Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 10 de abril de 2013 Páx. 10647

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

INSTRUCIÓN 2/2013, do 19 de marzo, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre a interpretación e aplicación do Regulamento de instalacións térmicas en edificios (RITE) respecto da temperatura e caudal de auga quente sanitaria (AQS) determinados polo Código técnico da edificación (CTE).

O Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas en edificios (RITE), ten por obxecto establecer as exixencias de eficiencia enerxética e seguranza que deben cumprir as instalacións térmicas en edificios destinadas a atender a demanda de benestar e hixiene das persoas, durante o seu deseño, dimensionamento, execución, mantemento e uso, así como determinar os procedementos que permitan acreditar o seu cumprimento.

O Código técnico da edificación (CTE), aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, ten por obxecto ser o marco normativo polo que se regulan as exixencias básicas de calidade que deben cumprir os edificios, incluídas as súas instalacións, para satisfacer os requisitos básicos de seguranza e habitabilidade. Neste contexto regulamentario, o RITE forma parte do CTE a través do documento básico DB-HE 2.

Tendo en conta que o CTE ten un enfoque baseado en prestacións que concreta en exixencias básicas, para o caso de temperatura e caudal da auga quente sanitaria (AQS) o CTE no seu documento básico DB-HS 4, nos seus puntos 2.1.3 (Condicións mínimas de subministración) e 4.2.1 (Dimensionamento dos tramos) establece unhas prescricións que, tendo en conta as preguntas formuladas polas asociacións de profesionais do sector, convén aclarar:

a) Temperatura.

Posto que a excepcionalidade relativa ao tipo de uso dunha edificación, prevista no punto 2.1.3.4 do DB-HS 4 do CTE, no tocante á temperatura nos puntos de consumo, é de difícil cumprimento nun contexto no que calquera local destinado a vivenda pode ter un uso e destino profesional, considérase que a temperatura mínima de AQS que debe ser capaz de subministrar unha instalación térmica en calquera punto de subministración debe ser como mínimo de 50º C.

b) Caudal.

Consonte o disposto no punto 4.2.1.2 do DB-HS 4 do CTE, o caudal de cálculo que se terá en conta para o dimensionamento dos diferentes tramos da instalación térmica virán condicionados polos consumos mínimos de todos os puntos de subministración e do coeficiente de simultaneidade correspondente. Non obstante, o método de cálculo dese coeficiente non se establece no dito documento básico, polo que co obxecto de que non se vulneren os principios do CTE e do RITE no tocante á subministración mínima de AQS, cabe considerar, independentemente do coeficiente usado, que o dimensionamento dos tramos debe ser de tal modo que permita a subministración simultánea de, polo menos, o punto de maior consumo e doutro punto máis, tendo en conta o caudal instantáneo mínimo para cada tipo de aparello establecido na táboa 2.1 do DB-HS 4.

Esta instrución publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) para o seu coñecemento e efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas