Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Xoves, 2 de maio de 2013 Páx. 13795

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 12 de abril de 2013 polo que se publica a Resolución do 8 de abril de 2013, do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se aproba definitivamente a delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica PO-315, no seu treito situado entre os p.q. 11+240 e 11+520.

Por Resolución do 8 de abril de 2013, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ao abeiro do artigo 35.3 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, e de acordo co previsto no artigo 85.4 do Regulamento xeral de estradas, aprobado polo Real decreto 1812/1994, do 2 de setembro, á vista do expediente instruído e, en particular, da proposta de resolución da directora da Axencia Galega de Infraestruturas,

resolve:

«Aprobar, ao abeiro do establecido no artigo 35.3 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, con carácter definitivo, a delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica PO-315, no seu treito situado entre os p.q. 11+240 e 11+520, que supón as seguintes reducións con respecto á establecida con carácter xeral no artigo 35.1 da Lei 4/1994:

a) A 5 m do borde máis próximo da zona de circulación entre os p.q. 11+240 e 11+325, na marxe dereita da estrada PO-315.

b) A 8 m do borde máis próximo da zona de circulación entre os p.q. 11+400 e 11+460, na marxe dereita da estrada PO-315.

c) A 3 m do borde máis próximo da zona de circulación entre os p.q. 11+460 e 11+520, na marxe esquerda da estrada PO-315.

Esta delimitación da liña límite de edificación non afecta as distancias exixibles para a execución de peches de parcelas segundo a lexislación sectorial en materia de estradas, que se poderán situar, con carácter xeral, a partir do borde exterior da zona de servidume da estrada, isto é, a 2 m do límite da zona de dominio público, por tratarse dunha estrada convencional, salvo que a normativa urbanística municipal sinale unha distancia máis restritiva.

Contra esta resolución de aprobación, con carácter definitivo en vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente o recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo establecen os artigos 116.1º e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (na redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

No obstante, poderase impugnar directamente o acto que se notifica ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa (artigo 116.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro). Para tal efecto, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta publicación, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

No caso de que se interpoña o recurso de reposición non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se teña producido a desestimación presunta do recurso de reposición interposto».

O que se publica para xeral coñecemento no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2013

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas