Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 2 de abril de 2013 Páx. 9605

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 14 de marzo de 2013 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Santiago de Compostela e do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) no número 5 da rúa de San Miguel dos Agros.

O Concello de Santiago de Compostela remite a modificación puntual referida e solicita a súa aprobación conforme o artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación remitida polo concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Santiago de Compostela conta cun PXOM aprobado definitivamente por ordes da CPTOPT de datas 3.10.2007 (aprobación parcial) e 1.9.2008.

2. O Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica de Santiago de Compostela foi aprobado definitivamente polo Concello Pleno do 24.3.1997.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu, con data do 16.2.2012, non someter a modificación á avaliación ambiental estratéxica.

4. Os servizos municipais emitiron informes, técnico e xurídico, con data do 14.3.2012.

5. O Servizo de Museos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe o 3.5.2012.

6. A Subdirección Xeral de Museos Estatais (Ministerio de Educación, Cultura e Deporte) emitiu informe favorable con data do 22.5.2012.

7. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previo á aprobación inicial, conforme o artigo 85.1 da LOUG, con data do 22.6.2012.

8. Emitíronse novos informes municipais xurídicos o 9.7.2012 e o 10.7.2012.

9. O Pleno do Concello aprobou inicialmente a modificación en sesión do 26.7.2012. Sometida a información pública dous meses (El Correo Gallego e La Voz de Galicia, do 11.9.2012; e DOG do 13.9.2012) e comunicada aos concellos lindeiros de Oroso, Val do Dubra, Teo, Ames, O Pino, Boqueixón, Vedra e Trazo, sen que fose obxecto de ningunha alegación, segundo o certificado da secretaría municipal.

10. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe favorable o 21.11.2012.

11. Emitiuse un novo informe xurídico municipal o 13.12.2012.

12. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo Pleno Municipal do 27.12.2012.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación ten por obxecto retirar a consideración como sistema xeral de equipamento comunitario (equipamento sociocultural) do inmoble situado no número 5 da rúa de San Miguel dos Agros, de uso actual residencial e terciario en planta baixa, e eliminar o seu destino previsto no Plan especial PE-1 como futura ampliación do Museo das Peregrinacións, de xeito que a ordenanza de aplicación sexa a correspondente aos demais edificios de vivendas da zona.

2. A xustificación da proposta baséase, en primeiro lugar, na innecesariedade da ampliación do devandito museo coa recente implantación na cidade histórica de diversos contedores museísticos (antigo Banco de España e Casa do Cabido). Así mesmo, arguméntase sobre o custo económico e social da actual afección (o estudo económico-financeiro do Plan especial PE-1 prevé a obtención da dotación por expropiación, sufragada pola Xunta de Galicia) e alégase que o mantemento do uso actual (residencial e terciario) do inmoble permitirá a súa rehabilitación polos seus propietarios, pois a rehabilitación de edificios e o mantemento ou recuperación do uso de vivenda na cidade histórica é un obxectivo preferente no Plan especial PE-1. Daquela, enténdese que se presentan razóns de interese público para fundamentar a modificación (artigo 94.1 da LOUG).

3. O edificio mantén o actual nivel de protección do catálogo do Plan especial PE-1.

De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Santiago de Compostela e do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) no número 5 da rúa de San Miguel dos Agros, de acordo co artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas