Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Martes, 7 de maio de 2013 Páx. 14634

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 8 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas a favorecer os investimentos en materia ambiental por parte de entidades sen ánimo de lucro que realicen actividades económicas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se fai pública a súa convocatoria para o ano 2013.

De conformidade co plan de traballo iniciado no ano 2010, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas fai pública, neste ano 2013, unha nova convocatoria de axudas destinadas a favorecer a realización de investimentos de carácter ambiental por parte de entidades sen ánimo de lucro que, no exercicio da súa actividade económica, poidan contribuír ao establecemento de patróns sustentables de produción e consumo.

A mellora da calidade de vida e a protección do ambiente veñen impoñendo nas últimas décadas unha formulación nova e integrada en materia de planificación, produción, consumo, conservación e xestión dos recursos naturais, en que todos os sectores económicos e sociais, públicos e privados, teñen un papel protagonista.

Contribuír a reafirmar a participación ambiental dos interlocutores sociais e os representantes da sociedade civil organizada, nas distintas esferas sectoriais, profesionais e de actividade, é o obxectivo da presente convocatoria, en particular no que se refire á xestión e uso sustentable dos recursos e os residuos así como na posta en marcha de actuacións que contribúan a loitar contra o cambio climático, ao tempo que se busca favorecer a identificación de novas oportunidades de emprego, produtos, servizos ou tecnoloxías vencelladas á protección do ambiente que convertan en real o ideal.

Cómpre sinalar que estas subvencións están cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao amparo do disposto no Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional; no Regulamento 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, así como no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan as normas de desenvolvemento do Regulamento 1083/2006.

As actuacións subvencionables están incluídas, segundo a distribución que se sinala a seguir, no eixe 2, categoría de gasto 06 do programa operativo Feder Galicia 2007-2013:

a) Investimentos das empresas co fin de acadar unha redución das emisións á atmosfera: 2.06.4.

b) Investimentos das empresas destinados a mellorar o seu comportamento ambiental en materia de xestión e uso sustentable dos recursos e os residuos: 2.06.1.

c) Realización de estudos de análise e avaliación de riscos ambientais sectoriais: 2.06.3.

d) Realización de xornadas técnicas, seminarios, accións formativas, foros ou premios dirixidos á difusión de técnicas, metodoloxías, ferramentas innovadoras ou intercambio de boas prácticas en materia ambiental: 2.06.6.

e) Auditoría para a determinación da pegada de carbono dun produto: 2.06.2.

De conformidade co previsto no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, este departamento é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponde, entre outras, o exercicio das competencias e funcións en materia de ambiente, consonte o disposto no Estatuto de autonomía de Galicia nos termos sinalados na Constitución.

Pola súa banda, segundo se sinala no citado decreto, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental exercerá as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, o impulso da investigación ambiental e o desenvolvemento tecnolóxico e a súa posta en marcha para o logro da adecuada protección ambiental e o desenvolvemento de estudos e informes en materia de ambiente.

En consecuencia, procédese pola presente orde a facer públicas as bases reguladoras e a convocatoria destas axudas, para o ano 2013, destinadas a subvencionar as actuacións que se sinalan no ámbito das competencias atribuídas á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental coa finalidade de mellorar as condiciones ambientais e acadar un desenvolvemento sustentable na comunidade autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto regular a concesión, polo procedemento de concorrencia competitiva, e facer pública para o ano 2013, a convocatoria de subvencións para o financiamento de actuacións destinadas á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental que se describen no artigo 4.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Con carácter xeral, poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que, individualmente ou en colaboración con outra/s, cumpran os seguintes requisitos:

– Estar validamente constituídas no momento da presentación da solicitude.

– Axustarse á definición comunitaria de pequena e mediana empresa establecida no anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008 (DOUE L 214/3, do 9 de agosto de 2008). Segundo o establecido nesta disposición, empresa é toda entidade que, independentemente da súa forma xurídica, exerce unha actividade económica. Enténdese por actividade económica, segundo a terminoloxía comunitaria, a oferta de bens e/ou servizos nun determinado mercado.

– Ter o domicilio social ou algún dos seus centros no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e ser neste mesmo ámbito territorial onde se desenvolva ou materialice o proxecto ou actuación obxecto da subvención.

– No caso de que o proxecto o requira, a entidade solicitante deberá dispoñer en réxime de propiedade dunha infraestrutura física adecuada para o tipo de actuación que se propoña respecto dela.

2. En consecuencia, sempre que se cumpran os requisitos anteriores, poderán ser destinatarios destas axudas, en particular, as seguintes entidades:

– As asociacións e fundacións.

– Os sindicatos e asociacións profesionais e empresariais.

– Os clústers empresariais galegos.

– Os centros tecnolóxicos.

– As cooperativas sen ánimo de lucro.

– Outras que, aínda carecendo de personalidade xurídica, se axusten aos requisitos sinalados.

3. Dentro do concepto de empresa, as pequenas e medianas empresas defínense e subdivídense, pola súa vez, segundo se indica a seguir:

– Mediana empresa, a que empregue menos de 250 persoas e cuxo volume de negocio anual non exceda 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non exceda 43 millóns de euros.

– Pequena empresa, a que empregue a menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou balance xeral anual non exceda 10 millóns de euros.

– Microempresa, aquela que conte con menos de 10 empregados, cuxo volume de negocio anual ou balance xeral anual non exceda 2 millóns de euros.

Será necesario que a entidade solicitante reúna ambos os requisitos (número de persoas empregadas e volume de negocios ou balance xeral anuais) para que poida considerarse peme.

Neste senso, cómpre sinalar que para o cálculo destes requisitos terase en conta o establecido nos artigos 3, 4, 5 e 6 do anexo I do Regulamento 800/2008, antes citado, especialmente no tocante ás nocións de empresa autónoma, asociada e vinculada.

En consecuencia, de conformidade co sinalado nestes artigos, non poderán optar a esta convocatoria aquelas entidades en que a súa participación por unha administración ou ente público, universidade ou investidor institucional sexa superior aos límites establecidos pola citada disposición comunitaria.

4. Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan desenvolver o proxecto, actividade ou comportamento para o cal se solicita a axuda, deberanse facer constar expresamente tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas propias dos beneficiarios dunha subvención. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Non poderán concorrer na presente convocatoria as entidades sancionadas por faltas graves ou moi graves ou condenadas por delito como consecuencia do incumprimento da normativa ambiental ata que, se for o caso, cumpran a condena ou sanción e executen as medidas correctoras pertinentes, se for o caso, ou transcorran os prazos de prescrición correspondentes.

6. Quedarán excluídas aquelas entidades incursas nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Réxime xurídico, principios de aplicación e compatibilidade coa normativa comunitaria

As axudas reguladas na presente orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Así mesmo, axustaranse ao establecido nas disposicións que se sinalan:

– Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

– Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

– Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

– Regulamento 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión.

– Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan as normas de desenvolvemento do Regulamento 1083/2006.

– Regulamento (CE) nº 1998/2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE (na actualidade artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea) ás axudas de minimis (publicado no DOUE L 379/5, do 28 de decembro). Quedan suxeitas a este réxime todas a axudas concedidas ao abeiro desta orde.

– Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (na actualidade artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea) - Regulamento xeral de exención por categorías (publicado no DOUE L 214/3, do 9 de agosto de 2008) que se ten en conta no tocante á definición de peme.

Supletoriamente, tamén resultan de aplicación:

– A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– O Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Así como as demais normas citadas nesta orde e aquelas outras que resulten de aplicación.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Teñen a consideración de actuacións subvencionables os proxectos que versen sobre algunha das actuacións incluídas nalgún dos cinco grupos subvencionables seguintes:

a) Redución das emisións á atmosfera. Son actuacións subvencionables ao abeiro deste punto aquelas que supoñan unha redución efectiva de emisións de gases efecto invernadoiro (GEI) considerados polo Protocolo de Quioto (CO2, CH4, N2O, HFC, PFC, SF6).

Con carácter xeral, teñen cabida neste punto, entre outros os investimentos tecnolóxicos que supoñan unha redución de emisións á atmosfera de GEI, os investimentos para a mellora da eficiencia enerxética en calquera ámbito da actividade da entidade, así como os investimentos para a substitución do tipo de combustible empregado pola entidade que implique modificacións de equipamentos e/ou instalacións sempre que supoñan unha redución de GEI.

De xeito máis específico, son actuacións subvencionables, entre outras, as seguintes:

1. Reducións efectivas de emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas da aplicación de plans de cambio climático na organización ou nalgún dos seus produtos.

2. Os investimentos en substitución de equipamentos e instalacións consumidoras de enerxía por equipamentos e instalacións que utilicen tecnoloxías de alta eficiencia, a mellor tecnoloxía dispoñible ou que supoñan un aproveitamento de enerxías renovables (solar, térmica, fotovoltaica, emprego de biomasa como combustible, …), co obxecto de reducir o consumo enerxético e as emisións de CO2.

3. A mellora das instalacións térmicas de calefacción, climatización e produción de auga quente sanitaria nos edificios existentes pertencentes á entidade beneficiaria.

4. Mellora da eficacia enerxética das instalacións de iluminación interior e exterior dos edificios existentes que se renoven, tales como:

– Luminarias, lámpadas e equipamento: substitución do conxunto por outro con luminarias de maior rendemento, lámpadas de maior eficiencia e reactancias electrónicas regulables e que permitan reducir a potencia instalada en iluminación.

– Sistemas de control de acendemento e regulación do nivel de iluminación: incluirán aqueles sistemas de control por presenza e regulación do nivel de iluminación segundo a cantidade de luz natural que supoñan un aforro eléctrico.

– Cambio de sistema de iluminación: recolocación dos puntos de luz con utilización das tecnoloxías anteriores, de forma que se reduza o consumo eléctrico anual respecto ao sistema actual de iluminación.

5. Medidas que teñan por obxecto acadar unha mellora enerxética e unha redución efectiva de emisións baseadas no emprego da coxeración.

6. A substitución ou adaptación de vehículos para o transporte de mercadorías (sempre que, tratándose de transporte de mercadorías por estrada, este se realice por conta propia) ou pasaxeiros que supoñan unha redución de emisións polo emprego de enerxías alternativas (gas natural, propano, electricidade).

7. Calquera outra actuación ou investimento relacionado co obxecto deste punto.

b) Xestión e uso sustentable dos recursos e os residuos. Recóllense neste punto, entre outras, actuacións que favorezan o cumprimento do esquema de prioridades establecido pola normativa aplicable, é dicir, por esta orde: a prevención, a preparación para a reutilización, a reciclaxe, así como outros tipos de valorización, incluída a valorización enerxética e, por último, a eliminación.

A título indicativo, son susceptibles de seren subvencionables os proxectos que teñan por obxecto:

– A posta en marcha de programas de recollas diferenciadas de residuos comerciais (tales como vidro, envases lixeiros, papel e cartón) que permitan abordar a caracterización, coñecemento e xestión deste tipo de residuos.

– Actuacións para a implantación, en sectores de actividade, polígonos industriais ou zonas comerciais de solucións específicas para a xestión dos seus residuos.

– Mellorar a recolla selectiva e xestión da fracción orgánica dos residuos xerados.

– Proxectos que fomenten as recollas específicas doutros residuos que, aínda que se consideran perigosos ou especiais, son susceptibles de orixinarse e equiparase aos xerados no ámbito comercial, tales como residuos de aparellos eléctricos e electrónicos ou aceites vexetais usados.

– Potenciar o mercado da reciclaxe.

– Favorecer o coñecemento, emprego e optimización dos puntos limpos existentes na nosa comunidade autónoma.

– Traballos de identificación, limpeza e recuperación de espazos afectados pola presenza de puntos de vertedura incontrolados.

– Fomento da compra e consumo responsable.

– Así como como calquera outra actuación ou investimento relacionado co obxecto deste punto.

c) Realización de estudos de análise e avaliación de riscos ambientais sectoriais. Serán susceptibles de ser subvencionados os estudos de índole sectorial que vaian referidos a actividades enumeradas no anexo III da Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade ambiental e que se axusten ao establecido no Real decreto 2090/2008, do 22 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento parcial da Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade ambiental.

d) Realización de xornadas técnicas, seminarios, accións formativas, foros ou premios dirixidos á difusión de técnicas, metodoloxías, ferramentas innovadoras ou intercambio de boas prácticas en materia ambiental.

e) Auditoría para a determinación da pegada de carbono dun único produto por empresa, incluída a consultoría de determinación e a verificación.

2. As axudas establecidas nesta orde para a realización das actuacións subvencionables descritas neste artigo están sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE (DOUE L379, do 28 de decembro).

Por tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello.

b) Produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado.

c) Actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

d) Carbón, segundo se define no Regulamento (CE) nº 1407/2002 do Consello, do 23 de xullo de 2002, sobre as axudas estatais á industria do carbón.

e) Empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 1 número 7 do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión, en relación ás pemes e conforme o disposto no número 2.1 das Directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUE C 244, do 1 de outubro de 2004) en relación ás grandes empresas.

No suposto das empresas que realicen por conta allea operacións de transporte por estrada, non poderán concederse axudas para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada.

Artigo 5. Solicitudes e prazos

1. As solicitudes, segundo o modelo normalizado que se xunta como anexo I e acompañadas da documentación que sinala, deberán ir dirixidas á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) e poderán ser presentadas en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia mediante sinatura electrónica do/a representante legal da entidade solicitante, tendo que cumprir os requisitos de presentación electrónica que se definen no punto seguinte, en aplicación do establecido no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades da dependentes.

Ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia accédese a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, directamente ou tamén a través do portal www.xunta.es

Os requisitos para a presentación electrónica son os seguintes:

– Será necesario que o/a presentador/a da solicitude sexa a persoa física que posúa a representación legal da entidade solicitante e como tal figure identificado/a nos formularios normalizados de solicitude.

– O/a presentador/a deberá posuír algún dos seguintes certificados:

a) DNI electrónico, conforme o disposto no Real decreto 1586/2009, do 16 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 1553/2005, do 23 de decembro, polo que se regula a expedición do documento nacional de identidade e os seus certificados de sinatura electrónica.

b) Certificado electrónico en vigor baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, conforme o disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

c) Calquera outro certificado electrónico ou método de identificación admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es).

Os certificados deben ter exclusivamente atributos de persoa física pola que se acredita a vontade da dita persoa física e non serán válidos aqueles certificados electrónicos que, ademais, están vinculados a persoas xurídicas, xa que a vontade da persoa xurídica está limitada nestes certificados a un determinado alcance, por exemplo, para fins tributarios.

2. Será admisible unha única solicitude por entidade que deberá ter por obxecto unha única actuación subvencionable, en caso contrario excluirase sen máis.

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6. Documentación xeral que hai que presentar

Os interesados na obtención destas axudas deberán presentar, xunto co escrito de solicitude antes referido, a documentación que se sinala a seguir. Cando se presente a través do rexistro electrónico, estes documentos achegaranse en copias dixitalizadas anexadas á solicitude.

1. Acreditación da personalidade:

a) Persoas xurídicas:

– Orixinal ou copia compulsada da escritura pública de constitución ou normas que regulen a súa actividade.

– Orixinal ou copia compulsada da certificación de inscrición rexistral ou escritura pública de constitución co selo de inscrición rexistral.

– Orixinal ou copia compulsada do documento acreditativo do poder con que actúa o representante en nome da entidade, no caso de que tal poder non conste na escritura ou estatutos.

– Copia compulsada do número de identificación fiscal (NIF) do representante legal da entidade, salvo que no escrito de solicitude se autorice esta Administración para a comprobación da súa identidade de conformidade con establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta o emprego de medios electrónicos (DOG nº 221, do 13 de novembro).

– Copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade.

b) Persoas físicas:

– Copia compulsada do número de identificación fiscal (NIF) do titular ou titulares solicitantes ou do seu representante, se for o caso, salvo que no escrito de solicitude se autorice esta Administración para a comprobación da súa identidade de conformidade con establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta o emprego de medios electrónicos (DOG nº 221, do 13 de novembro).

2. Certificado de situación censual emitido pola correspondente oficina da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

3. Unha declaración responsable sobre as operacións con terceiros correspondentes ao último ano natural.

4. Unha breve memoria, de non máis de cinco páxinas de extensión, na cal se faciliten os datos máis salientables referidos á implantación (ámbito territorial, número de socios, fins fundacionais, persoal e medios dispoñibles destinados ao seu funcionamento ordinario, estrutura) e experiencia ou potencial da entidade solicitante na materia sobre a cal verse o proxecto.

5. Declaración segundo o modelo que se achega como anexo II en que se faga constar que o solicitante:

• Ten condición de pequena ou mediana empresa, de acordo co estipulado no anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto de 2008, sobre a definición de peme (DOUE L 214, do 9.8.2008). No caso de que a entidade solicitante teña a consideración de asociada ou vinculada, para os efectos do citado regulamento, deberase acompañar esta declaración dun informe en que se sinalen os datos e cálculos empregados para a determinación dos requisitos de efectivos e importes financeiros requiridos, de conformidade co establecido nesta disposición comunitaria.

• Non ten a consideración de empresa en crise conforme a definición prevista no artigo 1 número 7 do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión, en relación ás pemes e conforme o disposto no número 2.1 das Directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en Crise (DOUE C 244, do 1 de outubro de 2004) en relación coas grandes empresas.

6. Declaración, segundo o modelo do anexo III, en que se especifique calquera outra axuda solicitada ou concedida para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, así como as sometidas á norma comunitaria de minimis, recibidas no exercicio corrente e nos dous exercicios fiscais anteriores.

7. Segundo o establecido no parágrafo terceiro do artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a presentación da solicitude polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor destas axudas para solicitar as certificacións de non ter débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, así como de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

Non obstante o disposto no punto anterior, o solicitante poderá denegar expresamente na solicitude o consentimento para que a Secretaría Xeral solicite dos anteditos órganos a certificación acreditativa de tales requisitos.

Neste caso, abondará con presentar, xunto coa solicitude, unha declaración responsable (anexo IV) de que non se teñen débedas coa Facenda autonómica e de que se está ao día no cumprimento das obrigas fiscais coa Facenda estatal e coa Tesouraría da Seguridade Social, pero, antes da proposta de resolución e do pagamento, deberá acreditar os devanditos aspectos a través dos respectivos certificados.

Artigo 7. Documentación técnica relativa á actuación obxecto da solicitude

1. Xunto coa solicitude deberase presentar un proxecto en formato dixital que deberá conter unha descrición clara das actividades que se van desenvolver, tanto desde o punto de vista técnico como económico, así como os datos e a información requirida para o tipo de actuación ou actuacións para as cales se solicita a axuda e segundo o que se sinala a seguir:

a) No caso de actuacións das entidades solicitantes co fin de acadar unha redución das emisións á atmosfera, os proxectos en materia de redución efectiva de emisións de gases efecto invernadoiro (GEI), deberán incluír un estudo que, sen superar as 20 páxinas de extensión, conteña os datos seguintes:

1) Unha memoria técnica que inclúa, como mínimo, os seguintes puntos:

• Título do proxecto.

• Breve descrición da actividade da entidade solicitante.

• Descrición da actuación que se vai desenvolver para acadar a redución de emisións de GEI.

• Cálculo detallado das emisións de GEI antes e despois da actuación, así como unha análise comparativa entre a situación inicial (antes do investimento) e a final (unha vez realizado o investimento).

• Referencia expresa ás fórmulas empregadas nos cálculos, así como, aos factores de emisións e factores de oxidación utilizados e a fonte de que se obtiveron os ditos factores.

Para proceder ao cálculo de emisións, a entidade solicitante seguirá o especificado no anexo VI desta orde.

• No caso en que a entidade solicitante dispoña dun plan integral de cambio climático en que se inclúa o proxecto obxecto de solicitude, esta deberá presentar copia en formato electrónico do mencionado plan.

• Calendario de prazos e duración do proxecto tendo en conta o período subvencionable a que se refire o artigo 9 desta orde.

2) Orzamento detallado da previsión de gastos subvencionables requiridos desagregado por concepto e prezo unitario.

b) En materia de xestión e uso sustentable dos recursos e dos residuos, os proxectos deberán incluír un estudo que, sen superar as 20 páxinas de extensión, conteña:

1) Memoria técnica que incluirá, como mínimo, os seguintes puntos:

• Título do proxecto.

• Breve descrición das actividades propostas así como o ámbito de actuación delas.

• Cronograma e duración do proxecto tendo en conta o período subvencionable a que se refire o artigo 9 desta orde.

• Parte en que se sinale o procedemento ou sistema que permita efectuar un seguimento e avaliación dos obxectivos propostos e/ou facer unha comparación entre a situación de partida e a existente unha vez realizado o investimento para o cal se solicita a axuda.

2) Orzamento detallado da previsión de gastos subvencionables requiridos tendo en conta o establecido no artigo 13, punto 3º, en relación coa subvencionabilidade, se é o caso, do informe de auditor.

3) No caso de proxectos que teñan por obxecto a xestión de residuos, aceptación por parte do órgano titular da competencia nesta materia.

c) Tratándose de proxectos destinados á realización de estudos de análise e avaliación de riscos ambientais sectoriais presentarase unha análise, de non máis 20 páxinas de extensión, realizada polo operador ou un terceiro contratado por este, seguindo o esquema da norma UNE 150.008 ou outras equivalentes, que deberá contar o seguinte:

1) Memoria técnica que incluirá, como mínimo, os seguintes puntos:

• Breve descrición do estudio de análise de risco ambiental con especial referencia ás características do sector considerado e entidades participantes no proxecto.

• Identificación do responsable técnico da elaboración do estudo.

• En relación con cada unha das entidades obxecto da análise:

• Informe que indique claramente a situación da empresa, con mapas, coordenadas UTM, diagrama de procesos e distancia a espazos naturais próximos.

• Identificación dos potenciais axentes causantes de dano, indicando a magnitude (cantidade almacenada, producida ou manipulada, volume, …) e a súa perigosidade:

Axente causante do dano

Biolóxico

OMG

Especies exóticas

Virus e bacterias

Fungos e insectos

Físico

Extracción

Vertedura de inertes

Temperatura

Químico

COV haloxenados

COV non haloxenados

COSV haloxenados

COSV non haloxenados

Fueis e CONV

Substancias inorgánicas

Explosivos

Incendio

• Identificación dos potenciais recursos naturais afectados.

Recurso natural afectado

Auga

Mariña

Continental

Superficial

Subterránea

Leito de augas continentais

Leito do mar

Solo

Ribeira do mar e das rías

Hábitat

Arboredo

Matogueira

Herbal

Especies

Vexetais protexidas

Arboredo

Matogueira

Herbal

Animais

Ameazados

Non ameazados

• Cronograma e duración do proxecto tendo en conta o período subvencionable a que se refire o artigo 9 desta orde.

2) Orzamento detallado da previsión de gastos subvencionables requiridos.

d) No tocante á realización de xornadas técnicas, seminarios, accións formativas e outras actuacións análogas descritas no artigo 4, número 1, letra c), deberase remitir:

1) Memoria técnica en que se detallen os obxectivos, actividades, metodoloxía, cronograma, método de avaliación, persoas ou entidades destinatarias, participantes.

2) Orzamento detallado da previsión de gastos subvencionables requiridos.

e) Para a determinación da pegada en produto será necesaria a presentación de:

1) Un estudo que non supere as 20 páxinas de extensión, que conteña:

• Título do proxecto.

• Breve descrición do estudo, en que se identifique o produto e o seu peso no conxunto da actividade empresarial.

•Especificación expresa dos parámetros de valoración establecidos no artigo 10, letra e).

• Política ambiental que se vai seguir (compromiso de mellora continuada, prevención da contaminación e conformidade regulamentaria) con indicación expresa da elaboración, se é o caso, por parte da entidade solicitante, dun plan integral de cambio climático e resumo deste.

• Cronograma que detalle os pasos que se van seguir tendo en conta o período subvencionable a que se refire o artigo 9 desta orde.

2) Orzamento detallado cos gastos subvencionables requiridos.

2. Para os efectos do establecido no artigo 15, en relación coa xustificación da axuda outorgada, deberase ter en conta, no seu caso, na elaboración do orzamento presentado, o custo que derivaría da conta xustificativa con informe de auditor, en particular, polo que se refire á súa subvencionabilidade segundo o sinalado no artigo 13, punto 3º destas bases reguladoras.

3. Así mesmo, ademais do sinalado con anterioridade, a entidade solicitante deberá remitir calquera outra documentación que considere oportuna para os efectos do establecido no artigo 10 desta orde, a fin de que a comisión de avaliación poida avaliar o cumprimento ou non dos criterios fixados para a valoración e prelación das solicitudes presentadas.

Artigo 8. Procedemento de concesión

O procedemento que se empregará para a concesión das axudas será o de concorrencia competitiva establecido no artigo 19, punto 1º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Período subvencionable e contía das axudas

1. O período subvencionable para a convocatoria que se abre por medio da presente orde abarcará os gastos relativos ás actuacións subvencionables a que se refire o artigo 4 realizados pola entidade beneficiaria entre 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2013.

2. As contías das subvencións para as distintas liñas de axudas que outorgue a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas serán as seguintes:

a) Para proxectos que teñan por obxecto algunha das actuacións subvencionables a se refiren as letras a), b) e c) do punto 1º, artigo 4 destas bases reguladoras:

– Ata un 80 % dos custos totais subvencionables do proxecto cun límite máximo de 100.000 €.

b) Para a realización de xornadas técnicas, seminarios, accións formativas e outras actuacións análogas descritas no artigo 4, número 1, letra d):

–  Ata un 80 % dos custos totais subvencionables cos límites de axuda seguintes segundo o alcance do evento:

•Provincial ou inferior: 6.000 euros.

• Autonómico: 9.000 euros.

• Outro superior: 12.000 euros.

c) Para proxectos que teñan por obxecto as actuacións subvencionables a se refire a letra e) do punto 1º, artigo 4 destas bases reguladoras:

– Ata un 60 % dos custos totais subvencionables do proxecto cun límite máximo de 10.000 €.

Artigo 10. Criterios de valoración

1. A comisión de avaliación a que se refire o artigo 11 desta orde valorará as solicitudes presentadas aplicando os criterios e puntuacións que a seguir se sinalan para cada un dos grupos de actuacións subvencionables previstos:

1.1. Polas características da entidade solicitante (tendo en conta o seu ámbito territorial, asociados, fins fundacionais e experiencia sinalada): ata 20 puntos.

1.2. Polas características do proxecto ou actuación proposta:

a) No caso de proxectos en materia de redución efectiva de emisións de gases efecto invernadoiro (GEI):

1) Pola eficiencia da redución que implique o proxecto (considerando as emisións de GEI por euro investido): ata 30 puntos.

2) Polas características do proxecto, en particular, pola inclusión do proxecto ou actuación proposta nun plan integral de cambio climático ou pola súa coherencia e/ou contribución á realización dos obxectivos e prioridades establecidas nesta materia, así como o grao de aplicabilidade da acción noutras entidades ou ámbitos de actuación: ata un máximo de 20 puntos.

3) Pola redución absoluta, cuantificada en toneladas equivalentes de CO2, que derivaría da execución do proxecto: ata 20 puntos.

4) Tratándose de proxectos presentados por entidades que acrediten dispor dun sistema de xestión e auditoría ambientais: 10 puntos no caso de EMAS e 5 puntos tratándose da ISO 14001.

b) Tratándose de investimentos das entidades solicitantes en materia de xestión dos recursos e dos residuos:

1) Por proxectos que impliquen unha redución do perigo ou da cantidade de residuos industriais ou comerciais xerados ou que prioricen a reutilización, redución en orixe ou a reciclaxe: ata un máximo de 20 puntos.

2) Polo grao de interese do proxecto presentado, en función do beneficio obtido e/ou contribución á realización das prioridades e obxectivos fixados polo actual marco normativo (en particular pola Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia; DOG nº 174, do 18 de novembro): ata 20 puntos.

3) Tendo en conta a viabilidade ou continuidade do proxecto ou actuación para a cal se solicita a axuda así como a súa aplicabilidade a outras entidades ou sectores: ata 20 puntos.

4) Atendendo ao carácter innovador do proxecto ou actuación presentada: ata 10 puntos.

5) Tratándose de proxectos presentados por empresas que acrediten dispor dun sistema de xestión e auditoría ambientais: 10 puntos no caso de EMAS e 5 puntos tratándose da ISO 14001.

c) No caso de proxectos destinados á realización de estudos de análise e avaliación de riscos ambientais sectoriais:

1) Atendendo ao sector da actividade proposto para a realización do estudo e ás entidades a que iría referida a análise de riscos ambientais: ata 40 puntos.

2) Pola coherencia, calidade e claridade do proxecto así como pola proporcionalidade do orzamento en relación coa actuación proposta, ata un máximo de 40 puntos.

d) Tratándose de xornadas técnicas, seminarios, accións formativas e outras actuacións análogas descritas no artigo 4, número 1, letra d):

1) En función da temática escollida en relación coa entidade solicitante e cos destinatarios da actuación, os intervenientes ou relatores propostos e as posibilidades de difusión e repercusión das actividades: ata 40 puntos.

2) Pola coherencia, calidade e claridade do proxecto así como pola proporcionalidade do orzamento en relación coa actuación proposta, ata un máximo de 40 puntos.

e) Cando se trate de actuacións dirixidas á realización dunha auditoría para a determinación da pegada de carbono en produto:

i) Atendendo ao proceso produtivo da organización e a súa afección ao ambiente, aplicaranse os mesmos criterios de valoración que os sinalados anteriormente na alínea d.1), incisos i, iii e iv.

ii) Pola existencia dunha política ambiental e/ou dun plan integral de cambio climático ata 5 puntos.

2. Por outra banda, valoraranse ata un máximo de 5 puntos os proxectos presentados por entidades que acrediten a posta en marcha de políticas que contribúan á promoción da igualdade entre homes e mulleres, á eliminación de todas as formas de discriminación de xénero, así como á conciliación da vida laboral e familiar.

3. Á vista das solicitudes recibidas, a comisión de avaliación poderá acordar a agrupación dos proxectos recibidos, atendendo aos grupos de actuacións subvencionables a que se refire o artigo 4 desta orde e asignando a cada grupo unha porcentaxe do crédito, así como a fixación dunha puntuación mínima para acceder á obtención das axudas, o que se fará constar de xeito motivado na acta en que se propoñan as axudas concedidas e os criterios empregados.

4. Para aqueles elementos de valoración que requiran ser acreditados, como poden ser a implantación na empresa solicitante dun sistema de xestión ambiental ou a existencia de políticas de igualdade, deberase presentar a documentación xustificativa pertinente, orixinal ou copia compulsada, que permita constatar o seu cumprimento. De non se presentar a dita documentación, non se terán en conta eses criterios á hora de efectuar a súa valoración.

Artigo 11. Tramitación e resolución

A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano instrutor do procedemento, revisará as solicitudes recibidas e a documentación presentada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non presentarse toda a necesaria, requirirase o solicitante para que, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que, se non o fixer, se poderá considerar desistido da súa petición, e arquivarase sen máis trámites, de acordo co disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo resolución que para o efecto se dite.

As solicitudes, xunto coa documentación completa requirida, serán postas á disposición dunha comisión de avaliación para a súa valoración e informe, segundo os criterios establecidos no artigo 10 desta orde, do cal elevarán a correspondente proposta de resolución.

No caso de consideralo oportuno, e con anterioridade á elaboración da proposta de resolución, poderase solicitar informe das distintas subdireccións xerais da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con competencias nas materias obxecto destas axudas.

A comisión de avaliación estará presidida polo titular da Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental, ou persoa en que delegue, e integrada polos titulares das subdireccións xerais de Residuos e Solos Contaminados, de Avaliación Ambiental e de Meteoroloxía e Investigación, ou persoas en que deleguen, actuando como secretario o titular do servizo de Xestión Ambiental.

O prazo para resolver e notificar será de seis meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Toda vez que as axudas establecidas nesta orde están sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE (DOUE L379, do 28 de decembro), esta circunstancia comunicarase ao beneficiario na resolución de concesión da subvención indicando o importe bruto de subvención sometido a minimis.

Notificada a resolución da concesión da axuda, os beneficiarios disporán de dez días para a aceptación da axuda. Transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa entenderase aceptada tacitamente.

Transcorrido o prazo para resolver e notificar sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderanse desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, conforme prevé o artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Recursos

A resolución ditada porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor, consonte dispoñen os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución for expresa, ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Artigo 13. Gastos subvencionables

1. Serán gastos subvencionables para os efectos das axudas establecidas nesta orde aqueles que, non estando excluídos expresamente nestas bases reguladoras, cumpran o establecido na Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo).

2. En particular, non serán gastos subvencionables os seguintes:

– Os gastos que non sexan obxecto de subvención, os innecesarios ou mal xustificados, os que se consideren non razoables ou desmesurados en función dos principios de economía e de relación custo-eficiencia.

– O imposto sobre o valor engadido, así como calquera outro imposto de natureza similar. Tampouco se subvencionarán os impostos persoais ou sobre a renda.

– Os gastos correntes ou de funcionamento da entidade solicitante, entre outros os gastos de persoal propio.

– Os gastos financeiros derivados do investimento.

– No tocante a terreos e bens inmobles, serán subvencionables as adquisicións de terreos e de bens inmobles en que exista unha relación directa entre a compra e os obxectivos do proxecto. Non será subvencionable a adquisición de terreos por importe superior ao 10 % do gasto total subvencionable. En todo caso, o importe subvencionable non poderá superar o valor de mercado dos terreos e dos bens inmobles, aspecto que deberá acreditarse mediante certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

– Respecto dos bens de equipamento de segunda man, estes non serán subvencionables cando non se cumpran os requisitos seguintes:

• Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

• O prezo non poderá ser superior ao valor de mercado e deberá ser inferior ao custo dos bens novos similares, acreditándose estes aspectos mediante certificación de taxador independente.

– Así como todos aqueles gastos que figuren no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.

3. Os gastos derivados da elaboración do informe de auditor, no caso de que, de conformidade co sinalado no artigo 15, a entidade estea obrigada a súa realización, terá a consideración de gasto subvencionable ata un máximo de 1.500 € por axuda concedida e sempre que este custo figure incluído no orzamento presentado coa solicitude de axuda e a entidade non estea obrigada a auditar as súas contas anuais.

4. As entidades solicitantes poderán subcontratar a totalidade da actuación subvencionable, de conformidade co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de tal xeito que estes gastos serán subvencionables sempre que:

– Sexa un servizo que a entidade non poida realizar.

– Achegue valor engadido.

– Non supoña un aumento do custo da actividade subvencionada.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas coas persoas ou entidades a que se refire o artigo 27, número 7 da Lei de subvencións. Neste senso, cómpre destacar que, entre os supostos previstos neste número, está a imposibilidade de subcontratar con persoas ou entidades vinculadas co beneficiario.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 50.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 18.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude.

Artigo 14. Publicidade das axudas

1. Coa finalidade de garantir o cumprimento dos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, de conformidade co previsto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación do Diario Oficial de Galicia as axudas outorgadas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, expresando, así mesmo, a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputen e a finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Non será necesaria a publicación nos supostos previstos no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O beneficiario poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos no suposto previsto na letra d) do parágrafo 2 do devandito artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. De conformidade co artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios deberán dar publicidade da subvención concedida en toda actividade relacionada co obxecto da subvención.

5. As resolucións de concesión da subvención incluiranse no Rexistro Público de Subvencións dependente da Consellería de Facenda, sen prexuízo do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Os datos incorporados a el poderán ser obxecto de rectificación, cancelación e oposición polo interesado.

6. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 15. Xustificación da subvención

1. A data límite para dar cumprimento, por parte do beneficiario, da obriga de xustificación da subvención e solicitar o pagamento da subvención outorgada será o 30 de novembro de 2013.

2. A xustificación requirida axustarase a algunha das formas seguintes:

– No caso de subvencións por importe igual ou inferior a 60.000 euros, no seu cómputo individual, mediante conta xustificativa con entrega de xustificantes de gasto.

– No caso de subvencións superiores aos 60.000 €, no seu cómputo individual, mediante conta xustificativa con entrega de informe de auditor.

3. A conta xustificativa con entrega de xustificantes de gastos, de conformidade co establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro), conterá a seguinte documentación:

a) Solicitude de aboamento efectuada polo beneficiario conforme o modelo que se facilita no anexo V.

b) Memoria de actuacións xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos en relación, se for o caso, cos indicadores de seguimento e avaliación propostos.

c) Esta memoria, xunto coa solicitude de pagamento e a remisión de calquera outro material (fotografías, publicacións ou calquera outra documentación gráfica) que se considere de interese, acompañarase dunha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

• Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación dos aspectos seguintes: número de factura, nome do provedor, data da factura, concepto e importes detallados da factura cos servizos prestados ou materiais e data do pagamento da factura (entidade bancaria a través da cal se realizou o pagamento e data do valor da transferencia bancaria). No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

• As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación á que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento. A data límite das facturas presentadas para a xustificación dos proxectos será o 30 de novembro de 2013.

• Documentación xustificativa do pagamento: orixinal ou fotocopia compulsada de transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios, selados pola entidade financeira. En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á de remate do prazo de xustificación da subvención antes referido.

• Certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, no caso de adquisición de bens inmobles ou bens de equipamento de segunda man.

• Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, se é o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia no primeiro punto desta letra c).

• Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

• Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, se é o caso.

d) Unha declaración responsable en que se faga constar que a entidade beneficiaria dispón das licenzas, permisos e/ou autorizacións administrativas exixidas pola normativa para o exercicio da súa actividade, así como, se é o caso, para o desenvolvemento do proxecto subvencionable.

4. A conta xustificativa con entrega de informe de auditor, nos termos do establecido no artigo 50 do Decreto 11/2009, antes citado e tendo en conta o seguinte:

a) Non eximirá da remisión da documentación requirida para a conta xustificativa con entrega de xustificantes de gastos e pagamentos a que se refire o punto anterior, que se farán acompañar igualmente dunha relación en que se identifiquen os aspectos seguintes:

• Número de factura do provedor.

• Nome do provedor.

• Data de factura do provedor.

• Concepto e importes detallados da factura cos servizos prestados ou materiais, validando a elixibilidade do gasto.

• Data do pagamento da factura (entidade bancaria a través da cal se realizou o pagamento e data do valor da transferencia bancaria).

b) O informe deberá estar asinado por un auditor inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas.

Naqueles casos en que o beneficiario estea obrigado a auditar a súas contas anuais por un auditor sometido á Lei 19/1988, do 12 de xullo, de auditoría de contas, a revisión da conta xustificativa levaraa a cabo o mesmo auditor. No caso contrario, a designación do auditor de contas será realizada por el e o gasto derivado da revisión da conta xustificativa poderá ter a condición de gasto subvencionable segundo o recollido no artigo 13, punto 3º.

c) No tocante ao seu contido, o informe axustarase ao establecido pola Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos auditores de contas na realización dos traballos de revisión de contas xustificativas de subvencións, no ámbito do sector público estatal, previstos no artigo 74 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado mediante Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

d) En particular, o auditor incluirá no seu ditame os requisitos básicos relativos ás normas de elixibilidade do gasto financiado co programa operativo Feder Galicia 2007-2013, tales como o cumprimento da Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables polo Feder así como a confirmación de que os gastos se realizaron e se aboaron dentro do período subvencionable establecido.

5. Ademais do sinalado, para a solicitude do aboamento da axuda, o beneficiario deberá achegar:

a) Declaración responsable en que se sinale o número de conta do beneficiario onde se debe realizar o pagamento.

b) No caso de que resulte procedente, achegaranse tamén certificacións de non ter débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, así como de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Documentación xustificativa de ter subcontratado algunha parte ou a totalidade da actuación subvencionable, no caso de que a entidade beneficiaria tivese exercido tal posibilidade.

d) Documentación xustificativa (fotografías, publicacións, folletos, enderezos na internet, así como outra documentación análoga) do cumprimento, por parte do beneficiario da axuda, das obrigas de información e publicidade comunitaria a que se refire o artigo 19, punto 5º.

6. Cando se trate de actuacións dirixidas á determinación da pegada de carbono en produto, copia do estudo subvencionado, programa de redución de emisións baseado na pegada de carbono e verificación dela.

Artigo 16. Pagamento da axuda

O pagamento das axudas efectuarase anualmente, con cargo ao exercicio que corresponda, unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou actividade e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria, no prazo establecido, da documentación xustificativa a que se refire o artigo anterior.

Cando o custo xustificado da actividade ou investimento sexa inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe, sempre que coa parte realmente executada se poida entender cumprida a finalidade da subvención.

Artigo 17. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Incumprimento e procedemento de reintegro

O incumprimento das obrigas asumidas polo beneficiario implicará o reintegro do importe percibido, xunto cos xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en particular nos seguintes:

a) Incumprimento da obriga da xustificación ou xustificación insuficiente;

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que a impedirían;

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo que fundamentou a concesión da subvención;

d) Incumprimento das condicións impostas á entidade beneficiaria con motivo da concesión da subvención ou axuda;

e) En xeral, cando se incumpra algunha das obrigas establecidas nesta orde, na resolución de concesión ou nos demais supostos previstos na normativa reguladora das subvencións.

Artigo 19. Obrigas dos beneficiarios

1. As actuacións subvencionadas deberán estar rematadas o 30 de novembro de 2013.

2. Os beneficiarios das axudas reguladas pola presente orde manterán unha separación contable axeitada para os gastos relacionados coa axuda que facilite o seguimento e control da subvención outorgada, así como a pista de auditoría.

3. Deberán conservar a documentación por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo en que se integran estas axudas, tal como se define no artigo 89, número 3, do Regulamento 1083/2006 do Consello.

4. Segundo o establecido no artigo 15, punto 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda actividade, investimento ou material (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medios audiovisuais) que se realice contando co financiamento obtido a partir destas axudas deberá incluír expresamente a colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas así como a imaxe da identidade corporativa deste departamento de acordo coas normas gráficas aprobadas para o efecto e que se poden consultar no enderezo web http://www.xunta.es/inicio-identidade-corporativa.

5. Asemade, como beneficiario dunha axuda cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2007-2013, este deberá cumprir as obrigas de información e publicidade comunitaria establecidas nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, modificado polo Regulamento (CE) nº 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009.

a) Segundo o exixido nesta disposición comunitaria, o beneficiario está obrigado ao seguinte:

– No caso que a actuación consista nunha infraestrutura ou en traballos de construción, deberá colocar un cartel no lugar e durante o tempo en que esta se desenvolva que deberá contar a información a que se refire a letra b) seguinte.

– Ao remate da actuación subvencionada e no caso de que esta consista na compra dun obxecto físico, no financiamento dunha infraestrutura ou en traballos de construción, deberá colocar unha placa explicativa permanente, visible e de gran tamaño en que se indicará o tipo e nome da actuación así como a información que se sinala na letra b) seguinte.

b) As medidas de información e publicidade sinaladas deberán incluír os elementos seguintes, que deberán ocupar, como mínimo, o 25 % da placa ou cartel:

– O emblema da Unión Europea, de conformidade coas normas gráficas establecidas no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, modificado polo Regulamento (CE) nº 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009, e que se poden consultar no seguinte enderezo:

http://europa.eu/abc/symbols/emblem/graphics1_es.htm

– A referencia ao fondo comunitario que cofinancia, neste caso coa mención específica de «Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional».

– A inscrición seguinte: «Unha maneira de facer Europa».

Poden descargase exemplos do anterior e na liña do que se facilita a seguir na páxina da Consellería de Facenda:

http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/logos-comunitarios

6. A percepción definitiva da axuda concedida ao abeiro desta convocatoria ven condicionada ao mantemento, durante un prazo de tres anos, das circunstancias iniciais tidas en conta para o seu outorgamento e á inexistencia de modificacións substanciais que afecten a natureza do investimento, ao cesamento da actividade ou aos postos de traballo.

Artigo 20. Información e control

Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ademais, deberán facilitar á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe da subvención.

Artigo 21. Financiamento

As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.541D.781 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, ata un importe máximo de 1.227.870 €, e quedan condicionadas á existencia de crédito adecuado e suficiente por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas nos citados orzamentos.

De xeito motivado e para os efectos de dar cobertura financeira ao número de solicitudes presentadas poderase acordar, segundo as dispoñibilidades orzamentarias do momento, o incremento do crédito inicial establecido nesta convocatoria tramitando o oportuno expediente orzamentario de xeración, ampliación ou incorporación de crédito e axustándose en todo ao previsto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Compatibilidade das axudas

As axudas que se concedan ao abeiro desta orde terán a consideración de axudas de minimis e réxense polo establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOCE nº 379, do 28 de decembro). A axuda total concedida baixo este concepto de minimis por calquera Administración pública a un mesmo beneficiario non poderá exceder de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. No sector do transporte por estrada este importe non será superior a 100.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Estas axudas serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas sempre que estas últimas non estean cofinanciadas tamén polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, por calquera outro fondo ou instrumento financeiro comunitario e o importe total das axudas non supere, illadamente ou conxuntamente con outras, nin o custo elixible do proxecto, de acordo coa normativa sobre gastos subvencionables, nin o custo total da actividade que se vaia desenvolver.

No caso de actuacións ás cales lle resulte de aplicación algún regulamento comunitario de exención por categorías, en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE, as subvencións outorgadas ao abeiro desta orde non poderán acumularse con outras axudas se isto dá lugar a unha intensidade de axuda superior á permitida pola normativa comunitaria.

Artigo 23. Infraccións e sancións

O réxime de infraccións e sancións ao establecido nesta orde é o previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O procedemento sancionador será o establecido no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Disposición derradeira primeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Delégase no secretario xeral técnico da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde consonte o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI
Cálculo de emisións de gases de efecto invernadoiro

Co obxecto de tipificar os cálculos de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, a entidade solicitante deberá encadrar o seu proxecto nalgunha das seguintes descricións:

1. Proxectos de iluminación eficiente.

2. Instalacións solares fotovoltaicas e instalacións eólicas.

3. Instalacións solares térmicas.

4. Substitución de caldeiras.

5. Outros.

1. Proxectos de iluminación eficiente

Consideraranse proxectos de iluminación eficiente aqueles que redunden na mellora da eficacia enerxética das instalacións de iluminación interior e exterior dos edificios existentes que se renoven, tales como:

– Luminarias, lámpadas e equipamento: substitución do conxunto por outro con luminarias de maior rendemento, lámpadas de maior eficiencia e reactancias electrónicas regulables e que permitan reducir a potencia instalada en iluminación.

– Sistemas de control de acendemento e regulación do nivel de iluminación: incluirán aqueles sistemas de control por presenza e regulación do nivel de iluminación segundo a cantidade de luz natural que supoñan un aforro eléctrico.

– Cambio de sistema de iluminación: rcolocación dos puntos de luz con utilización das tecnoloxías anteriores, de forma que se reduza o consumo eléctrico anual respecto ao sistema actual de iluminación.

A fórmula para o cálculo das emisións de GEI será a seguinte:

Consumo iluminación (MWh) * Factor de emisión tCO2/MWh = tCO2 eq

Onde,

Consumo iluminación = Dato que se introducirá en MWh

Factor de emisión = 0.34 tCO2/MWh (Fonte: IDAE, 2012)

Así,

Situación inicial

Emisións de GEI (tCO2 eq) = Consumo actual de iluminación MWh * 0.34 tCO2/MWh (A)

Situación final

Emisións de GEI (tCO2 eq) = Consumo de iluminación tras o investimento MWh * 0.34 tCO2/MWh (B)

Redución efectiva de GEI

(A) – (B) = tCO2 eq

2. Instalacións solares fotovoltaicas e instalacións eólicas

Incluiranse nesta epígrafe os investimentos en substitución de equipamentos e instalacións consumidoras de enerxía por equipamentos e instalacións que supoñan un aproveitamento da enerxía solar ou eólica para a súa transformación en enerxía eléctrica, co obxecto de reducir o consumo enerxético e as emisións de CO2.

A fórmula para o cálculo das emisións de GEI será a seguinte:

Consumo actual da instalación MWh * Factor de emisión tCO2/MWh = tCO2 eq

Onde,

Consumo actual da instalación = Dato que se introducirá en MWh

Factor de emisión = 0.34 tCO2/MWh (Fonte: IDAE, 2012)

Así,

Situación inicial

Emisións de GEI (tCO2 eq) = Consumo actual da instalación MWh * 0.34 tCO2/MWh (A)

Situación final

Produción da instalación solar MWh * 0.34 tCO2/MWh = tCO2 eq (B)

Se B < A:

Emisións de GEI (tCO2 eq) = (A) – (B)

Se B ≥ A:

Emisións de GEI (tCO2 eq) = 0

Redución efectiva de GEI

(B) = tCO2 eq (Se B < A)

(A) = tCO2 eq (Se B ≥ A)

3. Instalacións solares térmicas

Incluiranse os investimentos en substitución de equipos e instalacións consumidoras de enerxía por equipamentos e instalacións que supoñan un aproveitamento da enerxía solar para a xeración de calor, co obxecto de reducir o consumo enerxético e as emisións de CO2.

A fórmula para o cálculo das emisións de GEI será a seguinte:

Consumo actual da instalación tep * Factor de emisión tCO2/tep = tCO2 eq

Onde,

Consumo actual da instalación = Dato que se introducirá en tep.

O factor de conversión a tep dependerá da fonte enerxética da instalación inicial. Así:

Un dos combustibles máis habituais é o gasóleo C (en litros). Os cálculos, neste caso, especifícanse a seguir. Para calquera outro combustible, empregarase o mesmo procedemento modificando unicamente os factores de conversión segundo o recollido no documento «Factores de conversión de energía primaria y emisiones de CO2. Ano 2011. Instituto para la Diversificación y el Ahorro de la Energía (IDAE). Ministerio de Industria, Energía y Turismo, 2012».

Factor conversión a tep = 1092 litros/tep (Fonte: IDAE, 2012)

Factor de emisión = 3.06 tCO2/tep (Fonte: IDAE, 2012)

Así,

Situación inicial

Emisións de GEI (tCO2 eq) = Consumo actual da instalación tep * 3.06 tCO2/tep (A)

Situación final

Produción en tep da nova instalación solar térmica * 3.06 tCO2/tep = tCO2 eq (B)

Emisións de GEI (tCO2 eq) = (A) – (B)

Redución efectiva de GEI

(B) = tCO2 eq

(B) non poderá ser maior que (A)

4. Substitución de caldeiras

Investimentos en substitución de caldeiras por outras mais eficientes, co obxecto de reducir o consumo enerxético e as emisións de CO2.

A fórmula para o cálculo das emisións de GEI será a seguinte:

Consumo da caldeira actual tep * Factor de emisión tCO2/tep = tCO2 eq

Onde,

Consumo actual da caldeira = Dato que se introducirá en tep.

O factor de conversión a tep dependerá da fonte enerxética da instalación inicial.

Así:

Un dos combustibles máis habituais é o gasóleo C (en litros). Os cálculos, neste caso, especifícanse a seguir:

Factor de conversión a tep = 1092 litros/tep (Fonte: IDAE, 2012)

Factor de emisión= 3.06 tCO2/tep (Fonte: IDAE, 2012)

Así,

Situación inicial

Emisións de GEI (tCO2 eq) = Consumo da caldeira actual en tep * 3.06 tCO2/tep (A)

Situación final

Emisións de GEI (tCO2 eq) = Consumo da nova caldeira en tep * Factor de emisión do combustible empregado pola nova caldeira tCO2/tep (B)

No caso de que a nova caldeira utilice biomasa como combustible: (B) = 0 tCO2 eq

Redución efectiva de GEI

(A) – (B) = tCO2 eq

5. Outros

Aquí encadraranse todos os proxectos non incluídos nas descricións anteriores.

Os cálculos, neste caso, non estarán tipificados e a propia entidade deberá proceder a eles facendo referencia expresa ás fórmulas empregadas, así como aos factores de emisións e factores de oxidación utilizados. Os ditos cálculos poderán efectuarse tendo en conta:

– O documento «Inventario de Emisiones de gases de efecto invernadero de España. Años 1990-2010. Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, 2012. (Anexo 8).»

– O documento «Factores de conversión de energía primaria y emisiones de CO2. Año 2011. Instituto para la Diversificación y el Ahorro de la Energía. Ministerio de Industria, Energía y Turismo, 2012».

– Cando se empregue outra fonte que non veña recollida neses documentos, deberá ser validada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.