Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Xoves, 4 de abril de 2013 Páx. 9954

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se somete a consulta pública a proposta do Programa de xestión de residuos da construción e demolición de Galicia 2013-2016.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, está a promover o Programa de xestión de residuos da construción e demolición de Galicia 2013-2016, de conformidade co procedemento de elaboración e aprobación previsto polos artigos 18 e seguintes da Lei 10/2008 de residuos de Galicia. No dito procedemento intégranse os trámites correspondentes á avaliación ambiental estratéxica de plans e programas segundo o establecido pola Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente.

O artigo 11 do Decreto 44/2012, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, atribúe á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a elaboración dos plans de xestión de residuos incluídos no ámbito de aplicación da Lei de residuos de Galicia e as accións de desenvolvemento dos ditos plans.

Téndose elaborado a proposta do plan, incluíndo o seu informe de sustentabilidade ambiental, en cumprimento do disposto polo artigo 19.1, letra b, da citada Lei 10/2008, e de conformidade co documento de referencia aprobado mediante resolución da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 16 de maio de 2012,

RESOLVO:

Someter a proposta do Programa de xestión de residuos da construción e demolición de Galicia 2012-2016 a información pública por un prazo de 45 días, contados a partir do día seguinte ao da publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia. Durante o devandito prazo, o público interesado poderá examinar a proposta do plan nas dependencias desta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, sitas en San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela, e a través da páxina web institucional da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas http://www.cmati.xunta.es/ e formular as alegacións que considere oportunas. As ditas alegacións deberán ser formuladas ben vía telemática a través da páxina web institucional ben por medio de escrito dirixido á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, o cal poderá ser presentado a través das vías previstas polo artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2013

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental