Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 27 de marzo de 2013 Páx. 9135

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 15 de marzo de 2013 pola que se acorda a cesión en propiedade dunha embarcación, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, á confraría de pescadores de Cedeira.

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, dispón que esta é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponde desenvolver as competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores e demais organizacións e asociacións dos profesionais do sector, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, permite a cesión de bens mobles da Comunidade Autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, quedando obrigado o cesionario a destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo.

Por outra banda, a Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, define as confrarías de pescadores de Galicia como corporacións de dereito público, sen ánimo de lucro, dotadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, que actúan como órganos de consulta e colaboración da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materias relativas á actividade extractiva e á ordenación do sector pesqueiro, e dispón que se rexerán pola súa lexislación específica.

O día 9 de novembro de 2012, a Confraría de Pescadores de Cedeira presentou un escrito na Xefatura de Coordinación da Área do Mar con sede en Celeiro, en que solicitaba a cesión en propiedade dunha embarcación. Unha vez atopada unha embarcación que reunía as características solicitadas pola Confraría de Cedeira, comunicóuselle a posibilidade da súa cesión con data do 30 de xaneiro de 2013, ao cal responden afirmativamente o día 15 de febreiro de 2013, prestando a súa conformidade á cesión.

A referida confraría destinará a embarcación a fins de utilidade pública ou interese social e, de xeito especial, á realización de vixilancia no ámbito territorial determinado polos respectivos estatutos, á colaboración en salvamento marítimo e á loita contra a contaminación mariña, polo que cómpre cederlle en propiedade o ben moble antes indicado.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 27, números 15 e 29 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión en propiedade á Confraría de Pescadores de Cedeira dunha embarcación coas seguintes características:

Modelo: Werdel 470.

Casco: P.R.F.V.

Dimensións: eslora 5,59 metros, manga 2,05 metros e puntal 0,85 metros.

Total (R.B.): 2,30 TRB.

Artigo 2

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, a confraría cesionaria destinará o ben cedido a fins de utilidade pública ou interese social, de xeito especial, á realización de vixilancia no ámbito territorial determinado polos respectivos estatutos e á colaboración en salvamento marítimo e na loita contra a contaminación mariña.

b) Coa cesión outórgaselle á Confraría de Pescadores de Cedeira a propiedade do ben moble cedido.

c) Serán por conta da entidade cesionaria a realización de todos os trámites de legalización da embarcación, incluída a súa matriculación definitiva no rexistro da Capitanía Marítima correspondente, sendo pola súa conta todos os gastos que estes trámites orixinen.

Así mesmo, todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido serán por conta da confraría cesionaria.

d) Tanto se o ben cedido non se aplicase aos fins sinalados, como se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que sufrise.

Artigo 3

A dita cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral técnico desta consellería ou funcionario en quen delegue, e deberá constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 4

Corresponde á consellería competente en materia de patrimonio verificar a aplicación da embarcación citada no artigo 1 ao fin para o cal é cedida, para o que poderá adoptar cantas medidas sexan necesarias.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2013

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar