Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 10 de abril de 2013 Páx. 10649

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 3 de abril de 2013 pola que se procede á convocatoria de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais para o ano 2013.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliando a recollida no artigo 28.7º do Estatuto de autonomía de Galicia.

En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas e das súas estruturas de integración económica e representativa, dispoñendo que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realizará unha política de fomento do movemento cooperativo e adoptará as medidas necesarias para promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas.

Segundo o disposto no Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións en materia de cooperativas e outras entidades de economía social, entre as que se atopan as entidades representativas das sociedades cooperativas e das sociedades laborais.

O programa operativo do Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013 recolle no seu eixe número 4 as estratexias dirixidas á promoción da cooperación transnacional e interrexional.

Neste marco e, concretamente, desenvolvendo o seu tema prioritario número 80, imputaranse distintas accións elixibles como as redes de intercooperación no ámbito da economía social, a promoción do emprendemento cooperativo e os servizos de información, orientación e asesoramento.

As axudas establecidas nesta orde para o fomento e consolidación do asociacionismo e para a realización de actividades de promoción intégranse dentro das accións que a Consellería de Traballo e Benestar pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento das estruturas representativas do cooperativismo e a economía social.

A través desta orde subvenciónanse os gastos de funcionamento das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, así como as actividades de promoción do cooperativismo e da economía social realizadas por estas. Igualmente, promóvese a modalidade de fomento do emprendemento en rede, co que se reforza a participación e integración das asociacións na Rede de centros de desenvolvemento cooperativo e da economía social en Galicia.

A Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG nº 46, do 8 de marzo) modificada pola Orde do 30 de decembro de 2011 (DOG nº 12, do 18 de xaneiro de 2012) establece as bases reguladoras para a concesión de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e sociedades laborais.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión; no Decreto11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo o exposto, consultados o Consello Galego de Cooperativas e o Consello Galego de Relacións Laborais e, de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

O obxecto desta orde é proceder á convocatoria das axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e sociedades laborais, en réxime de concorrencia competitiva, para o exercicio orzamentario de 2013.

A finalidade destas axudas é o fomento e consolidación das estruturas representativas do cooperativismo e a economía social, principalmente as asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, subvencionando parcialmente os seus gastos normais de funcionamento e a realización de actividades de promoción do cooperativismo e a economía social, así como a realización de actividades de fomento do emprendemento realizadas en rede.

Artigo 2. Convocatoria

Convócanse para o ano 2013, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para os programas de fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, reguladas polas bases da Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG nº 46, do 8 de marzo) e a súa modificación recollida na Orde do 30 de decembro de 2011 (DOG nº 12, do 18 de xaneiro de 2012).

As condicións destas axudas no que respecta ás letras e) (requisitos para solicitar a subvención), f) (órgano competente para instruír o procedemento), i) (documentos e informacións que deben achegarse coa petición) e l) (criterios de valoración das solicitudes) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedan reflectidas nos artigos 6, 7, 8 e 9 das bases reguladoras contidas na Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG nº 46, do 8 de marzo).

Artigo 3. Contía e límites das axudas

1. A contía das axudas previstas non poderá superar o 80 % dos gastos necesarios para a realización das actividades, que poderán contar, así mesmo, con outros financiamentos sen que en ningún caso excedan a contía realmente xustificada e non achegada pola Xunta de Galicia.

2. A contía máxima da subvención non poderá exceder dos oitenta mil euros (80.000 €) por beneficiaria para a modalidade de actividades de promoción do cooperativismo e a economía social, de cen mil euros (100.000 €) por beneficiaria para a modalidade de actividades en rede e de cento cincuenta mil euros (150.000 €) por beneficiaria para a modalidade de gastos normais de funcionamento.

3. Establécense, así mesmo, os seguintes límites de investimento subvencionable para as actividades que se indican a continuación:

a) Actividades divulgativas e formativas de duración igual ou inferior a 10 horas: ata un máximo de dous mil euros (2.000 €).

b) Actividades divulgativas e formativas de duración superior a 10 horas: o límite será a contía resultante de multiplicar o número de horas de duración efectiva por douscentos euros (200 €), ata un máximo de catro mil euros (4.000 €)

c) Asesoramento a emprendedores e público en xeral: ata un máximo de vinte euros (20 €) por hora de atención e vinte mil euros (20.000 €) por beneficiaria.

d) Asistencia a feiras, mostras e congresos ata un máximo de tres mil euros (3.000 €) por beneficiaria.

Artigo 4. Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes, e unha vez aprobada pola Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, os interesados poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico: https://sede.xunta.es. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán de carácter de copia auténtica.

Neste caso, os solicitantes deberán anexar, ademais, unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, sen prexuízo de que se lles poida requirir a exhibición do documento orixinal en calquera momento da tramitación do procedemento, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Así mesmo, os interesados poderán tamén presentar as solicitudes de forma presencial por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A modo de apoio, os formularios de solicitude poderán ser obtidos, cubertos e validados pola entidade solicitante a través da aplicación informática á cal se accederá pola páxina web da Consellería de Traballo e Benestar (http://traballoebenestar.xunta.es). Para os efectos de facilitar que estes formularios se cubran correctamente, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes. Así mesmo, a propia aplicación informática disporá tamén de instrucións de axuda, de xeito que poidan ir visualizándose a medida que se vaian cubrindo os formularios. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidades de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, os solicitantes poderán dirixirse á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada ou cotexada da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos, segundo modelo que figura como anexo III desta orde.

c) Memoria aprobada polo órgano competente e asinada polo representante legal, segundo modelo que figura como anexo II desta orde.

d) Orzamento detallado dos gastos normais de funcionamento para os que se solicita a subvención, cuantificado economicamente en todas as súas epígrafes.

e) Proposta das actividades de promoción do cooperativismo e a economía social para as que se solicita a subvención, especificando a súa finalidade, as persoas destinatarias e os medios previstos para a súa realización, así como informe relativo á capacidade profesional das persoas intervenientes e un orzamento detallado, cuantificado economicamente en todas as súas epígrafes, que concrete a achega que realizará a entidade solicitante no seu financiamento.

f) No caso de asociacións de sociedades laborais, certificación acreditativa das inscricións practicadas no rexistro público onde figure inscrita e fotocopia compulsada dos estatutos sociais e as súas modificacións, se é o caso, así como relación de entidades socias debidamente certificada.

Artigo 5. Período de execución das accións

O período de execución das accións elixibles para ser subvencionadas será o comprendido entre o 1 de novembro do ano 2012 e o 31 de outubro do ano 2013.

Artigo 6. Resolución e recursos

1. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes previstas nesta orde corresponderalle á persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

2. Logo da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano concedente ditará a correspondente resolución, que se lles notificará ás entidades interesadas.

3. O prazo para resolver e notificar será de tres meses. En todo caso, o antedito prazo non comezará a computarse ata que transcorra o prazo previsto para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. De acordo co establecido nos puntos 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar publicará no DOG e na súa páxina web oficial as subvencións concedidas ao abeiro desta orde, con expresión do beneficiario, a contía e a súa finalidade.

6. De conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a Consellería de Traballo e Benestar incluirá e fará públicos no rexistro regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás subvencións recibidas ao abeiro desta orde, así como as sancións impostas (os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o Cixtec como órgano responsable dos ficheiros, rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela).

No suposto de que a axuda estea cofinanciada polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión informarase o beneficiario/a de que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes dos/as beneficiarios/as, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignados a cada operación, que se publicará conforme o previsto na artigo 7.2º.d) do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro.

7. A presentación das solicitudes polas entidades interesadas autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, se é o caso, nos rexistros regulados no referido Decreto 132/2006.

Segundo o disposto no artigo 15.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os beneficiarios deberán dar axeitada publicidade de carácter público do financiamento das actividades obxecto de subvención.

Artigo 7. Xustificación das accións subvencionadas

As entidades beneficiarias das axudas deberán xustificar o investimento conforme o establecido na resolución de concesión, nos termos previstos no artigo 11 da Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG nº 46, do 8 de marzo) e solicitar os correspondentes pagamentos, mediante solicitude conforme o modelo do anexo IV.

A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 10 de novembro de 2013.

Artigo 8. Financiamento

1. O financiamento das axudas previstas na presente orde de convocatoria farase con cargo ao crédito do programa 11.02.324A 481.1 (550.000 euros), de acordo coa Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

2. Para os gastos normais de funcionamento e de promoción do cooperativismo e a economía social destinaranse trescentos mil euros (300.000 €) de fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Para atender a modalidade de actividades en rede reservarase a cantidade de douscentos cincuenta mil euros (250.000 €) correspondentes a fondos cofinanciados polo Fondo Social Europeo (ao 80 %) e fondos propios que cofinancian (ao 20 %).

Disposición adicional primeira

A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir, en todo momento, a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas.

Disposición adicional terceira

Dado os cambios producidos na estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar establecidos no Decreto 42/2013, do 21 de febreiro (DOG nº 46, do 6 de marzo) enténdese que o órgano instrutor a que fan referencia os artigos 7 e 8 da Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG nº 46, do 8 de marzo) é o director xeral de Traballo e Economía Social.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file