Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 29 de abril de 2013 Páx. 13482

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Friol

ANUNCIO de aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal.

O Pleno do Concello, na sesión extraordinaria do 23 de abril de 2013, conforme o disposto no artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, acordou:

Primeiro. Aprobar inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Friol, nos termos que constan no expediente.

Segundo. Que o plan aprobado inicialmente, cos documentos integrantes do expediente tramitado, incluído o informe de sustentabilidade ambiental, sexa sometido:

– Ao trámite de información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e en dous xornais de maior difusión na provincia de Lugo. A realización deste trámite non se notificará ás persoas propietarias de terreos afectados.

– Ás consultas previstas no documento de referencia.

– Ao trámite de audiencia, durante o mesmo prazo aos concellos limítrofes.

Terceiro. Ao mesmo tempo que o trámite de información pública, solicitaranse das administracións públicas competentes os informes sectoriais que resulten necesarios.

Cuarto. Suspender o outorgamento de licenzas naqueles ámbitos do territorio obxecto de planeamento cuxas novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente. A duración máxima da suspensión, segundo o artigo 77 da Lei 9/2002, é de dous anos, contados desde a aprobación inicial e, en calquera caso, extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento.

O ámbito da suspensión de licenzas derivado da aprobación inicial do PXOM é a totalidade do concello, salvo naquelas actuacións permitidas simultaneamente no PXOM e nas vixentes normas subsidiarias. Motívase a suspensión no feito de que as determinacións urbanísticas presentan diferenzas substanciais entre o previsto nas normas subsidiarias e o PXOM aprobado inicialmente. Faise complexa a determinación gráfica das áreas concretas, que presentan incompatibilidades de ordenación, xa que a casuística posible é ilimitada, e é imposible concretar as áreas de compatibilidade, que dependerá de cada caso, de cada parcela ou mesmo da actuación que se pretenda realizar en cada unha delas, non sendo o mesmo tratar o uso dominante que os compatibles ou auxiliares. En termos xerais a suspensión non afectará as solicitudes de obra menor relativas á mera conservación e as necesarias para o mantemento do uso preexistente, que, se é o caso, se outorgararán, sen prexuízo da obtención das autorizacións pertinentes.

En todo caso, establécense uns criterios que permitan tratar con maior claridade a confluencia dos dous planeamentos xerais municipais e que, en calquera caso, deberán suxeitarse para cada parámetro urbanístico ou determinación gráfica, ás condicións máis estritas establecidas no planeamento que sexa limitativo en cada aspecto que vai considerar.

En función das clases de solo definidas na lexislación autonómica, así como os contidos que o PXOM lles outorga, establécese:

– Solo rústico. A ordenación deste tipo de solo vén moi condicionada pola lexislación urbanística, en concreto pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, e as sucesivas modificacións, especialmente a Lei 2/2010, do 25 de marzo. A compatiblidade dos dous planeamentos analizarase para cada solicitude, cos réximes de autorizacións establecidas na lexislación, aínda que os usos edificatorios están moi restrinxidos.

Solo urbano e solo de núcleo rural. O ámbito de suspensión de licenzas derivado da aprobación inicial é a totalidade do concello, salvo naquelas actuacións permitidas simultaneamente no PXOM e nas vixentes normas subsidiarias.

– Solo urbanizable. Soamente será posible a concesión das licenzas nos ámbitos que non requiran dunha tramitación ou xestión urbanística previa.

Conforme o disposto no artigo 85 da lei, o expediente sométese ao trámite de información pública durante o prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia. Durante o devandito prazo poderá examinalo calquera interesado e presentar as alegacións que considere convenientes, para o que estará á súa disposición, no local habilitado para o efecto, no Centro Sociocultural, sito na rúa Deputación de Friol, en horario de atención ao público, de luns a venres, das 9.30 ás 14.30 horas. Os martes tamén haberá atención ao público en horario de tarde, das 17.00 ás 20.30 horas.

Friol, 23 de abril de 2013

Antonio E. Muiña Pena
Alcalde