Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Venres, 3 de maio de 2013 Páx. 14108

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2013 pola que se somete ao trámite de información pública o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental da obra da nova vía Oleiros-Sada e porto de Sada (clave AC/10/031.00).

Por Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas do 22 de abril de 2013 aprobouse provisionalmente o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental da obra da nova vía Oleiros-Sada e porto de Sada (clave AC/10/031.00).

Con esta actuación preténdese a construción dunha nova estrada que mellore o acceso a Sada e ao porto de Sada-Fontán, desde a Vía Ártabra. Tamén se estudan as conexións coa rede viaria existente AC-183, CP-7509 e AC-163.

A Xunta de Galicia ten como obxectivo con este estudo a obtención da alternativa máis conveniente entre todas aquelas que resulten factibles para definir unha nova vía que, partindo do enlace xa previsto na Vía Ártabra, conecte a rede de estradas actuais para, finalmente, circunvalar o núcleo de Sada e conectar o porto de Sada na zona de Fontán. Todo isto tendo en conta os condicionantes de carácter urbanístico, impacto ambiental, económico e social, así como as características xeolóxicas, xeotécnicas e topográficas dos terreos.

De acordo co establecido no artigo 15.1º da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, o mencionado estudo informativo sométese ao trámite de información pública durante un período de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular, por escrito, ante a Axencia Galega de Infraestruturas, as observacións que crean convenientes relativas ás circunstancias que xustifiquen a declaración de interese xeral da estrada e sobre a concepción global do seu trazado.

Así mesmo, durante este período sométese ao trámite de información pública o estudo de impacto ambiental contido no estudo informativo, segundo o Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, e o Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos.

A exposición ao público, para os efectos da presente resolución, realízase na Axencia Galega de Infraestruturas, no Servizo de Infraestruturas da Coruña e no Concello de Sada. Así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/tema/c/Infraestruturas_Estradas) atópase á disposición dos interesados un documento resumo do estudo.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2013

Ethel Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas