Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 30 de abril de 2013 Páx. 13535

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 18 de abril de 2013 de delegación de competencias no Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos de España en materia de formación continuada.

O Decreto 8/2000, do 7 de xaneiro, regula a organización do sistema acreditador da formación continuada dos/das profesionais sanitarios/as na Comunidade Autónoma de Galicia.

No artigo 35 da Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias (LOPS), aparece normativamente prevista a posibilidade de que os órganos competentes das comunidades autónomas deleguen as funcións de xestión e acreditación da formación continuada, incluíndo a expedición de certificacións individuais, noutras corporacións ou institucións de dereito público, de conformidade co que dispón a dita lei e as normas en cada caso aplicables. Os organismos de acreditación da formación continuada serán, en todo caso, independentes dos organismos encargados da provisión das actividades de formación acreditadas por aqueles.

Por outra parte, o artigo 5, alínea b) da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, prevé entre as súas funcións a de exercer cantas lles sexan encomendadas pola Administración e colaborar con esta mediante a realización de estudos, a emisión de informes, a elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que lle poidan solicitar ou acorden formular por propia iniciativa.

Os artigos 7 e 26 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, tamén recollen a posibilidade de establecer delegacións a prol das organizacións colexiais.

Con base nestas previsións normativas ditouse o Decreto 207/2012, do 18 de outubro, que modifica o Decreto 8/2000, do 7 de xaneiro, de organización do sistema acreditador da formación continuada dos profesionais sanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta modificación tivo por obxecto recoller no texto regulamentario a posibilidade das delegacións competenciais en materia de acreditación da formación continuada, tal como prevían as leis antes citadas, indicando expresamente que «mediante as correspondentes ordes de delegación intersubxectivas e de conformidade co previsto nos artigos 7 e 26 da Lei 11/2001, de 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, poderase delegar, nas organizacións colexiais dos profesionais da saúde e nos seus consellos, o exercicio das competencias que corresponden aos órganos da Administración autonómica en materia da formación continuada dos profesionais sanitarios».

Esta orde ten por obxecto facer efectiva a delegación prevista normativamente, a prol do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos de España, como corporación de dereito público con personalidade xurídica e plena capacidade que agrupa, coordina e representa todos os colexios oficiais de médicos a nivel estatal.

De conformidade co artigo 2.3.j) dos seus estatutos, aprobados polo Real decreto 757/2006, do 16 de xuño, a organización colexial indicada ten entre as súas funcións a de actualizar a competencia profesional e a formación permanente, promovendo por si mesma ou en colaboración con institucións públicas ou privadas, actividades de formación médica continuada, exercendo as funcións de acreditación e rexistro oficial que lle sexan delegadas polas administracións públicas.

Na súa virtude, e no uso das facultades conferidas nos artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, en relación co artigo 3.bis do Decreto 8/2000, do 7 de xaneiro, de organización do sistema acreditador da formación continuada dos/das profesionais sanitarios/as na Comunidade Autónoma de Galicia (modificado polo Decreto 207/2012, do 18 de outubro),

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto delegar no Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos de España a acreditación da formación continuada dirixida a profesionais médicos e impartida por provedores con sede social en Galicia, coas excepcións acordadas, de ser o caso, pola Comisión de Formación Continuada das Profesións Sanitarias.

2. De conformidade co previsto no artigo 35 da Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias (LOPS), o organismo acreditador manterá, en todo caso, a súa independencia respecto dos provedores das actividades de formación acreditadas e observará as regras establecidas pola Comisión de Formación Continuada das Profesións Sanitarias, especialmente no relativo á regulación do patrocinio comercial e conflito de intereses.

3. Queda excluída da delegación a acreditación de actividades multidisciplinares dirixidas a colectivos profesionais con titulacións diferentes á de medicina e cirurxía.

Artigo 2. Condicións

De conformidade cos criterios establecidos pola Comisión de Formación Continuada das Profesións Sanitarias, a acreditación que se delega axustarase ás seguintes condicións:

1. Os provedores das actividades formativas que se vaian acreditar utilizarán o modelo normalizado de solicitude establecido con carácter xeral para todo o sistema e observarán os requisitos formais, documentais e temporais determinados pola Comisión de Formación Continuada das Profesións Sanitarias.

2. As materias obxecto da acreditación encadraranse nalgunha das áreas temáticas preexistentes no sistema xeral de acreditación.

3. As solicitudes que se axusten aos requirimentos remitiranse a tres avaliadores independentes para a súa valoración, que serán profesionais médicos expertos en docencia e formación continuada.

4. Aplicaranse os criterios de avaliación establecidos pola Comisión de Formación Continuada das Profesións Sanitarias, tanto nos compoñentes cualitativos coma nos cuantitativos, así como nas regras de ponderación entre eles e a asignación do número de créditos.

5. O resultado do proceso de acreditación comunicarase ao provedor solicitante, así como á Comisión Autonómica de Formación Continuada.

6. Os certificados de acreditación respectarán o contido mínimo establecido pola Comisión de Formación Continuada das Profesións Sanitarias, mediante o uso dos modelos normalizados aprobados por esta.

7. O Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos de España manterá actualizado un rexistro de certificados de acreditación expedidos, cuxa información compartirá coa Comisión Autonómica de Formación Continuada.

Artigo 3. Obrigas do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos de España

1. O Consello Xeral de Colecios Oficiais de Médicos de España a prol do que se realiza a presente delegación comunicaralle á consellería competente en materia de sanidade a iniciación/resolución de calquera expediente na materia a que se refire a delegación, sen prexuízo doutros datos que se lle puidesen solicitar ou que puideran ter incidencia no exercicio das competencias que corresponden á consellería competente en materia de sanidade.

2. A actividade e os actos emanados no exercicio desta delegación axustaranse ás normas xurídicas aplicables aos respectivos procedementos e respectarán os límites e as condicións determinados no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como no artigo 13 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos de España remitiralle á consellería competente en materia de sanidade, durante o primeiro trimestre do ano seguinte, unha memoria anual de todas as actividades realizadas no ámbito da presente delegación.

Artigo 4. Recursos

As resolucións ditadas polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos de España no exercicio da delegación contida nesta orde non poñen fin á vía administrativa e poderanse recorrer en alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, de conformidade co previsto nos artigos 114 a 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións do mesmo rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2013

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade