Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Venres, 3 de maio de 2013 Páx. 13989

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2013 de delegación de competencias da Presidencia na persoa titular da Dirección do Instituto Galego de Calidade Alimentaria.

O artigo 4 do Decreto 259/2006, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), establece que os órganos de goberno do instituto son o Consello de Dirección, a Presidencia, a Vicepresidencia e a Dirección, e precisa a seguir as funcións que corresponden a cada órgano.

Polo que atinxe á Presidencia, que corresponde por razón do seu cargo á persoa titular da consellería competente en materia de agricultura, o artigo 8 precisa as súas funcións e, entre elas, o punto 3.d) sinala que é o órgano de contratación do Instituto, e que lle corresponde a facultade de celebrar convenios e contratos, sen prexuízo do establecido na letra d) do artigo 6, relativo ás competencias do Consello de Dirección nesta materia, ao cal lle atribúe a autorización de contratos por importe superior a 60.000 euros.

A concentración de funcións na persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar aconsella que a función prevista no artigo 8.3.d) sexa obxecto de delegación.

Na normativa orgánica do Instituto a facultade da Presidencia para delegar as funcións que ten atribuídas na Dirección do Ingacal recóllese no artigo 8.4º do Decreto 259/2006, do 28 de decembro, no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de febreiro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, polo que, facendo uso da facultade conferida,

DISPOÑO:

Primeiro. Delegar na persoa titular da Dirección do Instituto Galego da Calidade Alimentaria a competencia da Presidencia prevista no artigo 8.3.d) do Decreto 259/2006, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), de ser o órgano de contratación do instituto e correspondéndolle, polo tanto, a facultade de subscribir convenios e contratos, sen prexuízo do disposto na letra d) do artigo 6.

Segundo. As resolucións que se adopten facendo uso da delegación contida nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola Presidencia do Ingacal. O exercicio das competencias delegadas axustarase ao disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de febreiro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Terceiro. En calquera momento a Presidencia do Ingacal poderá revogar o exercicio das competencias delegadas por esta resolución ou avocalas para o coñecemento dun asunto concreto.

Cuarto. Esta resolución deixa sen efecto a Resolución do 27 de xullo de 2012, de delegación de competencias da Presidencia na persoa titular da Dirección do Instituto Galego de Calidade Alimentaria (DOG nº 151, do 8 de agosto).

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2013

Rosa Mª Quintana Carballo
Presidenta do Instituto Galego da Calidade Alimentaria