Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Martes, 7 de maio de 2013 Páx. 14868

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 12 de abril de 2013, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se publica a Resolución do 5 de marzo de 2013, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, sobre adxudicación de masas comúns na zona de concentración parcelaria de Visantoña (Santiso).

En cumprimento do disposto no artigo 32 da Lei 10/1985, de concentración parcelaria para Galicia, en relación co artigo 59.6.a) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, esta xefatura territorial fai público que, con data do 5 de marzo de 2013 a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural e do Mar ditou a seguinte resolución:

«O Acordo da zona de concentración parcelaria de San Xoán de Visantoña (Santiso, A Coruña) foi aprobado pola Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias con data do 17 de agosto de 2004, e foi publicado e notificado na forma legalmente establecida, e na actualidade atópase pendente de firmeza.

Con posterioridade a estes actos, o Concello de Santiso, con data do 11 de xaneiro de 2013, solicitou a cesión da titularidade dos predios para os fins que se indican:

– Predio nº 89 do polígono 1, para instalar os sistemas de depuración das aldeas de Vilar da Vella, A Graña e Sardecoiro, así como para unha área recreativa.

– Unha porción de 4.884 m2 do predio 323 do polígono 3, para a construción dun punto de auga, a instalación dunha depuradora para a aldea de Puñín e zonas baixas de Seoane e para cargadoiro de madeira.

– Predio nº 479 do polígono 4, xa que nel está instalada unha depuradora municipal.

– Predio nº 774 do polígono 4, para a construción dunha área recreativa.

– Predio nº 1177 do polígono 6, xa que dispón dun lavadoiro que está a ser usado polos veciños, e para a súa adecuación como área recreativa.

– Predio nº 1197 do polígono 6, no que está construído o campo de fútbol.

– Predio nº 1252 do polígono 6, para a ampliación do cemiterio de Visantoña.

Visto o informe favorable da xunta local da zona, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973, a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro, a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción segundo a Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións legais vixentes de aplicación ao caso,

Á vista de que o destino para o que se solicitan os predios nº 89, 479, 774, 1177, 1197, 1252 e unha porción do nº 323, son perfectamente subsumibles no suposto recollido no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral

resolve:

1. Modificar o Acordo de concentración parcelaria da zona de Visantoña (Santiso, A Coruña), no sentido de:

1.1. Segregar do predio nº 323 (Fondo de terras) 4.884 m2 de 1.926,70 puntos, pasa a figurar como predio nº 323-1; a restante superficie do primitivo previo, 28.830 m2 de 14.262,50 puntos, permanece no Fondo de terras da zona como predio nº 323-2.

1.2. Adxudicar ao Concello de Santiso a titularidade dos predios nº 89, 323-1, 479, 774, 1177, 1197 e 1252, que causan baixa no Fondo de terras da zona, para ser destinados aos fins que se recollen na parte expositiva da presente resolución.

2. Transcorridos cinco anos desde a cesión das titularidades sen que os predios fosen destinados aos fins para os fins para os que son adxudicados, a titularidade dos referidos predios reverterá ao Fondo de terras da zona, ao Patrimonio da Comunidade Autónoma, á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ou outra entidade que corresponda, segundo o caso.

3. Ordenar que á presente resolución se dea a oportuna publicidade sen prexuízo da súa notificación ao Concello de Santiso».

Contra a presente resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar dentro do prazo de trinta días, que contarán desde o día seguinte ao da publicación desta resolución. Os recursos poderán presentarse nesta xefatura territorial (Edificio Administrativo Monelos, praza Luís Seoane, s/n, A Coruña), nas oficinas centrais da consellería (San Caetano, s/n, Santiago de Compostela) ou en calquera das dependencias a que fai referencia o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

A Coruña, 12 de abril de 2013

Antonio Manuel Aguión Fernández
Xefe territorial da Coruña