Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 15 de abril de 2013 Páx. 11315

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2013, do director de Augas de Galicia, pola que se somete a información pública o anteproxecto do emisario submariño da EDAR de Lagares (Vigo), a solicitude de autorización de vertedura e a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados necesarios para a súa execución.

A Xunta de Galicia ten transferidas as competencias de funcións e servizos do Estado en materia de abastecementos de auga, saneamento e condución e defensa de marxes de ríos polo Real decreto 1870/1985, do 11 de setembro, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración xeral do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de abastecemento de auga, saneamento, condución e defensa de marxes.

A execución das obras da actuación «Saneamento de Vigo» está encomendada á sociedade estatal Aguas de las Cuencas del Norte, S.A. (en diante, AcuaNorte), ao figurar recollida no seu convenio de xestión directa.

O 9 de marzo de 2007, a Xunta de Galicia, o daquela organismo autónomo Augas de Galicia e AcuaNorte subscribiron un protocolo xeral de colaboración para o desenvolvemento da actuación «Saneamento de Vigo», cuxo obxecto era a redacción do estudo de alternativas e anteproxecto do sistema de depuración de Vigo. O 19 de xullo de 2007, as devanditas partes ratificaron os compromisos adquiridos, mediante a subscrición dun convenio para o desenvolvemento da actuación «Saneamento de Vigo». Posteriormente, o 2 de agosto de 2010, foi subscrito entre a Xunta de Galicia, o Concello de Vigo, AcuaNorte e Augas de Galicia o convenio para a construción das obras correspondentes á actuación hidráulica «Saneamento de Vigo».

A actuación «Saneamento de Vigo» está declarada de interese xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, xa que as obras de referencia están recollidas no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa, aprobado polo Real decreto 1332/2012, do 14 de setembro.

O artigo 29 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, dispón que a aprobación definitiva do proxecto, anteproxecto ou documento similar de obras hidráulicas declaradas de interese da comunidade autónoma levará implícita a declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación dos bens e adquisición de dereitos, para os fins de expropiación forzosa e ocupación temporal, de acordo co disposto na lexislación correspondente. Esta declaración referirase tamén aos bens e dereitos que se poidan incluír na reformulación do documento técnico correspondente e ás modificacións de obras e obras complementarias que, se é o caso, se poidan aprobar posteriormente.

Así, débese salientar que os procedementos expropiatorios correspondentes ás obras incluídas no anteproxecto citado se tramitarán mediante o procedemento de urxencia previsto nos artigos 52 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa e concordantes do seu regulamento de desenvolvemento.

A solución proposta para o cumprimento dos obxectivos de calidade da auga na ría de Vigo, asociados ao saneamento de Vigo, integra as infraestruturas seguintes:

– Estación depuradora de augas residuais.

– Emisario submariño da EDAR de Lagares.

– Ampliación da acometida eléctrica existente.

Para a execución da obra do emisario submariño, redactou un anteproxecto AcuaNorte. As actuacións comprendidas neste anteproxecto completan a nova EDAR de Lagares (Vigo), cuxas obras se encontran en execución. Basicamente, consisten nunha estación de bombeo e un emisario submariño. A estación de bombeo está integrada por unha arqueta de entrada, onde o efluente se pode derivar ao bombeo ou pasar directamente á cámara de carga do emisario.

O Concello de Vigo, de conformidade co disposto no artigo 114 do regulamento xeral para o desenvolvemento e execución da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, aprobado polo Real decreto 1471/1989, do 1 de decembro, solicitou a autorización para a vertedura á ría de Vigo no punto de coordenadas UTM: X=516.755, Y=4.675.244; dun caudal máximo de 252.288.000 m3/ano de augas residuais urbanas depuradas procedentes da nova EDAR de Lagares (expediente DH.V36.18453), deseñada para 800.000 habitantes equivalentes e constituída polas seguintes etapas: desbaste, desareado-desengraxado, tratamento primario, filtración biolóxica con eliminación de nitróxeno, tratamento fisicoquímico de eliminación de fósforo e desinfección por aplicación de radiación UV; e tratamento de lamas mediante dixestión anaerobia e secado térmico.

Unha vez que o efluente que procede de la EDAR chega á arqueta de entrada, poden darse dúas situacións:

– Se as condicións de explotación son tales que o nivel da cámara de carga é superior ao da arqueta de entrada, a comporta que as separa permanecerá pechada e o efluente derivarase aos pozos de bombeo situados nos laterais da cámara de carga.

– Se as condicións son tales que o nivel da cámara de carga é inferior ao da arqueta de entrada, a comporta permanecerá aberta e o efluente entrará directamente á cámara de carga, xa que a altura da marea permitirá o funcionamento por gravidade para o caudal que entra nese instante.

En consecuencia, se o efluente é derivado aos pozos de bombeo será porque, debido á combinación de condicións caudal-cota de marea, é necesario que o efluente sexa impulsado ata unha cota superior á da cámara de carga. En definitiva, a cota de auga da cámara de carga será sempre a necesaria para desaugar o caudal que instantaneamente estea a saír da EDAR.

Desde a cámara de carga (cota de rasante -8,40 m) parte o emisario submariño, que funciona en todo momento en carga. O primeiro tramo da condución de 758,52 m de lonxitude (que parte do interior da parcela reservada no proxecto de ampliación e modernización da EDAR de Lagares e chega ata o aparcadoiro de Samil) levará unha pendente ascendente co fin de poder extraer neste punto o aire da condución, no caso de que entrase nela. Executarase mediante fincamento e será de tubos de formigón armado de 1.800 mm de diámetro interior con grosor de 300 mm.

Desde este punto, en que a rasante alcanza a cota -5,38 m, comeza o fincamento submariño, cunha lonxitude de 621,48 m e pendente descendente (1,3 %), finalizando nunha profundidade onde a acción das ondas é máis reducida, polo que as necesidades de protección do emisario diminúen notablemente e se evita a afección á dinámica de sedimentos da praia de Samil.

A continuación do tramo en fincamento, o emisario continúa cunha nova aliñación máis cara ao oeste, mediante tubos de PE de 2.000 mm de diámetro exterior, cunha lonxitude total de 2.415 m. Remata este tramo un difusor de 330 m, formado por 31 cabezas difusoras, con dúas bocas de saída de efluente cada unha. O eixe da boca de saída do primeiro elevador sitúase a unha cota de -30,17 m.

Debido ás particulares condicións existentes na zona onde se instala o emisario submariño, non está prevista a protección da condución con dique, senón o lastrado desta mediante un sistema de lastres primarios e secundarios que aseguran a súa estabilidade.

O emisario, como parte integrante das instalacións da nova EDAR, foi dimensionado para desaugar un caudal máximo de 8,0 m3/s en condicións de preamar máxima.

Os documentos integrantes do anteproxecto foron examinados pola oficina técnica de Augas de Galicia, segundo o previsto nos artigos 124.3 e 125 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, así como para dar cumprimento ao establecido no artigo 123 do citado texto sobre o contido dos proxectos e no Real decreto 1627/1997, do 24 de outubro, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nas obras de construción, emitíndose o preceptivo informe de supervisión o 29 de xaneiro de 2013.

Considerando o exposto anteriormente,

RESOLVO:

– Someter o anteproxecto da obra do «Emisario submariño da EDAR de Lagares (Vigo)» ao trámite de información pública para os efectos do previsto no artigo 86 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para que calquera persoa física ou xurídica formule as alegacións que considere convenientes.

– Someter a relación dos titulares de terreos, bens e dereitos afectados polas obras previstas no anteproxecto indicado e que se achega como anexo a esta resolución ao trámite de información pública previsto no artigo 18 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa e nos artigos 17 e 18 do seu regulamento de desenvolvemento, co fin de que os que se consideren prexudicados polas obras que se prevén poidan formular as alegacións que consideren oportunas.

– Someter a solicitude de autorización para a vertedura á ría Vigo dun caudal máximo de 252.288.000 m3/año de augas residuais urbanas depuradas procedentes do saneamento de Vigo (expediente DH.V36.18453) ao trámite de información pública, de conformidade co disposto no artigo 146 do regulamento xeral para o desenvolvemento e execución da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, citado.

Para tal efecto, tanto o anteproxecto, a solicitude de autorización de vertedura e a relación individualizada dos bens e dereitos afectados estarán á disposición do público nas oficinas da Zona Territorial Galicia Sur (r/ San Salvador, 2-4º, 36201 Vigo), nas oficinas da sede central de Augas de Galicia (praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela) e no edificio da Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo (praza do Rei, s/n) por un prazo común de trinta (30) días hábiles contados desde o seguinte ao da última publicación do anuncio correspondente a esta resolución.

Publíquese esta resolución no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, no taboleiro de edictos do Concello de Vigo e en dous xornais dos de maior circulación da provincia de Pontevedra.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2013

Francisco Menéndez Iglesias
Director de Augas de Galicia