Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 8 de abril de 2013 Páx. 10394

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 18 de marzo de 2013 polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 4 de febreiro de 2013, relativa ao proxecto de conexión da AG-4.1 coa PO-550, no concello de Sanxenxo (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, faise pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 4 de febreiro de 2013, relativa ao proxecto de conexión da AG-4.1 coa PO-550, no concello de Sanxenxo (Pontevedra).

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2013

Ethel Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas

Declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade
e Avaliación Ambiental no 4 de febreiro de 2013, relativa ao proxecto de conexión da AG-4.1 coa PO-550, no concello de Sanxenxo (Pontevedra), promovido pola Axencia Galega de Infraestruturas (clave 2010/00227)

Antecedentes:

A Axencia Galega de Infraestruturas (antiga Dirección Xeral de Infraestruturas), como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 19 de setembro de 2011 aprobou provisoriamente o proxecto de trazado e impacto ambiental da obra proxecto de conexión da AG-4.1 coa PO-550, clave PO/09/192.00.

Este proxecto ten por obxecto a conexión de dúas vías existentes, a AG-4.1 á altura do parque empresarial SU15 e a PO-550 á altura da urbanización en construción SU-27, mediante un treito de 1,8 km de lonxitude.

No anexo I resúmese o contido do trazado do estudo informativo e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental.

Dado que o proxecto se atopa comprendido no grupo 6 punto a.1 do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data do 3 de outubro de 2011 publícase no DOG nº 189 a Resolución do 20 de setembro de 2011, da Axencia Galega de Infraestruturas (antiga Dirección Xeral de Infraestruturas), pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e impacto ambiental da obra proxecto de conexión da AG-4.1 coa PO-550, clave PO/09/192.00.

Durante este período foron presentadas alegacións por particulares e administracións locais e provinciais, tendo en conta no condicionado desta declaración de impacto ambiental e, no que procede, as que teñen carácter ambiental.

Con data do 31 de xullo de 2012 ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Axencia Galega de Infraestruturas, no cal se inclúen certificados de exposición, copia das alegacións presentadas no dito período e os informes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, do Instituto de Estudos do Territorio (antiga Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe), de Augas de Galicia, da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, da Deputación de Pontevedra e do Concello de Sanxenxo.

Cumprida a tramitación, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de conexión da AG-4.1 coa PO-550, clave PO/09/192.00, no Concello de Sanxenxo (Pontevedra).

Declaración de impacto ambiental:

Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que a actuación descrita é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano –por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo–, poderá ditar só para os efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que fornezan unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre que as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, presentando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non se poida comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta secretaría xeral.

A. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese ás obras definidas no documento Proxecto de conexión da AG-4.1 coa PO-550, clave PO/09/192.00, no concello de Sanxenxo, na provincia de Pontevedra, na configuración relativa á planta de conxunto, recollida no documento nº 2, Planos do proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da obra: Proxecto de conexión da AG-4.1 coa PO-550_Sanxenxo (Pontevedra).

1. Protección da atmosfera.

1.1. Levaranse a cabo as medidas recollidas no estudo de impacto ambiental para a protección da atmosfera, incluíndo nelas o lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.

2. Protección dos niveis sonoros.

2.1. Cumprirase co disposto no Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 13 de novembro, do ruído, no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas, así como, se é o caso, o estipulado nas ordenanzas municipais ao respecto.

3. Protección da calidade das augas e leitos fluviais.

3.1. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas proxectadas quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico; por tanto, procederase a balizar ou sinalizar axeitadamente nos tramos dos diferentes cursos de auga afectados polas obras e permitirase o seu acceso soamente nos casos en que sexa imprescindible para a realización das obras da estrutura de drenaxe de paso dos ditos cursos de auga.

3.2. Evitarase modificar as redes de escorremento para non influír nos ecosistemas naturais situados augas abaixo da infraestrutura. Neste marco, deberanse colocar tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo e dimensionarase axeitadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación.

Estas estruturas deberán poder ser empregadas como paso por parte da microfauna, polo que os ditos pasos se deseñarán con largo suficiente e de xeito que non se xeren saltos ou desniveis entre as súas embocaduras e os terreos circundantes. Ademais, deben ser consideradas como pasos bidireccionais para a fauna, polo que estarán desprovistas de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, procurando que todas as especies que caian poidan saír. Irán revexetadas con especies autóctonas e locais para canalizar a fauna por esa zona e así conseguir diminuír o efecto barreira da infraestrutura.

Ademais, no deseño da rede de drenaxe lonxitudinal deberase permitir o mantemento dos fluxos actuais de escorremento e rede fluvial, sen xerar transvases entre bacías. Este criterio deberá presidir o deseño da rede de drenaxe lonxitudinal, para alterar o menos posible a drenaxe natural do terreo, evitando, en todo caso, a concentración de escorrementos en bacías ou valgadas distintas daquelas en que naturalmente evacuarían. Deberanse estudar solucións que permitan que as augas drenadas da plataforma, desmontes e terrapléns sexan devoltas ao terreo do xeito máis inmediato, por medio de cunetas filtrantes, sen que poidan ser obras de fábrica impermeables ou actuacións similares.

3.3. Para evitar a erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe colocaranse sistemas de disipación de enerxía (camadas de pedra, pequenos diques etc.) nos puntos de vertedura ao medio desta rede. Así mesmo, nestes puntos débense impedir os fenómenos de asolagamento e deposición.

3.4. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de escorremento, sanitarias ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada polo organismo de bacía, neste caso Augas de Galicia. No caso de que a vertedura se realice cara á rede de saneamento da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor da rede.

3.5. Prohíbese verter nos leitos dos cursos fluviais restos de formigón ou cemento, lavar materiais ou ferramentas que estivesen en contacto con eles, así como cambiar o aceite da maquinaria de construción.

Durante a fase de remocións de terras necesarias para aterraplenar as vías terase especial coidado de que non cheguen materiais á rede de escorremento.

3.6. Nos labores de mantemento dos foxos e dos sistemas de drenaxe evitarase o emprego de herbicidas e realizaranse exclusivamente por medios mecánicos e/ou manuais.

3.7. Tomaranse todas as medidas necesarias para evitar afeccións ao dominio público hidráulico e ás súas zonas de servidume e policía, para o cal se construirán gabias receptoras e balsas de decantación deseñadas para absorberen a auga de escorremento con sólidos en suspensión antes de chegar aos leitos, se fará o mantemento da maquinaria en lugares adecuados e se deseñarán as obras de drenaxe de acordo coa lexislación en materia de augas, protección de vexetación de ribeira, revexetación do terreo descuberto etc.

Todas as obras provisorias que sexan precisas para a execución do proxecto sempre precisarán autorización previa da Administración hidráulica se se sitúan no dominio público hidráulico ou na zona de policía de leitos fluviais.

3.8. Os movementos de terras próximos aos cursos fluviais contarán con balsas de decantación para evitar que as choivas arrastren sólidos en suspensión que contaminen as augas continentais. Así, as augas susceptibles de seren afectadas polos labores da execución da obra cumprirán, en todo momento (mesmo na época de estiaxe), o preceptuado no artigo 80 sobre calidade mínima exixible das augas continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais).

3.9. Todas as áreas contiguas aos eixes hídricos deben considerarse como zonas de non afección, cumprindo en todo momento o establecido na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. En relación con isto, todos os traballos que poidan afectar os cursos fluviais deberán ser executados en período de estiaxe para minimizar o impacto sobre os seus ecosistemas.

3.10. Deberase obter a autorización preceptiva do organismo de cunca, neste caso, Augas de Galicia; para a execución das obras en zonas de dominio público hidráulico ou de policía, as construcións, cortas e plantacións ou calquera outro uso ou actividade que supoñan un obstáculo para a corrente en réxime de enchentes ou que poida ser causa de degradación ou deterioración do dominio público hidráulico.

3.11. En xeral, para o cálculo e deseño das obras de fábrica proxectadas, e debido á realización de obras en dominio público hidráulico, deberase considerar a normativa incluída na Lei de augas (texto refundido aprobado polo Real decreto legislativo 1/2001, do 20 de xullo), o Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril (modificado polo Real decreto 606/2003, do 23 de maio, e polo Real decreto 9/2008, do 11 de xaneiro), e as normas incluídas no Plan hidrolóxico de Galicia Costa.

3.12. O trazado podería afectar a permeabilidade territorial dalgunhas zonas e dalgunhas fontes ou captacións de auga existentes. Neste senso, terase en conta que:

• Deberán manterse os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras for preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse habilitar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.

• Estableceranse as medidas precisas para procurar manter os usos actuais existentes no que se refire ás fontes ou captacións que se poidan ver afectadas.

3.13. Deberase extremar o respecto por aqueles cursos fluviais cuxa vexetación sexa interceptada polo trazado previsto, segundo o artigo 1 da Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, a conservación e mellora dos ríos galegos, que declara de interese xeral a conservación do patrimonio natural fluvial da Comunidade Autónoma de Galicia e, así mesmo, o artigo 16 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, que declara de interese xeral a conservación das formacións vexetais nas marxes dos ríos e regueiros.

3.14. Unha vez terminadas as actuacións, nas inmediacións do rego dos Balleneiros procederase á revexetación da zona.

4. Protección do solo.

4.1. Balizaranse e sinalizaranse as zonas de obra e todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, estando prohibido ocupar terreos fóra do previsto. Estas balizas e sinais deberán manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, e serán retirados cando finalicen.

4.2. Tamén se procederá a balizar ou, se for caso, a sinalizar todos os elementos de interese situados no contorno do proxecto (basicamente todas as masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural) co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles. Se é tecnicamente posible, os tocos non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais.

4.3. No caso de que sexa necesario crear vías alternativas para a circulación dos veciños, estas estarán perfectamente indicadas e sinalizadas.

Estableceranse medidas encamiñadas ao mantemento das infraestruturas locais existentes que sexan empregadas na execución do proxecto, e procederase á reparación das deterioracións ou danos ocasionados nelas, de ser o caso.

4.4. Para a localización das zonas destinadas ás instalacións auxiliares (parque de maquinaria, zonas de almacenamento de materiais e residuos, vestiarios etc.), primarase o uso dos espazos ocupados polo trazado fronte a calquera outro e procurarase que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.

Ademais de nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria, habilitarase nas formigonaxes un sistema de recolla, condución e sedimentación de auga mesturada co formigón procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura desta mestura ás correntes de auga. Así mesmo, nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado da maquinaria protexerase o solo con materiais impermeables.

4.5. No caso de necesitar materiais de préstamo, recorrerase sempre a actividades autorizadas para este fin, evitando, na medida do tecnicamente posible, abrir novas canteiras ou zonas de préstamo. Neste último caso deberá atenderse á normativa vixente respecto disto.

Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonaxes, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco exixentes xeotecnicamente etc.) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

4.6. Non estando prevista a colocación de plantas de formigón nin de aglomerado asfáltico, estes procederán dunha planta ou plantas externas que conten coas súas correspondentes autorizacións. No caso de ser necesario implantar unha planta propia, someterase ao informe da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

4.7. A xestión da terra vexetal para empregar na restauración das zonas degradadas, retirada previamente ao movemento de terras, realizarase do xeito indicado no estudo de impacto ambiental, coidando de que non se produza un movemento en masa ou escorremento do material almacenado, para o que se adoptarán as medidas técnicas axeitadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior da morea etc.).

No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado e non apareza vexetación espontánea nas moreas, realizaranse sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con engadidura de mulch suficiente para manter entre un 5 % e un 6 % de materia orgánica.

4.8. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, e farase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

4.9. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación o máis axiña posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. No caso de seren necesarias, adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como, por exemplo, estender mantas de fibras naturais.

Así mesmo, ao finalizar as obras todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos etc. deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se atopen situadas sobre o propio trazado, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser empregadas posteriormente ao remate daquelas.

4.10. Na execución do proxecto utilizaranse prioritariamente betumes modificados con caucho e/ou betumes mellorados con caucho procedentes de pneumáticos fóra de uso. Estas indicacións realizaranse de acordo coa disposición adicional segunda do Real decreto 1619/2005, do 30 de decembro, sobre a xestión de pneumáticos fóra de uso, que establece que las administracións públicas promoverán a utilización de materiais reciclados de pneumáticos fóra de uso e a de produtos fabricados con materiais reciclados procedentes dos ditos residuos sempre que cumpran as especificacións técnicas requiridas, as cales se establecen na Orde circular 21/2007, da Dirección Xeral de Estradas, sobre o uso e especificacións que deben cumprir os ligantes e mesturas bituminosas que incorporen caucho procedente de pneumáticos fóra de uso, no Manual de emprego de pneumáticos fóra de uso en mesturas bituminosas, do CEDEX, así como na Orde ministerial 891/2004, do 1 de marzo, que aprobaba modificacións do prego de prescricións técnicas xerais para obras de estradas e pontes (PG-3).

5. Xestión de residuos e verteduras.

5.1. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados axeitadamente, facendo prevalecer sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo deberán ser triturados e espallados homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ao solo.

5.2. Os residuos xerados recolleranse e xestionaranse conforme a súa natureza e a lexislación vixente, dando prioridade á reutilización e á reciclaxe fronte á vertedura.

Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que está levando a cabo esta secretaría xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xere este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica etc.), sexan reciclados co fin de empregalos na propia obra. En caso de que isto non sexa posible, serán entregados a un xestor autorizado.

5.3. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, recoméndase ter retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

5.4. Non se queimarán residuos, material excedente, restos vexetais nin calquera tipo de resto procedente da execución das obras, salvo que se obteña o oportuno permiso.

5.5. Tomaranse as medidas de seguranza necesarias para evitar verteduras accidentais dos tanques de almacenamento de produtos como aceites, graxas e carburantes de motores.

6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

6.1. En atención á Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, conservación e mellora dos ríos galegos, que declara de interese xeral a conservación do patrimonio natural fluvial da Comunidade Autónoma de Galicia, e, así mesmo, á Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, que declara de interese xeral a conservación das formacións vexetais nas marxes dos ríos e regueiros, considérase que se deben respectar aqueles cursos fluviais e a súa vexetación que sexan interceptados polo trazado previsto.

6.2. No caso de detectarse la presenza de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas ou hábitats de interese comunitario no transcurso da realización das obras de construción ou no caso de que por causas imprevistas se produciren danos nos ecosistemas, en especial nos fluviais, tomaranse as medidas precisas para paliar os impactos e comunicarase previamente á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, quen, como organismo competente, decidirá a conveniencia de establecer as medidas protectoras e correctoras necesarias.

6.3. As estruturas transversais que funcionen como pasos de fauna irán revexetadas con especies autóctonas e locais para canalizar a fauna por esa zona e así conseguir diminuír o efecto barreira da infraestrutura.

6.4. Todas as augas procedentes de formigonaxes, especialmente no caso dos procesos construtivos dos piares dos viadutos, derivaranse e someteranse a un sistema de desbaste e decantación de sólidos, regulación do pH e eliminación de aceites e graxas.

6.5. O proxecto de construción definitivo deberá ser remitido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para o seu informe vinculante, así como un plan global de medidas protectoras e correctoras para a protección e conservación dos diferentes elementos naturais. Este plan deberá prever a necesidade de levar a cabo, como medida xenérica, un control e seguimento das fases de implantación, de execución da obra e de restitución dos terreos.

6.6. Deberase estudar a incidencia acústica da infraestrutura sobre o ambiente, considerando especificamente este aspecto, así como o referente á intrusión lumínica na proposta.

6.7. Preverase a construción de ramplas de escape das drenaxes perimetrais e dos foxos que permitan a saída dos animais que poidan caer dentro.

7. Protección do patrimonio cultural.

7.1. Todos os elementos patrimoniais recollidos e so seus contornos de protección deberán figurar nos planos da obra, incluída o propio trazado. Estes elementos e o seu contorno deberán sinalizarse na fase previa ao inicio das obras.

7.2. O proxecto de construción definitivo deberá ser remitido á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para o seu informe vinculante, no cal se deberán incluír os resultados do estudo específico de avaliación do impacto sobre o patrimonio cultural, así como un plan global de medidas protectoras e correctoras para a protección e conservación dos diferentes elementos do patrimonio arqueolóxico. Este plan deberá prever a necesidade de levar a cabo, como medida xenérica, un control e seguimento arqueolóxico das fases de implantación, de execución da obra e de restitución dos terreos, para o que será necesaria a presentación dun proxecto que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, na fase previa ao inicio da obras.

Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, de ser necesario, decidirase sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de implantación serán revisados os impactos e será avaliada a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

7.3. Todas as actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, tal e como se estipula no artigo 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia, e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia. O deseño dos proxectos, así como a súa execución, desenvolveranse en coordinación coa citada dirección xeral.

7.4. Como medida correctora de carácter xenérico realizarase un control e seguimento arqueolóxico das fases de implantación, execución de obra e restitución dos terreos, co fin de evitar calquera afección sobre xacementos arqueolóxicos non detectados durante os traballos de prospección, ou que polas súas características son imperceptibles a simple vista. Ademais, debería levarse a cabo un control e seguimento sobre as medidas preventivas de protección dos restantes elementos do patrimonio cultural.

Terase en conta que o equipo de control e seguimento arqueolóxico debe estar presente nos traballos de roza e remocións de niveis susceptibles de albergar restos arqueolóxicos en todo o ámbito afectado polas obras. A metodoloxía do proxecto de intervención, o equipo técnico e o tempo de execución dos traballos previsto deberán garantir o seu axeitado desenvolvemento. Por iso, durante a redacción do proxecto de control e seguimento arqueolóxico, valorarase a idoneidade da proposta de días e orzamento previsto no estudo arqueolóxico remitido.

Co fin de garantir a conservación do patrimonio cultural e o correcto desenvolvemento dos traballos de control e seguimento e dar cumprimento ao establecido no artigo 15, do Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica no Comunidade Autónoma de Galicia, o director da intervención arqueolóxica deberá remitir periodicamente os informes precisos, nos cales se recolla o estado das obras de construción e da aplicación das medidas protectoras e correctoras que fosen establecidas.

7.5. Deberá informarse o equipo de control e seguimento arqueolóxico de calquera cambio na localización emprazamento ou características das zonas de préstamo, canteiras, parques de maquinaria, vías de acceso ás obras, instalacións auxiliares, entulleiras e vertedoiros. No caso de que poidan afectar o patrimonio cultural, esta circunstancia deberá comunicarse á Dirección Xeral o máis axiña posible.

7.6. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas previstas, en cada unha das fases da obra, esta dirección xeral decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

7.7. Realizarase unha supervisión periódica do estado de conservación dos elementos E4 (hórreo 1 de Dandín), E5 (hórreo 2 de Dandín) e E6 (hórreo 3 de Dandín) en Sanxenxo, Pontevedra, mentres duren as obras no seu contorno, considerándose como zonas de exclusión de actividades relacionadas coa obra. No caso de ser necesario, balizarase o elemento E5 (hórreo 2 de Dandín).

7.8. O proxecto ou proxectos de intervención arqueolóxica deben conter un programa detallado e coherente que acredite a conveniencia e o interese científico da actividade e avale a idoneidade técnica do arqueólogo director. Deben prever, de ser o caso, a necesidade de:

– Realización de reportaxe fotográfica exhaustiva do proceso de intervención e dos restos localizados. Se for preciso, realizaranse reportaxes cenitais ou en altura.

– Toma das mostras pertinentes e posteriores análises.

– Estudo dos materiais.

– De ser necesario, consolidación ou restauración das estruturas ou restos materiais localizados.

De acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, deberá terse en conta que nun prazo máximo de 6 meses deberán presentarse as memorias técnicas correspondentes, asinadas polos directores das intervencións arqueolóxicas. Nelas reflectirase o proceso de traballo seguido, a copia da acta de depósito dos materiais arqueolóxicos, o seu inventario e estudo, así como o resultado das análises, e demais documentación complementaria.

De ser o caso, de acordo co establecido no referido Decreto 199/1997, deberán elaborarse ou actualizarse os datos dos xacementos arqueolóxicos mediante a consignación en modelos normalizados, que deberán ser entregados no prazo dun mes desde a finalización do traballo de campo.

Tendo en conta que as medidas correctoras desde o punto de vista arqueolóxico non se darán por rematadas ata a entrega da referida documentación, é conveniente que, en todo caso, se presenten antes do remate das obras.

7.9. Como medidas de carácter xenérico, cando se empreguen para o acceso á obra ou para o tránsito de maquinaria, camiños existentes que discorran polas inmediacións de xacementos arqueolóxicos, deberá terse en conta que:

– A súa utilización non debería supor un aumento da zona de ocupación, e moito menos na marxe en que se atope o elemento/s.

– Non se deberán levar a cabo remocións, retirada ou depósitos de terra na zona.

– Os xacementos deberán estar grafados na planimetría da obra e permanecer balizados, xunto co límite da estrada ou camiño.

– Naqueles casos en que a distancia sexa escasa con respecto aos xacementos e exista algún tipo de risco de deterioración ou alteración, valorarase a posible supresión de camiño/s para acceso á obra ou tránsito de maquinaria.

8. Integración paisaxística e restauración.

8.1. Garantirase a conectividade transversal a través das vías preexistentes e a redución do efecto barreira, procurando unha axeitada relación visual co contorno.

8.2. Terase o máximo coidado no tratamento de desmontes e noiros, na adaptación de perfís á pendente natural e no acomodo das liñas ás curvas de nivel para evitar os fenómenos erosivos na fase de movemento de terras.

8.3. No que atinxe as rotondas proxectadas, recoméndase utilizar especies coherentes co contorno e, na medida do posible, deberíase fuxir dos tratamentos ornamentais que tendan a artificializar o elemento e dificulten o seu mantemento.

8.4. Prestarase especial coidado na utilización das plantacións, aproveitando a vexetación para a consecución de obxectivos de integración paisaxística e empregando as súas características como instrumento do proxecto, mediante o xogo cos tipos, portes, texturas e variedade estacional nas cores das especies elixidas.

8.5. Recoméndase a utilización da documentación relativa ao Plan de ordenación do litoral de Galicia, en concreto, das fichas das unidades da paisaxe propostas para a área de implantación do proxecto de referencia que corresponden coa denominación de Esteiro de Dena (comarca Rías Baixas; sector Ría de Arousa; referencia 06_03_325) e que poden servir de axuda na caracterización da paisaxe da zona e na mellora das medidas adoptadas en relación aos impactos sobre ela.

8.6. O proxecto de construción definitivo deberá ser remitido ao Instituto de Estudos do Territorio (antiga Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe) para o seu informe.

9. Programa de medidas correctoras.

O programa de medidas correctoras adoptadas deberá desenvolverse no proxecto construtivo tendo en conta as seguintes condicións:

• Definición contractual das medidas correctoras:

– Todas aquelas medidas correctoras, protectoras e compensatorias deberán de quedar definidas a nivel executable e incluiranse nos correspondentes plans e cronogramas de obras.

• Coordinación de medidas de integración ambiental co resto da obra. Plan de obra:

Todas as medidas correctoras, protectoras e compensatorias formuladas deben programarse dentro do plan da obra tendo en conta que:

– A integración ambiental non é un tema subordinado á funcionalidade da obra.

– As medidas de integración deben programarse igual que o resto das actuacións.

• Orzamento:

– Todas as las medidas de integración ambiental irán orzadas, da mesma forma que o conxunto do proxecto.

• Criterios para o seguimento das medidas:

– Deben establecerse os custos e as medidas de xestión correspondentes.

10. Programa de vixilancia ambiental.

10.1. Aspectos xerais.

O obxecto deste programa será o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras determinadas no estudo de impacto ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes cos novos problemas xurdidos para cada unha das fases de proxecto (obras e explotación).

Para tal fin, e tomando como o base o plan de seguimento proposto no estudo ambiental, deberanse incorporar os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos da presente declaración.

Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste senso permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Asemade, teranse en conta as seguintes consideracións:

– Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, designarase un/s responsable/s disto.

– As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas e, por tanto, deberán realizarse durante os labores con maior incidencia sobre os aspectos obxecto de control.

– Todas as medicións e analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.

– Tanto os puntos de medición seleccionados como os de tomas de mostras, así como a periodicidade dos controis, poderán ser revisados con base nos resultados obtidos.

– No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os valores establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo e proporanse as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se puxer de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

10.2. Aspectos específicos.

Ademais do indicado no punto 10.1, o programa de vixilancia ambiental deberá incluír especificamente o seguinte:

– Plan de control da calidade da auga dos cursos fluviais afectados polas obras, indicando a metodoloxía, a periodicidade e os límites que se deben impoñer aos diferentes parámetros, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona dos cursos fluviais afectados. Considérase que, como mínimo, os parámetros que se deben analizar son os seguintes: temperatura, materias en suspensión, pH, oxíxeno disolto, condutividade, aceites e produtos lubricantes.

Estes controis deberán permitir coñecer o grao de cumprimento dos obxectivos de calidade indicados no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación de pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

– Plan de seguimento dos ruídos, tanto durante as obras como durante a explotación da estrada, no cal consten os puntos de mostraxe, a metodoloxía, a periodicidade e os límites que deben impoñer, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

– Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, no cal se comprobe se se levan a cabo os labores de limpeza e conservación, de xeito que cumpra a súa función con efectividade.

– En todos os casos os puntos de control propostos situaranse nun plano a escala 1:5.000 ou con maior detalle.

10.3. Informes do programa de vixilancia.

Os informes do programa de vixilancia e seguimento ambiental serán elaborados pola Axencia Galega de Infraestruturas, a quen lle corresponde, ademais, o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionado da declaración conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión, se for o caso, do responsable do control do seguimento ambiental.

10.3.1. Informes que se presentarán na fase de obras.

A Axencia Galega de Infraestruturas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado no número 10 desta DIA e elaborará os informes do seguimento ambiental que se sinalan a seguir, dos cales remitirá unha copia á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

a) Trimestralmente:

• Cronograma actualizado das obras.

• Representación nun plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ao total, referido aos distintos elementos que as conforman.

• Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicaranse a data e a hora e acompañaranse dun plano de localización.

• Resultados do control da calidade das augas superficiais e do plan de seguimento dos ruídos producidos polas obras, incluíndo no primeiro informe trimestral medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas.

• Neste informe indicaranse as variacións producidas con respecto ao proxectado.

b) Antes da emisión da acta de recepción:

• Memoria-resumo sobre o seguimento ambiental realizado no cal quede constancia das medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do disposto nesta DIA.

• Informe, se for o caso, das variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado.

• Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, e deben ir acompañadas dun plano de localización.

• Incidencias producidas e medidas adoptadas para resolvelas.

10.3.2. Informes que se presentarán na fase de explotación.

A Axencia Galega de Infraestruturas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado no número 10 desta DIA e elaborará anualmente un informe do seguimento ambiental que inclúa:

• Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental.

• Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data, hora, e localización dos puntos da toma das fotografías nun plano.

• Resultados do plan de seguimento dos ruídos producidos pola explotación da infraestrutura.

• Resultados do plan de seguimento das obras de drenaxe e estruturas para a fauna, verificando a súa correcta funcionalidade.

• Incidencias producidas e as medidas adoptadas para resolvelas.

• A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa.

11. Outras condicións.

11.1. Incorporaranse ao deseño do proxecto todas aquelas prescricións que deriven dos informes que emitan as direccións xerais de Conservación da Natureza e do Patrimonio Cultural respecto da documentación resultante das condicións dos números 6 e 7 desta DIA.

11.2. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, deberase informar esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, previamente ao inicio das obras, da persoa responsable (dirección facultativa ou oficina técnica encargada do control dos traballos).

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2013. Justo de Benito Basanta, secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

ANEXO I

• Resumo da actuación descrita na documentación avaliada.

Inclúese un breve resumo das características xerais da solución proposta no documento presentado.

• Descrición do trazado da solución proposta.

A solución adoptada propón un trazado axustado ao plan xeral definitivo e viable tanto en planta como en alzado, que permitirá absorber o tráfico inducido pola posta en funcionamento do parque empresarial de Nantes.

A vía ten a orixe na zona de Vilalonga, na estrada PO-550, e introdúcese 300 m na vía que serve de distribución no ámbito do Solo Urbanizable Residencial 27 Altamira, continúa nun treito recto de 1.000 m, ata a rotonda nº 1 e continua 280 m por unha zona do núcleo rural ata conectar coa rotonda nº 2, de unión coa estrada PO-9207, e prosegue o trazado 580 m ata o parque empresarial de Nantes, ampliando a plataforma a catro carrís, para enlazar coa conexión da AG-4.1. A lonxitude da proposta é de 2.160 m.

Solución proposta

• Descrición do medio.

O proxecto de referencia, Proxecto de conexión da AG-4.1 coa PO-550, clave PO/09/192.00, desenvólvese integramente no concello de Sanxenxo.

A zona de estudo atópase situada dentro da bacía hidrográfica do río da Chanca, que desemboca na zona LIC do Complexo Ons-O Grove. A actuación proposta só afecta directamente o rego dos Balleneiros (de escasa entidade fluvial e resolto cunha obra de drenaxe transversal), que é interseccionado polo trazado no p.q. 0+840.

Na zona de estudo, as comunidades inventariadas máis próximas localízanse a 700 metros ao norte do arranque da estrada e corresponden con comunidades de monte baixo e pastos halófilos, comunidades bentónicas e pradarías de zostera.

O trazado proposto non afecta directamente ningún espazo natural protexido aínda que se desenvolve nas proximidades do lugar de importancia comunitaria complexo de Ons-O Grove, da ZEPA do Complexo intermareal Umia-O Grove e a zona húmida protexida do Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e Lagoa de Bodeira.

ANEXO II
Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo
de impacto ambiental

As medidas correctoras que se consideran necesarias para minimizar, compensar ou cambiar a condición dos impactos ou riscos que se poidan derivar da execución do proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental do proxecto de conexión da AG-4.1 coa PO-550 son as que a continuación se resumen:

Atmosfera.

Calidade do aire.

Realizarase un control das condicións atmosféricas durante a fase de movementos de terra, coa intención de previr os períodos susceptibles de provocar unha alta inmisión de partículas na atmosfera (ausencia de choivas ou ventos fortes) e adoptar as accións preventivas consecuentes.

A medida de prevención máis directa é evitar traballar con ventos fortes durante períodos secos; no caso de que sexa preciso traballar en condicións atmosféricas desfavorables, adoptaranse medidas tendentes a minimizar as emisións.

Regas mediante mangueiras ou camións-cuba das zonas afectadas polos movementos de terra, prestando especial interese ás zonas de carga e descarga das terras e outros materiais que poidan provocar emisións de po.

Maximizar o recubrimento das materias que se transporten mediante lonas, transportes pechados ou outros métodos, principalmente cando o traxecto se realice nas proximidades de zonas habitadas ou cando o transporte do material traspase os límites da superficie de execución.

Control de emisión de gases.

A totalidade da maquinaria utilizada no marco das obras contará co correspondente certificado da inspección técnica de vehículos (ITV).

Os camións utilizados no transporte contarán con sistemas de protección (cuberta do basculante tipo toldo ou outras).

Para complementar estas medidas tomadas directamente sobre os vehículos, realizarase a limpeza periódica das vías utilizadas para o transporte.

Niveis sonoros.

Operacións de carga e descarga.

Realizarase a vertedura de terras desde alturas o máis baixas posibles.

Realizarase unha programación flexible das actividades de obra de forma que se eviten situacións en que a acción conxunta de varios equipos cause niveis de ruídos elevados durante períodos prolongados de tempo ou durante a noite.

Movementos de maquinaria e persoal de obra.

Os condutores de vehículos e maquinaria de obra adecuarán, na medida do posible, a velocidade dos vehículos.

Voaduras.

No caso de seren necesarias, minimizarase a carga de explosivo por unidade de microrretardo. Realizarase un seccionamento das cargas dentro dos barrenos e procurarase a súa iniciación en tempos distintos. Procurarase a redución do diámetro de perforación e redución da lonxitude dos barrenos. Recorrerase á disposición das frontes coa maior superficie libre posible.

Medidas de carácter xeral.

Manterase un plan continuado de información e supervisión do persoal en obra. Cumpriranse os períodos de revisión de todos os equipamentos utilizados nela. Instalaranse todos os equipamentos con potencialidade de xeración de ruído de modo permanente en zonas topograficamente deprimidas ou debidamente illados.

Solos e ocupación.

Estas medidas enfocaranse no sentido de minimización de superficies afectadas, reserva e tratamento da terra vexetal, prevención de accidentes etc. para o cal é necesario o desenvolvemento das seguintes propostas:

Balizamento.

Balizarase a zona de obra e instalacións auxiliares poñendo especial coidado no balizamento da zona de ocupación estrita da obra, instalacións auxiliares ás obras, vías de obra, zonas de almacenamento de materiais e parque de maquinaria, zonas de cruzamento de leitos fluviais e zonas de vexetación de ribeira.

Farase unha definición clara das áreas de circulación, estacionamento, almacenamento de materiais, parque de maquinaria etc. para reducir o máximo posible as áreas sometidas a alteración.

Instalacións auxiliares.

Sempre que for posible, recorrerase a establecementos autorizados para a realización do lavado da maquinaria, o seu mantemento e a provisión de combustible.

No caso en que isto non sexa factible, habilitarase un lugar adecuado para a realización das devanditas tarefas para evitar a contaminación do solo e subsolo e a afección da calidade das augas e, indirectamente, da fauna e vexetación que aloxan.

No caso de que sexa precisa a realización destas tarefas no ámbito das obras, acondicionarase un lavadoiro de maquinaria dotado cun sistema de recolla de efluentes.

Plan viario.

A limitación realizarase con anterioridade ao comezo das obras, establecendo un plan viario e de accesos a obra, co fin de evitar a dispersión de vehículos e maquinaria pola zona coa consecuente invasión, compactación e destrución dos solos e cobertoira vexetal adxacentes.

Utilizaranse preferentemente as zonas de obra como vías, e estableceránse tamén nelas, ou en áreas inmediatamente anexas e de escaso ou nulo valor ambiental, o parque de estacionamento de maquinaria e a área de almacenamento de materiais.

Provisión de terra vexetal e rexeneración de solos.

Esta medida pretende planificar a provisión da terra vexetal que sexa necesario retirar da zona de obra programando o seu mantemento adecuado durante o tempo que sexa necesario ata a súa reutilización para a rexeneración dos solos sobre as superficies resultantes da obra.

Fundamentalmente distínguense as seguintes fases:

Programa de provisión e mantemento da terra vexetal.

Programarase a recuperación e tratamento do máximo volume posible de solo fértil para o seu posterior emprego en procesos de revexetación e acondicionamento paisaxístico. Estes labores de recolla de solo realizaranse baixo o cumprimento dunhas exixencias mínimas que garantan o correcto mantemento deste recurso:

Rexeneración de solos.

Realizarase o fornecemento da terra vexetal amoreada en obra sobre os noiros e outras superficies alteradas, coa intención de reconstruír, na medida do posible, a secuencia de horizontes observada nos solos alterados. O solo excedente débese xestionar mediante entrega e estendedura en leiras de labor ou para a recuperación de espazos degradados.

Xestión de residuos.

As areas onde se desenvolvan os traballos dotarense de contedores que permitan a separación de orgánicos e inorgánicos e outros elementos adecuados de recolla de residuos sólidos e residuos líquidos de obra, así como lixos xerados polo persoal empregado.

Despois da súa recolla, os residuos serán tratados en función da súa natureza e entregaranse a unha empresa xestora autorizada ou levaranse a un vertedoiro autorizado.

A situación dos elementos de recolla selectiva estará perfectamente sinalizada e en coñecemento de todo o persoal da obra.

Calidade das augas.

Realizarase un seguimento da calidade das augas nas zonas de cruzamento do trazado con rego dos Balleneiros e outros puntos onde existan fluxos de augas superficiais (ámbito das valgadas e puntos de implementación das obras de drenaxe transversal) ao longo de todo o tempo de duración das obras nos ditos contornos.

Durante a fase de obras realizarase un seguimento da correcta localización e dimensións das drenaxes transversais e lonxitudinais, para comprobar o grado de bondade e adecuación ao territorio.

Medidas correctoras sobre o medio socioeconómico.

Correcta sinalización de aviso de obras e das vías alternativas, de forma que sexa posible evitar trastornos na circulación xerados polas actividades construtivas e a presenza de maquinaria pesada, durante a fase de construción.

– Utilización preferente de man de obra local.

– Utilización preferente de recursos materiais ofrecidos polo medio inmediato á obra.

– Utilización preferente de materiais de construción manufacturados na contorna comarcal.

Establecemento de mecanismos deseñados para informar os habitantes dos municipios afectados polas obras da natureza das obras, alcance, obxectivos etc.

Restauración do sistema viario rural utilizado no marco das obras.

missing image file