Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Martes, 7 de maio de 2013 Páx. 14873

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2013 pola que se sinalan as datas para o levantamento de actas previas á ocupación e para o pagamento dos depósitos previos dos bens e dereitos afectados polas obras de colectores xerais e estación depuradora de augas residuais en Gandarío, no termo municipal de Bergondo (EF 01/2011).

O 10 de outubro de 2012 o director de Augas de Galicia aprobou o expediente de información pública do anteproxecto da obra de colectores xerais e estación depuradora de augas residuais en Gandarío, no termo municipal de Bergondo, A Coruña, expediente OH.315.992.

O 19 de outubro de 2012 a alcaldesa do Concello de Bergondo solicitou o inicio do procedemento expropiatorio a favor do dito concello, en calidade de beneficiario.

Polo Decreto 10/2013, do 17 de xaneiro, o Consello da Xunta declarou a utilidade pública e dispuxo a urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados pola obra de colectores xerais e estación depuradora de augas residuais en Gandarío, no termo municipal de Bergondo (EF 01/2011).

As obras de saneamento do concello de Bergondo aparecen recollidas no Plan hidrolóxico Galicia-Costa, aprobado polo Real decreto 1332/2012, do 14 de setembro, polo que, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 9/2010, a dita obra hidráulica é de interese da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude,

RESOLVO:

Primeiro. En cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do seu regulamento, en uso das facultades que confire o artigo 98 da mencionada lei, convócanse os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta nos taboleiros de anuncios de Augas de Galicia e do Concello de Bergondo para que comparezan no lugar, data e hora que se sinalan a seguir, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o seu valor e os prexuízos derivados da rápida ocupación, sen prexuízo de trasladarse ao lugar dos predios se se considera necesario.

Lugar: Casa do Concello de Bergondo.

Data: 4.6.2013.

Hora: das 10.00 horas ata as 13.00 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estarán expostos no Concello de Bergondo e na sede central de Augas de Galicia (praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela).

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados por unha persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome e cos documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo de pagamento do imposto sobre bens inmobles. Se o consideran oportuno e á súa custa poderanse facer acompañar dos seus peritos e/ou notarios.

Así mesmo, e en cumprimento do establecido no artigo 56 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, ábrese información pública durante un prazo de quince días, contados a partir do seguinte ao da publicación da presente resolución e ata o momento do levantamento da acta previa correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante Augas de Galicia (praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela), as alegacións que consideren pertinentes co obxecto de emendar posibles erros na relación de bens e dereitos afectados pola urxente ocupación.

Segundo. En cumprimento do disposto no artigo 49 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957, convócase para realizar o pagamento dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación.

Lugar: Casa do Concello de Bergondo.

Data: 14.6.2013.

Hora: das 10.00 horas ata as 13.00 horas.

No mesmo acto ofertaranse aos propietarios as valoracións establecidas polo beneficiario da expropiación para cada un dos bens e dereitos afectados, en concepto de mutuo acordo.

Ao dito acto deberán comparecer xuntando as escrituras de propiedade dos predios e o documento nacional de identidade.

O que se fai público para xeral coñecemento, e advírtese aos interesados que o pagamento se fará precisamente aos que figuren como donos do ben ou titulares do dereito expropiado, sen admitirse representación senón por medio de poder debidamente autorizado (notarial ou consular), xa sexa xeral ou particular para este caso, e que deberán identificarse co documento nacional de identidade.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2013

P.D. (Orde do 30.1.2012, DOG número 21, do 31 de xaneiro)
Francisco Menéndez Iglesias
Director de Augas de Galicia