Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 26 de abril de 2013 Páx. 13057

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural ás comunidades galegas no exterior para o exercicio 2013.

Segundo o disposto no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, en relación coa disposición transitoria terceira do Decreto 234/2012, do 5 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da comunidade autónoma ao cal corresponden, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, e as relacións coas comunidades galegas no exterior, así como a xestión de todos os procedementos que desas materias deriven.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A través da Secretaría Xeral da Emigración, a Xunta de Galicia vén desenvolvendo, desde hai anos, programas de axudas e subvencións en favor das comunidades galegas no exterior co fin de posibilitar o cumprimento dos intereses e finalidades que lles son propios.

Non cabe dúbida de que ante a grave crise económica que nestes momentos estamos a padecer deben buscarse fórmulas que posibiliten unha xestión máis racional e eficiente dos recursos públicos que garantan unha mellor optimización destes.

Neste senso, e como reflexo dos principios de economía, austeridade e eficiencia na asignación e no emprego de recursos públicos que debe presidir a actuación das administracións públicas, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o proxecto de Lei da galeguidade, no cal se establece que a Xunta de Galicia promoverá os procesos de unión entre as entidades galegas no exterior, co que se persegue así unha optimización non só dos recursos propios senón tamén daqueles que son achegados anualmente pola propia Administración a través dos correspondentes programas de axudas e subvencións.

Con este obxectivo, na valoración que conforme os criterios establecidos nas bases reguladoras se realice das solicitudes das entidades, primarase, cunha puntuación adicional en cada un dos programas en que concorran, aquelas entidades que sexan o resultado dun recente proceso de unión doutras entidades.

En execución da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, procede a través desta resolución establecer o marco normativo ao cal se deberán de axustar, no exercicio de 2013, as subvencións que posibiliten ás comunidades galegas doutras comunidades autónomas e do estranxeiro a adquisición, actualización, adaptación e modernización das súas infraestruturas e locais, co fin de optimizar a prestación dos servizos asistenciais, sanitarios, sociais, culturais, deportivos etc. que estatutariamente lles son propios.

Esta resolución abrangue as bases reguladoras e a convocatoria anual das subvencións para o exercicio 2013 destinadas ás entidades galegas no exterior para a reforma, rehabilitación e conservación das súas instalacións e restauración do seu patrimonio, e para a mellora de dotacións e equipamentos.

O procedemento de concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

En virtude do exposto, de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria de subvencións e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo, polas que se rexerá a concesión de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración, en réxime de concorrencia competitiva, aos programas de apoio infraestrutural para a reforma, rehabilitación e conservación das súas instalacións e restauración do seu patrimonio e para a mellora de dotacións e equipamentos, en favor das comunidades galegas no exterior para o exercicio 2013.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2013.

Artigo 2. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 3. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver será de cinco meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Imputación orzamentaria

1. Para a concesión das subvencións previstas nesta resolución resérvase inicialmente un crédito total de 600.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.781.0. (Axudas para conservación, obras, equipamentos e infraestrutura das súas instalacións) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, contía que se poderá incrementar de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e como consecuencia das circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A dita contía distribuirase entre os programas da maneira que segue:

– Programa A. Axudas a entidades galegas no exterior para a reforma, rehabilitación e conservación das súas instalacións, 250.000 €.

– Programa B. Axudas a entidades galegas no exterior para a mellora de dotacións e equipamentos, 350.000 €.

De existir remanente nalgún dos dous programas, poderá ser redistribuído, e pasará a incrementar a consignación do outro programa.

Artigo 5. Recursos

Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2013

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
das subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural
ás comunidades galegas no exterior para o exercicio 2013

CAPÍTULO I
Disposicións comúns aos dous programas

Artigo 1. Obxecto das subvencións

O obxecto desta resolución é a convocatoria de subvencións correspondentes aos seguintes programas de apoio infraestrutural ás comunidades galegas no exterior para o exercicio 2013:

– Programa A. Axudas a entidades galegas no exterior para a reforma, rehabilitación e conservación das súas instalacións.

– Programa B. Axudas a entidades galegas no exterior para a mellora de dotacións e equipamentos.

En ambos os programas primaranse as solicitudes que presenten aquelas entidades que sexan o resultado dun proceso de unión doutras entidades, sempre que este finalizase a partir do 1 de xaneiro de 2011.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta resolución, e que irá acompañada dos documentos que se especifican nos artigos correspondentes das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes e a Orde do 15 de setembro de 2011, as entidades interesadas poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da entidade solicitante e carecen do carácter de copia auténtica. A Administración, en calquera momento da tramitación do procedemento, poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e do artigo 22.3 do citado Decreto 198/2010. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos.

2. Igualmente, as solicitudes poderán presentarse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración (rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderanse presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.

3. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse no prazo que se indique na correspondente resolución de convocatoria.

Artigo 4. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade, de conformidade coa Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, ou a súa condición de centro colaborador, mediante resolución aprobatoria ditada pola Secretaría Xeral da Emigración ao abeiro da disposición adicional única do Decreto 195/1991, do 30 de maio, polo que se modifica o Regulamento de organización e funcionamento do Consello de Comunidades Galegas.

Non poderán concorrer ás subvencións establecidas nesta convocatoria as entidades que teñan adoptado o acordo de iniciar un proceso de unión, en tanto o devandito proceso non estea finalizado.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. Para as entidades con domicilio social en España, a presentación polo interesado das solicitudes de concesión destas subvencións comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios e no rexistro público de sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Facenda, ante quen se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Salvo nos casos sinalados no artigo 9.4 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a falta de autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

De conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos nas solicitudes deste programa serán incorporados a un ficheiro para o seu tratamento coa finalidade da xestión deste procedemento. As entidades solicitantes poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei, dirixindo un escrito á Secretaría Xeral da Emigración como responsable do ficheiro.

Artigo 6. Documentación

1. Xunto coa solicitude, segundo o modelo normalizado que figura como anexo I desta resolución, as entidades deberán presentar, ademais da documentación específica que para cada programa se relaciona nos artigo 23 e 26, a seguinte documentación:

a) Fotocopia do NIF da entidade ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, Cadastro, …), sempre que non fose presentado con anterioridade. O interesado deberá indicar o procedemento para o cal se presentou ou o expediente en que se encontra esa documentación, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento en que se presentou.

b) Declaración do conxunto das subvencións solicitadas e/ou concedidas para a mesma finalidade para a cal se solicita a subvención, das distintas administracións públicas ou de organismos privados ou, se é o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo normalizado que figura como anexo II desta resolución.

c) Declaración expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modelo anexo II).

d) Aquelas entidades que sexan o resultado dun proceso de unión, sempre que este finalizase a partir do 1 de xaneiro de 2011, deberán xuntar copia compulsada da documentación que acredite este aspecto.

2. A solicitude e a documentación que deba presentarse de acordo co disposto nestas bases deberá ser asinada polos representantes legais das entidades solicitantes.

Artigo 7. Procedemento de concesión e instrución

1. O procedemento para a tramitación e concesión das subvencións que se convocan por esta resolución axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. De acordo co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na presente resolución, o órgano competente requirirá a entidade solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral de Centros e Comunidades Galegas.

4. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que formulará a correspondente proposta de concesión ao órgano concedente a través do órgano instrutor. O devandito órgano colexiado estará formado por tres vogais e un secretario, designados polo secretario xeral da Emigración. En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión de avaliación, poderá ser substituído pola persoa funcionaria que para o efecto designe o secretario xeral da Emigración.

5. Os expedientes serán avaliados, segundo os criterios sinalados para cada programa, polo órgano colexiado establecido no número anterior, que deberá emitir informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

6. Importes máximos que incluirán nas solicitudes.

a) En relación coas solicitudes presentadas ao amparo do Programa A. (Axudas a entidades galegas no exterior para a reforma, rehabilitación e conservación das súas instalacións), o importe máximo dos investimentos para os cales solicite subvención unha entidade non poderá superar a contía de 30.000 €.

b) O importe máximo da subvención que se concederá, segundo o programa, é de:

– Programa A: 20.000 €.

– Programa B: 15.000 €.

c) Nos programas incluídos nesta convocatoria, o importe da subvención solicitada por unha entidade á Secretaría Xeral da Emigración non poderá superar o 80 % do gasto total previsto das accións incluídas na solicitude. No caso de que o devandito importe solicitado superase esa cifra, non se tería en conta o exceso.

d) Para fixar o importe do gasto total previsto que as entidades inclúan nas súas solicitudes, estas deberán ter en conta o establecido nas alíneas a) e b) anteriores, e no caso de que ese gasto total previsto superase esas cantidades, a entidade deberá executar na súa totalidade as accións incluídas na solicitude, tanto nos seus conceptos como nos seus importes, ou, noutro caso, só percibiría a parte proporcional que corresponda da subvención concedida.

7. Forma de cálculo dos importes propostos polo órgano colexiado.

O cálculo dos importes propostos polo órgano colexiado realizarase para cada programa, tendo en conta a distribución do crédito e o disposto no artigo 4 da convocatoria.

A contía das subvencións propostas determinarase en función do número de puntos que acade cada entidade aplicando os criterios de valoración establecidos nas bases reguladoras.

Entre as entidades solicitantes que cumpran os requisitos para seren beneficiarias das subvencións, establecerase unha orde de prelación, segundo o número de puntos que obteñan aplicando os criterios de valoración establecidos, propoñendo conceder a cada proxecto o importe que corresponda en función da puntuación asignada, sen superar en ningún caso o 80 % do orzamento subvencionable. O importe asignado a cada entidade será o resultado da multiplicación do importe solicitado, tendo en conta os límites máximos establecidos neste artigo e minorado na parte do gasto que non sexa subvencionable polo coeficiente que resulte de dividir o número de puntos que se lle asigne polo total de puntos máximo: 100. O crédito dispoñible distribuirase entre as entidades segundo ese orde de prelación, ata o seu esgotamento.

8. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará a proposta de resolución, que se presentará ao secretario xeral da Emigración, que é o órgano competente para resolver, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 8. Reformulación das solicitudes

1. De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención de cada proxecto na proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, a Secretaría Xeral da Emigración poderá instar á entidade beneficiaria a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

2. Unha vez que a solicitude mereza, de ser o caso, a conformidade da comisión ou órgano de valoración, remitiráselle o actuado ao órgano competente para que dite a resolución.

3. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes.

4. A realización da comunicación ás entidades para que reformulen as súas solicitudes poderase efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web http://emigracion.xunta.es. A eficacia das citadas comunicacións será a partir das devanditas publicacións.

Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración remitirá ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da realización desta publicación. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días computaranse desde a publicación na páxina web indicada destas comunicacións e non desde a súa comunicación escrita.

5. As entidades solicitantes terán un prazo de dez días, desde a data de publicación destas comunicacións, para remitiren á Secretaría Xeral da Emigración a reformulación das súas solicitudes, para a súa análise, segundo o modelo que figura como anexo III desta resolución. No caso daquelas entidades que non respondan nese prazo, entenderase que aceptan o importe da subvención que apareza na proposta de resolución provisional.

Artigo 9. Resolución

As resolucións serán ditadas polo secretario xeral da Emigración e notificadas aos interesados. A Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións de contía igual ou superior a 3.000 euros, concedidas a través desta convocatoria, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade para a cal se outorgou a subvención.

Ademais, e de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Emigración publicará na súa páxina web http://emigracion.xunta.es a relación dos beneficiarios e os importes das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e para a súa publicación na citada páxina web.

Artigo 10. Xustificación

1. A acción subvencionada deberá ser executada e xustificada antes do 31 de outubro de 2013. A Secretaría Xeral da Emigración poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación de conformidade co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

Transcorrido o prazo establecido da xustificación sen que se presentase a documentación xustificativa, requirirase o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días presente a dita documentación.

2. O réxime de xustificacións é o de conta xustificativa simplificada, de conformidade co establecido no título III, artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, por ser o importe das subvencións para cada programa e beneficiario inferior a 30.000 €.

3. Previamente ao pagamento do importe da subvención concedida, sen prexuízo da posibilidade de efectuar pagamentos á conta ou anticipos segundo o disposto no artigo 13 desta resolución, as entidades beneficiarias deberán achegar á Secretaría Xeral da Emigración, no prazo establecido, a seguinte documentación xustificativa:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación detallada das accións realizadas e dos resultados obtidos.

b) Relación clasificada dos investimentos realizados, con indicación do acredor e do número de documento, o seu concepto, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento (pode usarse o modelo que figura como anexo IV a esta resolución).

c) Un detalle doutros ingresos e/ou subvencións que financiasen a acción subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia, segundo o modelo normalizado que figura como anexo V desta resolución.

d) As entidades con sede social en España deberán acreditar que se encontran ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non teñen débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia. As entidades con sede social fóra de España deberán presentar unha declaración responsable de que se encontran ao día nesas obrigas, para o que poden utilizar o modelo que figura como anexo V desta resolución.

e) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

4. De acordo co establecido no artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación co establecido no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A falta de presentación da documentación requirida no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención.

5. De conformidade co establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerarase gasto subvencionable o efectivamente realizado e pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido no número 1 deste artigo.

En virtude do disposto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 €.

6. A Secretaría Xeral da Emigración, a través das técnicas de mostraxe, comprobará os xustificantes que considere oportunos e que permitan obter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención; para este fin poderase requirir ao beneficiario a remisión dos xustificantes de gasto seleccionados.

Esta mostraxe realizarase de acordo co seguinte procedemento:

– Relaciónanse os beneficiarios por programa e orde alfabética e asígnaselles un número correlativo.

– Escóllese un número ao azar do 1 ao 20. Este número determinará o primeiro beneficiario que será obxecto da mostraxe, e os seguintes que se elixan serán múltiplos do devandito número.

Artigo 11. Subcontratación

De acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios destas subvencións poderán subcontratar, total ou parcialmente, as accións obxecto delas, podendo subcontratar con terceiros ata o cento por cento das accións subvencionadas.

Artigo 12. Concorrencia de axudas

1. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo o beneficiario.

2. Para os programas incluídos nesta resolución cada entidade non poderá solicitar ou obter máis que unha subvención en cada programa. Así mesmo, cando o interesado presentase varias solicitudes para o mesmo programa, a Secretaría Xeral da Emigración poderá dar traslado ao interesado para que modifique a súa solicitude e presente unha soa.

Artigo 13. Pagamento

1. Unha vez resolto o expediente e para acadar unha maior operatividade neste tipo de axudas e por tratarse de entidades que non teñen ánimo de lucro, poderanse efectuar pagamentos á conta ou ben autorizarse anticipos de pagamentos dos importes concedidos ata a contía máxima permitida de acordo co establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, suxeitos aos requisitos que se establecen nesta lei e nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento. Tendo en conta o importe destas subvencións, establecido no artigo 7.6 destas bases, os pagamentos á conta e anticipados non poderán superar, en ningún caso, a cantidade de 18.000 €. O resto do importe ou a parte que corresponda librarase logo da completa xustificación por parte dos beneficiarios do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

2. Réxime de garantías en pagamentos anticipados. Segundo o establecido no número anterior e de conformidade co establecido no artigo 65.4 i) e 65.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias non estarán obrigadas a constituír garantía. Así mesmo, e de acordo co devandito artigo, para as entidades cuxo domicilio estea situado fóra do territorio nacional, posúan ou non un establecemento permanente no devandito territorio, establécese que non estarán obrigadas a constituír garantía.

Artigo 14. Requirimentos

De acordo co artigo 59.6 da Lei 30/1992, a realización dos requirimentos que procedan poderanse efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web http://emigracion.xunta.es

A eficacia dos citados requirimentos será a partir das devanditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da publicación dos requirimentos. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días computaranse desde a publicación na páxina web indicada dos requirimentos e non desde a súa comunicación.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

Con carácter xeral, os beneficiarios das subvencións correspondentes aos programas convocados por esta resolución quedan obrigados a:

1. Realizar a acción ou comportamento que fundamente a concesión da subvención.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto as recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

3. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as accións subvencionadas.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

5. Non se considera que incorre en incumprimento o beneficiario que non xustifique integramente o importe do orzamento presentado coa solicitude, sempre que o proxecto ou actividade obxecto da subvención se cumprise nos termos da solicitude e poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención. Neste suposto o pagamento realizarase pola parte proporcional á da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe do custo final da actividade, tendo en conta o disposto no artigo 7.

6. As entidades beneficiarias de subvencións recollidas nesta resolución quedarán obrigadas á difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

7. Destino e ocupación dos bens. Os bens inmobles rehabilitados destinaranse a sede habitual e permanente da entidade galega beneficiaria durante un período mínimo de cinco anos. O resto dos bens de equipamento subvencionados deberán destinarse para o fin para o cal se concedeu a subvención durante un período mínimo de tres anos.

O incumprimento da obriga de destino antes do vencemento do prazo sinalado, que se producirá en todo caso co alleamento ou gravame do ben ou coa disolución da entidade galega beneficiaria da axuda, será causa de reintegro da subvención nos termos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedando os bens afectos ao pagamento do reintegro calquera que for o seu posuidor, salvo que resulte ser un terceiro protexido pola fe pública rexistral ou se xustifique a adquisición dos bens con boa fe e xusto título.

Non se considerará incumprida a obriga de destino referida no punto anterior cando o cambio de destino, alleamento ou gravame do ben, ou a disolución da entidade, sexa autorizada pola Secretaría Xeral da Emigración, debendo comunicar á entidade beneficiaria con anticipación calquera modificación prevista na finalidade ou na titularidade do ben subvencionado. Neste suposto, o adquirente asumirá a obriga de destino dos bens polo período restante e, no caso de incumprimento desta, do reintegro da subvención.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión e revogación

1. As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a realización de obras e accións e/ou a adquisición dos equipamentos subvencionados, e a Secretaría Xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, o beneficiario poderá solicitar, antes de que conclúa o prazo para a realización das accións, a modificación do seu contido, se concorreren circunstancias que alterasen substancialmente as condicións tidas en conta para a concesión da subvención a criterio da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 17. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n da Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se for o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se for o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

4. Devolución voluntaria. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e cando proceda o reintegro da subvención, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria da Xunta de Galicia. O importe da devolución incluirá os xuros de demora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Aos/ás beneficiarios/as das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Réxime de recursos

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 19. Control e comprobación

1. A Secretaria Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Publicidade

De conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas de contía igual ou superior a 3.000 €, con indicación da norma reguladora, beneficiario/a, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, a relación de subvencións concedidas será obxecto de publicación na páxina web desta secretaría xeral http://emigracion.xunta.es

Artigo 21. Remisión normativa

En todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e demais normativa que a desenvolva.

CAPÍTULO II
Disposicións específicas para cada programa

Sección 1ª. Programa A. Axudas a entidades galegas no exterior para a reforma, rehabilitación e conservación das súas instalacións

Artigo 22. Obxecto e finalidades das subvencións

O obxecto deste programa é a concesión de subvencións ás entidades galegas no exterior para contribuír ao financiamento dos gastos derivados dos investimentos que realicen durante o exercicio 2013 en obras de reforma, rehabilitación, conservación e restauración, destinadas á mellora das súas instalacións.

Valoraranse positivamente as solicitudes referidas a obras que se vaian realizar cuxa urxente necesidade quede acreditada. Por outra parte, non se concederán subvencións para as obras que se pretendan realizar nos establecementos hostaleiros que funcionen dentro das instalacións dos centros galegos para calquera tipo de explotación comercial.

Poderán subvencionarse ao abeiro deste programa, entre outros, os gastos derivados de:

1. Investimentos que realicen as entidades galegas propietarias de instalacións en obras que realicen para a súa rehabilitación e conservación.

2. Investimentos que realicen as entidades galegas en obras imprescindibles de rehabilitación e conservación nas instalacións que, aínda que non sexan propias, utilicen como sede habitual e permanente.

3. Execución de obras de reforma que teñan como finalidade a ampliación, mellora, modernización, adaptación, adecuación ou reforzo de instalacións xa existentes titularidade das entidades galegas no exterior.

4. Realización do proxecto de obras asinado por técnico competente e/ou expedición da preceptiva licenza municipal de obras. O importe destes gastos non poderá superar o 10 % da totalidade do investimento proxectado.

5. Investimentos na restauración dos bens de interese artístico e histórico, así como daqueles documentos, fondos ou coleccións que conformen o patrimonio bibliográfico e documental titularidade das entidades galegas no exterior, levadas a cabo por técnicos competentes en cada unha das materias.

Artigo 23. Documentación que se debe presentar coa solicitude

Ademais da documentación relacionada no artigo 6 destas bases reguladoras, as entidades interesadas en concorrer ás subvencións obxecto deste programa deberán presentar a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva das obras de reforma, rehabilitación, conservación e/ou restauración que se van realizar durante o ano 2013, desde xaneiro ata outubro, onde se detalle a descrición polo miúdo das obras proxectadas, a situación xurídica das instalacións (en propiedade, aluguer, cesión ou outros) e os motivos e finalidades que xustifiquen a súa realización.

b) Orzamento ou orzamentos detallados do custo das obras referidas na memoria para as cales se solicita a subvención, realizados por empresa/s. O importe máximo dos investimentos para os cales solicite subvención unha entidade ao amparo deste programa A non poderá superar a contía de 30.000 €. No caso de que o proxecto presentado superase ese importe, non se terá en conta o exceso, e deberá ser rectificado e reducido a esa cifra pola entidade solicitante.

c) No caso de restauracións, informe asinado por un técnico competente que inclúa o diagnóstico sobre o estado de conservación da obra ou documento, fondo ou colección que se vai restaurar, así como a súa necesidade de restauración e a correspondente proposta de intervención e o seu valor histórico, artístico, bibliográfico ou documental.

d) Os beneficiarios que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español deberán presentar certificado de residencia fiscal emitido polas autoridades competentes do seu país de residencia e unha declaración en que conste que a entidade solicitante se atopa ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social, e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia, incluída no anexo I.

e) No caso de non seren propietarios, copia do contrato oficial vixente de aluguer do local que sirva de sede habitual e permanente da entidade solicitante, ou da súa cesión, a non ser que xa exista copia na Secretaría Xeral da Emigración e se faga constar así expresamente. Nese contrato debe constar a data do seu vencemento e que o local alugado ou cedido é a sede social da entidade.

Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (planos, informes, memorias económicas anuais da entidade, fotografías etc.).

Artigo 24. Criterios de valoración

I. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración, de acordo cos seguintes criterios:

1. Interese xeral e importancia do proxecto á vista da memoria descritiva das obras de reforma, rehabilitación, conservación e restauración que se van realizar e da repercusión e da influencia que poida ter no seu ámbito e no seu contorno, así como tendo en conta o grao de urxencia ou necesidade delas, ata 45 puntos.

–Obras de rehabilitación ou reforma en función do destino ou non ao uso dos asociados, sexa ou non o inmoble propiedade da entidade solicitante, ata 25 puntos.

–Obras de conservación, reparación, mantemento e restauracións, en función do destino ou non ao uso dos asociados, sexa ou non o inmoble propiedade da entidade solicitante, ata 20 puntos.

–No caso de que presenten varias finalidades a valoración será proporcional.

As puntuacións asignadas de conformidade co establecido neste número 1 non poden superar os 45 puntos.

2. Estado de conservación das instalacións, locais ou edificios en que se vai realizar o investimento, ata 15 puntos. Outorgarase maior puntuación a aquelas instalacións, locais ou edificios cuxo estado de conservación estea máis deteriorado; tamén se puntuará máis cando os inmobles sexan propiedade da entidade solicitante.

3. Grao de novidade dos investimentos para os cales se solicita a subvención con relación aos que foron presentados pola entidade en anos anteriores, ata 15 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan totalmente diferentes aos investimentos para os cales se solicitou a axuda durante os tres últimos anos, de 12 a 15 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan parcialmente diferentes aos investimentos para os cales se solicitou a axuda durante os tres últimos anos, de 7 a 11 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan coincidentes cos investimentos para os cales se solicitou a axuda durante os tres últimos anos, ata 6 puntos.

4. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión, sempre que este finalizase a partir do 1 de xaneiro de 2011, 15 puntos.

5. Nivel de financiamento por outras fontes distintas ás da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: (fondos propios da entidade, outras subvencións e outras vías de financiamento) ata 10 puntos. Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que presenten un nivel de financiamento por outras fontes distintas de axudas ou subvencións, superior ao 80 %; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes obterán 0 puntos, e as demais, proporcionalmente.

II. En todo caso, aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 10 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos, non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección 2ª. Programa B. Axudas a entidades galegas no exterior para a mellora de dotacións e equipamentos

Artigo 25. Obxecto e finalidades das subvencións

O obxecto deste programa é a concesión de subvencións destinadas ás entidades galegas no exterior para financiar a adquisición de dotacións e equipamentos que contribúan a mellorar as condicións en que se desenvolvan as actividades asociativas e que se realicen durante o exercicio 2013.

Non se concederán subvencións para a adquisición de equipamentos destinados aos establecementos hostaleiros que funcionen dentro das instalacións das entidades galegas para calquera tipo de explotación comercial.

Poderán subvencionarse ao abeiro deste programa, entre outros, os gastos derivados da adquisición polas entidades de:

a) Mobiliario e equipamentos materiais que contribúan a mellorar as condicións asistenciais, culturais, educativas etc. en beneficio dos seus asociados.

b) Equipamentos materiais tecnolóxicos, informáticos e de telecomunicacións.

c) Instrumentos musicais e vestimenta tradicional galega destinados aos grupos de carácter cultural da entidade galega solicitante.

d) Dotación de equipamentos e material para ludotecas destinados a espazos de xogo dentro das instalacións das entidades galegas que contribúan ao desenvolvemento integral e positivo dos nenos e nenas fillos dos asociados.

e) Outro material inventariable que contribúa á mellora das dotacións e equipamentos das entidades galegas radicadas no exterior.

Artigo 26. Documentación que se presentará coa solicitude

Ademais da documentación relacionada no artigo 6 destas bases reguladoras, as entidades interesadas en concorrer ás subvencións obxecto deste programa deberán presentar a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva dos equipamentos que se prevexa adquirir durante o ano 2013, desde xaneiro ata outubro, na cal se fagan constar os motivos e/ou necesidade de adquirilos e a súa finalidade.

b) Orzamento ou orzamentos dos equipamentos obxecto de subvención referidos na memoria, realizados polas empresas provedoras.

c) Cando o importe do gasto subvencionable, incluíndo a totalidade dos investimentos previstos, supere a contía de 18.000 euros, deberanse achegar tres orzamentos de diferentes provedores, referidos a cada un dos equipamentos que se van adquirir, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado un número abondo de entidades que subministren os equipamentos, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. No suposto de que a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa de entre as ofertas presentadas, deberá achegarse unha memoria que xustifique tal decisión.

d) Os beneficiarios que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español deberán presentar un certificado de residencia fiscal emitido polas autoridades competentes do seu país de residencia e unha declaración en que conste que a entidade solicitante se atopa ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia, incluída no anexo I.

Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (informes, memorias, fotografías etc.).

Artigo 27. Criterios de valoración

I. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración de acordo cos seguintes criterios:

1. Interese xeral e importancia do proxecto á vista da memoria en que se fagan constar os motivos e/ou necesidade dos equipamentos e a súa finalidade, e da repercusión e da influencia que poida ter no seu ámbito e no seu contorno, ata 50 puntos. Valorarase a importancia dos equipamentos para o desenvolvemento das finalidades e actuacións da entidade ata 30 puntos, grao de carencia que teña a entidade dos equipamentos solicitados ata 20 puntos.

2. Grao de novidade dos investimentos para os cales se solicita a subvención con rela-ción aos que foron presentados pola entidade en anos anteriores, ata 25 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan totalmente diferentes aos investimentos para os cales se solicitou a axuda durante os tres últimos anos, 25 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan parcialmente diferentes aos investimentos para os cales se solicitou a axuda durante os tres últimos anos, de 10 a 24 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan coincidentes cos investimentos para os cales se solicitou a axuda durante os tres últimos anos, 9 puntos.

3. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión, sempre que este finalizase a partir do 1 de xaneiro de 2011, 15 puntos.

4. Nivel de financiamento por outras fontes distintas ás da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: (fondos propios da entidade, outras subvencións e outras vías de financiamento) ata 10 puntos. Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que presenten un nivel de financiamento por outras fontes distintas de axudas ou subvencións, superior ao 80 %; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes obterán 0 puntos, e as demais, proporcionalmente.

II. En todo caso, aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 10 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos, non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file