) No caso de solicitudes de axudas referidas a procesos de auditoría externa de certificación/seguimento/renovación da marca Q, orzamento da empresa auditora acreditada polo ICTE, referido aos custos de auditoría externa da marca correspondente ao presente ano.

d) No caso de solicitudes de axudas referidas a cotas de uso da marca Q, orzamento ou factura proforma emitido polo ICTE correspondente á cota de uso da marca anual posterior á concesión da certificación, seguimento e/ou renovación acadada no ano 2013.

e) No caso de establecementos distinguidos con Compromiso de Calidade Turística, documento acreditativo do distintivo de compromiso de calidade turística de boas prácticas en vigor concedido por un destino SICTED (Sistema de Calidade Turística Española en Destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia.

f) De ser o caso, documentos acreditativos relativo ás certificacións e/ou distintivos de calidade, calidade ambiental e/ou accesibilidade do establecemento solicitante.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. Para os efectos do previsto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia. Non obstante o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar as citadas certificacións.

Así mesmo, e conforme o artigo 4 da Orde do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, o solicitante deberá indicar na epígrafe correspondente do formulario de solicitude a súa autorización para a verificación dos datos de identidade do solicitante.

Igualmente, de conformidade cos mesmos artigos 20.3º da Lei 9/2007 e 4º da Orde do 12 de xaneiro de 2012, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, deberá indicar na epígrafe correspondente do formulario da solicitude a autorización ao órgano concedente para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada, sempre que non teñan transcorrido máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que corresponden.

Non obstante, se o solicitante non dá o seu consentimento facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude, deberá presentar a documentación á que fai referencia este punto.

En calquera caso, nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano instrutor poderá requirirlle ao solicitante a presentación da documentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta Axencia Turismo de Galicia publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. A Axencia Turismo de Galicia velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos, procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, e adoptaranse tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros. Non obstante, a Axencia Turismo de Galicia revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Edificios Administrativos San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do Cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Órganos competentes

A Dirección de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondéndolle á directora da Axencia Turismo de Galicia ditar a resolución de concesión.

Artigo 7. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6º b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG, e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios da páxina web da Axencia Turismo de Galicia á que se remitirá desde o texto publicado no DOG. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. A área provincial correspondente da Axencia Turismo de Galicia achegará un informe que deberá indicar o cumprimento por parte do establecemento da normativa turística vixente e a existencia ou non dalgún expediente sancionador.

5. Así mesmo, a Área de Calidade e Proxectos Europeos achegará un informe no que valorará a solicitude.

6. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

7. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

Artigo 8. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O/a director/a de Competitividade, que a presidirá.

b) Os/as xefes/as das áreas provinciais.

c) O/a xefe/a da Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial, que actuará como secretario/a.

d) Un representante da Xerencia.

e) Un representante da Dirección de Competitividade.

3. Os/as suplentes serán designados/as pola Axencia Turismo de Galicia.

4. No informe que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte e indicando o importe da concesión que se propón para cada un deles.

5. No caso de existiren solicitudes que non figuran na proposta anterior por razón do baremo aplicado ao terse esgotado o crédito dispoñible, a comisión poderá emitir propostas sucesivas de concesión, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

Artigo 9. Criterios de valoración

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán os seguintes, tendo cada unha delas o peso que se especifica:

1. Atendendo á localización do establecemento: ata 40 puntos.

– Situación nun municipio que desfruta ou desfrutou dun plan de dinamización, excelencia, de produto turístico, competitividade e/ou SICTED en Galicia (15 puntos).

– Que o establecemento estea localizado nun municipio declarado turístico pola Administración turística (15 puntos).

– Que o establecemento estea situado nas provincias de Lugo ou Ourense (10 puntos).

2. Período de funcionamento do establecemento: 12 puntos.

3. Que o establecemento solicitante acredite o seu compromiso coa calidade: ata 38 puntos.

– Por cada ano que o establecemento acredite a súa certificación coa marca Q, dous puntos por ano ata un máximo de 30 puntos.

– Acreditando o distintivo de «boas prácticas de compromiso de calidade turística» concedido por un destino SICTED (Sistema de Calidade Turística Española en Destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia (4 puntos).

– Acreditando unha certificación de calidade conforme a norma internacional ISO 9001 (2 puntos).

– Acreditando unha EFQM (2 puntos).

4. Que o establecemento acredite unha certificación ambiental internacionalmente recoñecida: ata 8 puntos.

– Acreditando unha certificación de calidade conforme a norma internacional ISO 14001 (2 puntos).

– Acreditando o recoñecemento EMAS (Eco-Management and Audit Scheme): (2 puntos).

– Acreditando a concesión da Etiqueta Ecolóxica da Unión Europea: (2 puntos).

– Acreditando outras certificacións ambientais: (2 puntos).

5. Que o establecemento solicitante acredite o seu compromiso coa xestión da accesibilidade: 2 puntos.

– Acreditando unha certificación de calidade conforme á norma internacional ISO 170001: (2 puntos).

2. As axudas que se poden conceder aos proxectos que se recollen nesta resolución como actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de ata o 75 % do orzamento subvencionable. O importe subvencionado por este concepto será dun máximo de 3.000 euros para os procesos de 1ª certificación e/ou renovación da marca Q e de 2.000 euros para procesos de seguimento.

A porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable calcularase con base na puntuación que alcancen os proxectos presentados, segundo se detalla a continuación:

Puntos

% axuda

51-100

75

21-50

70

0-20

65

Artigo 10. Audiencia

Efectuada a avaliación, a comisión fará un informe en que se concretará o seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada que deberá serlle notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo dispón o artigo 3.1 do Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión do 15 de decembro (DOUE L379/5, do 28 de decembro) na citada proposta comunicarase ao beneficiario o importe da axuda (expresado en equivalente bruto da subvención), e sobre o seu carácter de minimis.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. Examinadas as alegacións, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva e elevaraa á directora da Axencia Turismo de Galicia.

2. A directora da Axencia Turismo de Galicia, á vista da proposta de resolución, ditará no prazo de 15 días desde a súa elevación, a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e na que, en todo caso, quedarán debidamente xustificados todos os extremos contidos no artigo 34.4º do regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10.

Artigo 14. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a directora da Axencia Turismo de Galicia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto de conformidade co presentado ao concurso de subvencións ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Administración turística galega.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Por estar esta convocatoria, suxeita ao réxime de minimis, tamén deberá comunicar calquera axuda obtida polo beneficiario baixo este réxime neste ano fiscal e nos dous anteriores. Estas comunicacións deberán efectuarse tan pronto como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Para tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao corrente nas citadas obrigas, salvo que autorizase expresamente no formulario de solicitude da subvención ao órgano concedente para a obtención das mesmas mediante procedementos telemáticos. No caso que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

f) O beneficiario deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantíl e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, así mesmo deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

g) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus proxectos pola Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia.

h) Igualmente o beneficiario deberá incluír, nas súas accións promocionais, a marca turística de Galicia. De ser o caso, na páxina web deberá inserir un banner cunha ligazón á páxina de promoción turística de Galicia. Nos folletos e outras publicacións deberá incluír na contraportada a marca turística, seguindo as indicacións do manual de uso. Para a aplicación correcta da marca deberán descargar de www.turgalicia.es/marca01 os arquivos informáticos cos elementos gráficos en calidade e formatos axeitados así como as indicacións do uso.

i) Os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e as normas regulamentarias de desenvolvemento.

j) A facilitar datos, de forma periódica ou logo de requirimento da Administración turística galega, sobre a ocupación rexistrada no establecemento.

k) Os beneficiarios quedan obrigados a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos esixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 16. Xustificación da subvención

Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 30 de decembro de 2013 para presentar nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, mediante a modalidade de conta xustificativa (conforme o artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), orixinal ou copia cotexada da documentación xustificativa seguinte:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo V.

b) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas.

c) Memoria económica do custo das actividades realizadas que conterá:

c.1) Relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. Se é o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento.

c.2) Facturas que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, no seu defecto, copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento.

De acordo co establecido no artigo 42.3º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se o gasto é inferior a 1.000,00 euros poderá aceptarse xustificación do pagamento mediante a presentación da factura co xustificante de recepción do prevedor.

En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación.

d) No caso de 1ª certificación, renovación e/ou seguimento da marca Q, documento acreditativo de certificación emitido polo ICTE.

e) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha Administración pública. Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

f) Anexo III: modelo de declaración actualizado.

2. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención, ou as modificacións autorizadas. De non xustificarse o investimento executado quedará anulada toda a subvención, non obstante, se a xustificación fose inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña a finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado e, para o caso de que o executado non cumprise o fin para o que se concedeu a subvención, quedaría anulada na súa totalidade.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso a directora da Axencia Turismo de Galicia ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Axencia Turismo de Galicia, antes de procederen ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que hai que reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 19. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Artigo 21. Remisión normativa

Son de aplicación directa o Regulamento comunitario 1998/2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, o Regulamento comunitario 1083/2006, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo (FSE) e ao do Fondo de Cohesión, no Regulamento comunitario 1828/2006 relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Supletoriamente, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file