Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 27 de marzo de 2013 Páx. 9216

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2013, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publica a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de secretario xeral do Pleno do Concello de Santiago de Compostela, entre os funcionarios con habilitación de carácter estatal.

De conformidade co disposto no artigo 37 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, en concordancia coa disposición adicional segunda da Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público e no exercicio da competencia atribuída polo artigo 15.1 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e a Orde do 22 de setembro de 2011, sobre delegación de competencias, esta dirección xeral

DISPÓN:

Publicar as bases da convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, entre funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, do posto de traballo de secretario/a xeral do Pleno do Concello de Santiago de Compostela que se achegan como anexo a esta resolución, de acordo coas ás seguintes disposicións:

Primeira. O posto de traballo que se convoca poderá ser solicitado polos funcionarios con habilitación de carácter estatal, pertencentes á subescala, e se é o caso, categoría a que está reservado.

Non poderán concorrer á convocatoria os funcionarios que se atopen nas situacións previstas nas letras a) e b) do artigo 28 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro.

Segunda. Os interesados dirixirán as súas solicitudes á corporación convocante, dentro dos quince días naturais seguintes ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, acompañando á solicitude a documentación acreditativa de reunir os requisitos para o seu desempeño, nos termos que figuran na convocatoria.

Terceira. Os aspirantes deberán suxeitarse ás bases da convocatoria publicadas neste Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2013

P.D. (Orde do 22.9.2011; DOG nº 194, do 10 de outubro)
José Norberto Uzal Tresandí
Director xeral de Administración local

ANEXO

Decreto da alcaldía presidencia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2013.

Por Decreto da alcaldía presidencia, do 27 de marzo de 2012, o funcionario de Administración local con habilitación de carácter estatal, subescala secretaría, categoría superior, Juan Manuel Salguero del Valle foi nomeado, en comisión de servizos e con efectos na mesma data, para o posto de traballo de secretario xeral do Pleno do Concello de Santiago de Compostela, pertencente ao subgrupo A1 de clasificación e nivel 30 de complemento de destino e igual específico, polo prazo dun ano contado desde a toma de posesión. Na mesma resolución fóronlle asignadas provisionalmente as funcións de dirección da Asesoría Xurídica. A mencionada toma de posesión do posto tivo lugar na mesma data do 27 de marzo.

O citado nomeamento foi autorizado por Resolución do director xeral de Administración local, do 23 de marzo, en cuxo dispositivo quinto se lle lembraba ao Concello de Santiago de Compostela o deber de proceder á convocatoria do proceso de provisión do posto por libre designación no prazo máximo de 6 meses, segundo dispón o artigo 37.2 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter estatal.

Polo tanto, ao abeiro do disposto no punto 5.2 da disposición adicional segunda da Lei 7/2007, do estatuto básico do empregado público; e artigos 36 e 37 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro.

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de secretario xeral do Pleno do Concello de Santiago de Compostela, de conformidade coas seguintes bases:

1. Obxecto:

As presentes bases teñen por obxecto rexer a convocatoria para prover, polo sistema de libre designación establecido no punto 5.2 da disposición adicional segunda da Lei 7/2007, do estatuto básico do empregado público, e nos artigos 19 e 36 e seguintes do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal; o posto de secretario/a xeral do Pleno do Concello de Santiago de Compostela, reservado a funcionario/a de Administración local con habilitación de carácter estatal, subescala de Secretaría, categoría superior.

2. Corporación:

Concello de Santiago de Compostela.

3. Denominación e clase do posto:

Secretario/a xeral do Pleno, reservado a funcionario/a da Administración local con habilitación de carácter estatal pertencente á subescala de secretaría, categoría superior.

4. Características do posto:

4.1. O posto que se proverá está incluído na relación de postos de traballo aprobada pola Xunta de Goberno local, e publicada no BOP da Coruña do 27 de maio de 2011.

4.2. O complemento de destino asignado ao posto é o correspondente ao nivel 30, e o seu sistema de provisión o de libre designación.

4.3. O complemento específico anual fixado para o posto, referido ao ano 2013, é de 32.718,96 € brutos.

5. Requisitos para o seu desempeño:

Serán requisitos indispensables para concorrer á convocatoria e poder desempeñar o posto, no caso de ser nomeado:

1. Estar integrado/a na subescala de secretaría, categoría superior. Non poderán concorrer á convocatoria os/as funcionarios/as que se atopen nas circunstancias establecidas nas letras a) e b) do artigo 28.2 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro.

2. Acreditar o coñecemento do idioma galego mediante a presentación do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia. No seu defecto, o interesado deberá realizar unha proba de carácter eliminatorio, a valorar como «apto» ou «non apto», destinada a avaliar un grao de coñecemento equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente (artigo 2 do Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia).

6. Solicitudes:

As solicitudes dirixiranse á alcaldía presidencia do Concello de Santiago de Compostela e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello ou nas oficinas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, dentro do prazo dos quince días naturais seguintes ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, debendo indicarse nestas, ademais do contido mínimo establecido no artigo 70.1 da citada Lei 30/1992, o número de rexistro persoal, a situación administrativa na que se atope o/a solicitante e o seu destino; e deberán vir acompañadas da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados na base 5.

Xunto coas solicitudes, os/as aspirantes achegarán o seu currículum vitae, no que constarán os títulos académicos, os anos de servizo, os postos de traballo desempeñados na Administración, os estudos e cursos realizados e outros méritos que estimen oportuno poñer de manifesto, coa correspondente documentación acreditativa.

7. Nomeamento:

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a alcaldía presidencia procederá, no prazo dun mes, de ser o caso, e tras verificar o cumprimento dos requisitos exixidos nestas bases, a ditar a resolución correspondente, que deberá estar motivada con referencia ao cumprimento dos requisitos, a observancia do procedemento, e a competencia para o nomeamento; e da que dará conta ao Pleno da Corporación, así como traslado á Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia para anotación e publicación no Diario Oficial de Galicia.

En consideración co sistema de provisión o nomeamento será realizado discrecionalmente pola alcaldía presidencia, en atención aos méritos achegados polos aspirantes, podendo declararse deserta a convocatoria se así o considera oportuno.

8. Toma de posesión:

Os prazos para a toma de posesión serán os establecidos no artigo 34 do Decreto 49/2009, en consecuencia, serán de tres días hábiles tratándose de postos de traballo na mesma localidade; ou dun mes en caso contrario. Os ditos prazos comezarán a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse no prazo de tres días hábiles seguintes á publicación da resolución sobre o nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

9. Impugnación:

Contra a presente resolución e cantos actos administrativos se deriven dela os interesados poderán interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a alcaldía presidencia do Concello de Santiago de Compostela, nos termos e prazos sinalados na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (un mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación); ou directamente recurso contencioso-administrativo nos termos e prazos sinalados na Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (dous meses contados a partir da mesma data).

Segundo. Remitir a presente convocatoria á Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia para a súa publicación e realización dos trámites posteriores previstos no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter estatal.

Ángel B. Currás Fernández, alcalde presidente.