Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 2 de abril de 2013 Páx. 9603

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 14 de marzo de 2013 de aprobación definitiva da modificación puntual número 7 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Vigo.

O Concello de Vigo remite a modificación puntual número 7 do PXOM, en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Vigo dispón, na actualidade vixente, dun PXOM que foi aprobado por ordes de datas do 16.5.2008 e do 13.7.2009.

I.2. Consta decisión do 13.1.2012, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de non sometemento da modificación puntual número 7 a avaliación ambiental estratéxica.

I.3. A presente modificación puntual foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno en sesión do 26.3.2012. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses con anuncios nos xornais Faro de Vigo e Atlántico, do 27.4.2012; e no DOG do 22.5.2012, e déuselle trámite de audiencia aos concellos limítrofes.

I.4. Constan informes municipais técnico e xurídico do 28.2.2012 respecto da legalidade e calidade técnica da ordenación proposta.

I.5. O Concello Pleno, en sesión do 26.11.2012, aprobou provisionalmente a modificación.

II. Análise e consideracións.

Unha vez analizada a documentación remitida polo Concello de Vigo, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

1. A modificación puntual ten por finalidade dar cumprimento á Sentenza do TSXG 00025/2011 na obriga de definir as aliñacións e recuamentos no Camiño de Balsa (Matamá) con inicio no ramal 4 do Camiño de Balsa e final no predio particular nº 48, sen alterar nin a clasificación nin a cualificación do solo, nin ningunha outra determinación normativa que poida afectar as parcelas lindeiras.

2. Outro obxectivo da modificación puntual é definir as condicións para a obtención dos terreos e para acadar a urbanización completa desta vía localizada en solo urbano consolidado.

3. A proposta que se formula consiste no trazado dunha vía de 6 metros de largo que remata nun fondo de saco de 10×10 metros.

4. As razóns de interese público exixidas no artigo 94.1 da LOUG están xustificadas por tratarse da execución da Sentenza 00025/2011 do TSXG.

De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 7 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Vigo, de acordo co artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas