Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Mércores, 8 de maio de 2013 Páx. 14972

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia para o ano 2013.

Por medio da Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 21 de maio de 2012 aprobáronse as novas bases reguladoras das axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia. Estas bases pretenden consolidar as accións formativas que xa se viñan promovendo con anterioridade pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e continúan a senda de dinamización do sector, simplificando os trámites a través da incorporación das novidades que en materia de Administración electrónica establece o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e a redución de cargas administrativas que prevé a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

Por medio desta nova convocatoria, efectuada sobre aquelas bases, dáselle un novo pulo a un programa que se apoia nas entidades que mellor representan as inquedanzas do sector do transporte por estrada, isto é, aquelas que se integran no Comité Galego de Transportes, para facilitar a realización de cursos de interese xeral para o dito sector. Todo iso redunda, como xa teñen demostrado as convocatorias precedentes, nunha mellora da súa competitividade e eficacia que xustifica un novo esforzo neste eido.

En consecuencia, e de acordo coa delegación feita a favor do titular da Dirección Xeral de Mobilidade na disposición adicional segunda da orde citada,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2013 as subvencións previstas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para facilitar a realización de cursos de interese público para o colectivo do transporte en Galicia, ofertados ás entidades colaboradoras da Administración que se integran no Comité Galego de Transportes, regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro.

2. As bases reguladoras desta convocatoria son as contidas na Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 21 de maio de 2012 (Diario Oficial de Galicia núm. 98, do 24 de maio).

De conformidade co disposto no artigo 2.1 das bases reguladoras, por medio desta resolución actualízase a relación básica de cursos subvencionables, que se inclúe como anexo I. Así mesmo, será obxecto de actualización a guía de referencia, que se publicará no enderezo web da Dirección Xeral de Mobilidade.

3. As subvencións que se convocan tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Créditos orzamentarios e contía

1. A concesión das axudas farase con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.512A.481.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, por importe de catrocentos noventa e sete mil cincocentos euros (497.500 €).

Non obstante, o importe indicado poderá ser ampliado, se concorre algún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este incremento queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

2. As axudas convocadas poderán cubrir ata o 100 % do custo total dos cursos ou seminarios incluídos no plan formativo, coas limitacións establecidas no artigo 2 e concordantes das bases reguladoras.

Artigo 3. Requisitos das entidades beneficiarias e solicitudes

1. Os requisitos que deberán reunir as entidades beneficiarias son os enumerados no artigo 3 das bases reguladoras, de acordo co cal poderán ser beneficiarias das axudas as asociacións profesionais de transportistas ou de empresarios de actividades auxiliares ou complementarias do transporte, ou as súas federacións, que teñan xustificado ante a Dirección Xeral de Mobilidade, con anterioridade á data de publicación da convocatoria correspondente, a súa representatividade no marco do sector profesional, para os efectos do regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada e se regula o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte, participen ou non, de xeito efectivo, no referido órgano de representación.

2. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado incluído como anexo II desta convocatoria; con ela achegaranse, ademais, os documentos que se especifican no artigo 4.3 das bases reguladoras, incluída a descrición do plan formativo, que se axustará ao anexo III desta convocatoria, e que son os seguintes:

a) Documentación acreditativa do número de identificación fiscal (NIF) de persoa xurídica da entidade solicitante.

b) Acta de constitución da entidade solicitante.

c) Estatutos da entidade solicitante.

d) De non constar nos documentos anteriores, poder que acredite a capacidade para actuar en nome da entidade da persoa que asina a solicitude.

e) Descrición do plan formativo en relación co cal se solicita a axuda. Este plan axustarase ao formato normalizado que se publica como anexo IV da orde pola que se aproban estas bases ou, de ser o caso, que se publique coa correspondente convocatoria, e terá o seguinte contido mínimo:

• Orzamento detallado;

• Temática, duración e número de edicións dos cursos ou seminarios;

• Área formativa e subgrupo a que corresponden segundo o anexo II da orde pola que se aproban estas bases;

• Orientación xeral do plan e xustificación da conveniencia de cada un dos cursos ou seminarios;

• Colectivo a que vai dirixido o plan formativo no seu conxunto e/ou cada un dos cursos ou seminarios.

Así mesmo, ao plan formativo poderán xuntarse cantos documentos se considere que poden facilitar a valoración dos aspectos indicados no artigo 10 das bases reguladoras.

Non obstante o disposto no punto anterior, non será preciso presentar a documentación referida nas letras a), b), c) e d) se esta xa figura completa e debidamente actualizada no poder da Dirección Xeral de Mobilidade, para os efectos da renovación da composición do Comité Galego de Transporte por Estrada ou de calquera outro procedemento e así se indica expresamente na solicitude, nos termos do artigo 6.3 das bases reguladoras.

O modelo de solicitude estará dispoñible tanto na guía de procedementos:

(http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos) como na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) co código MT318A.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes, debidamente cubertas, xunto coa documentación preceptiva, presentaranse no rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Mobilidade (praza de Europa 5A, 2º andar, Área Central, As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela), ou por algún dos medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes que se presenten, se é o caso, nas oficinas de Correos, deberán ir en sobre aberto para seren seladas e datadas polo funcionario correspondente antes de seren certificadas.

De acordo ao establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e unha vez aprobada por Orde do 15 de setembro de 2011, sobre a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, as persoas interesadas poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para cotexar a copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán do carácter de copia auténtica.

Neste caso, os solicitantes deberán anexar, ademais, unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, sen prexuízo de que se lles poida requirir a exhibición do documento orixinal en calquera momento da tramitación do procedemento, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 14 de xuño de 2013, incluído.

Artigo 5. Procedemento de concesión e xustificación

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras e valoradas consonte os criterios recollidos no seu artigo 10.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de catro meses, contados desde o día seguinte á finalización do prazo de presentación de solicitudes que se establece no artigo 4.2 desta convocatoria. Se transcorrer este prazo sen se ditar resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. De acordo co disposto no artigo 15 das bases reguladoras, establécense os seguintes prazos de xustificación:

• O 31 de agosto de 2013 será o último día para presentar a documentación xustificativa de accións formativas que supoñan, como mínimo, o 70 % do importe total outorgado.

• O 31 de outubro de 2013 será o último día para presentar a documentación xustificativa das accións formativas restantes, as cales en ningún caso suporán máis do 30 % do importe total outorgado.

A falta de xustificación total ou parcial das accións formativas nos prazos indicados implicará a perda do dereito a cobrar os importes que resten ata completar as porcentaxes do 70 e do 30 por cento do total outorgado, respectivamente.

4. Non obstante o previsto no punto anterior, e atendendo ás ordes de cerramento do exercicio orzamentario que dite a Consellería de Facenda, o prazo indicado poderá ser adiantado mediante resolución da Dirección Xeral de Mobilidade, á cal se lle dará publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Artigo 6. Órganos competentes e resolución

1. A Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para instruír o procedemento de concesión destas axudas, e corresponderalle ao director xeral de Mobilidade resolver, por delegación do conselleiro, os procedementos de concesión, aprobación do gasto, reintegro e demais actuacións necesarias para o desenvolvemento das axudas.

2. As resolucións porán fin á vía administrativa, e contra elas poderán interporse os recursos previstos no artigo 12 das bases reguladoras, así como calquera outro que as persoas ou entidades interesadas consideren procedente.

3. A concesión ou a denegación da axuda seralle notificada á entidade solicitante de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Adicionalmente, as axudas concedidas publicarase no Diario Oficial de Galicia se concorren os supostos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en todo caso, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, na sección de Mobilidade.

Artigo 7. Información ás persoas e entidades interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) A súa páxina web oficial (http://www.cmati.xunta.es/portal/).

b) Os teléfonos 981 54 45 02 e 981 54 45 85 da devandita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico formacion.transportes@xunta.es

Disposición adicional primeira. Actividades formativas previas á resolución de outorgamento

Consideraranse subvencionables ao abeiro desta convocatoria as actividades formativas que se realicen a partir do 1 de xaneiro de 2013 e antes de que se dite resolución definitiva. Esas actividades deberán incluírse, en todo caso, dentro do plan formativo presentado coa solicitude e prestarse de acordo coas previsións contidas nas bases reguladoras e mais nesta convocatoria, sinaladamente as relativas aos importes máximos subvencionables, á comunicación do seu inicio e á subcontratación.

Estas actividades non xerarán dereito a cobrar cantidade ningunha no caso de que a resolución definitiva sexa denegatoria.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta convocatoria entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2013

P.D. (Orde do 21.5.2012, DOG número 98, do 24 de maio)
Miguel Rodríguez Bugarín
Director xeral de Mobilidade

ANEXO I
Relación básica de cursos subvencionables

ÁREA

SUBGRUPO

CÓDIGO

ADECUACIÓN AO ÁMBITO DO TRANSPORTE

PRESENCIAL

CURSOS

CAP

CURSO DE FORMACIÓN CONTINUA CAP 35H

1101

5

IDIOMAS

IDIOMA XERAL POR NIVEIS

1111

2

ESPECÍFICO

1112

2

ESPECÍFICO PARA PROFESIONAIS DO TAXI

1112.2

4

CONDUCIÓN

CURSO EN SIMULADOR

1131

3

CURSO DE PERFECCIONAMENTO

1132

3

CURSO LONGO DE CONDUCIÓN PARA PROFESIONAIS DO TRANSPORTE

1133

2

CURSO DE TACÓGRAFOS E TEMPOS DE CONDUCIÓN E DESCANSO

1134

4

CONDUCIÓN ESPECÍFICA

1135

1

CONDUCIÓN ESPECÍFICA PARA PROFESIONAIS DO TAXI

1135.2

4

CONDUCIÓN ECONÓMICA E SEGURA

1136

3

CONDUCIÓN ECONÓMICA E SEGURA PARA PROFESIONAIS DO TAXI

1136.2

4

TRANSPORTE

MANIPULACIÓN DE MERCADORÍAS

1141

2

TRANSPORTE DE MERCADORÍAS PERIGOSAS-ADR

1142

4

CONSELLEIROS DE SEGURIDADE

1143

4

XESTIÓN

XESTIÓN CONTABLE PARA PEMES

1152

3

INTERMEDIO SOBRE DEREITO E XESTIÓN DO TRANSPORTE

1156

4

PREVENCIÓN DE RISCOS

PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

1163

2

NORMATIVA

NORMAS E LEIS RELACIONADAS CO TRANSPORTE

1171

4

CURSOS SUPERIORES

XESTIÓN

CURSO DE DEREITO E XESTIÓN DO TRANSPORTE

1212

4

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file