Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Venres, 3 de maio de 2013 Páx. 13987

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 26 de abril de 2013 pola que se incrementa a dotación orzamentaria da Orde do 1 de febreiro de 2013, pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2013.

A Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 1 de febreiro de 2013 (DOG núm. 25, do 5 de febreiro) regula o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión, para o ano 2013, das axudas previstas dentro do réxime do pagamento único e doutros réximes de axuda directa á agricultura e gandaría, e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2013.

Na súa disposición adicional primeira, parágrafo 1, precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas e, no seu parágrafo 3, sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, se for procedente, con outros fondos do Feaga e do Feader, dos orzamentos xerais do Estado e da Comunidade Aútónoma.

Para as axudas especificadas no título III, capítulo II, indemnización compensatoria, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e posto que unha vez publicada a Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2013, a contía do crédito aprobado é superior a dotación existente na orde, cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada para a concesión das mencionadas axudas,

En consecuencia, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas especificadas no título III da Orde do 1 de febreiro de 2013 (DOG nº 25, do 5 de febreiro), conforme a disposición adicional primeira, parágrafo 1, alínea b) da dita orde, incrementase no importe de 3.695.368 euros, e con cargo á aplicación 12.80.712B.772.1 (Indemnizacións compensatorias) dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2013, polo que o importe total para as axudas desta alinea e desta aplicación orzamentaria despois deste incremento é de 9.105.000 euros.

En relación cos compromisos para o exercicio 2013, nas axudas relativas ao contrato de explotación sustentable, agroambientais e benestar dos animais, cuxo pagamento se establece no artigo 1.2 da Orde do 1 de febreiro de 2013, os pagamentos realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.80.712B.772.1, que, inicialmente, estaba dotada con once millóns cincocentos cincuenta e un mil novecentos trece euros (11.551.913 euros) ao amparo do disposto na prórroga dos orzamentos da Xunta de Galicia, e que, finalmente, está dotada nos orzamentos xerais da Xunta de Galicia para o ano 2013 con vinte e tres millóns de euros (23.000.000 euros).

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional única

O incremento de crédito previsto no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Orde do 1 de febreiro de 2013 (DOG n.º 25 do 5 de febreiro).

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar