Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 27 de marzo de 2013 Páx. 9138

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 18 de marzo de 2013 pola que se convocan para o ano 2013, en réxime de concorrencia competitiva, axudas aos investimentos a bordo dos buques pesqueiros para mellorar o rendemento enerxético, cofinanciadas nun 75 % co Fondo Europeo de Pesca.

Mediante a Orde do 31 de maio de 2010 (DOG núm. 105, do 4 de xuño) establecéronse as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos a bordo de buques pesqueiros e selectividade, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca, en virtude do Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca (FEP).

Igual que se realizou no ano 2012, a realización dunha convocatoria específica para o rendemento enerxético ten a finalidade de estimular entre o sector este tipo de investimentos, que, especialmente nalgúns segmentos da frota, constitúen a porcentaxe máis elevada dos seus custos de explotación.

Convén indicar ademais que, segundo a Decisión C (2012) 9373 de execución da Comisión, que modifica a Decisión C (2007) 6615, a taxa media de cofinanciamento do FEP é dun 75 % en todas as medidas.

Procede, por tanto, publicar mediante esta orde a convocatoria para o ano 2013 de investimentos a bordo que melloren o rendemento enerxético.

Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso da competencia que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria de axudas

Convócanse para o exercicio 2013 axudas a investimentos a bordo dos buques pesqueiros que teñan a finalidade de mellorar o rendemento enerxético do buque pesqueiro segundo o establecido no artigo 2 desta orde, que se rexerán polas bases e condicións e de acordo co procedemento establecido na Orde do 31 de maio de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras destas axudas (DOG núm.105, do 4 de xuño).

Artigo 2. Definicións

Para efectos desta orde, enténdese por mellora do rendemento enerxético todos aqueles investimentos que tenten optimizar a xeración de enerxía en relación á súa demanda no buque e o aproveitamento da enerxía residual, así como aqueles investimentos que reduzan o consumo de combustible no buque.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. Para o ano 2013 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.30.723A.770.3 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para ese ano, cun importe de 1.000.000 de euros.

2. Os importes fixados no punto anterior deste artigo poderanse ampliar con fondos incorporados e remanentes adicionais, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

3. As axudas estarán limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

4. As axudas mencionadas contan co financiamento do Fondo Europeo de Pesca nun 75 % e do Estado membro nun 25 %.

Artigo 4. Investimentos subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos que acaden unha mellora do rendemento enerxético, segundo a definición establecida no artigo 2 desta orde.

2. Non serán subvencionables os investimentos que se refiran a estudos sobre a mellora do rendemento enerxético do buque ou auditorías enerxéticas, así como aqueles investimentos que impliquen a renovación total ou parcial do casco. Non obstante o anterior, si serán subvencionables aqueles investimentos realizados sobre o casco que non supoñan renovación total ou parcial deste e que diminúan a resistencia ao avance do buque. Tampouco serán subvencionables as meras substitucións de motor.

Artigo 5. Prazo de presentación de solicitudes

1. Para esta convocatoria de 2013 o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Neste caso entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

2. A solicitude poderá presentarse electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico: https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e unha vez aprobada por Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán de carácter de copia auténtica. Neste caso, os solicitantes deberán anexar, ademais, unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, sen prexuízo de que se lle poida requirir a exhibición do documento orixinal en calquera momento da tramitación do procedemento, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Así mesmo, os interesados poderán tamén presentar a solicitude e a documentación indicada no artigo 12 punto 2 da orde reguladora destas axudas (Orde do 31 de maio de 2010; DOG núm. 105, do 4 de xuño), de forma presencial nas delegacións territoriais da Xunta de Galicia ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Criterios de selección

1. Para a convocatoria do ano 2013 os criterios de selección serán os seguintes:

a) Frota de artes menores: 20 puntos.

b) Frota de cerco: 20 puntos.

c) Frota de arrastre litoral e arrastre en augas de Portugal: 30 puntos.

d) Frota do caladoiro Cantábrico Noroeste distinta das anteriores: 20 puntos.

e) Frota de altura (pesqueira comunitaria): 30 puntos.

f) Frota de grande altura (pesqueira internacional): 30 puntos.

2. Ademais, nesta convocatoria, e segundo o investimento de que se trate, engadiranse os seguintes puntos:

a) Investimentos que optimicen a xeración de enerxía en relación á demanda: 10 puntos.

b) Investimentos que optimicen o aproveitamento da enerxía residual: 8 puntos.

c) Investimentos que reduzan o consumo de combustible no buque: 6 puntos.

3. Ademais, engadiranse 5 puntos por cada un dos aspectos que a seguir se indican, para o cal deberán cubrir o anexo VI co que proceda:

I. Naquelas frotas en que proceda, o buque é provedor habitual da marca de calidade «pescadeRías».

II. O armador ou propietario do buque ten acordos con outros armadores para a redución de custos de polo menos o buque para o cal solicita axuda.

III. O buque ten mulleres enroladas desde polo menos a data da presentación da solicitude.

IV. O buque ten asinado un convenio colectivo ou está adherido a algún existente.

V. O buque pertence a unha organización de produtores.

VI. O buque pertence a algunha organización promotora dalgunha medida de autorregulación (norma de extensión etc.) nos últimos 3 anos.

VII. O buque ten implantado un sistema de xestión da calidade, seguranza alimentaria ou de xestión ambiental.

VIII. Polo menos nunha parte, o buque intervén na comercialización dos seus produtos pesqueiros.

IX. A empresa solicitante da axuda favorece a inserción laboral de discapacitados ou persoas en situación de exclusión social.

A Administración poderá requirir de oficio ou ao interesado a documentación que considere oportuna para a verificación destes feitos.

4. No caso de empate, terá preferencia o buque de menor antigüidade. De seguir o empate, terán preferencia os que presentasen antes a solicitude de axuda.

En calquera caso, terán prioridade sobre o resto da frota os barcos de artes menores.

5. Terase en conta o Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia para a inclusión dos buques nas epígrafes indicadas no punto 1 deste artigo.

Disposición transitoria primeira

Para esta convocatoria de 2013 entenderase por folla de asento actualizada, segundo indica o artigo 12, punto 2, alínea f) da orde reguladora das axudas, aquela que sexa expedida nos 3 meses anteriores contando desde a data de publicación desta orde.

Disposición transitoria segunda

Cando o buque se atope nalgún porto fóra do territorio nacional, para esta convocatoria do ano 2013 e en relación ás certificacións de non inicio e fin de obra reguladas, respectivamente, nos artigos 9 e 19 da devandita orde reguladora, a Administración, por causas xustificadas, poderá determinar a necesidade de que unha/s persoa/s designada/s polo secretario xeral do Mar se desprace/n ata onde se atope o buque para realizar a visita in situ, correndo cos gastos do devandito desprazamento o solicitante da axuda.

Disposición transitoria terceira

Para a realización das actas de inicio e fin de obra desta convocatoria o interesado deberá poñer os medios necesarios que faculten a devandita inspección e asumir os gastos que deriven dela.

Disposición transitoria cuarta

Nesta convocatoria, para a concesión da axuda deberá quedar acreditado que se acada a mellora do rendemento enerxético segundo o definido no artigo 2, para o cal o interesado deberá presentar unha auditoría enerxética.

Disposición transitoria quinta

Unicamente para a convocatoria do ano 2013 terán validez as actas de non inicio realizadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2012, salvo no caso de renuncia expresa á solicitude ou concesión da axuda ou non aceptación dela.

Disposición transitoria sexta

Na convocatoria do ano 2013 poderase conceder axuda a aqueles solicitantes que no FEP xa tivesen tres axudas; non hai, por tanto, límite de número para a concesión da axuda.

Disposición transitoria sétima

Aqueles solicitantes a que se lles conceda a axuda nesta convocatoria do ano 2013 e renuncien, non acepten ou sexan declarados decaídos no seu dereito de cobramento, serán inadmitidos na seguinte convocatoria.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2013

Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file